Creación Persoal- POESíA 2012ir arribair a portada cp 2012

 

 

XANEIRO

FEBREIRO

MARZO

ABRIL

MAIO

XUÑO

XULLO

AGOSTO

SETEMBRO

OUTUBRO

NOVEMBRO

DECEMBRO

 

 

ir arriba


Inmensa petición

 

 

 

Non quero fillos con bos comezos

Non quero ser máis un verme indescritíbel

Non quero horas ansiosas e segundos eternos

Non quero unha batalla continua unha guerra de derrotas

Quero un pouco de sol sobre a miña cabeza branca

Quero asubiar porque nada malo pasa

Quero que elas sigan comigo

Quero tanto

E tanto teño

E non teño nada

Se me perdo.

 

Sorte e saúde,

Camaradas

Dunha república

De incontables galaxias raras.

 

 

ir arriba 


ir arriba

Soidade do folio branco

 

 

Folio branco

Soidade

Chegarán palabras

Con elas a vida

Poder compartir.

 

Soño

Caio polo brando labirinto

E estoupo en mil cores

As margaridas rin

Os paxaros calan

Un universo de frenesí

Un confortable acubillo.

 

Volver

Unha e outra vez.

 

Folio branco

Soidade

Xentío

O termo medio

A paciencia.

 

E tentando atopar o centro xusto

O home malgastou toda a súa vida.

 

Non quero rematar coma el

Será todo sempre inexacto destino?

 

Folio branco

Amigo, compañeiro.

Non hai soidade.

Estamos os dous.

 

Agora:

Berra

Racha

Estoupa

Sofre

Segundos

Vida

Esencia.

 

E así as palabras foron feitas voz.

Silencioso murmurio.

 

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

Fugaz aperta

 

 

 

Fugaz aperta

Que esvaras entre as mans

Abertas e francas

Unha promesa

Unha esperanza

 

Fugaz aperta

Ver a luz do día

Con estes cansos ollos

Soñar

Revivir

Atopar a resposta

 

Fugaz aperta

Amiga dos meus días

Por séculos presente

Aloumiño

Presteza

Unha simple fruición

 

Fugaz aperta

Envolverme en ti

E durmir

O soño dos inocentes

Por sempre

Perseguidos.

 

Os outros.

Un mesmo.

Todo.

 

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

O neno que perdía a calma

 

 

Houbo unha vez un neno

Que case todos os días

Perdía a calma.

 

Cando tal pasaba

Chegaban demos malos

E pesadelos malvados.

 

Medrou coa ansia

Como fiel amiga

Xogos de negra sombra.

 

Un día atopou

Á fada da esperanza

E non soubo qué facer.

 

Pasaron os anos

Vello e canso

Asubiou unha linda melodía.

 

E foi como se as trompetas todas

Soarán a un tempo

E miles de arcos da vella rodearon

As súas mans calosas

E foi como se a vida

Se tomase un respiro.

 

Foi tan feliz

Tan feliz

Coa esperanza

Co anhelo preciso

Coa ilusión

Con toda a calma do mundo

Enteiro

Tan feliz

Tan feliz

Que todo pagou a pena.

Todo.

Todo.

Todo.

 

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

Salvación

 

 

No camiñar está a salvación

Terra húmida seca baixo os pés

Chegarán os reis magos

Non haberá ofrendas nin regalos

Oriente queda tan lonxe!

 

Mergullareime na propia conciencia

Para saír co penúltimo osíxeno

Da identidade de buratos chea

Frearei a adrenalina líquida

Comerei unha preciosa mandarina.

 

No camiñar está a salvación

En cada paso doente

En cada paso precioso

Ollo a lúa a través do óxido

Cráteres que salpican o corazón.

 

Mergullareime na propia conciencia

Para atopar de novo a senda

Gustaríame ir da túa man

Fráxil e marabillosa

Vida sinxela por todo presente.

 

No camiñar está a salvación.

Camiña.

 

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

Pegadas na fronteira

 

 

 

Os de aquí abaixo

Asinantes predestinados

Seres da fronteira

Prometemos berrando

Que o mundo está tolo

Que a inxustiza a fame

Os cartos omnipresentes

Son o estado certo

A onde nos levaron os mercados escuros

Sucios coma esta rabia

Que nós,

Seres da fronteira

Queimamos en cada pesadelo

Suor de sangue

E fanática crenza absurda

O deus que mata

O deus que engana

Seres da fronteira

Perdidos no medio da loita

Escoitamos bombas latexando

Nos corazóns fríos

E pensamos

Nós,

Pensamos:

Que facemos aquí?

Aguantar e reunir enerxía

Da noite longa e preciosa,

Camaradas.

Algún día

Venceremos.

 

 

ir arriba 


 

 

 

ir arriba

Nada semella cambiar

 

 

Nesta mañá intermitente

Adoro un onte sinxelo

Pero nada para

Ninguén agarda

Todo se move

Con desequilibrio atado

Aos dediños das túas mans

Suor frío e bolboretas malas

Ninguén agarda

Todo se move

E ti con todo

E todo contigo

Nunha espiral continua

De esforzo no acubillo

Onde agochas a felicidade

Que por veces chama á túa vella porta

E entra leda, desbocada

Se quedaras comigo un pouquiño

Un pouquiño máis

Pero todo se move

Ninguén agarda

Así que preparo as repetidas maletas

Para a enésima viaxe

Só hai futuro

Só hai mañá

O agora queima

Ledicia e dor

O pasado atormenta

Noxo e bágoa

Só hai futuro

E está por facer.

 

 

ir arriba 


 

 

 

ir arriba

Debo usar gafas?

 

 

Debo usar gafas

Para captar con precisión visual

A esencia mesma do problema?

 

Debo usar gafas

Para enfrontarme a un mundo

Que está máis tolo ca min?

 

Debo usar gafas

Para aprender a ser

O que os dous sempre desexamos?

 

Debo usar gafas

Para esquecer a néboa

Que cobre os ollos da infamia?

 

Debo usar gafas

Para percibir as fermosas cores

Que poboan este misterio?

 

Cego, mudo, xordo

Apalpei as entrañas

E se non fora por ti

Eu estaría morto

No fogar da loucura.

 

Ás veces non estou seguro.

Debo usar gafas?

Ti que cres?

 

 

ir arriba 


 

 

 

ir arriba

Entre diamantes

 

 

Entre diamantes esquecidos

Chora a muller sen consolo

Unha humidade percorre o ambiente

Unha humidade maldita

 

Os morcegos afían os seus sons

Mentres a area da praia foxe cara ao mar

Unha voz allea berra ao lonxe

Unha gorxa malferida

 

Entre diamantes esquecidos

A muller recolle os seus froitos

Tesouros pequenos dunha infancia perdida

Unha recompensa polos moitos méritos maldicidos

 

E colocar á perfección

O estante do esquecemento

 

E volver á noite

Onde todo foi inocente

 

Ela sábeo todo

Menos o que non sabía

A súa perdición

A derrota.

 

Mais trunfará sobre as nosas ás queimadas

Ela, a única, a salvaxemente escollida

A que agardabamos

Dende o principio dos tempos escuros.

 

Luz, brisa, aperta.

 

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

Erros

 

 

Erros que doen

Que magoan

Aos seres que máis queres

Máis adoras

Máis precisas

Máis mataches.

 

Erros que doen

Impulsos sen razón

Razón sen lóxica

Unha bágoa por cada palabra

Dar a volta

E marchar calado

Perdido.

Asasino.

 

Erros que doen.

A culpa.

Unha espiña máis

Na coroa da vida.

 

Nunca pensei ser un heroe.

Nin un asasino.

E agora sei cal era en parte

O meu destino

Infame e glorioso.

 

Atopar a vida

Nun pequeno frasco

A esencia toda da ledicia

A verdade feita ela.

Asasino.

 

Hai perdón para os que matan

e se devoran na propia culpa?

 

Agardo o xuízo

Con simple e cansa aceptación.

 

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

Amigos

 

 

Amigos

Que escoitan

E calan

E falan

 

Amigos

Compañeiros de viaxe

Néboa entre o sol

Lategazos de mel

Doe

Cura.

 

Amigos

Discusión e aperta

Malferidos e felices

Á túa beira

Estrondoso silencio.

 

Amigos

Tesouro

Sinalan o norte

Non hai compás.

 

En soidade compartida

En festa luminosa.

 

Os dedos da man.

Contar.

Un, dous…

Son afortunado

E case nunca

Son consciente.

 

Perdón.

