D

Creación Semanal - Palabrasplus 2020ir arribair a portada cp 2019

MAIO

Coma non, un ano máis e segue sempre o folio en branco!

Matilda (Escoitando "Tom Traubert´s blues", de Tom Waits, do disco "Small Changes" (1976(

 

 


 

 

ir arriba Coma non, sempre o folio en branco!

 

Puiden ser outro. Pero non, aquí estou, este eu flutuante e impreciso, este soño entre labirintos e campos frondosos abertos á vida e un horizonte vermello e amarelo que colorea o solpor desta existencia vírica e máxica e inxusta.

Pense por un intre, varios intres, moitos intres, durante esta pandemia que agora respectamos porque nos toca, pensei, pensei, tal vez soñei, que o mundo cambiaría.

Non falo de distancias sociais, máscaras ou hixiene limpa, limpa, asepsia fría.

Falo de dignidade, de xustiza social, de transmutación de valores. E o capital, e menos aínda, a súa acumulación impúdica, e a categórica discriminación socio-económica, e menos aínda a perpetuación dun sistema macabro neocapitalista salvaxe, non están nese falar meu, nese falar noso.

Falamos de cambiar o mundo e non somos inxenuos. Simplemente enfermamos, vomitamos, dóenos este planeta e as súas xentes.

Outro utópico estúpido pailán.

 

Vale, podo mirar para outro lado. Que non? Carallo, se podo! Todos o facemos.

 

Podo ver unha frenética selva preñada de fresas salvaxes que devoran rosa inxectado por tristes formigas no corazón dun impulso de vida. Podo ver o río fermoso caudaloso ansioso petando no meu peito coas súas frías augas. Fago o morto enriba dunha morea de mortos ao fondo. Que mais da! A princesa do lazo de ouro e a saia de diamantes puros está a sorrir e ti sorrís con ela. Por que non? Indiferentes. Alleos. Dous pailáns felices que non somos nós.

 

Pero podo entrar no labirinto dos intruso, coarme entre os ventres dos sen alma e morrer de aburrimento tras variacións e permutacións infinitas para poder saír. Labirinto, sóame a vida. Sóame o vento lixeiro que agarima a miña incipiente barba branca e cheiro o aroma dese perfume a melocotón no medio da feira das froitas arrevesadas. E si, están as fresas salvaxes e, seimno, seino, vedes?, podo irme a outro mundo cando queira, a este cheo de ananos morenos e fermosos que transportan agarimos nas súas pequenas costas. Grazas e recolllo un puñado na man cun tremor de neno sorprendido emocionado. E miro para outro lado.

 

Miro para outro lado e vexo xusto de fronte un mundo cheo de violencia, fame, noxo, medo, populismo, fascismo, terrorismo machista, terrorismo bancario, terrorismo económico, terrorismo de humanos que teñen contra humanos que non teñen nada. E segue sen gustarme o que vexo.

Así que escribo: “A lúa pálida murmuraba nos seus oídos cansos aquela vella e linda melodía que envolvía aquela vella nada” e miro de esguello.

 

Que cousas tes, Manuel!

 

(28-V-20)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Matilda (Escoitando "Tom Traubert´s blues", de Tom Waits, do disco "Small Changes" (1976)

 

Matilda escoitou na súa cabeza aquela vella melodía que lle recordaba tanto aos seus fillos. Ergueu do sofá, chamou por eles. Berrou entolecida: Lucas!, Ana!, estades aí?, Lucas, Ana, vinde xa! Vamos nenos! Onde estades? Onde estades!? Os berros reverberan por toda a estancia baleira de vida humana, non sendo Matilda, claro. Matilda, queres vir comigo? Queres vir escoitar a vella melodía de Tom? A que nos facía chorar por dentro? A que che facía amar tanto tanto tanto aos teus fillos? Matilda, non chores. Son o teu amigo. Estou aquí para axudarte. Sabes que só quero o mellor para ti. Matilda miroume cuns ollos escuros que saían da noite máis negra, acompañados coas bágoas máis lindas, cristalinas, fermosas, que ningún humano puido ver nunca. E Matilda dixo queda entre saloucos: Quere bailar comigo? E a miña man aproximouse á súa e as súas mans, o seu corpo enteiro derrubouse sobre o meu e apertoume viva ou morta os brazos sobre o meu lombo e comezou a murmurar aquela vella melodía. E, xúrovos, que os dous escoitabamos o piano e a voz de Tom, e as cordas, e a emoción e xirabamos lentos, moi lentos, eu arrastrando case todo o seu peso. E comezou a rir e chorar, rir e chorar. E rin e chorei con ela. Rin e chorei. E eu estaba alí, estaba alí con ela na casa na que matou aos seus queridos nenos. Eu estaba alí con Matilda. Estaba alí. Na súa triste loucura, na nosa loucura linda bailando como se o tempo non existira. Os seus pés felices arrastrándose, a miña existencia feliz por primeira vez. Á fin algo encaixaba. Algo encaixaba.

 

E ese mesmo día presentei a miña dimisión como psiquiatra do pavillón 4 do Hospital Central para a saúde mental.

 

(28-V-2020)

 

 

ir arriba