Creación Persoal- POESíA 2018ir arribair a portada cp 2018

 

 

XANEIRO

XULLO

AGOSTO

NOVEMBRO

DECEMBRO

 


 

ir arriba

 

Sapiens sapiens

 

Dimitir da condición de humano.

Recoñecer a funesta alienación da especie.

Becho que ten as mans pensamento actos

en vermello ensanguentadas.

 

A morte inútil. A violencia,

crueldade, insensibilidade do tolo macho

coa vítima femia, brazo, corazón e a alma rotos.

 

Non pertencer a esta liñaxe de inxustiza, fame,

consumismo, pobreza, bestas, guerras deuses deuses guerras,

esta infame batalla eterna entre eterna indiferenza.

 

Este mirar para outro lado,

un día máis, un ano máis,

un século máis, e outro e outro,

escribindo repugnante historia.

 

Aniquilando a terra que nos acolleu.

Árbores, insectos, golfiños, búfalos,

xeo inmenso, ríos caudalosos, montañas nevadas,

desertos de oasis tristes, ceo un día azul respiro osíxeno.

Inverno, verá, outono, primavera flores cores vida.

 

Aniquilimos o noso refuxio e a todos os seus inocentes habitantes.

E seguimos, sen piedade, compaixón, culpa,

seguimos no camiño do espolio e a destrución insensata.

Seguimos animais irracionais con política lixo corrupta,

corrupta democracia falsa, corruptas ditaduras reais.

 

Dimito. Dimito. Dimito.

 

Quixera dimitir mais son humano.

Coma vós, tamén consumidos pola impotencia

Rabia noxo.

Coma vós, sobrevivo,

membro absurdo desta absurda especie.

Ollando con ollos espavorecidos

o que xentes coma vós, coma min,

humanos sapiens sapiens

me teñen gardado como lindo regalo

no telexornal.

 

Comerei coas noticias?

 

Por suposto, irmáns!

Quen non?

Quen vai ser o macho femia novo Mesías?

Ente carnal agardado dun agardado mundo novo.

Sensible.

Quen vai ser o heroe heroína que esperte

milleiros de conciencias que enfocan a mirada

a ningures, non sendo ao seu, noso repetido embigo.

 

Ou seremos todas e todas?,

un a un, unha a unha,

camaradas da loita final

pola utópica ilusión de pertencer á fin

a unha especie intelixente e digna.

 

Loitaremos, dalgún xeito supoño que xa o facemos,

por poder ser chamados algún día,

algún glorioso e simple día,

sen vergoña alucinante:

“Sapiens sapiens”.

 

E, incrible, maxicamente, seremos nós

a quen están chamando.

Nós, satisfeitos, plenos.

Nós, agora si, seres humanos.

 

 

 

 

ir arriba 


ir arriba

 

Buscando

 

Buscando. Sempre buscando.

Unha margarida, un nome,

un soño etéreo, unha incrustación pétrea,

unha morte doce, unha cruel vida,

un calar tranquilo, un berrar afónico,

un salgado mar, unha suave brisa,

un morder rebelde, un tremer agónico.

 

Buscando. Sempre buscando.

Entre a multitude ignota, entre as frescas gotas,

entre a noite enferma, entre a xente boa,

entre o neno orfo calvo, e o xemelgo louro amado.

 

Buscando. Sempre buscando.

A túa man que é vida,

a túa ausencia, morte.

O teu bico, impetuoso ceo,

a túa bágoa, impotente inferno.

As follas que caen, lentas,

agarimando a terra húmida.

As apertas que perdemos, algures,

no confín do noso pequeno mundo,

aquela tarde, aquela noite,

na que os amigos e os amores plenos,

queridos, necesarios,

esvaeceron na fondura escura

dalgún estraño pozo

que por sempre nas costas esgotadas,

todas e todos carrexamos.

 

Buscando. Sempre buscando.

Perdendo, atopando,

no camiño de encrucilladas raras

que é o noso ínfimo e sublime existir,

a nosa condena, a nosa ansia.