 

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

O coitelo nos ollos (Para @s que sufrimos xaquecas)

 

 

Cando o coitelo se crava

Nos teus pobres fermosos ollos

A noite eterna xeme dor

E a luz do sol é a morte nas entrañas.

 

O mundo externo non existe

Cando o coitelo se crava

O mundo exterior é alleo

Os latexos do corazón nas sens.

 

Que pase esta tola tortura

Que haxa miradas por mirar

Cando o coitelo se crava

O silencio cobre o universo enteiro.

 

Non berras.

Aturas.

Agardas.

 

Cada día cruzas os dedos

E desexas que alguén invente á fin

A apócema máxica que faga vivir dignamente

Cando o coitelo se crava.

 

 

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

Atopei

 

 

Atopei

Unha moeda de ouro

Que nada valía.

 

Atopei

O teu sorriso

Que todo o vale.

 

Atopei

Un brillante camiñar

Entre toxos e papoulas.

 

Atopei

Un escuro e frío vento

Ouveando nunha cara descoñecida.

 

Atopei

O sentido deste mundo

Cando xa todo rematara.

 

Atopei

Un buraco e unha aperta

Onde antes había nada.

 

Atopei

Unha palabra.

 

E calei.

 

 

ir arriba 


 

 

 

ir arriba

O sorriso dos resucitados

 

 

Non hai cruz

Non hai espiñas

O mundo xira e xira

Alleo

A este novo día

Preñado de paz

Bendito sexas nervio

Por esquecer o teu drama

Por un tempo

Que aconteceu

Sei que aconteceu.

 

Sorrín os resucitados

Soñando cun futuro semellante

Ao onte ao hoxe

Morrerán coa calma?

Morrerán

Dous

Un espírito.

 

Choran as xentes

Esquecidas na tormenta

Virá o manto dourado

Dun futuro de ledicia

E tamén de dor.

 

Podo afirmar que vivimos

Ata que morremos.

Obvio.

Ou non tanto.

Sorriso.

 

 

ir arriba 


 

 

 

ir arriba

Frío

 

 

Vai tanto frío

Aí fóra

No mundo do colesterol

 

Vai tanto frío

Aquí dentro

No mundo da gorxa ferida

 

Vai tanto frío

Alá lonxe

Onde as pantasmas foxen.

 

Vai tanto frío

Alí enfronte

Onde as veas e a heroína se confunden

 

Vai tanto frío

Onde queira que esteas

Mudo

Afundido nas túas hipóteses

Sen comprobar

Sen existir

Mudo.

 

Vai tanto frío

E para mañá dan máis.

 

Cubrirei os meus ideais

Baixo o manto da resurrección infundada.

 

E que haxa sorte

E sol

Para todas e todos.

 

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

Un cómodo silencio tal vez?

 

 

 

Calar.

Un cómodo silencio tal vez?

Ultrasónico non ser

Para non aparecer

 

Non ser ninguén

Calar.

Estoupar por dentro

Un cómodo silencio tal vez?

 

Sangue.

Os dentes brillan no máis absoluto baleiro

Cosmonautas na publicidade do consumo

Un cómodo silencio tal vez?

Calar?

 

 

Sorprenderte sendo ti, de novo.

Atopar unha mínima, feble luz na longa escuridade.

Quero crer na luz desa vida que agarima

Amo a vida digna.

Quero máis.

Algo máis.

O imposible está entre as mans.

Pidamos o imposible!

 

Calar?

Un cómodo silencio tal vez?

 

 

 

ir arriba 


 

 

 

ir arriba

Carmiña

 

 

Carmiña chora.

Ten frío

Non ocupa espazo

O seu espírito magoado.

 

Carmiña chora

A froita do desamor

Non hai ninguén

O seu copo feble e canso.

 

Carmiña chora

Non hai panos dabondo

Océano de bágoas

Muller que o perdeu todo.

 

Carmiña morde as súas mans

De soidade cheas

Non haberá flores na porta

Un ouvido que sae das entrañas.

 

Carmiña, corre.

Carmiña, fala.

Carmiña,

Deixa que te agarime

Deixa que te queira

Sen coñecerte.

 

O sol saíu

Ela ergueu a rocha pesada

Baixo ela vermes noxentos

E unha morea de lindas pedras

De cores.

 

Carmiña volveu ao mundo

Co corazón roto

Latexando

Procurando nova vida

Novo alento.

 

Carmiña non chora.

O mundo segue.

Ela tamén.

Outra oportunidade

Para pegar os cachos.

 

Reconstrución arquitectónica.

Muller, estás na túa casa

No fogar dos marcados

Polas migallas da vida.

 

Carmiña non chora.

Pero sempre terá bágoas

Por se acaso.

 

Agora sorrí

E corre entre a verde e húmida herba,

Corre,

Libre,

Lixeira,

Ti.

 

 

 

ir arriba 


 

 

 

ir arriba

Capital (para Carlos Marx)

 

 

Capital

Que desfás o mundo

Capital

Inocentes mortos de fame

Sede eterna

Capital

Noxento noxo

Da inmundicia

Ollos de neno aterrado

Nena que maldí a súa dor

Capital

Culpable

De guerra tortura violencia

Espello do mundo

Tolo

Capital

Esquema insán que promete

E sempre dá aos mesmos

Pobreza ignorancia aldraxe soidade

Neurose inxustiza medo bomba

Capital

O traballo como tortura

As cousas como esencia

Mercarei un ordenador portátil

Mentres os rapaces miserentos morren nas sucias rúas

Naces en nome do noso ser

E nos cuspímosche á cara

Morto e soterrado

Deberías estar

Capital

 

Mentres tentamos buscar o sistema

Que dignifique esta vida

Hai unha cousa segura

Unha causa constante de moitos e moitos males

Capital.

 

Escravos das túas inútiles mercadorías

Eu maldígoche no nome da humanidade

Que culpable resiste.

 

 

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

Marzo 2012

 

 

Marzo

A primavera adiantada

As bocas abertas á choiva

Que non cae

Non dá caído.

 

Marzo

Parte do traballo rematado

A sensación de ser no mundo

Encaixar

No remuíño do insospeitado.

 

Marzo

Querer vivir esta vida

Única, dor e gloria,

Atrapar a esencia

Do momento fugaz

E lixeiro.

 

Marzo

E o camiño inmenso por diante

Flores con espiñas

Arrecendo e afogo

Percutindo no muro

Da cabeza medio tola.

 

Marzo.

Non saber.

Agardar.

Un estrondo na alma.

Un murmurio no espírito.

Materia viva.

 

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

Alarmas

 

 

Vou acendendo as alarmas

Da descompresión

A fondura nunca é exacta

A superficie semella tan inocente

 

Rabuñarei a pel

Para estoupar nun cristal

Que reflicte a túa expresión

Alleo ao mundo, aí fóra.

 

Non saber nunca nada do seguinte capítulo

Medrar na eterna espera

Atrapar a inquedanza coa rede da fortuna

Sorrir pleno de pequena felicidade.

 

Mastigar a esencia

Dun pecado descoñecido

Preparade todas as alarmas

O monstro sempre se achega

 

E mira. En silencio.

Sempre se queda a mirar.

Mira. En silencio.

E agarda.

 

As alarmas preparadas, señor dos vencidos,

Amo do imperfecto labirinto!

 

 

 

ir arriba 


 

 

 

ir arriba

Soñar

 

 

Soñar

Atravesar os infernos repetidos

Do pesadelo recorrente

Atopar o doce sabor da inconsciencia

Durmir

Fondo e agochado

Nun agarimo sen sinais

 

Electricidade no aire

Un lóstrego cara os meus ollos

Soñar

Fuxir por unha noite

Da tormenta dos pensamentos

Non ter mente

Non ter presenza.

 

Soñar

Adiviñar a solución

Espertar

Afrontar a vida

A cotiá loita

Entre maxia e lodo

 

Ouvear en silencio

Percorrer o espazo tempo

Nunha relatividade illada

Por un mesmo

Salvar os días

Salvar as noites

 

Volverse atopar

Con quen un foi

Con quen un quere ser

Crer na fortuna e no traballo

Na ledicia dos días

Que quedan por encher.

 

Soñar esperto.

Paciencia.

O descanso chegará

Da man do inesperado

E ti darás a volta

E contarás que non hai segredos

Durmir tranquilo

Poida que fuxir

Tan só unhas horas

Liviás e gozosas

Un pequeno lapso

Na batalla do insomne soñador.

 

 

ir arriba 


 

 

 

ir arriba

Un cosmonauta no baleiro

 

 

Baleiro. El.

Silencio. Escuridade.

Noite eterna.

O universo maxestoso.

