“A filosofía non é un conxunto de saberes, senón
unha reflexión crítica sobre o saber”.
Así comezamos ano tras ano a filosofía, antes de 3º de
BUP, agora de 1º de Bacharelato.
E teimo unha e outra vez no aspecto fundamental que permite que esa reflexión
teña o sentido fondo que anhelamos: o sentido crítico.
A filosofía, o amor polo saber en canto curiosidade e ansia vital
propia debe permitir e potenciar ese sentido crítico.
En xeral, as humanidades –sen menosprezar en ningún momento
os ámbitos científicos, tecnolóxicos, etc.., todo o
contrario-, son fundamentais para salvagardar o noso mundo da simplicidade
que enxendra, conserva, aleita e potencia o peor do ser humano.
Habería moito que debater sobre cal é a nosa natureza, a nosa
esencia ser humano, boa, ¿mala?, Rousseau-Helvetius, e todo o demais,
pero, sexa como sexa, sen unha educación humanística o futuro
está perdido irremediablemente.
Son “marcusiano” declarado e creo firmemente na esperanza, si,
poida que pequena, pero esperanza de salvación a través das
humanidades. Da sensibilidade. ¡Que entre a sensibilidade nas aulas
e nas mentes! ¡No traballo e na política! ¿Como será
posible senón conseguir un mundo mellor, un ser humano empático,
tolerante e crítico a un tempo?
A humanidade non pode permitirse o “luxo” de esquecer a súa
historia, en canto filosofía da propia historia, en canto recoñecemento
dos erros repetidos de xeito recurrente; a humanidade non pode ver as artes
só como decoración, hoxe decoración multimedia. ¡Non!
Música, literatura, pintura..., son manifestacións que hai
que recrear, que sentir, que vivir, ao igual que as manifestacións
psicolóxicas, antropolóxicas, filosóficas...
A humanidade non pode permitirse a abominación de ser un conxunto
de noxentos, “unidimensionais”, acríticos bechos chamados
seres humanos.
Os últimos acontecementos deste planeta globalizado xusto no menos
humano: a inxustiza, a dor inútil, a fame, os desastres ecolóxicos
(para qué seguir), non fan máis que confirmar, constatar con
toda a crueza que imos desencamiñados.
A tecnoloxía irracional, o culto ao consumo e ás falsas luces
de neon recubertas de insípida sabedoría fan que aqueles erros
dos que antes falaba sigan e sigan e sigan.
Non falo de utopías. Farto de utopías. Falo de algo tanxible,
concreto, de mulleres e homes cultivados na praxe e na teoría dos
elementos básicos dun ser humano, a saber: a sensibilidade (si, unha
vez máis), o sentido crítico e tolerante (si, unha vez máis),
o respecto polos demais, por nós mesmos e polo noso contorno, é
dicir, a ecoloxía social, o traballo non alienado, a concepción
clara dun nacionalismo para seres humanos, non excluínte senón
integrador, a interiorización da problemática sexual non só
para diagnosticala, senón para erradicala, a xustiza, a liberdade
real, a fraternidade, a igualdade posible.
Humanidades, que como ben se ve, van sempre da man da “liberdade,
igualdade, fraternidade” dos ilustrados, do “sexamos realistas:
pidamos o imposible” das rapazas e rapaces do Maio do 68 seguindo
á Escola de Frankfurt. Todo iso estase a perder, e, nas nosas, nas
vosas, nas mans de todas e todos os que estudiamos, vivimos, traballamos,
amamos ás Humanidades e soñamos cun mundo e un ser humano
mellor está que este mundo e este ser humano agardados, esta pequena
gran esperanza, non quede en palabras baleiras, utopías resabidas,
conferencias grandilocuentes, homo sapiens sapiens destructor do seu tesouro:
el mesmo e o seu universo íntimo e cosmolóxico.
“¡Sapere aude!” segue en pé, en pé de guerra
para non abandonar a nosa sorte aos tratados do plástico industrial
e a súa porcentaxe de beneficios en bolsa. Para tentar ser “humanisticamente
humanos”, maiores de idade e de razón, para tentar ser xentes
que traian a esperanza e non a loucura e o abandono, a miseria, a desesperación
e a morte inútil, a envexa, a guerra santa do diaño, a tortura,
o lixo nas pantallas, a infancia embrutecida, a madurez plana, ¡por
favor, non podemos abandonar este barco medio afundido cheo de gordas ratas
de ignorancia e traizón ao humano! Non, non podemos nin debemos.
Nin agora nin nunca.
Sorte e saúde, seres humanos, compañeir@s da esperanza.
Manuel Seixas, decembro 2002.
(Para o número 1 da Revista AVALON: Revista de Literatura e Humanidades.
Facultade de Humanidades da Universidade de A Coruña)
Un colega díxome que tiñas unha páxina na rede, fun
mirar e atopeime cunha
agradable sorpresa. Felicítote polo traballo.
O que máis me gustou foron as fotos familiares, voltar a ver a Espe
despois
de tantos anos alegroume.
Despois de ler o artigo que tes sobre as Humanidades comprobo que segues
a
facer a nefasta separación entre ciencias e humanidades como se éstas
non o
fosen.
Estas cousas pasan por non ler a don Gustavo( A filosofia é un saber
de
segundo grado que presupòn outros saberes previos que son precisamente
as
ciencias).
Resulta patético explicar a Zenón sen saber resolver unha
ecuación
diferencial,ou a Descartes sen saber derivar, ou o Positivismo Lóxico
sen
coñecer a mecánica cuántica,etc.
