Creación Persoal- POESíA 2017ir arribair a portada cp 2017

 

 

XUÑO

 

XULLO

 

 

 

 

 

ir arriba


 

ir arriba

 

Xuntos (Un ano máis)

 

Xuntos na aperta perenne

do corazón queimado canso

latexante, latexante...

lóstrego da alma non endiañada.

 

Atravesamos o inverno da loucura e a impotencia,

da ira sen sentido, do meu eterno tormento estúpido.

Atravesamos a noite longa, escura, tan fría,

xuntos, meu amor, xuntos.

 

A illa máxica agarda agora polo teu prezado sorriso

que regalas polas ventás dos universos galaxias constelacións

vida atafegante nun pequecho cacho de rúa,

miña princesa do sol brillante, estrela do consolo e o desconsolo,

táboa linda e milagrosa para este orfo náufrago,

xuntos, e non é Titanic,

e non agardamos final feliz.

 

Tan só ir vivindo e morrendo xuntos,

da man, compañeiros, camaradas,

nunha paz que nos merecemos,

nun fluír sinxelo do tempo,

nun sosego de agarimo e compañía.

 

Así sexa de hoxe en moitos anos.

 

 

 

ir arriba 


ir arriba

 

Piano e Chet (Escoitando a canción "Born to be blue" interpretada por Chet Baker)

 

O piano golpea lamentos nos meus oídos atónitos.

Bate punza penetra glorioso e brillante na miña mente

mentres a voz doente veludo tristeza e anos dun eterno Chet

esvara por riba de acordes de emoción e finura.

 

Eu soño con ser o teu pianista Chet.

 

Con acompañar a túa doente voz a túa doente vida.

Con non caer nos teus mesmos erros.

Con ter unha minúscula migalla do teu talento da túa maxia,

do tempo da inmensidade viva que encerras nesta repetida canción.

Ladaíña de lamentos esperanzas truncadas.

Triste azul que envolve o espírito.

 

E contigo marcho ao mundo dos solitarios.

 

Teño moita sorte, Chet.

Coñézote un pouco, síntote moito.

Grazas.

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba

 

Intro

 

 

Os cantantes penitentes berran nun triste escenario

E as bolboretas amarelas foxen nun aire quente

Mentres o teu corazón lento embarca

Na viaxe que non ten volta.

 

Atopar a aventura en cada mirada

En cada tola pensada improvisación

En cada contradición cotiá.

 

Salvar o refuxio tenro da inocencia

Ardendo o lume nos montes da alma

Carbón negro que percorre a humidade de escuras

Simples

Veas.

 

Vida. Vida.

Un paxaro aparece, tal vez.

Tal vez sorrir por non chorar.

Tal vez chorar por non rir.

Tal vez amargura espesa.

Tal vez liviá ledicia.

 

Vivir. Vivir.

 

Repite o retrouso, camarada

E a primeira estrofa, cántaa enteira

Logo faremos de todo iso unha especie rara de intro

Intro, intro, intro,

Introdución a un mundo hostil

Lamentablemente preciso.

 

Sorrir por non chorar.

Chorar para botar fóra todo,

Todo, todo, todo,

E quedar limpo e seco

De impotencia

De tristura

De noxo

De rabia.

 

Os cantantes penitentes berran a eterna canción

No eterno triste escenario.

 

“Mundo!! Es unha merda!!!”

Esa é a intro e logo seguen e seguen e seguen

E, efectivamente, creo que xa o dixen antes,

Efectivamente, ninguén, ninguén, ninguén

ES – CO – I – TA.

 

ir arriba

 


ir arriba

 

Está ben

 

Está ben.

A bolboreta branca pescuda a alma escura.

Está ben.

Direi que nada pasa.

Finxiremos soberbios a existencia da verdade sacra.

Voaremos alleos sobre o pecado impuro impenitente.

Está ben.

Á fin creo non deber nada.

Non deberche nada, existencia estraña.

Direi que está ben,

ata direi grazas,

direi o que queirades que diga

se me prometedes

a paz gloriosa no espírito calmo,

a soidade buscada en fermosa compañía

a canción que pinza esa antiga entraña

o verso intenso que alumea a noite negra.

Está ben.

Direi que todo está ben

mentres a branca bolboreta permaneza

e con ela,

o brillo das estrelas que agora alumean

isto que chamamos vida.

Está ben.

Non toques nada?

 

 

ir arriba

 


ir arriba

 

Non está ben

 

Non está ben.

Non estou ben.

Tocaches algo?

Tocaches algo.

As profundidades do ventre ferido

traen lembranzas escuras dun pasado inferno.

Traen o contacto noxento da enfermidade

o malestar

a desgana.

Non está ben.

Toquei algo?

Toquei.

Mais tentarei facer calar ao vello demo malo

con palabras doces sinxelos actos

Paciencia. Paciencia.

Canto cambia todo cando a saúde alerta!

Procuremos que a baixada sexa curta e rápida.

Uns días de non ser quen eras,

uns días nos que o sorriso,

nos que todo isto que chaman chamamos vida

resulta moito máis complexo.

Quérote, meu amor.

Quero ser feliz contigo.

Precisamos unha mínima saúde.

Unha xustiña paz corporal

mental

creo que merecida, meu amor.

 

Sorte, pequerrechos!!

 

 

ir arriba