Tentando atopar o centro (19/V/06)
ECOLOXÍA PARTICULAR E UNIVERSAL (4/IX/06)
Relatividade (viaxe interior) (11/X/06)
El busca un horizonte...(13/XI/06)
Profesor dubidando, de novo (15/XI/06)
Trala riada do 27 de Novembro de 2006 en Vilagarcía (28/XI/06)
Sincronicidade estelar (29/XI/06)
Un flamexante inverno... (2/XII/06)
Nun lugar da miña mente (3/XII/06)
As campás ao lonxe... (4/XII/06)
O crime do século - Supertramp - (8/XII/06)
Festas na mar da quietude (15-16/XII/06)
Azouta a náusea... (19/XII/06)
A felicidade -Breve aproximación- (20/XII/06)
O camiño de María e Pepe (27/XII/06)
A necesidade de ser (27/XII/06)
Volvo
da comida dos magos de occidente coa miña familia de Vigo. De escoitar
á miña sogra falar dos duros anos da posguerra para a xente coma
ela, de pai socialista por sempre perseguido. De ver cada greta na miña
sogra política, cada greta no corazón cando di que dende hai pouco
é quen de non tremer cando ve un avión. Ela é de Euskadi
e iso marca. Volvo no noso coche escoitando a Lenny Kravitz e comentando estas
cousas coas miñas amadas e outras menos duras, que non somos "masocas".
Pero, temos memoria persoal e memoria que os nosos maiores nos testemuñan,
como meu pai, cuxo pai, meu avó salvou a vida na posguerra de milagre.
Vale,
ao que ía, volvo, poño a radio, a Ser e escoito a un alto militar
falando de sacar o exército á rúa se se aproba o Estatut
con "certas condicións" e para "defender a España"
(sic). E, eu, que hai ben pouco (véxase: A situación
política actual - Semana do 25 ao 1/1/06 -), dicía que non sabía
se o que estaba a ocorrer na política española me lembraba ao 36
ou ao 31 ou vai saber ti, creo que vou ter que cambiar o creo por outro verbo
máis contundente. Aseguro. A igrexa e o exército. Quen máis
se apunta?? Meu deus pequeno da dignidade, xustiza e cordura, onde carallo estás!!??
(6/1/06)
Amarrouse
a unha árbore entrelazando os seus brazos, agarimándoa, apertándoa
forte. Quíxoa tanto que recibiu o seu bendito soño de anos, o seu
zume de sabio entendemento, de doce fondura e as súas moas deixaron de
doer e ela foi feliz e durmiu tranquila soñando con follas perennes e por
sempre marabillosas preñadas de cores.
(13/I/06)
O
ganso andaba ao seu- So. Falou de súpeto. "Para unha vez que digo
algo", e alzou o ton: "Cagoendios non hai ninguén que me escoite!".
O ganso é ateo. E un pouco raro.
(21/I/06)
A
nena só buscaba o seu xoguete reducción ao absurdo problema de lóxica
a nena só buscaba a súa pequena ledicia racionalismo fondo e metafísica
latente a nena só quería vivir un chisco mellor Tomé de Aquino
escolástica vías tomistas a nena só agardaba non chorar máis
e eu reducción ao absurdo bla bla bla filosofía para secundaria
bla bla bla. E onde queda a nena para min, para nós, entre todos estes
inmensos conceptos? Reducción ao absurdo ou vida.
(4/II/06)
Pasan
as horas e os días. En ocasións é tan complexo o devalar
dos segundos.
Hai días interminábeis, nos que pensas que xa
non volverás levantar cabeza. Nós somos tres e o/os que nos rodean.
Pero somos tres. Tres que día a día ano a ano ímonos desgastando
pero tamén enchendo de pequenos momentos doces e en paz. Tres que compartimos
un refuxio que ás veces é gaiola de berros, ás veces paraíso
reencontrado. O tempo faite maior. Mais que significa maior? Basicamente, máis
experiencia e máis tropezar outra vez coas mesmas pedras aínda que
che resulte incríbel, imposíbel, pero se xa sabías, pero
se xa crías, xa.., tropezas e volta erguerse e volta loitar e volta bágoas
desesperadas e risos inocentes. Tres entre contra a favor da vida e do tempo.
Tres días bos tres días malos. Tres proxectos inacabados. Niso estamos,
no proxecto que nunca remata, ata a morte, supoño.
(4/III/06)
Tentando atopar o centro
Non,
non é tan estúpido como ese "centro político" que
tantos buscan para gañar algo que logo denominan "eleccións
democráticas" en vez "eleccións de cordeiriños"
e, coma case sempre, tod@s somos culpables por acción ou omisión.
Non, non é ese centro. É o centro psicolóxico e interior,
ese que cando o atopas, cando sen querer estás nel todo flúe con
incrible sinxeleza, con perfección non buscada, mais cando, como agora,
andas arredor del, ás veces lonxe, ás veces preto, fai que todo
sexa raro, estraño, inquedo, complexo. Cada día e cada noite has
traballar para atoparte, para equilibrar a túa fraxilidade ou cansanzo
ou estoupido contido. Hai tantos tipos de "descentramentos". Eu estou
agora na fase de apatía-temor-inquedanza-paaaaz. Teño que facer
esforzos por ser, por facer, e creo que aí está o meu erro, porque
dáme a min que o esgotamento psíquico e ao mellor ata físico
que fun cargando nos lombos o que precisa é deixar pasar o tempo con calma
e boa letra. Non sei, confuso escribo isto, terapia persoal, para saber e por
que non, para que saibades por onde ando.
(19/V/06)
Ía
ver a final da Champions co meu colega Víctor, pero ao final houbo cambio
de planes e vina na casa coa miña ameba da sorte, a miña Espe e
co meu Lindo, o osiño amoroso que é do Barça (que remedio
lle queda!).
A verdade é que seguindo a miña pauta habitual os
nervios deixaron paso a un abatemento, a unha sensación de hai que foderse
pero isto non está para gañarse e máis aínda cando
o poste de E´too. Pero, ao final o milagre marabilloso. 14 anos despois
de vibrar co gol de Koeman e de saír coa nosa neniña de case 4 anos
por toda a vila berrando, tirándose a tropa nas fontes, volvía vivir
unha noite inesquecíbel. E a Praza de Galicia, de Vilagarcía, encheuse
de bandeiras, bufandas, berros, bengalas e demais, e ela e eu estabamos alí.