 

Buscando. Sempre buscando.

E os anos pasan...

E o branco neve cabelo vai caendo,

amodiño, sen que te decates,

de que todo será fría pel

pálido reflexo, adeus, ata sempre,

e os anos pasan...

Que xa é bastante.

Perdón.

Que xa é moito, moito, moito...

 

 

 

ir arriba 


 

ir arriba

 

Intruso (Escoitando o tema "Intruder" de Peter Gabriel na versión do seu disco "Live Blood")

 

 

O intruso estraño cravou un puñal

no coitelo inmenso da sangue allea.

 

Ferro sobre ferro óxido sobre óxido ferro

Morte sobre morte Ausencia sobre ausencia.

 

O intruso fitou os meus cansos ollos,

escrutador perenne de almas perdidas.

 

Espírito sobre esquecido ouveo sobre ouveo esquecido

Vida sobre vida Fartura sobre fartura.

 

O intruso trae da man á inocente linda nena

nun leve soprido de amianto e tenrura inxenua.

 

Suspiro sobre bágoa lenta sobre lenta bágoa

Fame sobre fame Mirada sobre mirada.

 

O intruso colleu a sorpresa da miña paz

nunha negra gaiola e pechou a luz da chave adorada.

 

Inimigo sobre incomprensible inimigo sobre inimigo incomprensible

Alento sobre alento Estoupido sobre estoupido.

 

O intruso axexou polos buracos antigos

da roubada infancia da perdida adolescencia

da madurez tardía.

 

Ollou todas as noites e todos os días,

todos os bicos e todas as rabias,

nunha tensa amalgama de frontes frías,

de espléndidos invernos entre agonía,

de aloumiños furtivos nas praderías verdes,

frescas, húmidas.

 

Soño sobre insomnio eterno sobre eterno insomnio

Amor sobre amor Melancolía sobre melancolía.

 

O intruso marchou mentres Bowie preguntaba:

“Onde estamos agora?”

 

Supoño que no outono do incriblemente belo,

como a túa voz fonda que percorre os fíos estremecidos

dos vellos sensibles camaradas.

Escoito un afastado eco.

 

 

(28-VIII-18)

ir arriba 


 

ir arriba

 

Sono (Dende A Basella)

 

Sono.

Cansazo antigo.

Ollos entreabertos

Alleos ao pavor cotián

Ollos lunáticos ao carón das nubes

Azul algodón no que imperfecto repouso.

 

Sono.

Voar entre lexítimo esgotamento.

Caer. Durmir.

Durmir.

Sono.

Fuxir entre as margaridas alladas

Da nai inexistente.

 

Sono.

Perder a conciencia lenta,

Saborosamente dicir adeus,

Ata un mañá inexplicable

Preñado de movemento caótico

Uniforme aceleración que esgota

E ti, coa gripe que malla o corpo enteiro,

E ti, meu bondadoso milagre.

 

Sono.

Teño sono.

Teño que dar clase.

Son un profesional estraño

Que escoita as campás do atafego

Un sinxelo asubío dende a consigna pechada.

 

Sono que soño.

Soño entre o sono.

Son, deixo de ser, refágome,

Constrúo cabanas pensativas

De personalidades múltiples,

Múltiples azares,

Múltiples días,

Múltiples sons que acougan o frenético estoupido.

 

Mergullarse no mar do silencio amable,

Discernir cal é o relativo problema

Dunha existencia, migalla poderosa,

Efémera substancia allea e propia,

Esencia sublime, espertar noxento.

Día. Luz. Sono.

 

Traballo.

Traballo sen descanso agradecido,

Neuronas mortas claman vinganza efectiva,

Violencia no espírito da rebeldía derrotada,

Impotente bágoa fronte ao cruel mundo

Dos humanos con sonos de grandeza vil,

Veleno entre as limpas e verdes árbores,

Veleno no mar e no afastado infinito

Inexistente.

 

Son eu quen ten sono?

Ou o sono trae ignorancia concentrada

Que me fai ser a sombra inqueda do meu sono?

