XANEIRO
XULLO
AGOSTO
OUTUBRO
NOVEMBRO
DECEMBRO
Segue
Camiña
O silencio abraiante
A perspectiva por enfocar.
Segue
Camiña
Unha náusea e un bico
Espertar en paz.
Segue
Camiña
Aproveita o regalo
Duns reis que non existen.
De feito, os reis son os días por cantar
Os días por chorar
Os días por vencer
Os días da derrota
Os días, simple e brutalmente, os días
Os días por cantar
Ao oído dos que amas
Ao oído dos que descoñeces.
Ao oído do inexistente e posíbel.
Segue.
Camiña.
Un oco (in memoriam Roberto, César, Carlos e todas as amadas caladas xentes)
Cando non chegan as palabras
E un baleiro ácido percorre as entrañas
Lapidación inmisericorde.
Cando sobran as palabras
E un gozo enche o teu corazón preñado
Fascinación redimida.
Cando estou contigo
Cando marcho
Cando non sei quen son
Cando medro
Pouco a pouco.
Estarei no alto das montañas
Coa perspectiva do alucinante fío
Que ao rachar
Estoupa en mil diamantes
Mil soños
Mil pesadelos
Mil anhelos
Mil silencios.
Cando non hai palabras
E ocupas o teu oco gardado
Para ti,
Cando iso pasa
Quen quedamos sentimos a ferida
O tempo cicatriza, din
Mais segue sen haber palabras
Da túa boca pechada.
Lembranzas,
Risos, bágoas compartidos
Aperta solitaria
No confín dos pensamentos
Na proximidade da saudade
Aí estades,
Imperceptíbeis,
Sen palabras
Aí está ,
Na area da praia agochada
O voso sinal,
A vosa pegada
O vestixio
Que a marea oculta
Sen palabras.
Suave ruído
Ondas calmas
Gustaríame tanto falar contigo.
A morte é unha estación esquecida
Sen pasaxeiros, sen trens,
Na que descansan invisibles
Amados e queridos
Destrutores e destruídos.
Non penso chorar.
Sei chorar?
Qué máis ten
Todo pasa
Todo pasa
E todo queda
Todo queda.
Palabra,
Simple harmonía indefinida
Colar de margaridas redimidas,
Sempre estás,
Aí, silencio en potencia
Ferida mortal
Alivio perdurábel.
Palabra,
Amo a droga que me inxectas
Mentres o mundo estoupa tolo
Legalmente protexido
Polo teu manto
De sílabas e sentidos.
Sentimentos.
Sensibilidade.
Seco.
Húmido.
Fervente.
Amor.
Loucura.
Soño.
Loita.
Estraño.
Perda.
Maxia.
Mar.
Paxaro.
Nube.
Estrela.
Dor.
Angustia.
Enfermidade.
Sosego.
Calma.
Feliz.
Inmenso.
Mentira.
Verdade.
Xustiza.
Inxustiza.
Morte.
Palabra,
Grazas por ser sempre
Compañeira fiel,
Íntima aliada.
Sempre agardas paciente por min,
Ata que un día chego outra vez
A casa
E entón,
Falamos,
No murmurio dos imposíbeis,
Ti e mais eu,
Co noso código feito vida.
Palabra.
Seguimos vivos.
E ata sabemos á fin o que é
A dignidade.
Ola!, amante fiel,
Ola!, compañeira de silencios,
Palabra amiga,
Verba da miña alma.
Ola!, noite crúa e fría,
Ola!, solsticio esplendoroso,
Fugaz salouco,
Van motivo.
Ola!, ollos de cores rachados,
Ola!, escuridade impenetrábel, lixo
Morrer contigo,
Un berro xordo.
Ola!, sombra que afoga e calma,
Ola, luz que irrita e ansia,
Triste pesar,
Dor redimido.
Caerán as follas,
Caerán as vellas árbores,
Caerá a bágoa
Definitiva,
E ti,
Palabra,
Amiga,
Quedarás por sempre
Nun inmenso mínimo oco
Da miña memoria
Da miña esencia
Do que son
Do que fun
Do que serei ou
Non serei.
Acaba a música e non hai aplausos.
A profecía é eterna.
O tempo pasa, relativo
Un suspiro, unha eternidade.
O corpo machucado na procura do aire
Límpido, invisíbel.
O tempo pasa
E eu con el
E todos no mesmo remuíño
Pequenas incisións na cordura,
Na derrota ignota, no incensar da batalla.
O tempo pasa
Lume que abrasa, frío inanimado.