O eterno retorno, pero sen a nosa pequena que xa é grande de máis
e non lle vai tanto o do balón.
Significa
moito para o fútbol e para os culés esta victoria. Para o fútbol
porque demostrouse que con bo xogo tamén se poden gañar ligas, e
refírome a xogo de equipo, a fútbol total, como aquel da espléndida
"laranxa mecánica", e para os culés porque creo que isto
remata por unha boa tempada co noso eterno "victimismo". E sigo pensando
o mesmo: baloncesto, balonmán, deportes cos que gozo tanto ou máis
que co fútbol e nos que o Barça está sempre pelexando pola
gloria, conseguida nos deportes antes citados.
Agardo que a miña psique
se acabe de colocar no seu sitio, no seu bo sitio, e poder agarimar este tesouro
con todo o meu cariño. Visca Barça!!!!
(19/V/06)
Tentando
reflexionar no medio da rabia e o desacougo. Resulta difícil cando o teu
pobo está en guerra. Guerra contra o lume. Pero moit@s cremos que o inimigo
do lume ten novas armas, novos folgos, novas tácticas, novo sentido.
O
"menos malo" do espanto desta marea negra de cinzas provocada é
que vemos o mal provocado tras ela. Polo menos non temos que tragar sapos e mentiras
aínda por riba, coma na "penúltima" desgraza. Pero si
temos que tragar con criminalidade moi medida e a pregunta do millón de
euros de a quen beneficia este desastre, esta guerra. Intereses urbanísticos,
pirómanos, odios veciñais, xente da loita contra incendios que se
sinte agraviada..., vale. Mais non podemos deixar de sospeitar que se vemos máis
alá poderiamos deixarnos levar e intuír unha man negra que segue
co negro chapapote movendo aquilo que eles chamaban "hilillos", movendo
os "hilillos" que sempre tiveron na nosa terra de caciques e pequenas
mafias para facer un ataque ao sistema político, á convivencia,
ao goberno, e a gran crueldade: á terra e ao pobo galego. Xa non sabemos
qué pensar!!! Pero, realmente, non creo que a ruindade política
chegue a estes extremos.
Cando todo isto pase nun outono de chuvia agardada,
toda esta rabia e loita deberá permanecer nas nosas mentes feita movemento
e conciencia, praxe para que isto non se repita nunca máis. Cando todo
isto pase e vexamos o resultado desta guerra, as nosas bágoas caerán
sobre as cinzas dunha Galicia de novo violentada. Haberá que pedir responsabilidades
e medidas decididas para recuperar o que perdemos.
Debemos manternos firmes,
agardar que as nosas sospeitas sexan confirmadas, que a prevención e a
acción estean prestas para outros anos. Só como colectivo consciente
de que podemos perder o que somos e o que temos poderemos gañar esta e
mil guerras mil batallas.
(11-VIII-06)
Compañeir@s
que sufrides dos "nervios", vós sabedes do que estou a falar.
Estou a falar da enfermidade máis dura e cruel que coñezo. A que
só trae alivios de cando en vez e entón tes que aproveitar cada
grolo de vida, se é que a propia enfermidade non te deixou xa sen folgos
ata para iso. A dor mental, o tremor interno, o pesadelo da anguria son cousas
que marcan cun lume noxento. Temos a marca. Loitemos e loitemos. Porque, compañeir@s,
hoxe, sufrindo un día máis, sei que outras veces chegou a mar, o
riso, a música gozada, o amor tranquilo, a tele comendo un xeado, hoxe,
cando non sei, xa me entendedes, se sairei desta, -porque sempre que estás
nesta vertixe de "nervios" non tes a certeza, non te deixa ter a situación
a certeza de se sairás-, hoxe agardo que máis cedo máis tarde
volvan mar, riso, música ou tamén chuvia que cae mentres en paz
respiras debaixo da manta, ah!, que felicidade da que non te decatas, porque pasan
os segundos da vida e os minutos parecen normais. Normais? Non, son marabillosos,
únicos tesouros!!! Somos, por desgraza, moit@s, pero só quería
que souberades que estou aquí, nunha gameliña a carón da
vosa. As tormentas pasan e se aguantas na mar enfurecida chegará a calma
da mar quietude, a praia de area limpa. Chegará. Temos que ter iso tan
difícil na tormenta: PACIENCIA, CONFIANZA, ESPERANZA.
(18-VIII-06)
Hai
unha botella da que sempre beben as nubes. Ten un ton laranxa con miles de matices.
Hai unha botella da que beben as plantas. Non sei dicirche a cor, pero si que
a vin nalgún bar vexetariano. Hai unha botella da que bebemos todos os
animais, os irracionais e os hiperirracionais, nós. Ten a cor da vida e
non sei definila. Moitas veces escacha e ves o seu contido esparexido por algures.
Hai unha botella sempre ao lado de cada rocha e mineral, é gris fosforito
e case non fala con ninguén. Hai unha botella que perdín hai tempo
e outra que sempre atopo para mergullarme nela. Hai unha botella chea de presentes
e cores agardando por ti e outra chea de noxo e inquedanza que eternamente agarda
agochada o seu momento.
(31-VIII-06)
Sen
meterme nas oportunas intros sobre os nacionalismos e os afectos patrioteiros
e sobre outras cuestións, xa deixei claro nesta páxina que o baloncesto
é un, ou o deporte que máis practiquei na vida e máis tristuras
e ledicias me deu (véxase para isto Balonmán
en Palabrasplus 05).
Despois de engulirme todo o Mundial, incluídos
eses partidos que só vemos @s que nos gusta o basket aínda que non
xogue ningún dos teus equipos. Despois de darlle ás gracias á
SEXTA por un magnífico e riquiño traballo (eu son seguidor de Andrés
Montes dende que comezou na NBA en Canal +, xa hai anos e sempre me caeu moi ben
Itu e DE la Cruz é do Barça, he, he), despois de isto e máis,
toquei a gloria cos meus dedos escarallados polos balóns nun pase rápido
porta atrás ou nunha tripla forzada ou nun tapón soñado se
non fora porque ves o dedo ríxido e ao final pasa o que pasa, que tocar
o piano é fodido porque se che bloquean os dedos (pero aí estamos)
e tiñas que gravar maquetas co dedo índice da man esquerda escaiolado,
que así quedou, retorcido para sempre, pero amáñome coa guitarra,
tampouco son Hendrix, nin Vai ou Satriani, non, non!!!, ha, ha!!!!
