E todo
é loita
E busca e camiño
Pegadas que van quedando
Soños cumpridos
E incumpridos
E será o que teña que ser
E buscarei os teus beizos
Unha vez máis
E a túa calor
E ti a miña
E tentaremos afastarnos
Do frío da inquietude
Do xeo da tristeza
Un mundiño noso
Un quefacer cotiá
Que segue aberto
Ante os nosos ollos
Todo é posíbel
Todo é ir facendo
Traballo bágoa e riso
A vida rápida lenta
Unha vez máis
Sempre a vida
Ata que a morte chegue,
Así que vive a vida
o mellor que saibas,
o mellor que poidas.
Nesta noite que cae
Onde uns reis chegarán
Coma milagre para algúns nenos
Estoutro pequeno
Que aquí sofre
Pide folgos renovados
E non moita máis dor
Pide o regalo da paz interior
Da vida sinxela para tres
Non moito máis becho,
Por favor!
Que marche canto antes
Á súa cova nada máxica
E deixe este inverno
Pasar sen máis gloria
Que a precisa
Para andar xuntiños da man
De cando en vez cun sorriso.
Unha antena allea
O alumeado silencio
A vontade como salvación
Entreabertas as ventás
Respiras entre angustia
E satisfacción por estar vivo
O traballo das horas
A lixeireza das horas
Contradicción vital
Esforzo ledicia tristura
A antena segue recollendo
Sinais
Iso é bo.
Vasalos, señores
Edificando o mundo
Donos, escravos
Construíndo a realidade
Inxustiza de clases
Castes baseadas no
Re-li-xio-so
Imperfección asumida
Noxo asumido
Estratos sociais
Enlazados co capital
Do demo
Vasalos, señores
Donos, escravos
Sempre o mesmo
A mesma canción
Desafinada
Desprezable
Despótica.
Revivir sensacións
"deja vu", non querer
esta melancolía apreixando o ventre.
Revivir aquela música
Eramos rapaces con ollos moi abertos
Esta melancolía percorrendo as veas.
Revivir aquelas historias
De princesas e noites tolas
Esta melancolía invocando pantasmas.
Presente continuo de avatares
Zigzag entre emocións
Melancolía do pasado presente.
O boli vermello debuxa fallos
E, ti o sabes?, que é un fallo?
Unha relativa dependencia
Unha relativa despreocupación
Limar os cantos da mesa
Na que traballaches anos
Para pousar a obra da túa vida
Enriba das súas ás de madeira
Que é un fallo?
Que un acerto?
A vida toda,
A ilusión,
A desesperanza
Que son?
Son coma o boli,
Algo que está aí
Algo simple, sinxelo
Do que non sabes
Case nada.
Algo que un día
Alguén murmurou
Entre dentes
E ti chegaches
Inocente e cargado
De xenética
Incrustado
En ambiente
Chegamos ao mundo
Ti sabes
Que somos?
Que máis dá
Temos que ser
Ata que non somos
Por obvio pouso a cabeza
Sobre a mesa limpa
E durmo, durmo.
Teño a cabeza revolta
Chea de paxaros lindos
Que asubían felicidade
Chea de estrañas noites
Que berran impaciencia.
Revolto está o meu fogar interior
Entre roupas para o frío
Que envolve os días
Que agora toca vivir.
Meu amor, mírame dentro
Sácame este parvo becho
Ou dáme un bico
E xa tento facelo eu
Apoiado nos teus beizos.
Non haberá fracaso
Haberá loita
Entre estómagos cabezas
Camas noites mañás
Haberá proceso
Desexo
Cara á nosa
Rutina cálida.
Optou polas vías do tren
Como derradeiro refuxio
Mais o medo gañou á desesperación
Optou entón por un loita xorda
Repetida
Atopou o xerme dunha pequecha vida
Esencia que se quebra como unha lixeira folla
Caduca
Atopou unha felicidade quente e suave
Sorriu
E foi á estación a despedirse dos trens
Adeus bonitos, ata sempre.
Se me dis que é posíbel
Confiarei en ti
Unha vez máis
Se me dis que hai pontes
Cruzareinas contigo
De novo
Se me dis que estarás comigo
Bicarei os teus soños
Sen pensalo
Se me dis que hai futuro
Loitarei por el
Ata á fin
Se me dis vén
Eu irei tras de ti
Ata a meta
Agardo a nova mañá
Espertando os meus ollos
A unha vida sinxela
E comprensíbel.
Limpo e puro
Percibo cada nota do meu ser
Cada pequeno nervio
Cada instintiva respiración
Poucas axudas no meu sangue
Para enfrontarse á refrega diaria.
Aquí estou na altura do sosego
Na cova do tremor
As aves axúdanme,
Sobre todo os patos,
E ela tamén
Pese ao seu cansazo.
