MARZO
MAIO
SETEMBRO
Dúbida e vida (Despedíndome dende "A Basella")
A dúbida que anega a existencia,
o inexacto, impreciso, indeciso dilema,
a dor que estraga corpo e espírito,
a ledicia que alivia e ata cura o malestar.
Son.
Camiño.
Teño tesouros agochados,
talvez pequechos cachos de vidro limpo,
ou vibrantes palabras que non che din nada,
mais para min son todo.
Teño unas enormes ganas de ser feliz
entre a inmundicia e a miseria
que trato de esfumar cos ollos entreabertos.
A tolería do mundo,
a infamia da indiferenza ante a inxustiza.
Teño pensamentos raros
que me empurran ata precipicios feos,
ata praias limpas, cristalinas fendeduras
que a miña pel vai acumulando
entre tebras e sol enrabado.
E á fin teño todo e nada,
son nada e todo.
Existo e penso e sinto.
e quero paz, calma nos miolos,
quero parir soños que aí están,
dentro, aí no fondo,
aí na esvaecida escuridade,
na inquebrantable promesa
feita á memoria recorrente
dos que anhelamos a arte pura, real, inqueda.
Non son nada máis que unha migalla
que atopa o lixo lindo
onde agochar as veas oxidadas,
e sangra harmonía estraña entre palabras,
disonancia tola entre ouveos,
soidade na longa batalla,
pode que unha simple bágoa.
Morrer non é o final tráxico,
vivir morto é a traxedia definitiva.
Pido sorte e comprensión
polos inmensos erros cometidos,
polos agravios inconscientes,
pola consciente estupidez
dun maltrato dubitativo.
Escoito o silencio, impávido,
imperturbábel por un tempo
que pasa lento, silencio.
Escoito o silencio, agarimando,
unha tose allea estraña viva
que afianza os puntuais dunha segura derrota,
morte, vida,
que pasa lentamente rápida, silencio.
Pretendín afundirme nel,
ser o seu místico habitante,
o ermitán entre columnas de magma
que acouga o volcán do noxo.
Pretendín dor e chegou beleza,
as infindas risas multicolores
e os bicos perennes salpicados de paixón
e fame inmensa por devorar a carne do teu corpo, belo.
Silencio. Pasou todo e todo
é silencio, calma. Agarda.
Sen saber por que, sen saber o que, a quen,
Agarda e cala.
E o buscador do ordenador rastrea frenético
cun alarido calado,
todos os discos internos e externos da memoria,
na procura dese arquivo perdido, aló,
nalgures, aló entre a selva preñada de información
quente e fría estatística, dato.
To debe estar aló, coma sempre, ao fondo.
E o silencio permanece
E en cámara lenta escoito
O meu propio suspiro, asumido.
Unha pinga salgada,
Bágoa,
Incorruptible na meixela
Esvara,
Camiña por fuxidíos sucos
Dunha pel enrugada polos anos,
Cicatrices de tremor e ansia,
Sorrisos e alcol queimado,
Lume.
Con quen estou? Quen son?
Paga á pena este turbillón na mañanciña oxidada
De ondas frenéticas e faiscas ledas.
Estás farta de min?
Diso se trata, creo.
Supoño que eu tamén o estiven,
Ata o estou,
O medorento maleducado meniño.
Pingas arrexuntadas no ventre chumbo
Dun agoiro insecto que penetra a medula
Esgazada
Nun océano de breves mares sólidos.
Sólidos como as rochas
Contra as que bato, batemos,
Unha e outra vez,
Talvez eternamente.
Triste, creo.
Mañá caldo de ledicia.
Pode.
Sigo vivo, din.