Ben, vai
ao gran. Xa os tempos son chegados. Mereciamos este mundial máis ca ninguén.
Quedan atrás os cruces malditos, o mal día, a Alemaña ou
ata a Angola que nos deixaba con cara de lelos. Igual que cando o Barça
gañou o que parecía imposible: a copa ed. Europa de basket, agora
conseguimos que o que era un soño para @s apaixoad@s deste deporte sexa
unha realidade. Grazas a todos: Pepu, Creus e o equipo técnico, Gasol,
Navarro, Mark, Mumbrú, Calderón, Cabezas, Sergio, Rudi, Felipe,
Beni, Jiménez, Garbajosa, creo que non se me esquece ningún.
Grazas
por ter unha liga masculina tan forte coma a ACB e unha feminina na que Vilagarcía
ten moito que dicir na división de honra e unha selección de mulleres
loitadoras. Loita, sacrificio, elegancia, intelixencia. Non somos só o
"cerrojo" español como comentaba "Le Monde", somos
un equipazo, con todas as letras: gran defensa, correcto ataque ou como contra
Grecia (nun día no que non estiveron ben, todo hai que dicilo) excelente
ataque.
Lembro agora os "debates" e as "discusións"
no chiringo de "Jou", e lembro que eu xa apostaba por unha final España-Grecia,
pero ben, non me vou colgar medallas porque non as tiña todas comigo e
contra Arxentina, pufff...., qué tíos.
Unha última cousa.
Dá gusto ver e escoitar falar a estes rapaces, igual que aos que nos fixeron
vibrar no 84 nos USA de madrugada (vai madrugóns). Saen dos tópicos
futboleiros dos que estamos tan fart@s; expresan sentimentos emocións e
RAZOAMENTOS COHERENTES, CON LÓXICA, CUN BO EMPREGO DA SENSATEZ E DA HUMILDADE,
nada que ver cos Raúl, Ronaldo, etc.., etc.., que poboan o fútbol
que cada día se me fai máis aburrido e lineal (aínda que
o vexa, he, he). Mocidade con ganas de pasalo ben de saltar e facer un mate deses
polos que moit@s dariamos tanto. Que fermosura! Que gozada unha boa zona, unha
xogada ben planificada, un soplo de talento. Eu, que fun adestrador feminino a
nivel de insti, quero rematar dicindo que Pepu fixo un traballo fantástico.
Ideas claras, xogo claro. Tiña que ser dende tampo tempo do viveiro do
querido Estudiantes e a súa demencia!!! E amosou a súa forza interior
coa maneira en que levou a desgraza persoal familiar da morte do seu pai. E gañamos
sen Gasol!! (Ao mellor con el non gañabamos?).
Todo semellaba estar escrito esta vez, pero a diferenza doutras nas que nos quedamos coa cabeza entre as mans, esta vez as letras non se difuminaron como en papel mollado, non, esta vez son letras de OURO e que me/nos quiten o bailado. Grazas equipo, grazas baloncesto por existir. Grazas Espe por estar comigo para vivilo.
(4-IX-06)
ECOLOXÍA PARTICULAR E UNIVERSAL
Parto
dunha hipótese na que desgraciadamente confío: O SER HUMANO COMO
ESPECIE É UN SER NOXENTO.
Non as particularidades, creo nas persoas,
ata quero crer nun mundo mellor e esa esperanza de praxe revolucionaria, se así
se quere chamar é o que me mantén alerta e espectante, o día
en que unha morea de humanos lúcidos, coherentes e benintencionados gobernen
o mundo. Utopía?... Pode ser.
Centrándonos no tema do noso planeta,
da saúde ecolóxica a ollada é terrorífica. Se nos
detemos no noso país e no meu entorno máis concreto vemos a devastación
do lume e hai dous días o verquido ao río Umia que deixa ao Salnés
cunha auga máis contaminada aínda que coma sempre "todo está
baixo control".
Agora non lle van dar permiso á fábrica
para seguir asentándose nas beiras do río. Agora??? Máis
vale tarde ca nunca, pero qué clase de tolos nos gobernan???
O noso
planeta está moi enfermo e qué pasa con KIOTO??? Por que eses poderosos
amos do mundo dirixidos por un un un.... chamado George Bush se pasan por onde
todos sabemos os mínimos, mínimos, eh?, acordos asinados para non
seguir intoxicando máis e máis a nosa atmosfera.
Os cartos, o
fodido CAPITAL de sempre están detrás da nosa vida e, por suposto,
da nosa morte. Da morte indigna de miles de "parias" deste mundo: nenas,
nenos, homes e mulleres coma ti e coma min, non, perdón, homes e mulleres,
nenos e nenas que tiveron a desgraza de nacer nun lugar onde ao CAPITAL só
lle importa/importou sacar todo o posible, expoliar e logo largarse e non mirar
atrás, a non ser que haxa petróleo e entón montamos unha
guerriña destas onde morren máis e máis inocentes.
O
CAPITAL REMATARÁ CO NOSO PLANETA, co noso aire, a nosa auga, o noso mar,
as nosas árbores se é que antes nos non acabamos co capital e os
monecos-políticos que o serven babosos. Ou ben conseguimos racionalizar
a situación socio-económica epolítica estructural a todos
os niveis ou seremos en curto, medio-prazo un planeta ermo, unha lúa que
se suicidou por ambición e cartos, por non ter nin un gramo de cordura.
A ecoloxía non é só "natural", para min é
un movemento "social" que ten que ver coa calidade e dignidade de todos
os seres do mundo: focas e humanos. As focas non poden falar nin protestar. Suponse
que temos unha vantaxe. EMPREGUÉMOLA ANTES DE QUE SEXA TARDE: BERRA, ACTÚA,
CAMBIA, TRANSFORMA, ABRE BEN OS OLLOS, LIMPA AS ORELLAS CHEAS DE UNIFORMIDADE
ESTATAL. Xas vai sendo tarde. IMOS TOD@S DA MAN!!!!