Uns días limpo
E ves
Que todo funciona
Dun xeito lexítimo,
Case que normal.
O ídolo acéfalo
Percorre as montañas
Hai multitudes que o adoran.
O ídolo acéfalo
Foxe sen norte
Hai moreas que morrerían por el.
O ídolo acéfalo
Non pode pensar
Hai xentíos que pensan por el.
Así vai o mundo.
Tropezo coa mesma pedra
Unha vez máis
E xa cantas son?
Tropezo cos meus demos
Os mesmos demos
Os mesmos medos
Os mesmos nervios
Tropezo coa ansiedade
A angustia, a desesperación
E non é unha canción
Nin unha rima fácil
É onte e hoxe loitando
Loitando contra duras pedras
A miña cabeza a miña alma
Humana e cansada
Pero aquí tropezo
E caio caio caio
Pero aquí agardo o comezo
Dunha nova ascensión
De espírito e tensión
Agardo o mellor que sei
O mellor que podo
Á recuperación,
Á calma,
Á normalidade,
Ós días tranquilos
E apracibles.
Non me falles, forza.
Non me falles, esperanza.
Non me falles, sorte.
A desesperación ocupa toda a estancia
A mirada da parella cae en tebras tanxíbeis
Semella que se perdeu a cordura
A soidade compartida
Por un oco entre dous seres derrubados
Só queda agardar polo tempo da cura
Cando as feridas pechan
E ábrese paso a vida
Só queda apertar os dentes con ansia
Amarrarse á mínima opción
Loitar polo ínfimo suspiro
Miña amada, quérote
Debo aprender a escoitar fondo
Repasar as leccións da vida
Sexamos fortes
Démonos a oportunidade
De ter un futuro.
Un raíño de sol alumea
Sobre as cabezas cansas
Dos dous corpos mentes que se aman
Unha nova ilusión un novo día
Un suspiro de alivio
Unha pegada máis na area
Dunha vida que se amosa
Aberta.
Vixía a torre
Das chaves da vida
Cada cervexa cada bico
É un camiño aberto
Pechar portas é necesario
Mais non aconsellable costume
Imprescindíbel reacción
Prescindíbel fastío
O milagre de cada día
Coas súas pequenas
Ou grandes torturas
O milagre de cada día
Coas súas pequenas
Ou grandes beizóns
A bolboreta, o lagarto,
O paxaro, o cadeliño
Amigos naturais
Neste mundo de escaparate.
Agradezo os días de viño e rosas
E tamén os de espiñas e óxido
Todos unha loita común
Un ancha, frecha cara adiante.
Agradezo a calor da muller amada
E tamén os desamores e a bágoa
Todo un conxunto imperfecto
De corazón cheo de paixón.
Agradezo a presenza dos amigos
E tamén a súa falta, ausencia fonda,
Todas as ilusións e soños compartidos
Un equipo imparábel, perdido, reencontrado.
Agradezo o traballo como recompensa
E tamén como días de fastío e noxo
Todo nin máis nin menos
Que a existencia feita esencia palpábel
Nin máis nin menos
Que a existencia feita carne.
As forzas abandonaron
O corpo fatigado
Pernas, gorxa, cabeza
Cansas, doentes
Ventre inchado
Sensación estraña
O home esgotado,
Enfermizo
Chama baixiño
E agora
Clama afervoado:
"Volvede, forzas!"
Volvede!"
E xa verás,
Todo será outra época
De contradiccións
Precisarás outro
Penúltimo esforzo
Penúltimo empurrón
E irás saíndo
E caendo
Caendo
E irás saíndo
Victorioso
Na medida do posíbel
Na medida do inmedíbel.
Respira fondo
Tranquilo, tranquilo
Non vai pasar nada
Demasiado malo
Relax, paz
Pouco a pouco
O sangue corre
Polas túas veas
Nota como flúe
Paseniño, paseniño.
Respira fondo
Calma, calma
Non te preocupes
Demasiado tempo.
Pouco a pouco
Vén o sosego
E ti flotas
Feliz na auga salgada.
Investir en vida
Bo negocio
Se é digna
Se é soportábel
Investir en riso
Bo negocio
Se é sincero
Se é inocente
Investir en saúde
Bo negocio
Se é minimamente
Perdurábel
Investir en amor
Bo negocio
Se es ti
Se é nós
Investir en cartos
Negocio prescindíbel.
Acabar co escuro
Coa noite en día
Busca a presenza de ánimo
En cada curva da vida
En cada reviravolta retorcida
Atrapa a saída
Aínda entre mans inseguras
O escape cara á luminosidade
De espírito
De ánimo
De entrega
Non hai deuses,
Só mulleres e homes
Que se erguen
Tras cada caída.