Un ínfimo gran

No océano das estrelas

Que non ve.

Mira.

Observa.

Baleiro.

Silencio.

Oxíxeno

Fuga.

Noite.

Baleiro.

El.

Lenta

Lenta

Morte.

 

 

ir arriba 


 

 

 

ir arriba

Só un estraño de visita

 

 

Chegou so.

Soamente un estraño.

Unha visita inesperada.

Aquel que nunca fala.

O que non vés.

Entrou.

Chegou so.

E o mundo fíxose anacos

De cristal limpo e perfecto.

Calou.

Cego, xordo e mudo

Tentei adiviñar a un alguén.

Todo foi en van.

 

Soamente un estraño

Unha agulla oxidada

Cravando a carne fervente

E unha dor

Intraducible

So.

Aquel que nunca está.

Petrificouse o osíxeno

Creo que morremos

Todos

E ningún.

Ninguén.

 

Soamente un estraño

Unha inesperada reacción

Ante un estímulo do corazón queimado

E as veas claman

O asasinato da miseria.

É tarde.

Moi tarde.

Pregúntome

Cando rematará todo isto

Penso

En infinitos paralelos

Que se apertan nos ollos tristes dun can

Que morde o seu óso

Alleo ao mundo

Alleo á porta

Alleo aos porqués

E ás circunstancias que me entretecen

Fío a punto de rachar.

 

Chegou so.

E non sei nada.

Absolutamente nada.

Nin da visita

Nin do estraño

Nin do mundo

Nin de quen pariu

Este ser.

So.

Tal vez unha visita.

Un derradeiro anhelo

Un suspiro triste

Apreixando un gran baleiro.

 

Soamente un estraño

Na miña estraña mente

Oxalá estiveras aquí!

Deberían existir os titáns?

Cal é a verdade de todo isto?

Pregunto

So

Estraño

Non hai respostas.

 

E coma un feto cheo de medo

Envólvome na placenta

Dunha incríbel existencia.

 

Á fin cheguei.

 

 

 

ir arriba 


 

 

 

ir arriba

A transcendencia do limón

 

 

 

Remexo entre papeis

Cruel noite

Aventura inhóspita

 

Sombras dos teus peitos

Fermosura

Lívidas azucenas

 

Aurigas azougadas

Necrolóxica da negación

Enxugar fouces

 

Sedoso é o esquecemento

Remexo nada atopo

Sedento verxel

 

Papeis nun refacho subxugante

Hoste do estalar

Limoeiro transcendental

Acedo desexo

 

Soterro as circunstancias

Menosprezo a marfallada

Soterro limóns

Na gorxa ferida.

 

Remexo entre papeis

Nada atopo.

 

 

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

Caen os ollos

 

Caen os ollos

Cansos

Sobre unha herba húmida

Vexetación en penitencia

Reviravoltas do costume

Aturas as feridas

Suturar con precisión

Dentro

Unha cabeza esgotada

E un fermoso muro

Esquezo a memoria,

Removo o pouso do café

Que non tomarei

Azucre

para a doce existencia

Aínda que os ollos

Cansos

Caen

.

 

ir arriba



 

 

ir arriba

A sombra do camiñante

 

Nas alturas

Unha aguia saúda

Á sombra do camiñante

Que lenta avanza

Calada e fiel

Compañeira

 

 

Nos desencontros

Da vida loitada

Unha pequena ave rapaz

Crúzase no camiño

Coa sombra do camiñante

Calada

Co seu escuro e silencioso saúdo

 

 

Na fronte da dor

Hai unha cabeza

Proxectada nunha sombra

Sobre a rocha dos desexos

Cansa

Doente

Única

Compañeira.

 

ir arriba

 




ir arriba

 

Un minúsculo soño

 

Soñando estou

Neste cruce de camiños

Ao lonxe

Vida envolta en sangue

Guerra fame inxustiza

Miseria rabia violación

Sede pederastia capital

Vanse achegando

No meu soño

O mundo tolo

Non ten vida

Ouvea ignorante

Pensando que o sabe todo

Que todo o pode

Si, case todo devora

Case todo estraga

Nas nosas mans o xeo

Da culpa

Soñar e non facer

Cruel castigo

Merecido.



ir arriba

 


 

ir arriba

Así que tes palabras

 

 

Así que tes palabras

Para expresar a dor

Non me quedan

 

 

Así que tes palabras

Para atrapar un bico

Non me quedan

 

 

Así que tes palabras

Para explicar a ledicia

Non me quedan

 

Así que tes palabras

Para a esencia do maldito

Non me quedan

 

Así que tes palabras

Para comprender a evidencia da pataca

Non me quedan

 

Así que tes palabras

Para presentarme a paz

Non me quedan

 

Así que tes palabras

Para falar en serio

Non me quedan

 

 

Así que tes palabras

Para repetir a túa promesa

Non me quedan

 

 

Así que tes palabras

Para aspirar o aire frío da mañá

Non me quedan

 

Así que tes palabras

Para interpretar un novo erro

Non me quedan

 

Así que tes palabras

Para afrontar a existencia implacábel

Non me quedan

 

 

Quedamos entón

En calar

Silencio mudo.

 


ir arriba

 

 


 

 

Unha humana oración

 

Bendito sexas, vento

Que arrastras as feridas

Ata a noite profunda

E aí as deixas

Repousar.

 

Bendito sexas, inverno

Que enches de choiva

Os desertos antigos

Que atrás

Van quedando.

 

Bendito sexas, soño

Que enches de saídas

Aos labirintos

En pesadelos

Convertidos.

 

Bendito sexas, amor

Que es todo

Calarei

Porque

Non hai palabras.

 

Bendita sexas, música

Que estoupas nos oídos

Ata o miolo

Da emoción

Que agarima o espírito.

 

Bendita sexas, noite

Que tapas amarguras

Ata que o berro

Morre

Nun negro silencio.

 

Bendito sexas mar

Que cobre de humidade

O meu corpo roto

Ata a esencia mesma

Da felicidade.

 

Bendito sexas, camiño

Que gardas con paciencia

Todas as pegadas

Ata a fin

Da viaxe eterna.

 

Bendita sexas, felicidade

Que sen avisar estás

Entre miseria e gloria

Nos sinxelos

Amenceres.

 

Bendita sexas, muller

Que deches toda a túa paciencia, a túa enerxía

Ata os límites da extenuación

Profundo sinal

De gratitude e bico.

 

Bendito sexas, corpo

Que latexas

Impertinente

Ata a sorpresa

Da nada.

 

Maldito sexas, mundo

Que preñaches ao becho humano

Ata o límite da

Inxustiza

Que semella nunca remata.


ir arriba

 


 

 

 

A carta esquecida

 

 

Escribo esta carta

Que ninguén recibirá nunca

Para expresar o alento

Da soidade

Na noite.

 

Escribo esta carta

Que ninguén recibirá nunca

Para tentar atrapar o aceno

Da felicidade

No mediodía.

 

Escribo esta carta

Que ninguén recibirá nunca

Para atopar o segredo

Da existencia

No atardecer.

 

Escribo esta carta

Que ninguén recibirá nunca

Para afrontar o devalar

Das horas inquedas

No amencer.

 

Escribo esta carta

Que ninguén recibirá nunca

Coas últimas forzas

Que ás veces semellan moitas

Dunha cotiá aventura

En compañía da destrución

E a resurrección impensábel.

 

Camiñante,

Segue o camiño,

Non pares,

Non mires atrás

Segue

Contigo como escudo

Contigo como frecha

Que atravesa a ofrenda

Da dama magoada.

 

Camiñante,

Segue o camiño,

Non pares nunca,

Nin mires atrás

Segue

Dous corazóns latexando

Unha soidade afastada

Que medra nos miolos

Do sucedáneo da loucura.

 

Escribo,

E cae unha bágoa

Por cada golpe

Por cada palabra

Por cada enfermidade

Que me mata

Que me matou un pouco

Por cada sorriso

Enchendo os meus ollos

De incribles posibilidades

De suave vida preciosa.

 

Escribo.

Vivo e morro

Todo nun segundo xa pasado

Todo na veloz sensación

De abatemento

E trunfo.

 

Escribo.

Palabras.

Vento.

Xa foi, xa pasou, xa está

O anxo

Das palabras

Que leva o vento

Lonxe

Lonxe

Lonxe.

