FEBREIRO
Insomne e incurable
Fito as luces da noite
Que esvaecen entre unha néboa densa e cicatriz
De ferida aberta, coitelo dano
E choro de impotencia.
So.
So.
So.
Maldígome. Maldigo a miña cristalina maldade
O meu perecer constante
A eterna apatía.
E tento espertar do pesadelo chumbo
Tento mirar as luces da noite
Sen esperanza sen compaixón sen certeza.
Houbo un tempo mínimo
No que fun feliz brillante
E percorría as terras coa miña afouteza
E o meu agradecemento á escuridade,
Mais
Mais
Mais
Mais nada dura, todo flúe
En constante loita de solpores ateigados
Camiño entre o xeo da dor
E procuro un acubillo quente
Mais
Mais
Mais
Non hai refuxio para os perdidos
Na noite tola que queima abrasa
Corazóns, pulmóns, costas feridas
Pola escuridade cruel.
Soño con volver.
Soño con ser sen pedras ao lombo
Soño co teu bico imposible
Soño, talvez, cunha cunca de viño tinto
E a cortiza de malabares e aflición.
Non te rendas, meu.
A vida dá tantas voltas
Que marea e ansía
A partes iguais.
Tomo outra pílula para existir
E refago mentalmente as perdas
Que son demasiadas
E gañar é unha utopía
Mais
Mais
Mais
Nunca é tarde para resucitar de novo.
Sorte, home cristo crucificado
Polo nervio e a inmundicia.
Sorte.
(22-II-26)