Mundo chumbo
Que pesa na alma
Que ás veces cae
Sobre o inseguro eu
Este eu de agora
Que debo recompoñer
Este tristeiro estar
Que debo reconducir
Transformar en paz
Estado de ánimo pausado
Tranquilo e productivo.
Co avanzar do día
Segrega pelexa contra mundo chumbo
E no fondo, sei
Quero saber
Que volverá ser
Outra dura partida
Que cando menos,
Quero crer,
Acabará en táboas,
E nun bendito día
As miñas pezas
Hoxe negras
Transformaranse en brancas
E a partir brillante saída
Irán collendo unha vantaxe
Irrecuperábel para mundo chumbo
Que caerá no taboleiro da vida
Vencido polo sorriso.
A
mente entrou en Marzo
Literaturas vividas
Películas novas
Vellos pais
En hospitais e ósos
Rotos por dentro
Amantes fénix
Cancións por estudiar
E sempre un bico
Nos beizos resecos
E unha humidade feliz
Nos ollos da nena
E paseamos polo mundo
Que está tan vivo.
Hai días que pasan
Como unha suave caricia
Días incertos
Que duran tanto
Como unha dor repetida
Días e noites
Esperanzas e soños
Angurias e noxo
Días quentiños
Amábeis e lixeiros
Pesados e mártires
Sombra e pesadelo.
Que tocará hoxe?
E mañá?
Ocupación as súas loitas
Esforzo centrado en espírito
Centrípetas e centrífugas
Abnegacións
Esforzo quefacer
E volta de novo
Miñas nenas,
Quérovos
O mellor que sei
Vivo e sobrevivo
O mellor que sei
Sei que sei que son
Trabalinguas estúpido
Dinamismo do ser
Que dá voltas
Carrusel non eterno
Carencia presente
De estabilidade xeral
Remonta o problema
E ata o seguinte.
Mergullado
en cores
O delfín chama por ti
Hai unha mínima pedra
Chorando magma
E un confuso norte
Que leva ao Sur
Terra esquecida
Mártires do soño
Madreselvas falan
Baixiño nos oídos
A felicidade está
Vén chega
Cando menos é agardada
Sentencia o delfín
Sorrindo ante os teus ollos
Abertos pola esperanza.
Teño cousas
Queres algunha?
Teño unha man de escaiola
Teño un muro de pedras preciosas
Teño unha humidade infranqueábel
Teño unha pedra que vomita
Teño unha escuridade esplendorosa
Teño unha botella de viño que saúda
Teño un paxaro que dá saltiños
Teño un minuto para ofender
Teño unha carteira escarlata
Teño sensacións emprestadas
Teño noxo para agarimar
Teño unha volátil fuxida
Teño un autismo sorrindo
Teño necesidade de non ter
Teño necesidade de que me escoitas
Dime
Queres algunha cousa?
Queres algo?
Contesta,
Por favor.
Non creo en procesións
Nin días anos santos
Non creo na arquitectura
Revirada do sagrado
Creo nos minutos que pasan
Mellor peor regular
Nos que non dan pasado
Na vida como materia persoal
De traballo e pequenas ledicias
Na vida como camiño laico
Xa levamos bastante ás costas
Os conceptos noxentos do pecado
Da moral cristiá feita pecado
Para o que lles convén
Non, non creo en procesións
Nin en semanas santas.
Unha irregular adiviña
Un non saber
Futuro imperfecto descoñecido
Recuperar o amor das entrañas
Saber quen es
En quen confías
Con quen compartes
Tristuras e alegrías
Saber mirar
Saber calar
Saber sobrepoñerse ao medo
Á desesperanza ao fastío
Conducir o teu barco
Na tormenta
E na calma apertar o amor
Descifrar os pequenos segredos
De cada día
Para ir tirando entre néboa e luz
Saber quen es
En que
E en quen confías.
Subimos unha escarpada costa
Xuntos da man
Unha vez máis a dificultade
Os tropezos e as grandes pedras
Ás costas
Xuntos da man
Permanecemos nunha difícil cordura
Amor, xuntos da man
Pasamos unha tras outra
Centos miles de probas
A túa paciencia feita anacos
A miña ansiedade feita presenza
Grazas pola túa man
Polo teu tempo
Pola túa comprensión
Pola túa existencia
Que fai posíbel
Que xuntos da man
Vivamos.
O sol implacábel quenta
Os poros da pel seca
Ela ten tose
É boa enferma
Unha ínfima humidade
Salva a colleita neuronal
Sobrepasar o perigo
Lentamente atopar o horizonte
Brisas de verde e mar
Suor de alma traballada
Vai moita calor neste abril
Ela é a peza clave
Do meu ser no mundo
Eu, fatigado,
Lembro o sorriso próximo
A euforia única
Que me fixo mellor
Que fixo todo mellor
Non sei por canto tempo.