 

 

 

ir arriba

 


 

 

Vontade

 

A vontade como forza

Enerxía atrapada entre fantasmas

A vontade

Como loita

 

Mañás eternas

Vómito no aire

A vontade

Como superación

 

Recuperar o mundo

Que escapa lentamente

Atrapalo co lazo da paciencia

A ilusión a esperanza

 

Volver ao campo de batalla

Coñecer cada faísca do seu lume

Espantar as trementes melodías

Enfrontarse ao mal agoiro

 

Gañar. Empatar cando menos

Neste ciclo que regurxita

Ansiedade, inquedanza, nervio

Fronte ao monstro:

Vontade. Calma.

 

Migallas de paz buscada

No crebacabezas desta vida.

 

Soño con tempos próximos

Tan felices

Tan sinxelos

O círculo perfecto.

 

O ente agora é inimigo

A mesma esencia da preocupación

Vontade

Como repetido esforzo.

 

Ao mellor volvo gañar

Ou empatar.

Ouveo por unha linda

Vitoria

Parcial, supoño.

 

Escoito os meus berros alá dentro

Alá onde pido un novo esforzo

E caio e me levanto

E caio e me levanto

Mentres poida

Mentres teña

Vontade

Como forza.

Mentres agardo

O milagre indefinido

A felicidade quente

Volve, por favor!

Volve!!

 

 

ir arriba

 


 

 

Maio

 

Maio

Cae o teu sol

Na miña fronte

Queimada

 

Maio

Un suspiro

Unha ameaza

Apocalipse do ínfimo

 

Maio

Atopo un milagre

Baixo a roca fría

Do absolutamente absurdo

 

Maio

Un remate e un principio

Folio branco

Música xorda

 

Maio

Eternidade diante

Da sucidade da formiga

Traballando infatigábel

 

Maio

Un agarimo

Feble á que ergue o voo

Non hai distancia nin cansazo

 

Maio

Repetirei o postre

Acumularei ganancias

De mercadorías sen prezo

 

Maio

Lenta cae a inmensidade

Dun lóstrego afastado

E perduro

 

Maio

Nun instante

Todo volve

E volve e volve

 

Maio

Amencer e noite

Tesouro envolto en música

É máis do que preciso

 

Maio

Outro mes

Outro andar

Canso e obsesivo

Precioso e enchido

De arrecendo a flores

Con espiñas

Sen espiñas

 

Maio

Unha posibilidade

E todo segue

Como se a existencia

Fora unha batalla esquizoide

 

Maio

Cordura por momentos

Un bico aperta fresca

Os botóns rotos da camisa

Que nunca usarei

O lapis rachado

Coa forza da man

Que sangra

Pingas vermellas

E un azul escuro ao fondo

Xusto onde ti querías

Xusto no centro da existencia

 

Maio

Vostede non ensina

Vostede fere

Cruel mestre trabucado

 

Maio

Fin de festa

Principio dun ciclo

Que nunca nunca se coñece

Só se intúe

Como unha sombra

Perdida na fronteira.

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

Vacina

 

 

Vacina

Esa foi a palabra

Que encheu a miña mente

Na vacuidade do cansazo

Produto do planeta enfermo

Do seu propio veleno

Que todos inoculamos

Homes, mulleres, nenas e nenos

O delirio da inxustiza

A utopía da man tendida

A usura dos sentimentos limpos

Transmutados en mortal gas tóxico

Guerra, enfermidade, dor inútil, absurdo sino

Nas vosas mans o corazón latexante

De tantos seres inocentes

E nin tedes a compaixón

De traer con vós unha

Vacina

Esa é a palabra

Sortilexio na noite

Feita carne

Feita loita

Revolución bendita

Polos ollos dos orfos miserables,

Solitarios, abandonados

Correrá o sangue

Enchendo o noso cemiterio preñado?

Poderán as nosas verbas

Acabar co maldito errar continuo?

 

Non tedes corazón

Non tedes alma

Eu, maldígovos

No nome do infrahome

Que chora e berra

E berra

Eu, maldígovos!

 

Só confío en ti.

Estás ai?

 

 

ir arriba

 

 


 

 

 

Para ti

 

Ti es todo

E todo es ti

A pesar da desgraza

Que che entreguei nas mans

A pesar das loucuras

Que che fixen sufrir

A pesar de todo.

Ti es todo

E todo es ti.

 

Ámote.

 

Sen ese amor

Raro, enfermo, máxico

Que che podo ofrecer

Nada sería nada

Nada existiría.

 

Miña esperanza,

Meu alivio,

Fiel compañeira na derrota

Dunha vida inxusta

Que trouxen aos teus fermosos ollos

Agarimo, presenza, compañía

Sorriso, dozura, berro roto.

 

Ámote

Fronte aos pesadelos

Fronte ao meu cruel cerebro

Fronte ao meu corpo

As veces infestado de medo

Tantas veces

Medo

Medo.

Maldito medo.

Non volvas máis!

 

Perdoa

Perdoa

Por citar a palabra

Que consumiu as nosas veas

Tráioche a ofrenda do perdido

Que se comeza a atopar

Entre lindos días

Tortuosos outros

Como sexan

Xa o sabes

Creo que non necesitaba dicircho

Necesitaba dicirmo

Necesitaba saber unha vez máis que

Ti es todo

E todo es ti.

 

 

 

ir arriba

 

 


 

 

 

Xuño

 

 

Un cansazo

E un final

Que paseniño

Vai chegando.

 

Xuño

Propósitos no aire

Un verán próximo

Un bocexo fondo.

 

Xuño

Un paso máis entre maleza

Resurrección

Sono.

 

Xuño

Orbitar no teu ventre

Sorrir

Chorar.

 

Xuño

Medalla ao traballo

Últimas notas

Con vermello cálido.

 

Xuño

Unha espera lenta

Un veloz correo

Sen remite

Sen remitente.

 

Xuño

E pecho os ollos

Durmir profundo

Anhelo eterno.

 

Xuño

Depurar o espírito

Tensar as cordas

Ata o límite xusto.

 

Xuño

Un misterio

Entrada dunha cova

Nunca antes visitada.

 

Xuño

Virxe

En branco

Todo por facer

Despois de facer tanto.

 

Xuño

Unha ilusión lóxica

Un tolo baleiro

Agardar

Sorte

Destino

Paciencia.

 

Xuño

Teño sono.

 

 

 

 

ir arriba

 


 

 

Unha incerta ilusión

 

 

Unha incerta ilusión

Ser dignamente feliz

O xusto

Loitar na vida

Coa forza do tempo

Como aliado

 

Escarlata nube que estoupas

Nun mar de cores alá arriba

Olla esta minúscula esperanza

Protéxenos dos monstros

Os bechos malos

A derrota.

 

E así,

Os días pasan

E o soño,

A incerta ilusión

Faise próxima

E afastada

Coma ese son distante do piano negro

Envolto en corvos mortos

E xofre nos nervios

Nunca voltar

Nunca voltar

A esa perda

Inframundo

Pelexa en va.

 

Xuntos avanzamos

Ata a seguinte estación

Non precisamos recepción brillante

Chega incluso coa soidade

Máis absoluta e perfecta

Das margaridas que nunca están soas

E brilla o sol

E chove

E todo dá igual

Porque soñamos

E agardamos

Que este labirinto de historias

Teña

De cando en vez

Final feliz

Final feliz

 

Fago mil sortilexios

En busca da ilusión

Permanente

Da nova nave

Fluíndo entre mareas

Que mollan

Pero non afogan

E a humidade é vida

Vida empapada en sangue

De tantos anos

Que pesan

Un pouco menos

Un pouco menos.

 

Sen idea do futuro

Nin do futuro do hoxe

Agardo un despois

Agarimoso e suave

Ben saben os deuses ateos

Que sería un despois

Gañado a sangue e lume.

Queimados

Derrotados

Abrimos a porta

E curamos cada ferida

Cada maldición.

 

Soño

Soño

Soño

Con días tranquilos

É dicir,

Felices.

 

Non quero espertar

Non quero espertar.

 

 

ir arriba

 


 

 

 

Eco

 

 

Pasearei polas migallas

Dun tempo de bágoas

Que nunca remata.

 

O ungüento do compartido

Dun amor estraño e voraz

Que sempre segue.

 

Paxaros sen niño

Nena soa abandonada

Miseria e abatemento

Un espertar claro.

 

Pasearei polas migallas

Dun espazo eterno

Que nunca remata.

 

Galaxias benditas pola paixón

A espera dunha nova vida

Nova ansia nova palabra.

 

Volverei chorar e rir

Xunto ás árbores caladas

Nunha sombra amiga

Que me protexe.

 

Soñar. Vivir.

Afrontar as penas

E as delicias

O tormento

A vitoria plena

Interior

Fonda.

