Intro Xeral

9 de Febreiro do 2021!

Meu deus inexistente, como pasa o tempo! Cantas voltas dá a vida! Ás veces, demasiadas.

Comecei esta viaxe nesta autoestrada virtual, alá no 2003, creo. Coma sempre, por e grazas a ela que teimou. "Tal vez sexa unha boa maneira de expresarte", grazas, marabillosa muller por esta "terapia ocupacional creativa" á que me empurraches.

Daquela (como aparece máis abaixo na primeira intro do 2004) tiña unha certa intención de converter isto no meu "facebook creativo" (non twiter, non me chegan os caracteres, non nos chegan, ás veces. Ás veces, sobran.) E aínda non sabía nada de blogs e semellantes..

Pero xa vedes, 2021!, tantos anos despois e todo o pouco e moito que foi e é esta páxina!!

Foi e é o lugar do meu mundo "artístico e vital virtual" entre o 2003 e o 2021 (incluíndo a "longa noite de pedra psicolóxica"), a miña "Creación Persoal", a "Música Virtual", o que tentaba tirar de min dende o inferno, preto e fóra del, foi e é o mundo de Amebavision, de Xurxo Romero, de Roberto Camba, de Korosi Dansas, de Neuroband, da Filosofía. Por iso, este ano, simplifiquei a portada de inicio (aínda máis, ha, ha!!) para que co meu alucinante "estilo vintage" fose tanto a miña páxina como a de tod@s os que aparecen xunto ao meu nome e tod@s os que me axudáchedes a chegar aquí.

Aquí. Que relativo é todo! Aquí é outro lugar totalmente distinto. Manuel Seixas é outro noutro mundo. Abandonou milagrosamente o tormento, o maldito ser e estar atormentado e renaceu feito case algo semellante a un home digno, ata tranquilo. Sinto tanto o dano que fixen e me fixen! Pero aquí, neste inesperado aquí estou e estamos. Pasou a mañá, o mediodía, a tarde, a tardiña, só queda entregarse a este solpor indescifrábel e agardar unha noite lixeira, suave, sen agonía.

E a páxina? Mirade, vou dicir o que penso. Dificilmente atoparedes outro universo con tanta imaxe, son, palabra de tantos seres precios@s, fermosa e salvaxemente indescritíbeis.

Se a alguén lle sobran horas e non busca só fría "cordura", aquí pode acubillarse un tempo indefinido.

 

Manuel Seixas, Illa de Arousa, 9 de Febreiro do 2021.

 


 

30 de Decembro de 2004. (Revisado o 31 de Xullo de 2012).

Suponse que Manuel Seixas son eu; e eu debería saber o que me gustaría que atoparades aquí. Pois, o que pretendo é que atopedes todo o que escribín e toda a música que fixen para voar na rede dende o 2005-2012: Creación Persoal e tamén información e material sobre a miña obra publicada tanto literaria, musical… Pero non só "fría" e "científica" información (que tamén: textos, crítica, portadas, datos varios…) senón o que eu penso ou o que me apeteza compartir con vós sobre o que cantei, escribín, dixen, son? E, máis cousiñas. Por exemplo, se ides ao apartado Literatura, atoparedes material -editado e non editado- de todo tipo. Veredes tamén que, no apartado de Música, á marxe do meu traballo en solitario, aparece unha páxina o máis completa posible sobre o grupo no que tanto tempo levei traballando, Korosi Dansas, con discografía, fotos, textos, etc. E que dicirvos se ides a Neuroband !!, alí está a miña-nosa última (2002-2012 e máis?) aventura neurótico-musical. E, en Madame Mir, podedes achegarvos á maxia deste selo-nave multidisciplinar, aberto a ti e para ti, onde cada día, máis e máis madamemiradictos percorren as galaxias da creación e posterior edición e distribución do creado. (Aínda que como veredes isto agora é para min historia que pasou, ilusión do tempo, porque Madame Mir pasou a mellor vida. Que lle imos facer!). Do mesmo xeito, no apartado Manuel, haberá aspectos íntimos-persoais:Filosofía, Casa-Vida, Curriculos fríos e quentes e Autorretratos de todo tipo. Así que, estará o HIPER-OCO co que comecei: Un oco (non sei de qué tamaño, de qué mundos estraños ou aparentemente claros, ou radiantes de verdade) no que tentarei escribir, "crear" para min e para vós, a partir do 2005: Creación Persoal ; e outro oco no que agardarei os mundiños vosos propios que queirades que vaia enchendo : Espacio de Creación. Para isto estará o Correo, para o que me queirades enviar ou dicir, cousa que agardo fagades tamén nos numerosos "Falade vós de…" que enchen os recunchos desta páxina que pretende latexar. En todo caso, en cada lugar no que entredes, espero que atopedes algo que vos pague á pena (aquí ou nos Links, ou onde sexa). Se non, pois xa sabedes, un segundo da nosa vida, ás veces, é moi grande, creo que máis grande e precioso que toda esta e outras e outras e outras páxinas e redes todas xuntas. Ou non ??

