Madame Mir. A aventura

Había unha vez catro intrépidos ou tal vez "tolos", tres uns e unha unha, que cansos de ilusións que a xente tiña, que eles tiñan tamén e non se facían reais, decidiron crear un mundiño especial e espacial. Especial porque todos eles eran músicos, escritores, xente do teatro…, e espacial porque querían abrir ese mundiño a todas as xentes e lugares. E así xurdiu unha editorial: "Madame Mir", "Madame Mir Edicións", xunto cunha vella aspiración: un estudio de gravación propio: Fábrica de Luz, en Santiago.

 

 

Cando esto escribo, febreiro de 2001 vaise esvaecendo e sobre as nosas costas hai traballo, traballo, traballo, pouco durmir, moito crédito sen pagar e moita, moita ilusión. O estudio xa comezou o seu andar e está precioso, único, cos cadros e pinturas de Xurxo Romero e o toque persoal de César Morais e a amabilidade de Cuca.


Respecto a Madame Mir, xa temos feito "Bestiario de Silencios" (na colección "Espacio de Narrativas", un arrebatador, orixinal, non teño cualificativos, a verdade, libro de Emma Pedreira), está saíndo do forno un riquiño e engaiolante libro infantil (dende 10 anos para adultos): "O estraño misterio das galiñas desaparecidas" de Daniel Buján, (na colección "Soñar en Papel"). Xa temos feito "Pájaros en la cabeza" de "Aínda", un fermoso disco dun especial "cantautor" -a etiqueta quédalle moi curta- do Bierzo, que reside fisicamente en Madrid e sentimentalmente en Galicia. O meu disco en solitario, tantos anos traballado: "Presentimento" vén de camiño, e tamén a testemuña dun gran grupo de folk, un grupo histórico: "Dhais", nun incrible disco "Arman Vela". Todo isto será presentado na segunda quincena de Marzo (toco madeira, non vaia ser), e a partir de entón o futuro desta nave teimosa está nas vosas mans, nos vosos oídos, no voso sentimento. A outra Mir, a soviética, semella que vai caer dentro de pouco; oxalá nós, coa nosa ilusión sexamos quen de subir esta noviña e próxima "Madame Mir" ao espacio para que alí perduren o máis posible os vosos e os nosos desexos mesturados.

 

A nosa idea fundamental en "Madame Mir" é coidar ao autor. Amalo, no sentido profesional e persoal da palabra. E amar, por suposto, a súa obra. Dar todo o moito ou pouco que temos por e para iso.

Debo recoñecer que non estou en "Madame Mir" por ningún tipo de desencontro con "Xerais" ou "Positivas", todo o contrario. Só teño respecto cara a eles, admiración, cariño e palabras de eterno agradecemento. (E agardo poder seguir a publicar algunha cousa con vós, ¿eh?. Se vos gusta, claro). Tratáronme como nós queremos tratar á xente que estea na nosa "casa". Só buscamos ser outra "alternativa", ao lado das existentes pero coas nosas propias características e personalidade.


Respecto da música, tamén debo recoñecer que neste caso son e somos moitos os que pensamos que algunhas compañías galegas poderían facer e ter feito máis por certos productos. Tentaremos non caer neses erros, aínda que sabemos que algunhas delas fan todo o posible, e canto máis nos internamos no mundo da edición (sobre todo discográfica, pero tamén literaria), vemos a chea de atrancos que hai para todo: para que os teus productos estean nas tendas, non digamos nas grandes superficies, para que os medios axuden, para que o mercado abra de verdade as portas, en xeral, vemos os poucos ocos que hai cando non es "moi grande" e, case sempre, de "fóra".

Pero ben, estamos comezando a camiñar. E para saber máis desta "Madame Mir", dos seus productos, ideoloxía, soños e esperanzas, mellor visitade a páxina www.madamemir.com que pouco a pouco se está a construír.

Remato como alí rematan, citando a Roger Waters: "Xuntos resistimos, divididos caemos". A ver se temos sorte e resistimos, ¿vale? Todas e todos. Xuntos.

Madame Mir. O ata logo de 3 Madamemiradictos

Pasou o temo. A aventura foi linda. Pero tres membros fundadores: Elena, Santi e mais eu volvemos aos nosos "palacios de inverno". Entraron novas caras, nomes coñecidos. ¿Por que saímos? Falarei por min: Madame Mir e o estudio Fábrica de Luz tiñan como idea básica e seguramente utópica editar e producir "aquilo que nos gustara", que entrara na nosa "liña editorial", tanto en literatura como en música. A realidade é que para que o estudio puidese funcionar (cousa que está facendo e moi ben), Madame Mir como editora víase ante a seguinte perspectiva: non editar libros en moito tempo e ter que gravar e editar en música todo o posible para poder subsistir economicamente. Iso non era o meu obxectivo primixenio e prioritario. Así que (o cansancio tivo moitísimo que ver, tamén) dixen e dixemos ata logo en canto outras persoas con outros criterios, pero o fundamental de manter a aventura (aínda que con outra perspectiva) entraron na núcleo fundacional, e marchamos con moita tristura pero deixando a pleno rendemento o estudio de gravación e á compañía nunha situación económica sostible.

Sigo en contacto directo con Madame Mir e teño, digamos, a "proposta" de se todo vai moi ben en Fábrica de Luz e Madame Mir pode retomar a aventura editorial en libros, pois volver a introducirme no mundiño espacial.

Estou e estamos (e aquí falo polos tres ex-Madame Mir) moi satisfeitos polo traballo e polos productos editados. Deixámonos a pel, o coco e todo o que se pode deixar e máis no intento. Conseguimos co noso gran de area que unha das aspiracións: o estudio de gravación propio: Fábrica de Luz siga vivo, e que Madame Mir poida editar algunha cousa no futuro.

A nivel persoal, teño un "autorreproche" e un certo de sentimento de culpabilidade con tod@s aquel@s que mandáchedes orixinais a Madame Mir. Non respondíin á maioría, porque, para min e para o Consello Editorial, moito do material era moi bo e editable, mais había que esperar para ver cómo se resolvían os camiños da Mir e o único que poderiamos ou podería facer era "dar largas" para gañar tempo ou crear falsas expectativas que tal vez non se puidesen cumprir. Como nas miñas propias carnes sufrín esas dúas posibilidades con algún dos meus barrenes, quedei petrificado e optei polo silencio.

Pídovos perdón de corazón e anímovos para que non desfalezades.

"Todo flúe, nada permanece", Heráclito dixit. En todo caso, Madame Mir segue resistindo e ollándonos dende o espacio.