(4-IX-06)
Cun
pouco de atraso, pero velaquí a miña crónica, ao tempo, felicitación
polo feito polo equipo feminino de basket no mundial de Brasil, que me fixo pasar
grandes tardes previas ao comezo do traballo no insti.
CRÓNICA.-Non
puido ser. Rusia deixounos fóra da loita polas medallas, mais o papel do
equipo feminino de baloncesto foi realmente exemplar. A excepción do partido
contra Arxentina no que nada funcionou, no resto viuse un gran nivel se xogo e
competitividade. Así, no primeiro cuarto do partido contra Rusia, España
saíu dun xeito eléctrico, sacando prontas vantaxes no marcador que
chegaban aos dez puntos. Unha defensa magnífica que as rusas non daban
acertado a resolver e un ataque sinxelamente perfecto fixo que España se
marchara de dez puntos.
No segundo cuarto as rusas resolveron os problemas e empezaron a funcionar como o que son: un gran equipo. Cambiaron a defensa zonal e "atragantóuselle" a España, que xa non era fluída en ataque. Ao mesmo tempo souberon atacar a nosa defensa con calma e gran movemento de balón e aproveitar a súa maior envergadura.
A pesar de todo, o partido estaba igualado no descanso (4 puntos a favor de Rusia). Os dous últimos cuartos foron cuestión de loita e acerto ou desacerto no tiro. Cando parecía que Rusia se ía, España estaba aí de novo. E cando a falta de pouco máis de dous minutos, España se puxo arriba de seis-sete puntos, parecía que o partido ía caer do lado das nosas.
Unha discutible defensa zonal nos últimos minutos (que as rusas resolveron sen problemas, cousa que creo non tería pasado mantendo unha dura defensa individual) e un desacerto nos tiros exteriores e nas entradas a bandexa practicamente xa feitas que se saían de dentro fixo que perderamos o partido nos últimos momentos.
En
todo caso, nada máis que felicitar ás xogadoras polos grandes momentos
de brillantez exhibidos no campionato (o gran partido fronte a Australia, á
fin campiona, por exemplo, ou a gran victoria fronte a Lituania, cunha inmensa
Amaia Valdemoro con 39 puntos) e pola súa fortaleza e traballo ata ao límite.
Viva o basket feminino!
(30-IX-06)
Ela
loitou con el e contra a súa loucura. Xa pasaron máis de vinte anos.
Ela perde os folgos e a paciencia. Nunca ninguén tivo tanta. Hoxe é
outra mañá e ela non sabe se o monstro que o tempo e a enfermidade
do seu el sempre enfermo sempre queixándose sempre deixándoa contra
as cordas ela non sabe se ese monstro que todas esas maldades do demo trouxeron
sairá para sumila nun pesadelo fondo. Canto pode unha muller aturar!? Canto
pode un home inexacto imperfecto imbécil destruír ao longo do tempo.
Ela
chora nun recuncho el aperta os beizos cos dentes tentando non chorar non berrar
ela berra. Os dous agardan que veña outra mañá, outro renacemento,
o amor glorioso, a dita de estar xuntos, tranquilos, deixando que todo comece
dende un principio amábel, agarda ela el ela, sempre ela.
(7-X-06)
Collo
un coitelo e crávoo nunha verde folla dunha árbore inexistente.
Poida que todo isto sexa un soño brumoso, mais non, porque ollo como a
folla sangra vermello sangue vermello real tan real como unha realidade soñada,
mais non, porque a folla verde vermello cuberta son eu, eu que morro nunha realidade
ficticia, non, real, non, pensada, qué máis dá, só
estou dando voltas a través dun fío dunha morea de fíos que
a araña constrúe lente lenta sen mirarme só agarda por min
e creo que non irei, tiro o coitelo, vexo as árbores, repouso a cabeza
na almofada e miro un teito branco ou un ceo azul. Todo é relativo.
(11-X-06)
Hai
un estraño interese en toda esta dixestión. Como se comer fora algo
que tivera importancia. Ha! Como se vivir fora o único. Ha! De que vida
me falas? Escoito as trompetas e os cellos escoito as membranas de células
microscópicos. Sinto a suavidade dun bico imperceptíbel lixeiro
como unha medusa que flota e swrrippp! Alá a vai con ese impulso repentino
swrippp swrippp! Como navega entre augas claras. Marcha, adeus, e todo o estraño
interese torna en abandono e noite. Non me deixedes aquí só, neste
camiño sen final sen saídas sen pel quente. Vou andando tras de
ti, agarda, agarda, non me deixes. Escoitas, das a volta e ollas o meu pesadelo,
xa non hai máis que dicir, non, nada. Poida que comer unhas tesoiras doces
e facer unha eterna dixestión que sangre vermella e violeta glup glup glup
viño negro para axudar glup glup avanzan as tesoiras que se cravan nun
punto inexacto do corazón doente que feliz revive. Só necesitaba
unha emoción forte. Será iso?
(1-XI-06)
Ás
veces entro nunha nebulosa de paz chea de cores suaves e matices que agariman,
alivian a dor e a presión. Ás veces. Ás veces entro en espirais
de inquietude, un universo inestábel e nervioso que se tensa e se retorce.
Falar cun can descoñecido, contarlle as glorias e as miserias, bendito
cadeliño que me coñeces por dentro, coller unha estrela na man e
ver o seu fulgor alumeando a vida toda, agarda, agarda, non marches estrela, non
marches, mais era fugaz, fugaz como os pensamentos, a negrume e o brillo, a inquedanza,
o suspiro, a comprensión, o sono querido. Camiño cara a árbore
espida, aperto o seu ser, transmito morse en estado alivio, quero que duren as
pegadas riquiñas e tranquilas.
(11-XI-06)
El
busca un horizonte de carne vivida, unha paixón entre almofadas de cores
brillantes, un sorriso aberto cunha "O" inmensa, un percorrido pola
pel amada entre choiva que nunca escampa. Si, meu amor, o teu corpo, a túa
carne, o teu sorriso, a túa presenza exacta. Este el neno gordecho e alto
di: quérote. Baixa polas escadas dun penúltimo labirinto, lamenta
o non estudo da descompensación humana, a palla no ollo alleo, o pseudocristianismo
de aceno afábel, que deus buscades?, a hipocrisía das escapatorias
condenables chamadas marihuana ou chocolate, chocolate con leite, ummm!, xeados
de chocolate, días de san Roque e santa Rita, umm!, algodóns rosas
de azucre, ummm! Que mal estou hoxe, pero o marabilloso é que seguimos
xuntos. A quen se lle conte!
