Manuel Seixas:
Vilagarcía, 1.961. Ocupacións: Amante da Filosofía
en Vilanova. Amante da Música no pasado inesqueciblecos Korosi Dansas. Amante da música no presente fluínte
con msNeuroband. Amante de Espe e Laura á beira do Río do
Con. Amante fiel do Barça. Horóscopo: Xemelgos. O que é unha
desculpa, tan boa coma outra calquera, para explicar as dobreces do que o meu
xemelgo chama "poesía e semellantes". 1.996:
Bo ano para o xemelgo escritor. Publica o libro de relatos "Viñeron do espacio interior"
(Ed. Positivas) e a novela "A velocidade do frío" (Premio Xerais). Opcións
para ler ou escoitar a súa música-poesía: a)
Mercar ou pedir (mellor mercar) (en tendiña)
algún dos CD´s de KD,
a saber: "Cordura"
ou, sobre todo, "Non!"
ou, como non, de Neuroband: "Microse", "Proceso Amniótico", "Verde" . b)
Agardar a que se publique algún dos seus "dobres poemarios". c)
Quedar con el para tomar algo un día que non boten nada interesante na
TV. En todo caso, como el di: "A vida é moito máis importante cá poesía e semellantes", así que, ben, é unha frase tan boa como outra calquera, ¿non? |
Nacín despois de moitos abortos. E ás veces noto a carga do meu propio.
Son profesor de Filosofía no Instituto de Vilanova de Arousa. Alí deixo parte da miña vida, da miña cabeza e da miña saúde. Co pouco que me queda das tres cousas tento xuntar palabras, melodías e así, ás veces, renazo.
Pódese dicir que tiven sorte, pequenos e grandes éxitos que pasan, pero deixan o sinal do compartido. Gañei o "Premio de Novela Curta Concello de Marín", no ano 1.994, e chamáronme por primeira vez "escritor". Logo chegou un libro de relatos, no que confiaron uns marabillosos seres "positivos": "Viñeron do espacio interior" (Eds. Positivas, 1.996). E o "Premio Xerais de Novela" con "A velocidade do frío" (Eds. Xerais, 1.996) e coñecín en Xerais a xente que admiro e aprecio de corazón. Publiquei con eles unha segunda novela: "Bailarina" (Eds. Xerais, 1.999). Sempre agradecerei os seus ánimos. Rematando o 99, un soño feito realidade, un poemario vivo: "Vestixios do verme" (Eds. Positivas, 1.999). E dous anos despois, no 2001, outro milagre máxico "Diario de Ausencias", unha intensa colaboración con Xurxo Romero, Santi Frutos e amebavisión. Hai algo de todos nós, e así o viron en Lisboa onde escoitar recitar en galego e portugués os meus poemas por estudiantes da Universidade da cidade branca foi do mellor que me ten pasado. Tempo despois, un soño feito realidade: "Trevo-Triloxía do Outono" (Ed. Galaxia, 2021), onde poeticamente falando dixen case todo o que me quedaba por dicir. Magníficas ilustracións de Xurxo Romero Durán.
Como músico (o que creo que son, máis que ningunha outra cosa), esparexín os meus cachos en distintas formacións. O cacho máis grande está nos discos que parimos os "Korosi Dansas":"Cordura" (Man Records, 1.995) e "Non!" (Chorima, 1.996). Tamén están nunha loucura musical en solitario: "A velocidade do frío" (Xerais, 1.997). E tamén no 2001, saíu un cacho gordiño, o meu prezado tesouro, o meu segundo fillo solitario, pero realmente o primeiro en canto a cancións: "Presentimento", nunha editorial-nai: "Madame Mir", que tentamos levar adiante durante un tempo uns cantos atrevidos temerarios. Cando xa pensaba que os tempos da música en común e demais arredores remataran, chegou VK, un ex-alumno e a partir de ahí xurdeu un proxecto no que levamos tres anos, con enormes perdas (o adeus vital de Roberto), e enormes alegrías (manternos xuntos cando menos os sábados e non escenarios, ¡que gozada!); este proxecto comezou chamándose ManuelSeixasNeuroband, e aínda así aparece en carteis actuais, pero para o noso primeiro traballo: "Microse" (The Fungo Sound Factory, 2004), pasamos a ser msNeuroband e á fin NEUROBAND . Logo chegou o primeiro cd: "Proceso Amniótico" (PAI música, 2011) e o derradeiro "Verde" (Ed. Con de tres pés, 2015). No 2022 sae o meu último disco "O estraño Karaoke do home bata", un dobre cd cun magnífico traballo de deseño artístico de Xurxo Romero Durán e unha estraña, especial e rara obra.
Como amigo e colaborador, tiven a fortuna de ser chamado para falar e escribir do divino e o humano, se queredes podedes ver o currículo frío, onde está todo máis detallado. O único que quero dicir é gracias e ata outra.
Que a forza nos acompañe a tod@s.