A mente irrefreábel precintada,
O predominio da esperanza,
O precioso precipicio
Caer e erguer.
Caer e erguer.
O tempo pasa
E eu con el
E todos na mesma hoste
Depredadora e fracturada.
O tempo pasa
E a vida vai sendo ávida,
Orfa e magnífica.
Humilde hóspede
Camiña e deixa unha pegada íntegra
Un sentido a todo este proceso
De Kafka verosímil
De todos ilexíbel.
O tempo pasa.
Vivo.
Vivimos.
Morrerei.
Morreron.
Nada é sinxelo
Cando proclamas a privación
E o privilexio.
Nada.
Todo é acto e proba empírica
Nun no de pensamentos turbios,
Procelosos e aditivos.
O tempo pasa.
O tempo vai pasando.
Rapto do sentido finado
Atrapado nas enormes dunas
Dun filamento, dun eterno acorde.
Cantas veces estiveches comigo?
Cantas veces me levaches lonxe, moi lonxe?
Cantas veces me salvaches a vida que non había?
“Lembra cando eras novo,
Brillabas como o sol”.
Finxir, figurar non aparecen no rabioso dicionario
Amar, soñar
Unha merenda na praia
O arrefrío de emoción.
Acorde eterno,
Fiel compañeiro,
Amigo reiterativo
E amábel, tan amábel.
Grazas por me esperar.
Grazas por estar sempre aí.
Soño música nunha ansia relaxada
Soño música restablecendo o cosmos
Soño música porque vivo
Vivo porque soño música.
Antigallas impenitentes
A crenza no reiterativo.
Algún día marcharei
Reeditarei acordes novos
Ou retroactivos.
Algún día escoitarei a escintilante sinfonía
E perdereime, choiva, na exuberante simple melodía
Algún día serei outro
Mais nunca esquecerei quen estivo aí
Cando todo era nada.
Acorde bendito. Música.
Muller e alma.
Ela,
Na amargura do descoñecido
Ilóxica precaución.
Ela,
Cando miro os seus ollos tristes
No límite deste mundo
E derrotado,
Simplemente,
Aínda non sei.
Ela,
A que todo o fixo,
A quen amamos,
Viaxe solitaria
Nunha estraña e lenta vertixe
De pensamentos malos.
Dano fondo no espírito esgotado.
Por ela, todo.
Sen ela, a perda.
Sen ela, a nada.
A chuvia cae lenta e espesa
Entre uns dedos fatigados.
Ansia e sosego.
Mariñeiros sen mar.
Mar sen mariñeiros.
A chuvia cae lenta e espesa
Entre un sol abrasador
Arcos da vella imposíbeis
Traizón sen alma.
Alma perdida, oculta.
Viaxar tras do teu alento supremo,
Incitar a loita interminábel,
Corromper a incerteza do inexacto,
Caer.
Erguer.
Empapado corro polas labirínticas rúas
Molladura enfermiza e fráxil
Leite quente, un agarimo suave.
Morreron todas as nais.
Morreron todos os pais.
Din que á fin son un home
Autosuficiente.
A suficiencia da perda repetida
Do derradeiro pranto.
Fuxir entre a treboada salvaxe
Correr
Fuxir
Non ser.
A chuvia cae lenta e espesa
No replicante pesaroso
Neons imposíbeis nos cansos ollos
Un grolo rápido do alcol fervente.
Imaxinar o amor.
E amar.
E ser amado.
A chuvia cae lenta e espesa
E os nenos calvos xogan na perdida rúa.
Morren as luces.
Chega a noite.
Durmir.
Soñar.
A chuvia cae lenta e espesa
Mais sempre hai xente
Cruelmente seca.
Volver a vista atrás,
A todo o vivido,
Toda a miseria e a ilusión
Rotas e renacidas.
A eternidade do ouveo xordo,
Un bico carmesí, un afogo,
Un vómito na noite escura
O teu silencio
A historia toda
De continentes verdes da alma inxente.
Colorear todos os malditos demos
Co lapis lindo da incauta ledicia.
Bágoa repentina,
Escusa simple,
Ventre adoecido,
Miolos esgotados.
Volver a vista atrás
A todo o gañado
A todo o perdido.
Seguir.
Como se todo comezara hoxe.
Seguir.
Como se non existira mañá.
Doen as pesadas pedras no espírito fatigado
Doen as feridas antigas entre sabas frías.
Doe un corpo e un viño acedo.
Alivio para o temporal tolo.
Alivio para os pesares infinitos.
Alivio para os molestos labirintos.
Alivio para as dores repetidas.