 

Agracedementos técnico-táctico-amistade-graciñas mil: A Javier Bouzas por darlle "caparazón" e agarimo a esta páxina. A Cris Pavón, por completala, pelexarse con ela e coas que nola colgan-descolgan, e polo seu bo gusto e a súa calidade. A Luismi, por tentalo e dar ideas (saúdos a Sandra e ao voso "tesouriño"). A tod@s @s que mandáchedes ou ides mandar cousas. En especial, felicidades polo seu gran traballo fotográfico e de apoio incondicional a Amebavisión (quérote), e, como non a Xurxo Romero, por tantas preciosidades na páxina. Grazas enormes tamén a José Luiz Oubiña pola miña foto de "aqueles tempos" da portada (e no seu nome a todos os fotógrafos que me/nós retrataron: Víctor Mejuto, etc., etc.), e a Roberto Camba, un bico para alá, para o "inmenso e precioso mar" dos músicos. A Santi Frutos por resolver e aturar todas as miñas dúbidas técnicas e por ser tan marabilloso. Á xente de Stin: Santi (qué paciencia mutua con este becho-ordenata), Luís, Ramón, e cómo non, aos que máis se pelexaron co becho: Alberto e Jose. Mil gracias a pesar de que se me vaia colgar agora antes de gardar na..., he, é algo, algo é? de coña. E aos meus Neuroband, e Fungo, ai!!! (Koko-Edgar, Nico, Víctor, Alemán, Faber), que sempre me dan caña para que suba unha cousa máis, e para que siga vivindo musicalmente (mentres aguante a saúde) e para que me siga sentido xoven. Para todas as editoriais e casas discográficas que confiaron en min-nós, medios de comunicación, para to@s @s músic@s ao longo da miña vida, para todo dios bendito que fixo e fai posible que faga o que fago e que algo diso o coloque aquí, neste mundiño virtual. E para tod@s @s meus alumn@s, qué sería de min sen vós. (Sería un home tranquilo, he, he, nin de coña!). Grazas polas traduccións de Presentimento: ao Euskera: Carlos Crespo, ao catalán: Laura Arbiol (bicos lindos para ti, Segundo e a family), ao inglés: Suso Bao (abrazón e un bicazo para quen me mantén vivo tantos días no traballo: Elena), ao alemán: Marta (recordos, para ti e para o Jorge).

Bicos para tod@s @s que non nomeei ata agora (Siro, Stela, Antonio, Marika (¡Marikiña!), Kathrin, Javier Debesa, Chelo, Marita, Carlos, pai, nai, nosa Laura!!, o noso Stewie, o nunca esquecido Teo, Javier Camba, César Morais (esteas onde esteas, sen ti tantas cousas non terían sido posibles. Viviches unha vida digna e propia. Felicidades, amigo!), Jose, Raúl, Fernando, Mikel, Alicia, Mercedes Oliveira, Juan, Nieves, Jose, Ana, Fita, ai Fita!, José, José María, Julián e Maryté (e toda a súa familia, gracias por aguantar á Neuroband), outro Julián, Javier, Ángel (todos Siniestro), Iván, Dra. Dolores Alonso, aos meus bos profes e tamén aos malos, aprendín moito deles, Marta, Martita, Jose, Bea, Emma, Paco Macías, Manolo Bragado, Alberto Augusto Miranda, Miguel Curra, nosos Josito e Dolo e ti tamén,Elena e Ana e Doa, Marilar, Manuel, Pepe Sendón, Carlos Couceiro....................) pero que moit@s estades nesta páxina, ao mellor non rodeados de gran deseño ultra flash que te cagas, pero estade seguros que estades rodeados de corazón vivo e @s que non cito por non seguir, porque non coincide que esteades aquí directa-indirectamente, pero que sodes e estades, xa sabedes o que sinto por vós. Así que o voso nome vai comigo, e se non lembro o nome, (porque cada día o tempo vai facendo máis buraquiños e hai alumn@s que sei quen son e o que sinto por el@s, pero non me lembro xa do nome),é igual, vós estades comigo. Biquiños.

Á Illa de Arousa e á miña muller por traerme "a rastras" e con todo o seu esforzo a este paraíso, por agardar por min, por me aturar ata que xa non lle quedaron folgos. Espe, sen ti e todo o que significas ti, eu de seguro sería carne de psiquiátrico. O monstro asume o pasado e tentará coidar a esperanza no futuro.

Manuel Seixas. 30 de Decembro de 2004. (Revisado o 31 de Xullo de 2012).