 

Ser. Estar. Pensar. Durmir. Marchar.

 

Meu amor, colle as bolboretas douradas

Da allada caixa dos recordos bastardos

E queima o noso penar ancestral

Mentres os virus inocentes

marchan dos nosos enfermos recordos

e o espírito aliviado, san,

trae á fin a laica bendición

da imperturbable fuxida.

 

Entre sonos e soños

Transcorre esta alucinante tarefa

De sentir agarimos e feridas

Ou sexa, de estar vivos.

 

Descansa, camarada.

 

(8-XI-18)

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

 

Esa maldita punzada nos ollos (Dende A Basella)

 

 

Esgotado espertar,

nun amencer de cristais finos

que perforan as concas dos ollos,

doentes ollos, en si mesmos escordados

por esta dor cruel e repetida.

 

Xaqueca que quitas a vida digna,

marcha xa do noso complexo existir!!

Abandona presta a nosa inocente familia,

a nosa traballada, merecida paz.

Paz ínfima e infinita.

 

O traballo,

o día que non agarda por ninguén,

entre folios pensativos,

aulas preñadas de pensamentos, murmurios,

ordenadores arcaicos

magoando a cansa visión.

Todo segue, todo flúe pinga a pinga,

coa constancia do esforzo por manter a calma,

a esperanza gloriosa do alivio,

a pequena palabra, o bico suave,

apócemas contra este coitelo infernal

que atravesa nervios ópticos impotentes

e miolos desgarrados.

 

Pasará. Pasa. Pasa!

E todo será tan diferente,

tan docemente sinxelo,

como a mel pura e limpa

dos teus lindos beizos.

 

Pasou?

Ánimo!!

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

 

Unha vez máis a negra sombra

 

Non hai vento que zoa, amada Rosalía,

mais hai negra sombra

que nos miolos asubía.

 

Vella e monstruosa

como a máis negra noite

que semella nunca remata,

porque sempre volve e volve e volve.

 

Camarada de feridas,

fondas no espírito doente e canso,

déixame compartir contigo

esta cruel escuridade

que nos abrasa a alma maldita.

 

Compañeira, este vello neno,

soubo e sabe á fin o que é vivir,

vivir feliz á luz do día,

claro e lindo día,

como unha bágoa pura

anegando a ansiedade

en carne e sangue afogada.

 

Por iso berro as túas verbas,

máis alto que nunca antes,

porque, agora, miña nena,

sei ben todo o que se gaña e perde

nesta fatigosa loita

contra a propia negra,

negra negra sombra.

 

Mañá é un novo día,

e vivo, manteño a esperanza,

de que volverei renacer das cinzas

no medio dos raios da primeira luz

dunha linda e chuviosa mañanciña.

 

É marabilloso poder falar contigo

das nosas cousas.

 

Silenciosa escoitas,

silenciosa agarimas

nunha eterna compañía.

 

ir arriba 


 

ir arriba

 

Principio de incerteza

 

 

 

Incerteza.

Subir baixar?

Ser estar?

Sorrir chorar?

Morrer nacer?

Fuxir afrontar?

Atar desatar?

Soidade compañía?

Dor pracer?

Día noite?

Silencio ruído?

Gañar perder?

Lembrar esquecer?

 

Soñar cun sinal feble,

na tormenta sen lugar,

un piano suave

agarimando un anegado

TODO.

 

Ai!, se puidera atrapar a esencia

deste estraño existir humano,

se puidera bicar os teus saborosos beizos,

unha vez máis, só unha,

como se o tempo gris non tivera pasado,

coma se fósemos dous descoñecidos

no medio do enxame de almas

acuáticas, solitarias,

cachiños de esperanza.

 

A auga limpa do río, fresca.

A túa cansa cabeza mergullándose

no seu ardente seo.

Revivir. Renacer.

Apertar incrédulo

a inesperada paz

dos privilexiados camiñantes,

tal vez,

tal vez, a chave

do labirinto

TODO

que é esta rara viaxe.

 

 

ir arriba