 

Pasearei polas migallas

Dun continente por descubrir

Mentres aperto as túas doces mans

Gardiás da sorpresa e o sentido.

 

Tento atopar o centro

De toda esta gravidade non newtoniana

Percorro preguntas e respostas

Aínda non sei case nada.

Non sei case nada.

 

Pedireime axuda

Auxilio

Perdón

Temperanza

Pedireime un camiño

E un andar lixeiro

Paseniño.

 

Entre a inquedanza

Grazas á oportunidade

De trocar

Este pequeno mundo.

 

O grande

Ten salvación?

Ten esperanza?

Ten futuro?

O grande

Avanza cara a ningures

Emboutado

Na súa propia miseria.

 

E eu,

Eu penso na existencia

No loito e a brancura

Sutil alimento da alma

Que vomita escorpións

De ollos grandes e ventres negros

Mentres o zume máis rico do universo

Fruición na boca que degusta

Rico

Moi rico.

 

 

 

ir arriba

 


 

 

Apalpando a vida

 

 

Colocarei todas as pezas

No meu corazón latente

Unha promesa por cumprir

Un aceno de fuxida.

 

Estouparei contra min mesmo

Anacos do porvir

Materia orgánica sinxela

Un navegante perdido.

 

Tirarei todo o que sobra

Resumo dunha fazaña en noxo

Amar e ser amado

Unha petición de clemencia.

 

Sortearei as barreiras todas

Cunha pinga de bágoa e sangue

Ollos cravándose nas súas órbitas

Un xeito de compartir a mesma dor.

 

Proveño da distancia

Atopo luz ás escuras

Camiño a pesar de todo

Vivo e vou morrendo

Avanzo

Retrocedo.

 

As mil agullas do imposible

Non son dabondo

Para me convencer,

Así que aquí sigo

Ata mañá?

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

As feridas e o soño

 

 

Contar dignidade

En capas de azucenas

Outra ferida, outro soño

A certeza vital

Da vontade apreixada.

 

Abrir todas as gaiolas

Pedir perdón

O espello reflicte

Outro golpe.

 

Non caer, non caer

Derrota que todo devora

Perfectos círculos de existencia

Pequenos milagres.

 

Berrar

Devalar cada rutina

Un e outro día

Espertar

Durmir

Comer

Falar

Ser

Estar.

 

A conciencia suplica

O ungüento do imposible

Porque todo pode ser

E baixo os pés hai area

Fina

Choiva

Húmido verán.

 

Tentar atrapar un estado de ánimo

Calmar o vermello da ira histeria loucura rabia

Ouvear ouvear ouvear

Chorar chorar chorar.

 

Saír á superficie

Fritir un ovo

Da casa fogar agarimo quérote

E descansar.

 

 

 

ir arriba

 


 

 

Cal é a resposta?

 

 

Cal é a resposta

Para esta vida anhelosa

Derrubada e renacida?

 

Cal é a pregunta

Para esta maldita hora

Furiosa e malévola?

 

Cal é o sentido

Para este existir fatigante

Tremente e máxico?

 

Cal é a hora

Para escoller a inxustiza que rodea

Noxenta e denigrante?

 

Cal é o motivo

Para a enfermidade, a dor

Miserable e sucia?

 

Cal é a palabra

Para remediar tanto sufrimento inhumano

Sufrimento e morte anti-natura?

 

E agora,

Onde me coloco?

Quedo xunto a ti?

Vou romper unhas cantas cabezas?

Rachar o meu ventre, sangue polos humillados?

Ollar ausente?

Inmóbil debo quedar?

 

O cerebro nunca nunca para

Mais o mundo semella non mirar

Absorto

No seu embigo

De inmundicia

Bágoa

E a man que te salva

E a man que te mata.

 

Cal será o final de todo isto?

Morrer en paz,

Sería perfecto.

Perfecto.

 

 

ir arriba

 


 

 

Se quixera

 

A trouxa do maléfico

Zamurgo raposeiro

Avelaíña que voas na noite

Ourizo de mármore.

 

Unha retranca rebrota

Unxe o óleo sagrado

Porteiro das úlceras

Limiar do sombrizo.

 

Cadaquén inxuria ás células

Contrabando aveso e con chaleco

Ferrancheiro ultimato

Chalanear o prezo.

 

Negociar un armisticio

Colar ganchudo e canalla

Babeco posuidor do gando

Humanidade podrecida

 

Gargarexo que larica

Mester do memento do marmelo

Beberaxe da melloría minguante

Ágata cun quimono queimado.

 

No sueste din que hai auga subvencionada

Subrepticio alimento dos cordeiros

Suorento sucesor da sucidade

Subxugante suceso do suburbio abandonado.

 

E onde está a palabra viva?

Se quixera

Diría cousas así de afastadas

Do meu satélite.

Emerxencia.

 

Tundra vomitiva

Agulla que crava

Mantén a compostura

Se tiveras o tacto

De non chorar máis.

 

Os homes tranquilos

Nun transo trampean a morte

Transcriben transcendentes tratados

Trapelas transaccionais

Transbordo cara á trama

Vomitando aneis de ouro.

 

Se quixera…

Sería outro…?

 

 

ir arriba

 


 

 

E con Xullo marcha un bico lindo (Á Neuroband, lembrando o noso concerto para a Radio Galega Música. Grazas, amigos.)

 

E con Xullo marcha un bico lindo

E un ouveo brutal que estoupa os oídos.

 

E fomos quen de facelo

E fomos quen de ensinalo.

 

Os xinetes da electricidade neurótica

Cabalgaron sobre ondas vertixinosas e tolas

E océanos de sons e miradas

Que escapan tras cada silencio

Entre ás veces e non teño nome.

 

Asegúrovos que o meu corazón latexa

Escoitando o devalar do noso froito.

 

Asegúrovos que o sentido da vida

Fixémolo nunha pequena historia

Dun sábado quente.

Tan quente.

 

Co noso regalo na fronteira

Da esperanza e o cumprido

Traballo preñado de sangue e vida

Renacer, nunca remates.

 

Os neuróticos volveron berrar

As súas estrañas vidas

Cheas de abaixo e arriba

Arriba e abaixo.

 

As súas pequenas vidas

Cheas de música

Cheas de cruel e preciosa

Vida.

Que son o mesmo.

E o mesmo é todo.

Todo o que precisamos

E somos.

 

Á Neuroband (lembrando o noso concerto para a Radio Galega Música. Grazas, amigos.)

 

(31-VII-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

 

A roupa vai secando (Coordenadas)

 

 

Fóra

No mundo malvado e lindo

A roupa vai secando

Cos raios dun sol tímido.

 

Dentro

Un remuíño de soños

E pesadelos rotos

Atravesan a vida

E a morte que sempre chega.

 

No medio

Un neno le xornais que non entende

Reprime as bágoas

Reprime a ausencia.

 

Tras de ti

Unha masa orgánica de posibilidades

Un azaroso determinismo

Liberdade e escravitude

Xogando ao xadrez nunha mesa de rocha

Dura e real.

 

Máis alá

Onde rematan as ledicias

A anciá recolle patacas podres

De súpeto todo é lume

Un inferno na esquecida leira

Unha catarse para os solitarios.

 

Lonxe, moi lonxe

Camiñan os humanos mudos

Xordos cegos

E os do sufrimento inútil

E os da felicidade simple

Tropezan, caen, erguen

Tentan camiñar

Camiñar.

 

Aquí

Un bico e unha ferida

A maldición do tempo

A bendición do tempo

Nun espazo inmenso

Nun pequeno buraco

Absolutamente relativos.

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

Dando voltas

 

 

Dando voltas

Entre o inferno estomacal

Os pesadelos malos corren

Tras de min.

 

Dando voltas

Atopei a felicidade do sinxelo

Non penetrei no gran trunfo

Mais atopei a vitoria parcial e gloriosa.

 

Dando voltas

Berro choro río

Rabuño o mundo que me devora

Cachiños de inconsciencia e cordura.

 

Dando voltas

Afino os fíos dos nosos corazóns

Procura gravitar entre o coñecido

E, ás veces, caio.

 

Dando voltas

Mergúllome no mar

Quero saír ao sosego

Ese benestar fuxidío.

 

Dando voltas

Mareo e náusea

Tamén sorriso e paz

Relatividade.

Movemento eterno.

 

 

ir arriba

 


 

 

 

Instinto de supervivencia

 

 

Mordo o corazón

Un instinto primario

De dor e vida

Supervivencia no límite

Da física

E a metafísica.

 

Percorro os buratos

Noxentos e saborosos

Nunca atopo a definitiva saída

Mais hai luz de vez en cando.