Sede de sono
E fulgor humano
Atrapando arcos da vella
E perdéndoos todos
Sabes o final do conto?
Din que é imprevisíbel
Como a vida esta
Que nos atrapa golpea
Agarima arroupa
Como o tempo
No que inmersos
Deluvamos instantes
E soñamos cunha paz
Que ás veces chega.
Media cara cortada
E un ollo para sempre pechado
Ana non pensa ir nunca
A cambio radical
A cicatriz percorre nidia
O seu rostro apagado
O ollo bo, verde,
Prostrado ante a evidencia
De non ter parella visual. Só.
Ana non pensa ir nunca
A cambio radical.
É feliz.
Sorprendente
Nun mundo de imaxe
E van aparencia.
É feliz consigo mesma
E ata co mundo
Que a examina
Daquela maneira
Fea.
Ana non pensa ir nunca
A cambio radical.
Pasa por riba
De perfeccións, equilibrios,
Estéticas, quilos, gramos,
Exercicios, dietas, cremas
E demais férreas premisas
Do burro implacable
Mundo moda
Que apreixa vontades
Derruba dinamita vidas
Ana feliz pasea
Da man do seu benestar
Cheo de históricas
fondas bágoas,
Cambio radical interno
Hai tempo
Xa pasou
Non o nega
Como non nega
O agora,
Doce felicidade.
Retornar ao ouveo de sons
Imprescindíbeis
Comentarios de texto
Vividos dentro dunha man
Quente e pequena
Buscar o sentido detrás da guitarra
Ferinte
Detrás das palabras
Interminábeis
Quero ser eu
Sen saber aínda
O que quero
Os vellos no parque
E unha lanza no corazón
Ouso pretender a felicidade
Ouso serio sorrir
Agardo ata mañá
Agardo en movemento.
Quen ollou a bolboreta multicolor?
Non, non fomos nós.
Estabamos na encrucillada
Do amarelo e o violeta
Bandeiras que sempre sangran
Chamaban á nosa porta
Unha república e un soño
Quen oíu a noite berrar?
Non, non fomos nós.
Estabamos no linde
Das perlas e as esmeraldas
Humanidade humillada bágoas
Chamando á nosa porta
Un mundo xusto e un soño
Na noitiña camiñamos cara a casa
Enfrontamos as nosas perdas e ganancias
Cantamos vellas cancións de fadas e trasgos
Verdes azuis e lilas
E bebemos ata soñar sorrindo
Sorrir soñando.
A cadencia do latexar
É inexacta
Comprimida en incerteza
Pasa a mañá
Observando a paciencia
Decorada con inestabilidade
Un novo proceso
Un novo reto
Procesar o alento
Quentar o corazón
Perseguir a actividade
Rodeado de perigos
Inocentes aparentan
Rodeado de amor
Tenro e lindo.
Gris azul, choiva vento
Na casa dos fumes prohibidos
Prohibición,
En sentido estricto,
Fronte a ela
Pacífica rebeldía interna externa
De corazóns amigos reunidos
Cancións e lume
E faíscas nos ollos
De felicidade azul brillante enchidos
Nese segundo máxico de gorxas
Que berran amadas melodías
Os pensamentos van parando
As pelotas amarelas na pantalla
Tenis virtual
Compañeiro máquina
E o domingo chegou paciente
E os amigos dixéronse ata logo
E houbo apertas
De agarimo e tempo compartido.
E houbo risos, moitos risos.
E fume, moito fume.
Irradia un tempo de tregua
Os soldados, nervosos na calma,
Xogan ás agachadas entre tanques
Silenciosos
Non esquecen o son da morte
Só matan os instantes
Entre mortos e feridos
Avións, helicópteros
Inmóbiles na tensión da espera
Semellan paralíticos mecánicos
Un ouveo cruza as pupilas
Un breve sangrar un nariz
Sinais para os feridos
Todos
Todos saben que o devir
Corre na súa contra
Non sendo que sorprenda
O milagre dunha paz
Ata agora inalcanzábel
E fuxidía.
O espírito perdido entre anguria
Oxalá só estea agochado
A esperanza non pode máis
E atópaste só fronte ao delirio
Esperanza, volve comigo,
Eu tento volver contigo
Xuntar dous corazóns
E dous destinos
Nunha mesma loita en paz
Ai!, como boto de menos
A calor dos teus limpos bicos!
As túas palabras de suave alivio!
Ai!, que fixen contigo?
Ai!, que fixen comigo?
Dime, amor, que isto é só
Un duro desasosego
Que pasará
Pasará
Pasará
Os indicios da busca
Dos pequenos tesouros
Un suspiro calmo
Unhas mans que se apertan
Muller, por ti sufro
Muller, ti que tanto
Por min sufriches
Os indicios da batalla
Nervos inflamados e ariscos
Un tremor descontrolado
Unhas mans que frío súan
Muller, por ti sufro
Muller, ti que tanto
Por min sufriches
Á espera do vento suave
Que agarime os nosos corpos
Tranquilos e relaxados
Nunha praia fogar
Que bendiga as almas
Feridas.