(13-XI-06)
Dáme
a man, non digas nadas, agora os nosos corpos amarrados ás sabas sorrín
entre pracer e pracer, agora non hai palabras, non hai argumentos racionalidade
control atención responsabilidade, agora sae o zume de vida dos nosos poros
e brincamos cara a algures lonxe lonxe pero tan próximo, ese algures que
deixa a cara recolocada no seu sitio, os músculos que non doen, nin os
eternos ósos, nin os nervios da razón. Ata loguiño filosofía,
ciencia, estudo, matemático, concepto puro, estructuralismo, sociobioloxía,
problemática racial e sexual, ata loguiño, dáme a man, non
digamos nada.
(15-XI-06)
Resulta
difícil, complexo este traballo meu, noso. Aquel no que deixamos media
vida e medio corpo. Con este novo curso veñen novas caras novos acenos
novas empatías novas discordancias. Non saber qué hai detrás
das vosas caras, dos vosos silencios, das vosas despedidas, saúdos ou falta
deles. A algúns e algunhas xa vos coñezo e creo, na miña
escasa positividade, que temos unha relación razonablemente riquiña.
Mais outras e outros, eu qué sei! Eu qué sei de vós? Falades
e mándovos calar e volvedes falar e calades. Ás veces preciso da
disciplina do enfado serio, da furia contida, e entón xa volo digo, qué
pasa comigo, que pasa con nós nesta aula? Debo limitarme a unha relación
fría e traballosa, cansazo en cuncas, en doses diarias de simple teoría?
Debo renderme a unha posible evidencia de distancia desmedida para min entre alumnado
e profesor? Non, o que debo é de relativizar. De quedar coas opcións.
De positivizar. Vaia palabro! Ser positivo é fundamental para non rematar
queimado. E ti sabes, profesor, que lles debes tanto e tanto a todas estas rapazas
e rapaces. Tanto e tanto! Grazas esperanzadas nun novo curso que vai pasando,
arriba e abaixo, abaixo e arriba.
(15-XI-06)
Quixen
cuspir monotonía e cen moscas saíron da miña boca. Simplemente
ollei o feito e comín galletas en castigo ponderado. Non coñezo
as razóns dos vaivéns entre días ou semanas ou máis
curto longo prazo; sería tal vez unha mosca telescopio inmenso dende o
ceo a que puidera ter unha visión global deste conxunto que semella azares
entretecidos. Será tal vez un pequeno faro quen alumee as nosas pegadas
neste devalar das horas vivas. Será?
(18-XI-06)
Unha instancia inferior, un estado febril que acompaña á neve e a derrete e fai migallas o pequecho corazón do cazador cazado. Un pulo de enerxía licuada entre grandes pedras azuis e negras. Saltas sobre ti mesmo, só es unha sombra. Agochas a túa identidade trala febre que persiste por sempre. Ata que unha mañá, un colibrí bate as ás vertixinoso e de súpeto atopas a túa fronte fresca e liviá, a neve cae de novo en flocos pálidos como o teu cute, á fin o pequecho corazón latexa; non máis caza social, non máis persecucións en van que afogan o peito. Aliviado, suspiras e un pequeno eco zoa no vento.
(20-XI-06)
Abaixo, na cabeza, quedou hoxe a lucidez clara. Alá, no caixón do fondo, onde gardo como tesouro o control consciente. Tesouro que cada día abro coa esperanza de que estea alí agardando para axudarme a enfrontarme ao mundo. Maia alá abaixo quedan hoxe pechados control e lucidez. As néboas cobren os pensamentos todos. Unha vea cerebral fai forza para que non veñan as ideas desbocadas e tomen o mando. Unha arteria loita por enviar osíxeno, vida aos miolos cansos. Este cansazo, esta debilidade mental, este estar baixo mínimos ten unha razón lóxica, comprensible, ata compensatoria. Ser feliz onte entre brumas de cores, recobrar o sorriso e o descontrol como aliados buscados, atopados, superados. Bañarnos en amor, fume e xeados. Bañarnos en inconsciencia provisional. Polo tanto, baixo mínimos hoxe é só unha relación causa-efecto que tiña que producirse, posibilidades moi altas, altas como as nubes claras que os meus ollos pegañentos miran con mil pintiñas de esgotamento. Estudo a situación, procuro case dominala e apertando as neuronas consigo ir abrindo pouco a pouco, hora a hora, minuto a minuto, o caixón de alá atrás, no fondo.
(21-XI-06)
Unha volta á condena. Paseniño cae a chuvia polas ventás como cae a inquedanza dentro deste esvaradío sufrir nervoso. Agradezo a fortaleza que de tempos pasados perdura, mais a fría man do inexacto, do desequilibrio pousa no meu ombreiro e unha espiral de diferenzas intranquilas percorre as miñas trementes mans. Non pasa nada, é un mal día, ou dous, vai ti saber. Non pasa nada, é a vida en todo o seu esplendor de renacemento da Guerra dos Tantos Anos; non pasa nada, sempre agardarás a melloría de antonte, sempre terás no horizonte aquel pequeno eco de paz polo que zoará, ventureiro, o vento.
(22-XI-06)
Teimar no instinto de supervivencia, conseguir un pao para camiñar arrastrando os pesares e as dores que abaten. E, de súpeto, abrir os ollos e atopar un mundo pleno e confiado. Non sabemos o sentido, non demos acadado a lóxica - quen a quere? - deste mundo. Hai accións e omisións. Pequenos pasos, grandes saltos, grandes caídas, abismos sen remate, oracións inútiles, grandes palabras baleiras, deuses sen substancia, comida que non alimenta, mortos en vida de fame, noxo, loucura, tortura, guerra, abandono. Non hai piedade no ser humano que se perdeu - tal vez se atopou - entre as súas obras miserábeis. Pero, sendo condescendentes - tal vez obxectivos - hai piedade nalgunhas mans ollos bocas vidas que todo o ofrecen por nada. Risa, sorriso, alegría, tenrura, amabilidade, solidariedade. Supoño que esta lista é certa - tal vez humanamente certa - ,co que dariamos unha volta enteira, un círculo de pedras preciosas e cinzas que ouvean e atopariámonos de novo na teima infinda no camiño esgotador - Sísifo chama á nosa porta - , mais nunca atopariamos un final - non sendo que a morte sexa precisamente iso - . Dubido e teimo.
