FEBREIRO
DECEMBRO
Está ben, Xosé (Escoitando "Say it´s alright Joe" do disco de Genesis "And then there were three...)
Está ben, Xosé.
Todo vai ben.
Di que todo vaia ben.
Soña.
Minte.
Cuspe.
Atopaches a soidade feto odiado
Miraches de esguello e xa era tarde
E ninguén había ninguén
Xunto ao teu corazón asasinado
Di que todo vai ben, Xosé.
Engana.
Tapa.
Cobre.
Chora calado.
Perdiches a dignidade anhelada neno raro
Húmida bágoa que derruba o espírito anoxado
Calma.
Calma.
Xosé, morrerás so
Tal e como viviches
Non haberá flores
Nin recordos
Non haberá
Simplemente
Terás pasado absurdo por esta triste sinfonía
Silencio entretecido entre brumas escuras
Volatilizado nunha espiral de abatemento.
Di adeus, Xosé
Sorrí ou chora
Bágoas ou cativos atados
Presos
Pechados no cruel
Simple destino
Esnaquizados polo suave mundo
Que desgarra as nosas esperanzas.
Así que, minte,
Minte, Xosé Joe
Minte
Di que todo vai ben
Di que nada pasa
Xa non digas nada
Porque non paga a pena
Porque todo pasa
Porque non es ninguén
Ninguén te escoita.
Ninguén.
Nada.
Meu amor,
Xosé
Joe
Todas
Todos.
Colibrí veu á miña vella cabeza.
Fotogramas que non vexo.
Slow motion.
Calma. Pouco a pouco.
E as margaridas cantan
esa canción que nos fai chorar.
E lentamente as pingas aterecidas
tentan atopar camiños de derrota
e salvación causal.
Ves algo?
Colibrí veu á miña vella cabeza.
Cen mil frenéticas ás
sopran contra a maldita tristeza,
si, esa,
esa que nos fai chorar.
E as árbores afogan nese vento cálido,
eléctrico e imparable.
Freamos.
Baixamos do coche azul.
Azul como esa nube perdida
que nos fai chorar,
perdidos, insomnes, esquecidos...
Haberá palabras para nós?
Haberá quedo esquecemento?
Morreremos.
E só quedarán as nosas febles pegadas,
e ese lapso máxico entre o remuíño tolo da vida,
e o fulgor absorbente do nervio roto,
e os minúsculos anacos do que un día foi,
unha esperanza,
unha aperta,
unha breve chamada,
un bico fugaz,
un soño imposible,
un mar eterno,
unha dor insoportable,
un rabuñar felino rápido amado,
unha tele acendida,
falando para ninguén,
mirando para ningures.
Ves algo?
Colibrí.
Vella cabeza.
Triste melodía que apreixa a alma.
Voando abrevio o fado
que escribe a estraña letra
que é vivir,
morrer,
ser e deixar de ser.
O natural artefacto do óxido
e a entrecortada respiración.
Fatiga Tose Febre.
Enfermidade e gloria na incrible saúde.
Cruel o noso destino,
amargo e saboroso.
Desesperación Desasosego
Doce Durmir Delicado
Contrario contra contrario.
Cabezas machucadas no triste muro,
si, ese,
ese maldito muro que fai chorar,
que aliena a bondade,
corazón frío e cemento,
lata patada día que pasa.
Cuspes.
Chan.
E a vida pasa.
Alumea este burato.
Alumea a noite.
O día é tan curto, camarada.
Tan curto cando non hai mañá.
Mais sempre o hai,
dun ou doutro xeito,
sempre o hai.
Teimudo e poderoso.
Implacable.
Impasible.
Impertérrito.
Sempre o hai.
E tes que erguer brillante,
ou escuro gris.
Erguer.
Erguer.
Vivir.
Vivir.
Colibrí.
Cabeza vella.
Vellas palabras.
Sei que me repito.
E me repito.
Como nun eterno retorno
dentro dunha mesma vivencia.
Como un poema inmenso
que nunca remata porque nunca empeza.
E chora,
si,
eses poemas que choran.
E ti con eles.
Colibrí.
Grazas por vir.
Grazas por me visitar.
Sorpresa insospeitada.
Grazas por facerme chorar.
E sorrir, vivir.
E morrer.
E erguer.
E falar.
E calar.
Vedes algo?
Foi así como o piano se converteu en estrela e a estrela estoupou nun universo nada e a nada lóxica pariu un pequecho suspiro e o suspiro feble agarimou a escordada alma e a triste alma material mudou en terribles virus que devoraron todo e todo devorou aos virus pianos estrelas universos nadas lóxicas suspiros almas e encheu o seu pacífico bandullo e todo pensou xa está ben, xa chegou. E foi así, que o primeiro vómito alcanzou o ceo dos non mudos. E así foi como a tristeza se perdeu e se atopou entre unha miríade de colibrís preciosos, tan fermosos, tan fermosos, meu amor, meu amor, ao mellor vexo algo, algo, choro.
Calo.