Os mares tolos da desesperación
Ouvearon fortes nos nosos oídos.
Atopámonos ao bordo da derrota
Mais a nosa minúscula enerxía
Vai tentando navegar entre o pesadelo
E ata chega a costas suaves
Areais de auga clara e limpa.
Teremos que asir o temón
Con máis convicción ca nunca
Teremos que saír
E con sorte sairemos
Das augas turbulentas
Da tormenta lóxica.
Foi moito tempo
De treboadas
De neno parvo ante as ondas
De nena loitando contra todos os ventos.
Agora, tomémonos un respiro
Ancoremos nesta cala
E procuremos esquecer
As duras xornadas pasadas.
A nosa nave ten futuro.
Sorte e paciencia
Aos navegantes.
Tempos de transición
A vida volve
A paciencia e a calma
As horas vividas
Con dozura e paz.
Tempos de transición
Agardamos cara a un futuro
De equilibrio quente.
Tempos de transición
Ensinan que nunca
Nunca nunca
Debes desesperar
Perder a fe
A ilusión
A esperanza.
Un espello ao lonxe
Caras que se esvaecen
Néboa amarela e rosa
Un cigarro cheo de aroma
Ollos que rebotan
Paredes de goma e espuma
Unha moneca agarimosa
Peluches que repousan
Camas cómodas e suaves
O corazón latexa lento
O colibrí bate as ás frenético
As rúas ateigadas de coches
E un día indefinido
Dunha indefinida semana
Alguén vive
E alguén morre.
Enfróntome a un futuro
Sen saber que será do lume
Do pequeno afogo entre risos
Da inconsciencia infantil
Envolta en papel de regalo
Enfróntome a un futuro
Nunha órbita irregular
Que semellou catástrofe
E agora case é paz
Envolta en plácidas horas
Lembra,
A vida sosegada é o primeiro
Mellor un paseo en calma
Que ollos nervosos de néboa
Lembra,
Ten paciencia,
Agarda,
Vive
E ama.
As voces vanse afastando
Coas súas vidas por facer
Foi duro, intenso
E grazas, ás veces
Máxico, reconfortante.
Fixen o que tiña que facer
Cumprín co meu traballo
Elas e eles fixeron
O que puideron
O que quixeron
O que lles deixou a idade
Agora vai sendo hora
De pechar libros
Esquecer fotocopias
Explicacións cadros
Xiz e encerados
Agora vai sendo hora
De tomarnos un respiro
Merecido.
Un ano máis.
Felicidades
Por
Loitar
Non ceder
Por aguantar
O sufrimento
A anguria
Por apalpar
A esperanza
A ledicia
O sexo amor
A filla
A tele
A música
Un ano máis.
Felicidades
Aos dous
Por
Deixar a pel
A alma
Na
Repetida batalla
Felicidades
Por ser
Tan paciente
Tan muller
Tan nai
Tan
Todo.
Felicidades
Para ti para min
Sorte e saúde
Por
moitos anos máis.
Non sei o que agarda
Tento eliminar esta tristura
Leve pero premonitoria
De demos que non quero que veñan
Non sei o que agarda
Tento preservar esta ledicia
Pasaxeira pero rica e amada
De árbores sol e cariño
Non sei o que agarda
Mais voume preparando
Para o que nos teña que vir
Que non son o centro do mundo!
Os papeis levitan na noite
Hai un pequeno moucho
Que chama por nós
Camiñamos entre folios brancos
A pureza do sol en verán
Hai unha pequena alma
Solitaria e arrepentida
Busca corazóns abertos
Aquí vai a nosa comitiva
Regalando flores e soños
E tamén pesadelo
Collede os papeis
Levitemos xuntos.
Podería durmir
Un tempo indefinido
Prefiro a mestura
Do vívido e o difuso
Grazas por estar comigo
Por recoller un caracol
E un labiríntico mosquito
Amábel é o tempo
No que o pensamento
É suave e pacífico.
Se gaña,
Ai!, se gaña.
Habitantes
da inquedanza
Volumes grosos sen ler
Unha orella envolta en vendas
Unha praia relucente
Amigos e coñecidos
Días que tentas non tremer
Non sendo polo frío
Despois dun glorioso
¿Último? Baño
As partes do corpo que protestan
As partes da mente que remexen
Bo e malo
O feito de saír dun
E atopar camiños
Que levan
Á cordura
Á quente rutina
Esa é a esperanza.
Na procura dun centro
Estabilidade emocional
Na procura dun mesmo
Estabilidade vital
Os días pasan
Tranquilo, tranquilo
Todo chegará
Ao seu tempo.