(22-XI-06)
Rodeado de xente nova - carne e corazón noviños - interpreto o meu rol de mestre apegado ao seu rol. Levo xa moitos anos con esta sensación de volver empezar. De tentar atrapar a súa mente entre lazos de tecido de saber, e o máis importante, de ser. Ser persoa por riba da novidade da cara, do corpo, do sexo, por riba da diferenza social, familiar, educacional en xeral. Ser persoa que tenta pensar dun xeito tolerante. Soa algo platónico, algo de dialéctica emocional, só que no canto de chegar á Beleza en si, pretendo chegar - atravesando o pulo erótico do autocoñecemento - ao SER HUMANO DIGNO EN SI. A quen son? Por que? Para que? E como podo mellorar como ser que forma parte desta tola humanidade? E, por tanto, como podo, podemos nós mellorar a humanidade? Eu - carne e corazóns noviños - creo que algún día poderedes. Niso confío. Ao mellor non vós, nin os vosos fillos, pero quen sabe, poida que algunha xeración decida "cambiar a vida antes de que a vida a cambie". Oxalá utópico, mentres tanto obsérvome facendo de mestre, tentando atrapar mentes unha vez máis para logo deixalas ceibes, máis ceibes, apegado, unido con fortes lazos de "pegamento" interno ao meu rol de mestre.
(27-XI-06)
Trala riada do 27 de Novembro de 2006 en Vilagarcía
Non, que non me veñan con máis contos. Isto non é normal. É natureza enfurecida pola man do home que non deixa de darlle paos. Farta de tanto recheo, cemento, cinzas intencionadas, vertidos insensatos, polución, noxo insensato tamén. Farta está de nós a natureza e non deixa de enviarnos avisos tras avisos. SE NON QUEREMOS ENTENDER E RECTIFICAR, MERECEREMOS TODO O QUE NOS PASE.
(28-XI-06)
Hoxe,
trala tarde e noite pasadas, a vila semella territorio bombardeado. Territorio
en guerra. A lama apodérase de todo. O cheiro a gasóleo, a multitude
de baixos, tendas de todo tipo coas mercadorías na rúa, grúas
que se levan a un e outro coche maltratados, todo pingando, todo arruinado. Hai
unha tristeza no ambiente que o enche todo. Un aire de impotencia mesturado cun
estado de estupor de quen non entende nada, de quen non acerta a dar con palabras,
solucións, saídas...
É penoso ver os acenos da xente.
É penosa esta miña vila, que agora na desgraza sinto máis
miña ca nunca. Trala tempestade vén a calma, mais os patos nadando
onte no medio dun mar de río, os coches empurrados uns contra outros pola
riada, as crises de ansiedade non nenos e non tan nenos, non serán fáciles
de esquecer. E non debemos esquecer se non queremos quedar como estabamos: atrapados,
impotentes.
Teremos que tomar medidas locais e medidas globais. Desgrazadamente
nós non seremos quen de cambiar ecoloxicamente este mundo, pero este caos
no que estamos sumidos hoxe na vila é o caos no que está sumido
hoxe o mundo, ecolóxica e politicamente falando. Vaiamos pouco a pouco,
a modiño se queremos, pero vaiamos dunha fodida vez!!
(28-IX-06)
Estoupou unha supernova no camiño das migallas. Sorprendido, o pequeno universo occidental correu a chamar a súa nai chorando como un pequeno universo. Nai calmou - acouga, acouga, neniño - o chanto permeábel e queixoso. As estrelas brillan na noite e un fulgor chega aos ollos do vello astrónomo que fita polo seu inmenso telescopio, eureka!, estoupido, supernova e esta noite, o vello, Antón Pérez, terá fermosos soños estelares, mentres, ao mesmo tempo, no mesmo instante, o noso pequeno universo occidental esperta na noite eterna cun feo pesadelo no medio do camiño das migallas.
(29-XI-06)
Un flamexante inverno envolve os sentidos da nosa nodosa circunstancia. Dou un novo pespunto ás fibras desta indagación que retruca a lóxica da evidencia. Non hai tribunal que xulgue este tremelante tributo. Sei que todos teremos que pagar, mais non sabemos cando. Non sabemos se o tributo entrará polo recibidor feito carne e óso ou se será un monocromo espírito esparexido entre tebras. Só sabemos que chove en letra gótica.
(2-XII-06)
Escribo nun lugar da miña mente que non dou atopado. As palabras non quedan definidas senón desvanecidas nun papel branco que absorbe sentimentos. Quero atopar aquela sensación de estar de pé e ollar o mundo con calma. Buff!, respira fondo mentres as arañas forman ringleiras dispostas a invadir o terreo da máxica cordura. Tentar camiñar sobre a corda frouxa e caer naquel recuncho da mente non atopado. O baleiro, a inmensidade que cobre a incerteza. O baleiro. O malestar esgotado en si mesmo. Escribo e vou pasando intres de estrañas cores e sabores. Cada intre multiplicado nunha enésima potencia de botella medio chea, medio baleira. Baleiro non é a palabra. A palabra é..., a palabra é..., a palabra é..., tal vez: DESCOLOQUE, esa podería ser, ou desrradicado, desencaixado no sentido da palabra contraria: COLOCADO, significando no teu sitio, NO SITIO, ESTAR RADICADO, ENCAIXAR NO MUNDO. Si, encaixar no mundo. Cae unha pinga de vermello tomate e penso nas verduras e nas froitas. Evapórase a seriedade das palabras, e como case sempre, tento refuxiarme no riso. Ha, ha, ha, ha! Que ben senta rir ás gargalladas, como se o corazón e os nervios atoparan unha bendita pomada que os envolve en paz. Paz. Paciencia. Escribo coa ilusión de atopar aquel lugar da miña mente que segue perdido.
