D

Creación Semanal - Palabrasplus 2021ir arribair a portada cp 2021

ABRIL

 

 

ir arriba NON FUN EU! (Escritura automática que ante o primeiro son da canción "Tom Traubert´s Blues (Four Sheets to the wind in Copenhagen)" (como non!) do disico "Small Changes" de Tom Waits, posuío as miñas mans e a miña voz interior e obrigoume a escribir si ou si, sen saber o que. Grazas. Non sei onde estiven por un tempo.)

 

Sinto a imprecisa saudade das harmonías que escoito. Non hai forma algunha de fuxir desta implacable tristura cando te escoito, meu Tom. E os nenos son chamados e as bágoas medran lentas inquedas lentas nos ollos e o bruído do mar afoga a gorxa e un no de desconsolo e apertas medra tamén nunha imprecisa e estraña cousiña que algúns chaman alma. Non hai vento. Hai sol, Tom. Un fermoso e brillante día trala ventá deste paraíso e desta ignota existencia. Chama aos nenos, que veñan xa, para correr, para saltar, para tolear xunto ao mar limpo na frescura dos limpos e virxes de humillación proferida en cen mil formas concentrada. Vexo as nenas correr polos camiños de pedras e caen e sorrín e choran e claman piedade. Non, non vai vir Matilda, talvez nin exista, talvez xa tan só perdure esa inmensa brecha no espírito aló ao fondo no curruncho da incerteza, no curruncho dos recordos que fan rir fan chorar fan vivir fan morrer e matar. Por sempre, grazas Tom. E a canción esvaece. E este eu que me domina esvaece tamén. Ata sempre, querido trasgo da emoción.

 

(11-IV-21) (COVID-19)

 

 

ir arriba

 


 

AGOSTO

 

 

ir arribaTENTATIVA DE REINICIO

 

O ser cosido coas cicatrices do corpo e do espírito ollou tras moito tempo o branco puro do papel eterno, que sempre está, aínda que non o vexas, non o poidas ou queiras ver. Ollouno. Comezou a escribir nel palabras cun boli azul. E o azul levouno a un ceo esplendoroso cheo desa cor, azul, azul límpido e precioso. A capa da néboa que pola mañá o cubría todo co seu manto de misterio e incerteza dera paso a un sol brillante sen fronteiras.

E pensou: Estou vivo. O milagre do ser cosido renacido.

E pensou: Que é vivir?

O boli calou porque as neuronas estaban desconcertadas. A pregunta non era fácil, non. A esencia desta existencia. Tal vez unha resposta filosófica, tal vez metafísica que sempre deixa os finais abertos a quen non concibe o meta, o máis alá?, debatían entre si as nerviosas células. O ser cosido meneou a cabeza con forza, para tentar espantar o ruído do seu cerebro. Precisaba silencio e logo voz. Así que calou e calou e logo falou.

Que é a vida? Poida que unha continua loita por tentar acadar unha certa paz. Pero, claro, a paz non é o mesmo para cada humano. Para un humano cosido, morto en vida e renacido, vivir é, no seu apartado a), que os segundos, as horas, os días, os meses, os anos pasen cunha certa lóxica amable. Lóxica amable é aquela que che permite ir pasando cada un deses períodos (máis longos, máis curtos), coa sensación de que podes afrontar o sufrimento, a angustia, as dores de costas, a tose, os lategazos nas pernas, o malestar estomacal, as diarreas e os estrinximentos, a hora de comer sen fame, durmir mal, insomnio e pesadelos, cansazo, fatiga, frustración, ausencia, impotencia, medo, todo iso escuro do propio camiñar, poder afrontalo con afouteza, coa suficiente forza de vontade física e mental para non caer do fío entre nubes azuis malas nos que camiñas, case todas e todos camiñamos, sen rede, poder non caer. Iso é unha parte da vida. A outra, a parte b), a do ceo limpo, árbores frondosas, bicos entrelazados, filla que empurra o futuro, persoas, animais, cousas que te queren e ás que ti queres, o mar, un alucinante e salgado baño no mar, a música, os seus sons e harmonías, as picadas que esas notan deixan alá dentro, suar subindo unha costa coa bici, poñer un partido de baloncesto e comer cortizas, mercar no supermercado con tempo, falar cos amigos, xogar, parir, parir, parir sempre que poidas o que ti poidas parir: libros, discos, imaxes, caralladas..., a chuvia en inverno batendo contra os cristais das ventás muros do teu fogar quente, ter un fogar quente, unha parte b) da vida que xustifique todo, incluso todo aquilo que a parte a) semella querer arrebatarche de entre as mans. E así, cando a) e b) se unen, creo que vives algo semellante ao que é vivir para un home cosido morto e renacido das súas cinzas.

Estiven tan preto do chan, e lembrade, non hai rede, tan preto!, que agora floto nun océano de desgustos e ledicias no que son quen de non afogar, é máis, ás veces déixome levar por el e gozo coas inmensas ondas e a calma interminable. Tiven, teño moita sorte. Supoño que iso é o que o ser cosido a cicatrices quería encher neste folio branco con palabriñas azuis. Estou vivo, meu amor, grazas por lembrarmo cando me queixo. Sorriso e amén laico.

 

 

(27-VIII-21)

 

 

ir arriba