 

Observo os teus movementos

Coa mesma frialdade crúa

Dun estómago que sabe a noite enferma

Pesadelos dun traballo que esgota

E que forma a esencia enteira.

 

Procuro novos anhelos

E unha vella languidez de amante

O teu sorriso, o teu silencio

E tamén os berros e a tristura.

 

Atopo os antigos xoguetes

Cos que a infancia foi morrendo

E o futuro segue a ser pregunta

E o presente, loita.

 

Botaría todos os males do mundo

Ao lixo do esquecemento

Erguería ceibe e atónito

Feliz sen carga nin pasado

Cunha estrela acompañado na viaxe.

 

Nada é fácil, nada é sinxelo

Todo é simple e flúe nun continuo

Así que tento arranxar a mente

O corpo o negro o branco

Tento atrapar segundos fermosos

Nunha máxica inocencia.

 

Son culpable

Mais creo que non son malo.

Son inocente

Mais creo que non son bo.

 

Destrúo os vestixios

Calquera proba inculpatoria

Mentres se repite outro amencer

De fresas salvaxes

E vómito sanguento.

 

Acabarei

Por perder a razón

O sentido

A cordura

Acabarei prisioneiro

Nunha gaiola esmeralda

Acabarei voando pola magnitude

Dun universo inmenso que se me escapa

Traereiche un ramo de rosas

E un bico para os teus eternos beizos.

 

Amor.

Loita.

Consciencia.

Cordura.

Trato.

Asino.

Que será de min?

Que será de nós?

Dúbida e certeza

Afouteza e medo

Doce fogar da ilusión

Que alleo agardas.

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

Cos ollos pechados

 

 

Cos ollos pechados

Escoito a eterna música

Que dá sentido ao mundo.

 

Cos ollos pechados

Escoito as eternas bombas

Que o enchen de buracos.

 

Cos ollos pechados

Amo silencioso, alma doente

Corazón que fai latexar.

 

Cos ollos pechados

Advirto enganos e inxustiza

Noxo que envolve a terra infame.

 

Abro os ollos

E atopo miseria e frustración

E tamén ledicia e gozo

Vexo o universo humano.

 

Abro os ollos

E atopo demasiadas cousas

Para demasiados poucos

Imbécil existir.

 

Cos ollos pechados

Murmurio as pregarias humanas

Alguén tralo teléfono esquecido

Unha agulla entre a maleza

Infección que dexenera

Felicidade rodeada de mar e dados

Unha posíbel imposibilidade.

 

Lembro, agora,

Aquí,

Agardando

Que ao mellor non teño ollos.

 

O cego das palabras

Segue a morder en branco e negro.

 

Tanto tempo despois

Tras tanta vida e morte acumulada

Son outro

Pero estou sen facer.

 

Quedaredes comigo?

Marcharedes deixándome so?

 

Como Johny sen fusil

Mando un s.o.s.

E agardo

Agardo

Na escuridade.

 

A paciencia trae preciosos regalos

Como a resurrección do monstro

Convertido en mellor persoa.

 

Mais non te fíes,

Non baixes a garda,

O camiño nunca remata.

 

 

 

ir arriba

 


 

 

Setembro abre os ollos

 

 

Setembro abre os ollos

Cun sol que alumea as posibilidades

De ser unha fermosa ferida

Chea de soños e comprensión.

 

Vivir contigo

Vivir comigo

Vivir con vós

Así

Tranquilo

Nun “ comfortably numb”

Que non doe

Non esgana

Non maldí.

 

Xenerosidade e esforzo

Creación e ansia doce

Setembro será o que el queira

Eu, procurarei estar atento

Ao sinais

Que moitas veces perdo.

 

Desculpa.

 

Xordo, mudo, cego

Tantos anos

Segunda pel

Que arranco cos dentes

Sen compaixón.

 

Non hai piedade co sufrimento absurdo

Maleducado

Xeneticamente angustiado.

 

Desculpade.

Eu, procurarei

Ser aqueloutro que hai en min.

Ben o sei.

Agora.

 

 

ir arriba

 


 

 

Sinto

 

Sinto

A brevidade do sorriso

Sinto

A volta de ser un o problema

Sinto

Que o tempo non agarda

Por nada por ninguén

Sinto

Unha intensa necesidade de equilibrio

Sinto

Que todo é sinxelo e tan complexo

Sinto

Que vou a rolos

Sinto

Por un longo camiño

Sinto

No que esvaro e caio

Sinto

No que ergo e alumea o día

Sinto

Un non saber o que me agarda

Sinto

Atrapado na posible incerteza

Sinto

Voar lixeiro de conciencia e corpo

Sinto

Peso fondo nas entrañas

Sinto

Son e non son

Avanzo e retrocedo

Berro e murmurio

Un cachiño de felicidade

Un cachiño de malestar

Pasan os días

E nin eu

Nin ninguén

Saben o que sinto

Porque o próximo segundo

Sinto

Que sempre é un misterio.

 

Sinto

E xa é moito

Poder sentilo.

 

 

ir arriba

 


 

 

Cadeas

 

 

Cadeas de marfil e ouro

Dentes afiados, rotos

Un porvir mudable

Morriña do solpor.

 

Cadeas de sangue e frío

Bocas pechadas, mortas

Unha fervenza esgotada

Ausencia no corredor.

 

Cadeas de zinc e cobre

Mans afundidas, pétreas

Un bocexo desafortunado

Perda do centro amábel.

 

Cadeas de soño e mel

Cabezas atordadas, cansas

Unha probabilidade incerta

Nada no horizonte.

 

Cadaquén ten o seu peso

Inmenso, brutal. Lixeiro, cómodo.

Cadaquén fai o que pode

Pero non sempre chega

E ata en ocasións, sobra.

Calo co meu paso indescritíbel

E canto a canción para os feridos

Amigos, amores coñecidos

Descoñecidos, asexantes inimigos.

 

O corazón latexa lento

A virtude da prudencia

Non todos os regalos son para ti

Pero ao mellor hai algo.

 

Abro as mans e vexo gretas

No meu colo a ledicia humilde

Tímida, fermosa.

Abro as mas e vexo historia

No meu ventre tapón e parto.

Súo

O máis sinxelo da vida

Resulta tan complicado.

 

Tento resolver o enigma.

Vou andando.

Pouco a pouco.

A solución agarda

Silenciosa, un fío,

Un leve alento.

Suficiente.

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

O sabor (Dende A Basella)

 

 

O sabor amargo na boca

Procuro doces pensamentos

Teiman as horas imperfectas

Derruban barreiras os segundos.

 

O tacto da pel suave

Arrancar con calma o corazón

Imitan as xentes os tímidos movementos

Constrúen universos perpetuos.

 

A mirada brillante do esquecido

Tento ser mellor, máis bo, un eu

Afían coitelos os pesimistas.

Morren por un intre os reloxos todos.

 

O arrecendo a flores fundidas en fume

Recollo as imitacións da orixinal ausencia

Ferven os corpúsculos do nervio

Atopan solucións os sabios tolos.

 

O son da multitude berrando allea

Acumulo infernos agonizantes, mortos

Estoupa o látego na ventá pechada

Lanzan bicos os soldados do pasado.

 

Ser, fluír

Ir gañando terreo, confianza

Cada nova busca, cada novo enigma

Non baixar nunca a garda.

Non baixar nunca a garda.

 

Nun estado de amable consciencia

Acumular espazos sosegados

Paz, cordura, vento fresco

A oportunidade que non debe fuxir.

 

A oportunidade inesperada

Perdurable?

Única

Vivo.

 

 

ir arriba

 


 

 

Festa rachada

 

 

 

Se o ser humano fose digno

Buscaría un motivo para o seu perdón

Para a súa noxenta existencia

Especie dexenerada e maldicida.

 

Se o ser humano fose digno

Atoparía apertas, bicos, un sorriso

No medio de bágoa, miseria, inxustiza, dor

Que é o que fixemos?

 

Se o ser humano fose digno

E o mundo que el constrúe fose honesto,

Honrado, xeneroso, latexo quente, amor en carne viva

Onde foi que nos perdemos?

 

Sapiens sapiens inmundicia

Artesán perfecto da impotencia

Demiúrgo da maldade e a violencia

Cando pensas pagar as túas frías culpas?

 

Sapiens sapiens desesperación

Ouveo penetrante e frío

Es deus e deus é inferno neste mundo

Por que non tentas eliminar a eterna débeda?

 

Somos o que somos.

Todas e todos.