(3-XII-06)
As campás ao lonxe resoan nos oídos dos fieis illados. Unha súbita tormenta de trigo inflado golpea nas fervorosas cabezas dos fillos dun deus calquera. Non hai piedade para vós. Fugaces colleitan os últimos suspiros de opio e apampados na mentira piadosa retornan ao fogar feridos por todo o corpo. As campás seguen soando, avisando doutro perigo. O mundo non é inocente, xa non hai inocentes no mundo. Os fieis tremen e traman maldade nos seus refuxios, a mesma maldade daqueloutros fieis daqueloutro deus; maldade tamén compartida por aqueloutros que non teñen deus onde agarrarse. As campás ao lonxe tentan tapar a humana vileza condensada. Van intento.
(4-XII-06)
O crime do século (Supertramp)
Recorrer os violíns do crime do século, agardando cada nota de piano. Notar nos dedos a suor da ansiedade e non ter máis que estoupidos nas orellas. Un círculo de sol e chuvia que se repite entre estacións non existentes, un ínfimo suspiro e as horas que van pasando. Non saber o porqué desta situación desencaixada, non saber o porqué da tristeza e a alegría; cabalgar nun cabalo branco que quedou atrás no verán de soños e loitas contra a auga salgada. Non saber exactamente cómo saír. Mais ser consciente de que esta é unha ferida superficialmente fonda. O piano golpea sen compaixón e aí chegan os violíns, aí chegan para empurrar a música cara as alturas, aí van penetrando en cada poro suorento, aí vén o saxo que se eleva sobre as montañas de escuridade e galopa a modiño na súa propia salsa, todo queda tan ben, crime do século, crime deste día de ponte inmensa, nós seguimos o ritmo da vida, eu apertareime a ela para atopar esa seguridade que de seguro agarda, tranquilo, de seguro agarda tras un recuncho calquera. Ti non o sabes, ti nada entendes, mais o sol gañará a batalla e un enxame de instrumentos regalará os teus oídos perceptivos, hoxe, hoxe, camiño entre a desconfianza e o futuro aberto, camiño, camiño aos poucos, e vou facendo unha estrada pola que pasaremos a nosa historia, pasearemos os nosos vellos medos e as nosas vellas ledicias, camiño da ilusión retornada. Volve, volve!!
(8-XII-06)
Festas na mar da quietude. As ondas chegarán moi, moi tarde. Hai peixes de cores rechamantes que enchen as augas temperadas e pouco profundas. Atol magnífico rodeado de verde intenso. Soño cos castelos de area que se afunden ante o ímpeto dun mar bravío. A mar das ledicias, do ditoso alelí que aparece no teu peito aberto e precioso. Muller, ti que me fas ser quente, ti que sabes cada un dos meus agochos, segue bañándote en augas cálidas para min. O funeral das pingas reinventa unha nova fórmula de aceleración neuronal. Ploc, ploc, ploc, esvarando naquel ollo inesquecíbel e todos formamos unha pirámide dourada de flores e asubíos. Festas na mar da quietude. Hoxe os meus amigos e nós marchamos a través do impredecíbel e xuramos rir ata que a cabeza estoupara. É bo sentirse vivo; a pesar dos fallos mecánicos e cuánticos mentais, a pesar do frío exterior, dentro houbo festas na mar da quietude.
(15-16-XII-06)
Volver acender a máquina. Recobrar o cotiá esforzo da alienación e a vida. O traballo espeso fundamentado na vontade férrea e, ás veces, na perfecta engrenaxe dos sentimentos e as horas compartidas. Soará o timbre unha e outra vez e sairemos cansos, ledos, confortados polo ben feito ou insatisfeitos, consumidos polo simplemente superado a medias. Soará o timbre: última hora. Un día complexo, completo, incompleto, cálido, duro, inseguro, paciente; un día de traballo, nin máis nin menos.
(18-XII-06)
A
pel transformándose nun deserto. Recollendo os anos que caen nun vermello
sol non planeta que vence calquera átomo de humidade. Os poros, anoxados,
non saben xa de hidratación. Simplemente choran bágoas resecas.
Seco é o horizonte desta derme epiderme esgotada. Pel, procura aturar o
peso do tempo. Aguanta, bonita.
(18-XII-06)
Azouta a náusea a un pato descoñecido. Pese a todo a espesura do monte non decae. Chumbo nas conexións neuronais da hiperactividade. Ben, só tes sono. E agora soñas: atravesas nubes de caramelo e un póster de guitarra perdida preséntase ante os teus ollos de caracol col col. Abres unha ventá pola que esvara o teu corpo de platino líquido que se esparexe nun chan de xemas preciosas. Precisamente no intre en que o xigante das condenas ata o cordón granítico das súas botas coloradas. E lembras a Carapuchiña Vermella e ao Lobo, veloz, veloz correndo perseguido por unha culpabilidade implacábel. Pobre lobo, tamén azoutado por unha pavorosa náusea. Lobiño, bonito, non teñas medo. Ti non sabías o que facías. E eu soñando teño sono.
(19-XII-06)
A felicidade (Breve aproximación)
A felicidade é esa sensación
que pasa desapercibida en tantas ocasións, agochada detrás de días
"normais", nos que encaixan a realidade e o soño; días
aparentemente correntes, con momentos de paz convertidos no que a miña
ameba chama "rutina cálida", que en esencia son iso: felicidade.
Cando
o sorriso vence ao medo e á intranquilidade, á pertinaz inquietude
interior. Cando a calma navega entre intres que van pasando amábeis e seguros.
A
felicidade, esa compañeira discreta e moderada que ás veces estoupa
en euforia, ás veces queda cuberta polo esforzo cotiá.
De seguro
hai tempadas nas que non está, nin aparece, nin se lle espera. Pero logo,
chega ese segundo máxico, esa reviravolta no baleiro polo que paga a pena
vivir.
A felicidade tranquila e marabillosa de poder gozar de e con todo o
que tes, que, no meu caso - afortunado cando non estou ou son parvo - é
moito, tanto, tantísimo.
Así que a felicidade vén sendo
unha boa forma de loitar contra a estupidez interior. Contra o caos externo e
interno. É tan escasa como prezada.
Vixía que non se escape
entre parvos pensamentos!!
(20-XII-06)
Chegou
da África subsahariana nunha viaxe de morte xunto a centos de desgrazados
seres humanos. Ao tocar a costa, simio fuxiu como se presentira a chegada certa
da garda tan civil. Andou perdido e feliz non medio dun bosque descoñecido,
pero bosque que xa é moito. Aquela nena cos ollos brillantes, Carla, atopouno
enganchado, atrapado nunhas redes de plástico civilización frío.