Despídome . Bicos para os dous
Xose Luis (Pitiska)
¡Pitiska!
Ola, tío, cánto tempo, foder. Ah¡, qué tempos
na facultade e que ben o pasaba contigo (incluído no ICE, ¿lembras?).
Gracias pola felicitación respecto da páxina, outra cousa
non terá, pero traballo...
Recordos de Espe, ela tamén se alegra de que teñas contactado
con nós, e che manda un abrazo grande.
Agora imos aos nosos debates longo tempo parados, tachan!!:
O artigo de Humanidades foi feito para a Sección de Humanidades da
Facultade ..... , o cal xa leva algo implícito, ¿non?, pero
a pesar diso non "renego" de nada do que alí digo.
Vexamos, don Gustavo ten cousas boas e cousas que mellor.. ("corramos
un estúpido velo"). Ti, amante dos presocráticos, eu
amante da lóxica, como ben sabes. Esta é unha premisa (ou
dúas). Ante esta premisa eu non fago esa nefasta separación.
Coincido contigo plenamente en que é nefasta e así llo digo
aos meus alumn@s todos os anos. Pero, Pitiska, a situación real do
ensino é que as ciencias, se é que lle queres chamar así,
son supostamente "o futuro", xa que "evidentemente"
teñen máis "saídas". Por aí, vai o
meu discurso. Iso é o nefasto. Por iso, cito o teu amor polos presocráticos,
que eu a cada curso que pasa recalco máis nas clases. ¿Por
que? Porque eles facían ciencia sendo humanistas. Isto é unha
barbaridade. Cambio a frase. Eles eran FILÓSOFOS. Que segue significando
amor pola sabedoría, ¡¡¡de ciencias ou letras!!,
pero nunca, NUNCA!!!, amor polo cartos que me pode dar saber derivar ou
saber mecánica cuántica.
¿Entendes a miña postura? Eu son escravo das miñas
deficiencias en "ciencias" e por iso vou sempre que podo a cursiños
sobre o universo, sobre a cuántica e o que se me bote, pero no fondo,
¿para que vou?, para indagar sobre as miñas dúbidas
profundas sobre o COSMOS, ¿non era e é o cosmos a orde interior
e exterior? ¿Non é ese o noso obxectivo? A postura de Don
Gustavo si que é para min perniciosa, ¿qué é
iso de "segundo grao"?, veña home, non nos podemos permitir
eses luxo, Don Gustavo, nin Pitiska, porque a filosofía tamén
é praxe real (e aquí engloba, non parte, "sae" necesariamente
da ciencia). Desa praxe humana, insisto, humana, estase a esquecer, cando
menos o ensino e cando máis esta estúpida sociedade de consumo
que se basea, non o esquezamos, nunha tecnoloxía ("ciencia")
irracional e non ao servicio da FILOSOFÍA, é dicir, do ser
humano, senón ao servicio do capital. ¿Ou cómo me explicas
que a ciencia, como lle queres dar a chamar teña que basearse case
sempre, por desgracia, nos investimentos debidos á guerra ou ao medo?
¿Ou non é así? ¿Como me explicas que haxa "carreiras"
por atopar unha "CIENTÍFICA VACINA" contra a SIDA, contra
o CANCRO, ou contra o que sexa, ANTES QUE... (léase Instituto Pasteur
fronte a USA). ¿Por que pasa isto? Porque o suposto saber de "segundo
grao" segundo Don Gustavo pasou ou queren que pase a mellor vida. Pois
non amiguiños, non. Zenón, Descartes e o Positivismo Lóxico
son moito máis que derivar, física ou mecánica cuántica,
ecuacións diferencias, óptica e demais. Iso tamén,
pero MOITO; MOITO MÁIS, senón eles mesmos, estou seguro, estarían
ben decepcionados.
É fantástico poder explicar a eses autores dominando todo
o que citas (non citas a óptica de Descartes, p. ex, ¿tamén
a temos que dominar?), pero non imprescindible. O patético, na miña
modesta opinión, sería esquecer a gran mensaxe de cada un,
que vai máis alá de ciencias e letras para converterse na
gran verdade que todos anhelaban: a postura ante a vida: persoal e social.
"Canso de libros e viaxes, decidín aprender no gran libro do
mundo". Para min, esa mensaxe faría que a HUMANIDADE, non só
as humanidades, tornaran noutra cousa, se o obxectivo é o cartesiano:
SER MÁIS TOLERANTE. E iso, non hai derivada, nin cuántica,
nin hostias benditas que o superen.
Gracias, Pitiska, por facerme revivir o ambiente daqueles anos. Aquí
estou para que me "machaques", he, he, cando e canto queiras,
isto é moi san para o coco. Senón ficamos mortos, "momias
conceptuais", que diría Nietzsche, e lembremos ao meu adorado
Wittgenstein, lembrámolo ben, ¿verdade? Despois de "destripar"
a conciencia, todo o saber filosófico (evidentemente CIENCIA incluída)
no seu Tractatus, ¿a onde chegou?: "Do que non se pode falar,
mellor é calar". Pitiska, Don Gustavo, nese ámbito a
filosofía é o primeiro grao que o engloba todo (humanidades
e ciencias), pero repito, esquecer a situación actual do ensino e
do mundo é coma vivir no mundo das ideas platónico para non
voltar.
Bicos, compañeiro de barrenes.
(P.D: Escribirei outro artigo baseándome nesta resposta en canto
teña tempo. E outra cousa, se isto chega tarde bótalle a culpa
á tecnoloxía esta de internet e demais, tan útil e
"humanizante" como absurda e alienante).