O gato é lindo
Agarimoso e suave
É tan bo como a bondade
Un animal tranquilo
Que vai ao seu
Que come bebe
E durme durme
Que riquiño es!
O gato é lindo
E permanece
Pachorrento
Agora enriba de papeis
Que non significan xa nada máis
Ca unha mol cama.
Ca unha mol calma.
Unha tarde que vai pasando
Un día para ser feliz
Outro para a inquedanza
A vida xira
As ondas do mar suaves
Salgado sabor na boca
Cousas marabillosas
Cousas detestábeis
Serea na auga clara
Filla muller
Elas que quentan a vida
Unha tarde
Un día que vai pasando.
Ela está alá
Agardo que o máis feliz que poida
No Hamburgo nomeado
Ela está alá
Agardo que o máis feliz que poida
Nas praias próximas
Eu por aquí ando
Con momentos gloriosos
E buratos ata alá abaixo
Facendo
O que non fixen antes
Só
No medio do mundo
No medio da praia
No medio das horas
Son eu,
Existo como entidade,
Relativamente autónoma
A tola quere falar
Eu non podo
Eu xa teño dabondo
Con saír do meu
Xa teño dabondo.
A vida é ir e volver
O canto esvaradío do paxaro
A breve sensación de plenitude
O alimento da desesperación
A vida é ir e volver
Continua
E
Ata sorprendentemente
Estar contigo de novo
Ela que volve
Eu que fallo
Todo entra no lóxico
Ata no
Normal
Volvo cruzar os dedos
Sigo coa pedriña da boa sorte
Amor, imos os dous da man,
Por favor, mente
Non me traizoes
Sorte e traballo
Non me abandonedes.
Comprimir un estoupido
Nun intre innegábel e eterno
Deixar as fazañas supostas
A supostos heroes de patacón
Ser unha nora indestructíbel
Un arrecife feito con paciencia
E calor e frío
E tirar para diante
Comprimir un intre
Nun estoupido eterno e innegábel
As gaivotas xa non sobrevoan o río
A choiva non existe
África entra pola ventás
E os poros resecos
As neuronas loitan por non perderse
Concentran a atención nun foco inexacto
Son un día máis contigo
Somos nesta calor
Fin de mes
Caerá outra páxina
No calendario.
Case todo está sostido
Por fíos finos e fráxiles
Pero está sostido
Que xa é bastante
Recordo onte feliz con ela
As areas brancas a auga limpa
O abrazo quente
Un feitizo de agosto
Recordo hoxe triste con ela
As palabras cravan unha bágoa
O nerviosismo frío
Un feitizo de agosto
Que recordarei mañá
Pasado pasado mañá
Que será de nós?
Que será de vos?
Que será será?
Xa. Tempo. Paciencia.
Fíos tamén grosos.
Xa. Tempo. Paciencia.
Soño cunha limpa imaxe
Unha virxe atea entre rosas
Un puñal sen sangue
Un coitelo no ventre
Soño cunha estúpida lóxica
Os coches nas rúas ouvean
A area que vai caendo lenta no reloxo
Soño cunha infame agresión
Unha morte que arde entre algodóns
Unha vida que se conserva en xeo de diamante
Soño e vou
vivindo.
Es fermosa, linda, única
O teu sorriso, a túa cara
O teu perfil de deusa
Quérote, ámote,
Gústame
Gústame estar contigo
Meu amor
Meu amor
Meu amor
Es tan linda por fóra
Coma por dentro
Non deixes nunca
Que o diaño da loucura
Que malcrío dende neno
Poida enganarnos.
Ámote.
Ámote.
Os amigos na auga xeada
Sorrindo con felicidade envolvente
Onte a psiquiatra non estaba
E as cousas nunca se sabe
Qué pode ser mellor
E conseguir berrar
Cancións entre sons agudos
E pasar outro día
Con vós
E volver ter unha esperanza
E unha loita
Por permanecer neste mundo
Que ás veces
É marabilloso.
E non sigo
Porque agora
Non quero
Palabras que doen.
E se a lúa fose verde
E os caracois veloces
E se o diñeiro non existira
E tampouco as guerras
E se a dor mental fora un mal soño
E a dor física sempre aturábel
E se os días fosen amábeis
E as noites calmas tranquilas
E se temos a fortuna do noso lado
Só por esta vez
E se todo xirara imprecisamente perfecto
E nós sorriramos
E se...
Aquí estou
Fronte a un xuízo
Que ao mellor non merezo
Aquí estou
Agardando unha sentenza
Que xa non sei se agardo
Aquí estou
Fronte a min
Fronte a vós
Fronte á vida
Os latexos lentos
Rítmicos, equilibrados
Unha area no ollo
Unha pequena dificultade
Ser estrelas no horizonte
Néboa na mirada esquiva
Ouh!, a natureza do esperábel
O encaixe das derrotas
Das victorias
Facemos malabares co destino
Xogamos
E agardamos a resposta.