Sigo. Sigo. Sigo.
E mañá será outro día.
E mirarei cara a adiante
Cara a algures que me espera
Cara a vida mesma
Seca e caudalosa.
Seguirei.
Pecho a ventá dos desexos
E percorro áxil a habitación do imposíbel.
As soidades,
As compañías,
A estrutura do esquecemento
A fabricación mundana dunha entidade
Ser, estar,
Brincar, caer, erguer,
Murchar, perder, gañar.
Fito as cartas desta indescritíbel baralla
E aínda non sei se están marcadas.
Non sei se sempre estiveron marcadas.
Gañar.
Perder.
Perder.
Gañar.
Vivir, unha vez máis.
Comida para tres espíritos,
tres seres unidos polo amor,
xenética, destino,
cruce de camiños.
Seis mans para agarimar esa dor profunda.
Seis ollos para captar a rara esencia
dun compartido e traballoso mundo,
dun futuro.
O sol radiante neste frío decembro,
compañeiro do noso pan e o noso teimudo sangue.
A certeza da compañía cálida.
O sosego só atemorizado
pola túa triste e fugaz mirada.
Somos moitos, meu amor.
Tres almas enganchadas.
Tres suspiros de derrotas e alivios.
Só falta aquel sorriso teu
que enchía o noso aire frío
que nos daba ás lixeiras, sólida base
que nos daba o sentido enteiro
da existencia.
Seis pés sobre un chan movedizo.
Porque así é vivir.
Guerreiros da aceptación insubmisa,
devoramos os manxares do tranquilo tempo.
Les o xornal,
sinto frío nas costas,
ela fala,
e pensas:
Por que non antes?
Por que?
Por que?
Porque non completamente agora?
Por que?
Por que?
Porque a fada dos pensamentos malos
aínda percorreu, percorre, os nosos máis íntimos,
máis pequenos, máis amados,
espazos.
ES – PA – ZOS.
O noso recuncho interior,
tremía e treme
por estas sombras tolas
que ouvean no silencio pálido
da nosa pel queimada
no aceite virxe dunhas tristes patacas
que morren sen mais nas nosas tres bocas.
Tres bicos.
Tres berros.
Tres soños.
Tres pasados.
Tres presentes.
Tres futuros.
Unha única Esperanza.
Querémoste moito.
Nena cansa, nena fuxidía,
volve sentar na mesa branca e gloriosa,
da feliz comida que cae do ceo imposíbel
que non é máis que a túa rutina quente.
Foi fermoso comer con vós.
Coa fame eterna do perdón.
Coa fame inmensa da xustiza.
Coa fame devoradora de milagres.
Coa fame dos fartos culpábeis
e os famentos inocentes.
Xa o dixen?
Quérovos moito.
E, aínda agora,
toco madeira e suplico.
Agridoce (Rematando o ano con présas e ánimo)
Agridoce.
Agridoce é o sabor deste ciclo
que semella eterno,
que nunca remata,
e logo a morte precisa
derruba as vellas fronteiras.
E non haberá máis bicos.
E non haberá máis mans entrelazadas.
E non haberá máis leves suspiros.
E non haberá dor insoportábel.
Agridoce.
Agridoce é o sabor deste existir
que semella inútil,
que nunca comeza,
e logo a vida insospeitada
ergue as renovadas murallas.
E haberá máis sorrisos.
E haberá máis beizos enleados.
E haberá máis estrondosos sopridos.
E haberá paz invencíbel.
Agridoce é o teu nome,
cando penso no laio fondo
que a miña palabra cravou en ti.
E choro.
E choro porque eu nunca choro.
E choro porque non sei chorar.
Pasan os anos.
Pasan os anos.
E permanece unha máxica e doente historia
que tal vez nunca quixemos contar,
que tal vez nunca debemos vivir,
mais esta é a historia única,
exacta, a nosa.
A que nos corroe e nos engancha.
A que reparte sortilexios malditos.
A que se mergulla na mar fría.
A que estoupa en mil lindas flores
na auga salgada e quente da illa soñada.
Quérote.
Quérote.
Quérote.
E estas palabras perdurarán nos anos.
Por sempre impregnadas nun branco folio.
Ao mellor nunca serán lidas,
nunca serán pronunciadas.
Pero non poderás,
non poderemos facer nada
contra elas.
Porque son e existen.
Porque a verdade é sinxela.
Porque os monstros existimos.
Porque quero ser feliz.
Porque soño.
Porque vivo.
Agridoce flutúa no aire fresco.
Remata outro ano.
E avida segue.
E a vida segue.