Converteuse nunha benquerida ben coidada mascota ilegal. Foi feliz facendo o mono
para a súa dona da alma e a súa familia de humanos panchudos e ricos.
Un
día pensou en matalos a todos porque sufriu unha arroutada mental e lembrou
aqueles outros humanos osudos e condenados naquela costa. E decidiu que era inxusto.
E decidiu que comía ben, saltaba mellor, que tiña a felicidade dos
animais domésticos. E decidiu dar máis saltiños parvos e
alegrar a cara da súa Carla, día tras día. E así morreu,
un día como calquera outro, e a nena, xa muller, chorou por el. E resultou
o ser máis afortunado da viaxe de morte. Con diferenza.
(20-XII-06)
Xoán
escolleu o camiño por casualidade. Agora estaba perdido e ao chou elixiu
un final calquera. Cadrou a sorte por alí e resultou unha boa elección.
Xoán sorriu e marchou en bici.
(27-12-07)
Antón
escolleu o camiño cun gran razoamento mental. O seu cerebro vermello afogaba
en busca de descanso. Agora estaba perdido e tocaba volver pensar a fondo. Non
cadrou a sorte por alí e Antón non volveu ver nunca a luz.
(27-12-07)
María
e Pepe escolleron un camiño común por amor. Agora algo lles faltaba
e tiñan que racharse en dous. Cadrou que se miraron aos ollos e descubriron
que estaban feitos un para o outro. Ata que a morte os separe podes ollalos naquel
banco, apertados.
(27-12-07)
Luís mirou á fronte e decidiu non seguir camiño ningún, non camiñar máis. Sentou e agardou a morte con paciencia ou o que viñera. Eu qué sei, Luís é moi seu. Cáeme ben.
(27-12-07)
A
necesidade de ser, de atoparse completo. O retorno da seriedade entre tarxetas
de crédito. Quen pode dicir que está a salvo dos demos? Quen pode
atopar a certeza precisa cando a busca? Será mellor deixar de buscar? Vivir
é o segredo. Usar a práctica tanto ou máis que a teoría.
Ser fiel a un mesmo. Pufff! Palabras moi grandes para un pobre neno grande ou
vello novo ou... As bolboretas seguen dándolle as súas ás
de cores, os peixes laranxas afánanse no seu nadar continuo, un ollo escruta
o silencio e unha pinga de chuvia semella a bomba estoupido agardado. Non quero
máis, meu amor, que quedar contigo para sempre, que ser dous en un e todo
iso, non quero máis, meu amor, que vivir en paz, sen demos. Non quero máis
que estar seguro de quen son, do que somos, do que poderemos ser. Amor meu, coa
nosa ela, os tres brincando entre charcos de distintas texturas, charcos que ás
veces son lagoas ou mares ou océanos... O ano vai marchando e outro ha
de vir.
(27-12-06)
Día
28 de Decembro 2006. O día dos inocentes. O día da milagre de Mofa
e Befa. O día da marabillosa sensación de atoparse cos amigos envoltos
no riso profundo que nos trouxeron no seu catorce aniversario dous homes que saben
sacar a entraña e facela sorriso cómplice ou gargallada profunda
e vital. Acompañados por amigos e coñecidos comúns: os mestres
Quico Cadaval, Luís Tosar, Manolo Cortés, Xesús Ron, María
Bouzas..., os inmensos músicos con Fran Pérez á cabeza, etc.,
etc.. E logo, conversar con moitos deles e con Carlos Blanco, con Lois, con Suso,
con Evaristo... Que gozada!!!
E seguir polas rúas de Santiago que tantas
veces camiñamos a miña ameba e máis eu, e atoparse con Miguel
Curra, con Fonso, con Guille no Atlántico...
Foi unha gran noite acompañados
sempre de María e Xurxo, amigos da alma e dos riquiños Merce e Budiño.
Un xeito de se despedir ata a próxima -cando será?- dunha cidade
de pedra na que tanto temos vivido, amado, gozado, rido, chorado e, hehehe, estudiado
tamén, si.
Grazas Santiago, grazas Mofa e Befa por existiredes, grazas
NASA, grazas a todos por deixarnos crer e confiar no futuro.
Día 29
de Novembro 2006. Vigo. O día da "mexillonada". Outros catorce
anos, pero agora de espera, ata conseguir ter un nome ou denominación propia:
"Mexillón De Galicia!!!!". A cita anual dos queeeeridos amigos
de Vigo: Xabier, Cris, Chelo, Marika, César, Hortensia, Raúl, Michael,
Jose, Toñi, Roberto, Xulio, Charo...
Co "cancioneiro" entoando
mil melodías ( ai que ben, por favor!! E como berrabamos!!) no medio de
cuncas de viño tinto escuro. Os beizos pintados, a empanada, a tortilla
e todos xuntos sendo conscientes do ben que o estabamos a pasar. Coma nenas e
nenos grandes, reencontrados, revitalizados e supermineralizados como a formiga
atómica.
E aquel momento de volta no coche, único, no que a música atronaba, e tivemos a certeza de que aquel intre, aqueles segundos eran a felicidade feita esencia física.
Dúas noites xeniais. Desas nas que ris tanto, gozas tanto que renovas o espírito. A miña ela e máis eu agardamos que outros anos traian días tan lindos coma estes. Por excepción, claro, que non vai ser todo así, senón non o saboreas. E espero telos como referencia, esperamos, cando as cousas vaian baixas, duras, complexas e laboriosas.
(30-XII-06)
Outro ano remata. Facendo balance teño unha sensación positiva do 2006 visto en global. Sufrimos, pero tamén gozamos moito. Seguimos xuntiños e a saúde vai por rachas, pero vai indo. Así que oxalá o 2007 non sexa cando menos peor, que é o que sempre se di e non é pouco. Aperto aquilo profundo que teño alá dentro e agradezo poder compartir vida e semellantes a través de palabras, imaxes ou o que sexa contigo que entras neste mundiño. Que siga tempo aberto e funcionando sería un bo sinal de futuro para amebavisión e para min. Que sigades por aí tirando algún partido de todo isto sería unha beizón.
(31-XII-06)