O meu mundo
Un vaivén que non para
Son unha interrogante
Agardando respostas
Agardando vida sinxela
E amábel
Os ollos o pescozo
Tensión que non para
Son unha exclamación
Agardando un eco
Positivo
Un sorriso outro bico
Pasan as semanas
E non sei deter a preocupación
Non sei deter o medo
O nervo
Pasan as semanas
E debo ter a certeza
De que tamén sairei
Desta
Contigo, de novo
Con vós, de novo.
Por favor, que veña o milagre
Da paz, da cordura
Camiño contigo,
Esperanza da miña vida
Por favor, que veña o milagre
Do sorriso tranquilo, das horas suaves
Camiño entre un inferno angustioso
E un breve paraíso humano, quente
Por favor, que veña o milagre
Desa rutina cálida
Que tan afastada
Semella agora.
O novo curso comezou
Caras coñecidas
Algunha nova
Os libros explicacións
Xiz debates comentarios
Traballos notas
Todo comezou
O feito de ser mestre
De almas ás veces abertas
Ao descoñecido á curiosidade
Ás veces pechadas
Vellos con cara de nenos
Poder dar todo o que un poida
Darlles o mellor dun
Un ano máis
E xa van tantos
E outros tantos quedan
O novo curso comezou
Traballo duro,
Sorte, forza e paciencia.
Todo converxe nun intre
Nun alento recobrado
Nunha mísera ledicia
Que dá tanto
Trae os aparellos de vivir
Trae o corazón, os ollos
A vida toda
Envolta en martirio e fruición.
Hoxe completo a función
O pallaso chora emocionado
Recoñece os latexos
As miradas os soños
Que volven a el
Inesperados.
Todo converxe nun intre
Precioso e caladiño.
O esforzo vence á ilusión
A ilusión loita contra o esforzo
Unha batalla non é a vida
A vida é batalla e remanso
Quero que me entendas, gatiño
Quero que non me chores, gatiño
Quero atopar de novo o camiño
Do precioso e caladiño
Seguirei nas filas dos valentes
Mentres as forzas aguanten...
O ínfimo zume de laranxa
Chama pola miña gorxa ardente
As palabras que saen da miña boca
Tantas veces ocas tantas veces plenas
A plenitude a fartura
A miseria a perda absoluta
Ábrote, zume
Coas mans trementes
E un chiscar de ollo ao sol
E bebo as túas ledicias
E es saboroso e doce
E non te queixas
E non es neurótico
Inhumano artificio
En tetrabrick proletario
Viva a revolución
Pero cal?
A dos humanos nunca feita
Ou a dos traballadores do licuado?
Cal vai ser, oh!
A frondosidade ocupa todo
Non hai espazo nin baleiro
Follas de todas as cores
Permanecen eternas na mirada
Un infindo bosque
Unha selva esplendorosa
A frondosidade ocupa todo
Non hai espazo
Non hai baleiro.
Retiro o cansazo da mente
Entre tebras
Vai coándose unha carga pesada
Entre tebras
Creo adiviñar días gloriosos
Entre tebras
Nos que a visión sexa aberta
Entre tebras
Vou comprobando as pegadas lentas
Entre tebras
E hai caricias e beizos da amada
Entre tebras
E hai espazo para o sono
Entre tebras
Cres desfalecer e caes
Entre tebras
Aferras o ser a novos segundos
Entre tebras
De cordura e amabilidade
Entre tebras.
Semana que non para
Vertixe de movemento
Atrapada nun fluído lento
Alá na mente mañanciña
Os días son longos e traballosos
Hai faena, hai viaxe, visita
Hai correccións, hai erros
Acertos no medio
Da fachendosa vertixe.
Loitar contra o cansazo
Ou deixarse levar
A vida como muro
Que en ocasións
Deixa pequenos buracos
Polos que apreixar a ledicia
E activar a mente
Outras veces non
Pedra granito cemento
Frío bater da cabeza
Contra o insalvabel
Móvome lento e pesado
Mais, sen embargo,
Móvome.
Cambia o mes
Cambia un pouco a vida
Non para mellor
Hai que foderse
A dama da esperanza
Perdida nun noxento pasado
Do que o home espasmódico
É culpábel por acción, omisión
Por neurose obsesión
Por mala educación por xenética
Por non ser quen
Non ser quen de ser outro
Mellor
Señora da paz e da cordura
Se existes,
Se é que existises
Danos un man
A nós
Nós os pecadores benditos
Amantes compañeiros.
Recuperar a frescura
A costa da tranquilidade
Cal é a mellor opción?
Durmir nun estado apagado
Mais pacífico?
Activarse nun estado atento
Mais inquedo?