Ollamos aterrados

Ollan impasibles

Duplicidade esquizoide

Século XXI,

Simplemente outra pegada

Na nosa historia de vermes

Repugnantes, retorcidos, recorrentes.

 

Gustaríame dicir futuro, esperanza

Dicir especie que paga a pena

Mais cada telexornal abate a alma

Ateísmo e soidade

Fronte ao pavor e a desesperanza.

 

Camiñamos xuntos

E non nos coñecemos.

Camiñamos xuntos

E non nos comprendemos.

Camiñamos xuntos

E non falamos

Do importante

Acabará algún día a nosa infamia?

 

Soña, sapiens sapiens, soña.

Muda a pel, troca a baleira palabra

Ou cala, por propia vergonza.

Cala.

Cala.

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

Chegarán (Dende A Basella)

 

 

Chegarán os alumnos

E a estancia baleira

Será un microcosmos cheo de vida

E de cabeciñas agardando

A solución

O erro

O sentimento

O berro

A suave ledicia

Chegarán

Como chega a noite

Implacábel e fermosa

O suspiro

O aceno breve

Fugaz encontro

Chegarán

E logo,

Irán marchando

Lóxica irrefutable

Da vida

Do devir

Do enigma

Madurar

Traballar

Fuxir

Estoupar

Criar

Retornar

Unha migalla de felicidade

E un sorriso tardío.

 

 

ir arriba

 


 

 

 

Unha minúscula proporción (Dende A Basella)

 

 

Dous litros de sangue

Tres quilos de dor

Unha ducia de ouveos

Mil flores, arrecendo inmenso

Un millón de estrelas por mirar

Un feixe de emocións sinceras

Unha tonelada de bágoas

Outra tonelada de sorrisos

Unha cunca de viño eterno

Unha migalla de esperanza

Un milímetro de esplendor

Un ferrado de inquietude

Unha fanega de brillos xordos

E unha minúscula proporción

De vida quente

Que o encha todo.

 

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

Chegaron as tropas

 

 

Ao lonxe a batalla

Que se aproxima

Lenta

Implacábel.

 

Ao lonxe as tropas

Nunha crúa loita

Brutal

Desapiadada.

 

Chegaron as tropas, meu amo.

Os reforzos todos, meu señor.

 

Venceremos,

Pensou entre néboas

O dono do mundo.

 

Venceremos.

 

A historia conta aquel glorioso día

Como a fin total da especie

Os elegantes, refinados,

Intelixentes, valorosos,

Crueis, mortais,

Indignos, imbéciles,

Escuros, ambiciosos,

Corruptos, asasinos, fríos,

Dogmáticos, frustrados, perdidos

Sapiens sapiens

Un adeus de carne é osos

Un adeus de sangue e noite

Un adeus buscado e merecido

Un adeus avisado

E volto avisar

E volto avisar

Un adeus a un soño?

Un adeus a unha bágoa, a un sorriso?

Un adeus au agarimo?

Un adeus a unha linda mirada?

Un adeus a unha praia de auga cristalina?

Un adeus a unha aperta certa?

Un adeus a unha paz fugaz, preciosa?

Un adeus a un solpor máxico?

Un adeus a outra bolboreta branca?

Un adeus á túa pel?

Un adeus a estar contigo?

Un adeus ao seu futuro?

Ao futuro como concepto?

Un adeus a amar e ser amado?

Un adeus a mellorar?

A tentar ser digno da túa especie?

Foron tantas as culpas.

Foron tantas as culpas.

Foron tantas as culpas.

Foron tantas as culpas.

Foron tantas as culpas.

 

Un día máis.

Un día máis.

Por favor!

Cambiaremos!

Cambiaremos!

Cambiaremos?

 

O campo de batalla está deserto

A boa nova propágase entre os mortos

A infamia da ignorancia

Foi vingada.

 

No nome da mínima cordura

Agardo que a evolución natural, necesaria,

teña algunha outra xogada

Mellor.

 

Non o ten difícil.

Non si?

 

A DESTRUCIÓN FOI TOTAL, MEU SINO

AGORA, SÓ TEN QUE ME MATAR.

POR FAVOR, RÁPIDO.

POR FAVOR, NON MIRO

 

Calo

Morro

E logo, soño

Suspiro

Noite

Nada

Todo

Outra vida nesta

Outra oportunidade para perder

Outro silencio

Outro que non son eu.

Outro.

 

 

 

ir arriba

 


 

 

A beleza

 

 

No encontro agardado

Na nova ecuación

No intre exacto

Na sinxela palabra

 

A beleza indescritíbel

Percorre os corpos

E as mentes dos calados

Unha cara, un sorriso,

Un paxaro, o mar

O bico que á fin chega.

 

No soño imposíbel

Na frecuente humidade

No outono cheo de caídas follas

No bocexo tranquilo e puro

 

A beleza inmensa

Atrapando cada poro da túa pel

O orgasmo impenitente

A aperta compartida

Unha flor, unha ilusión,

Un día máis, as nubes brancas

A cor que cobre as sombras.

 

O arte como fin en si mesmo.

A creación como cura e bendición.

O cotiá esforzo por seguir

A dignidade

A beleza está por todas partes

Neste feo e indigno mundo.

 

Ollala, compartila

É un alivio fiel,

Unha esperanza,

Unha árbore que medra

Entre malas herbas

Entre pura maldade.

 

A beleza

Dentro e inesperada

Única, relativa

Allea e próxima

Tantas veces

Incomprensíbel

E machucada.

 

Beleza é vida xusta

Beleza é vida que doe

Vida que sangra

Vida que ri

Vida que morre

Vida que atrapa

Beleza es ti

As caras, os sabores,

O tacto imperceptíbel,

O alento fresco

 

Beleza é o que case sempre falta

Porque vai da man do inesperado

Porque foxe do noxo humano

Aberración, violación, pederastia,

Inmundicia lixo

Que nos deixa cegos, sen beleza,

Sen palabras,

Sen soños,

Sen esperanza.

 

Perdoa a miñas culpas

Por acción e omisión

Perdoa o desastre da existencia

Que cumprín obediente,

Militar fanático do medo

Perdoa a miña ignorancia

Sobre a esencia da beleza humana.

 

A fachada ou os cimentos.

Os cimentos, a orixe,

O fondo real,

A posible verdade.

 

Ignoro que sentido ten todo isto

Por iso berro e ao fondo escoito

O meu propio e maldito eu

Feo, inexacto,

Lindo, constante.

 

A beleza existe

Pese ao ser humano.

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

Probas de esforzo

 

 

Mes do frío que suspiras

Quixera albiscar quente futuro

Amarrar a gamela da inquedanza

Nun lugar tranquilo, seguro.

 

Soñei que todo era sinxelo

Mais non era un soño, era real

Impide o paso do desacougo, o medo

Seguir soñando en harmonía quero.

 

E será difícil,

E será duro,

Non te cebes co arrepentido

Esta migalla de vida nova

Foi tan fermosa tan agardada.

 

Farei as probas precisas

As análises todas

Déixame a forza suficiente

Para gañar outra batalla.

 

O mes comeza, dúbida e carne

Mente ferida na superficie

Que a bala infame non chegue nunca

Ao centro odiado da perda que mata.

Soño con días como os pasados

Sinxela aperta con mañás fermosas

Sorriso cálido das esperanzas

Soño non ser doente.

 

Xa sabes que non sei facer pregarias.

Destino, vida, isto é todo o que podo dicir

E digo:

DÉIXAME VIVIR EN PAZ

DÉIXANOS VIVIR EN PAZ.

 

O mes comeza.

Pasarán os días

Pasará a treboada?

 

Hai lóstregos ao fondo

Tamén un atardecer en calma.

 

Sorte.

 

 

ir arriba

 


 

 

Ondas (Dende A Basella)

 

 

Ondas crebadas

Achegándose implacables

Á beira da praia da vida

 

Ondas crebadas

Nora que xira e xira

Dende aquí abaixo adiviño

A flor da podremia

 

Ondas crebadas

Un latexo lento

Un bocexo parvo

Curar as feridas.

 

Ondas crebadas

Futuro incerto

Nun presente inexacto

Presente que a nora rexe

 

Ondas crebadas

Maldición e maxia

Pureza no benestar

Malestar indómito

 

Ondas crebadas

Punzón no segundo perdido

Ollar as nubes, despreocupado

Contabilidade odiosa

De pequenos actos.

 

Ondas crebadas

Incomodidade e alivio

Destrución do innecesario

Mais sempre precisas case todo.

 

Ondas crebadas

Fago a maleta

Nova viaxe, novo día

Peso, sutil ou espeso

Carga bendita

E maldicida

Horror dos pobres

Fame sen fartura.

 

Ondas crebadas

Como a existencia enteira

Dun breve lapso

De mareas e solpor.

 

Quixera pedir unha esmola

E unha bula ata a morte certa

Sacrílego pailán

Devorador de incertezas.

 

Ondas crebadas

Como a mente chea

E o baleiro estómago

Remexendo ácidos

Corroendo a brancura

Dunha inocente e parva pomba

Negra Negra

E tamén branca.

 

Voar

Sobre as ondas crebadas

Sobre o sufrimento inútil

Sobre a gozosa quietude

Sobre o mar infinito

Voar

Sobre o misterio

Cruel e doce

Brillante e escuro

Dialéctica recorrente

Vida.

 

 

 

ir arriba

 


 

 

Froitos (Dende A Basella)

 

 

Recollín o froito esplendoroso

Húmida beleza dun soño cumprido

Beneficios incontables dun terreal paraíso

Amalgama de felicidade e benestar.

 

Os tempos da vendima da dor son chegados

Crúa mañá que elaboras o veleno da ansia

Perdas dunha intolerábel derrota

Supoñer que o futuro é un aliado.

 

Quixera cantar moi moi alto

Berrar aos xordos e ignorantes

Cumprir a promesa da dignidade

Establecer o meu íntimo criterio.

 

As luces dos coches tolos van pasando

A noite perdura na cordura que treme

Camiñando nun finísimo fío de amargura e mel

Caer unha vez máis. Erguer o peso do que foi e é.

 

Podería xogar coa moeda sen brillo

Cambiar os meus cromos por un tenro bico

Chorar ata a fatiga definitiva

Ouvear coma un lobo nunha tundra fría.

 

Se... E ábrese unha posibilidade

Se... E estoupa o mundo enfermo

Se... E camiñamos xuntos

Se... E atopo o equilibrio.

 

Todo resulta confuso e ocre

Coma un cabalo morto na beira da doce praia

Súbita luz que alumeas a cega noite

Ver con ollos renovados, limpos.

 

Repetida súplica: silencio, latexo

Repetido soño: ilusión e fame

Repetida culpa: familia infectada, morte

Repetido desexo: apócema que todo o cura.

 

Deixádeme sobrevivir un pouco

Prometo pagar as miñas débedas

Tal vez ser mellor

Tal vez perder

Esta longa partida

Longa longa

Con demasiadas cartas marcadas

Con demasiadas cartas rachadas.

 

Non chores

Non sufras

Que difícil é seguir

Que difícil é perder

Que difícil é gañar

Que sinxelo é comer da man dun tolo

Tan sinxelo como beber da auga sucia da cordura

Tan sinxelo como resucitar e tremer

Tan sinxelo como un pano branco sobre a mesa

Un cacho de pan

Un vermello viño

Unha fuxida

E, de novo,

Unha volta.

 

Aquí estou.

Outra vez.

 

 

 

ir arriba

 


 

 

O monstro que sempre asexa

 

 

Chegou

Suor fría nas mans

O monstro que sempre asexa

Estaba aí, agardando

Na escuridade do noxo

Na impaciencia que trae ansiedade metálica

No desasosego impenitente

 

Chegou

Cando o ano da milagre está a rematar

E penso:

Poderei unha vez máis con el?

E penso:

Volverán os días de felicidade sinxela,

única, preciosa?

 

Volverán.

E cada día será de novo un amencer pausado

Unha suave música nos oídos da muller que amas

E cada peza estará no seu sitio.

 

Volverán.

 

Non será sinxelo.

 

Nada importante resulta sinxelo

Para unha mente ferida

Para uns corazón rachados

Que vellos, floreceron inesperados

Incríbel vida

Incríbel soño cumprido.

 

Remata o ano

Vai rematando

O monstro que sempre asexa está aí

Poida que nunca marche

Que sempre perdure na nosa existencia.

 

O meu traballo:

Seguir o camiño lindo

Agora que sei que tal sendeiro existe,

Coma se nunca estivera aquí o monstro

Lanzalo ao escuro, ao agochado

Non beber do seu noxo,

Do seu sucio sabor

Da súa droga frenética.

 

Calma.

Paciencia.

 

Grazas por todas as ilusións devoradas este tempo

Tempo de gloria humana, vida digna

Ilusións devoradas coa avidez dos sedentos de paz.

 

E agora,

Agardar

Calma

Paciencia.

 

E sempre,

Sempre,

Sempre,

Loita.

Sorte e saúde

Renacidos pequerrechos.

 

Hai lóstregos e chove

Pero o sol sempre acaba saíndo.

 

É ese o contrasinal lóxico

Para vencer as duras batallas?

 

Conta ata mil

Pasea co malestar da man

Pasea ledo polas rúas deste labirinto

Que tivo saída

E volverá a tela

A pesar do monstro

A pesar de ti

 

Tenta tapar o pozo sen fondo

Non caer de novo

 

Tenta vivir,

Gozar aínda con dor

Cada suspiro

 

Lembra,

Todo isto é un regalo

Un tempo extra

Unha oportunidade inesperada.

 

Lembra,

A felicidade sempre semella breve

Pero ela, tamén ela,

Sempre semella asexar ao teu carón,

Agora,

Neste novo e descoñecido universo.

 

Sorte e saúde.

Vida limpa.

Vida. Vida.

 

 

 

ir arriba

 


 

 

Un ata logo

 

O remuíño da existencia

Cobre bágoas de salitre amarga

O remuíño de azucre

Delicia, aperta no corazón

E chorando, sorrío.

 

A insistencia do fugaz equilibrio

Soña bágoas nunha mazá vermella

Hai veleno, hai antídoto

Todo nunha mirada cristalina

Todo nunha quente aperta.

 

Marcharon os que non están

Deixando lembranzas malferidas

E vívidos paraísos

Un adeus incomprensíbel,

Aceptado, humano.

 

Vou entrando nun novo ano

Unha nova proba,

Unha nova parálise

Un novo arrepío

Ata logo, milagre

Ata logo, segundo caído

Nas trompetas do misterio.

 

Os elefantes camiñan con paciencia

Esa que busca un perdido humano

Escoito campás, música da entraña

Inocencia violada entre balas de prata.

 

Ata logo, ata sempre

A fatiga converte o verde en ermo

A ilusión como lexítima vinganza

Amar, cantar o vello canto

Para todos e para ninguén.

 

Esquecer a escuridade

Reencontrarse coas árbores caladas

Cando o sufrimento se esvaece

Entra a branca páxina nunca escrita

Nunca rematada.

 

Todo o que fun

Todo o que fomos

Exceso e contención

Borracheira e vómito

Fume entre as mans trementes

Unha posibilidade

A danza dos malditos

A danza dos renacidos.

 

Ata logo.

Todo flúe

E nunca saberás se a resposta é a correcta,

Nunca, ata que todo remata.

 

Vendima de ocos e plenitude

Fartura e fame

O pequeno rato e o seu desexado queixo

O gato, na soidade, compañía e soño.

 

Unha etapa, un paso máis

Incertas pegadas dun futuro incerto

Vestixios de coral rosa

Un corazón

Un becho

Xenética que inflama

O que tanto doe

O que tanto calma.

 

Ben, será mellor ir rematando

Como o ano que vai morrendo

Será mellor sangrar

Mellor que non ter sangue para derramar

Bágoas para sentir

Mar para encher o peito

De salitre viva

E peixes dourados.

 

Son tan pequeno.

Somos tan pequenos, ínfimos.

 

Soa “The great gig in the sky”

Coma o eterno retorno do coitelo anhelado

Soan os berros que estoupan no centro incólume

Do que permanece

Perdura

Aguanta

Do que construíches

E derrubaches.

 

Ben, un murmurio

Falar baixiño

Dicir: “amor, amante”

Morre o son das serpes lilas

Morre o ano

Outra pegada no chan

Outro punto de partida

Inexacto e indescifrábel.

 

É incríbel, pero seguimos vivos.

Con todo o que iso implica.

É incríbel a matanza cotiá

Mais aínda hai nenos e nenas

Xogando

Sos e acompañados.

 

O mundo, certamente, é un estraño xogo

Nunha illa calma por ela sempre perseguida

Antes da penúltima tempestade.

Ninguén gaña.

Xogamos

Mentimos

Facemos trampas

Observamos

 

Supoño que ese é o sentido

Xogamos

Perdemos e gañamos.

 

E, mentres tanto,

O tempo pasa e pasa e pasa...

 

Ata logo.

 

 

ir arriba