O mellor sería
A frescura tranquila
A paz na faena
Pero o mellor
Non sempre se consegue
Non, non sempre.
Caer no buraco fondo
Onde a luz é sempre tebras
A apática desidia
O apático espertar
Hai que "asumir o malestar"
Hai que seguir para diante
Mais qué difícil!
Que complexo resulta
Con este fodido aceno apático
O cerebro lento, lento
A boca pastosa
Busca auga fresca
Caer no buraco fondo
Onde a luz é sempre tebras
E tentar saír dende cada mañá
A cada noite.
Con cada pegada que dás
Cada minúsculo obxectivo cumprido
Cada segundo que enches de acción
Cada segundo que a túa alma reacciona
Nun sutil florecer
Nun inesperado exército de vida
Flores e champaña para a celebración
Que a mirada do traballador
Feliz nun intre
Perdure na memoria
Porque virán tempos duros
E, agora sábelo de novo,
Tempos amábeis.
Unha tormenta estrondosa
Un colibrí que chora
Ai, amor!
Sorrí outra vez
Unha pedra no corazón
Un sapo que vomita
Ai, amor!
Sorrí outra vez
Un inevitábel esforzo
Un dromedario morto de sede
Ai, amor!
Sorrí outra vez
Unha atmosfera pechada
Unha folla que berra na caída
Ai, amor!
Por favor!
Sorrí outra vez!
Soño con durmir
Como cando era un pequecho
Aínda non malcriado
Aínda non malfeito
Soño con soñar que soño
E a luz é bendita
E a escuridade tamén
Non quero pesadelos
Malos
Que devoran a tranquilidade
Non quero o cansazo
Que me tira polo chan
Física
Mentalmente
Soño con durmir
Como cando era pequecho
E estar naquel outro mundo
Pacífico e onírico
Ata 12 horas
Era posíbel.
Antena que emite
Un fulgor perdido
Na selva fría,
Cinzas,
Unha arroutada da alma
Loita eterna,
Lenta e frenética
Antena derrubada
Un fulgor prohibido
Escoita as campás
Tristeiras ao lonxe
Aterrou a solución
O conflito o problema
Mirounos aos ollos
E compadeceuse
A antena feita migallas
Baixo os nosos pés
Formando parte
Dunha estrada
De lixo antigo.
A revolución das palabras
Que se envurullan
Nun obsceno frenesí
Quen ten a forza?
Quen ten a solución?
Quen perdeu as palabras?
Imaxínaste?
Todas marcharon
Nun veleiro laranxa e ouro
Esgotadas de tanta falsidade
crecendo sobre o seu lombo
Estamos fartas
De que nos usedes
Sen piedade
Sen sentido
Sen lóxica!!
Estamos fartas!!
E as palabras embarcaron
No precioso veleiro
Na procura de terras máis amábeis
Nas que a súa importancia
Sexa nada máis e nada menos
Que a importancia das palabras
Agora queda a reminiscencia,
O eco do que foron
E pouco a pouco caemos na brumosa
Tortura do esquecemento
Da fala,
Da escrita,
De gran parte do que somos.
Non busquemos culpábeis
Máis lonxe de nós.
Un enorme arrecendo a inverno
Os días son cur tttoos
Vé ve xo tte
O si sssile
O si len ci
Cio.
Acertar co equilibrio
Atopar un vello topo
Con visión perfecta
Engadidos extras
Movemento con pausa
O león engaiolado
Soña con extensas superficies
Nas que correr, matar,
Vivir libre
Todos temos as nosas gaiolas
Pero, por fortuna,
Algunhas somos quen de abrilas.
Achégase a polución do brillo
Unha fanática carreira
De consumo e enchentas
Achéganse o belén e o neno
E toda a demagoxia do sagrado
Nós, tres voces, tres berros
Tentamos pasar inadvertidos
Entre o furacán dos turróns e o cava.
O ano vai cubrindo pouco a pouco
Os seus ollos
O fresco da mañá esperta a vida
Debemos atopar a calma
A cordura quente
Ai, miñas nenas!,
Vivamos e gocemos
Con ou sen festas
Obrigatorias.
Non sei se ser positivo
Relativo
Negativo
Obxectivo
Non sei ben se resumir
Comprimir
Condensar
Espremer
Este ano ao que lle quedan
Horas contadas
Podo dicir que vivín
Que vivimos
Podo dicir que sobrevivín
Que sobrevivimos
O malestar foi grande,
Sempre parece máis grande,
A quietude foi contada
Pero máxica
Grazas!
Aquí estou fronte a min mesmo
Agora si que teño todo a medias
Teño a medias a miña vida
Que facer? Que será de min?
Un novo ano entrará
E oxalá atopemos
O noso lugar calmo
O noso sitio no mundo
Interno
E
Externo.