D

Creación Semanal - Palabrasplus 2016ir arribair a portada cp 2016

FEBREIRO

 

Retorno (Dende A Basella)

SETEMBRO

 

Aínda podo viaxar (Grazas, palabras!)

NOVEMBRO

 

Escoitando música deliciosa

 

 

 

 

 


 

 

ir arriba Retorno (Dende A Basella)

 

 

E así comezou a manar a palabra silenciada pola inercia das datas obrigadas. Mentres escribían pensamentos en labirintos de conceptos, escoitei o berro do neno orfo albino. Desgarrado, salvaxe. Ninguén o escoita. Volvín ao mundo das entrañas sen plastificar. Comín o sangue e o viño, bebín o teu corpo aterecido. Estou canso, canso, canso. Estou vivo, vivo, vivo.

Podería voar sobre os propios medos sen chorar, sen bágoas escarlatas que penduran do teito. Ámame e non abrirei a boca nunca máis. Para que? Para explicar a escuridade transformada? Para botar uns tristes risos?

Non, non, non. Collerei a alma dos inimigos escollidos, dos que saben ofender e ofenden, dos que doen menos porque son alleos. Collereina cos meus longos brazos despezados e vomitarei veleno vermello voluble visionario vómito vehemencia vontade voluptuosidade valor volátil vaguidade vida sobre camiños cheos de pedras laranxas e preciosamente perigosas.

Os ananos bailan a macabra danza dos que todo perderon. Estamos perdidos? E agora quen veño sendo? Son? Existo? Ou soamente me refuxio no pensamento da caverna alumeada polos brillos feiticeiros dos teus ollos? Volvín. Non sei moi ben onde me atopo. Só sei que volvín onde as palabras arden nun incendio dantesco no que choran as árbores e o verde é cinza e as cinzas son o malsá aire que tentamos respirar. Afogo. Afogar. Afundirse. Mergullarse no ventre imprevisible das casualidades e causalidades.

O sol sorrí totalmente alleo a min, a nós, a todo. E nós, illados nunha mancha solar que percorre os espíritos abrasados.

Non hai cruz, nin símbolo, nin concepto. Non hai deuses, nin pecados, nin premios, nin regalos. Segundos que van pasando e ti con eles. Existir. Poida que si. Por que non? Ao mellor estou en casa e ti agardas co teu perenne bico. Ámote tan tarde!!

 

 

(19-II-16)

 

 

ir arriba


 

ir arriba Aínda podo viaxar (Grazas, palabras!)

 

Os orificios da noite abren buracos en cada poro a pleno día co sol ardendo e esta fatiga de calor salgada e húmida. Unha barca, un mar tranquilo. Unha enfermidade recorrente e astuta. Fallar. Baixar. Fondo. Tristeza. Tristeza.

 

E agora os días semellan máis sinxelos pese a fenda no corazón, na alma dos gatos lindos e un amo parvo. No constante retornar da bágoa inesperada e o sorriso insospeitado. Mergullo a cabeza na auga fresca do mar. Son libre. Son feliz. Floto. Simplemente, sinxelamente, parvamente, alucinantemente, marabillosamente floto. Son feliz. Quietude. Non hai treboada. Son un, comigo e co cosmos. Nunca antes me sentira así. Ollo a area, as gamelas, os nenos xogando ensimesmados, a beleza da ponte infinita, as nubes, floto facendo o morto, cánta vida, cánta vida, canta vida malgastei? Canta felicidade deixei esvarar entre as mans, entre días horas meses anos lustros que puideron ser un tan fermoso existir. Parvo, parvo, parvo. Tarde, case nunca é tarde, case sempre é tarde. Non penso chorar máis. Non quero culpa. Non máis. Non máis, por favor. Non penso chorar, non quero chorar.

 

Así que neste intre raro vexo o bulicio nas rúas, un entroido de loucura e frenesí e estou canso e xa non preciso máscaras, xa non preciso entroidos. Prefiro unha ventá entreaberta que deixa pasar a noite e os seus ruídos e o eterno vento nesta illa do renacemento mentres agarimo parvo amo a lindo gato e a pequena lámpada regala a luz xusta e necesaria, a precisa, a exacta, para sentir a noite e o fulgor feble e na tele devalan milagres aventuras deportes grandes e pequenos irmáns, sálvame por favor, cámbiame ou eu que sei. Se fose certo: “Sálvame”. Quen presentaría? Un Cristo postmoderno pagado por Disney ou MacDonald´s. Un auténtico psicólogo/a da alma humana? Outra estafa. Save me. Save me. Magnolia. Cámbiame. Changes. Querido, Bowie. Se fose tan fácil, ola!, boas, quero cambiar!, quero ser outro, non esta estraña sombra que son! e alehop! Flop! xa está!, xa es outro!, libre!, puro!, cristalino!, grazas!, grazas!, grazas a quen!? Pero que dis!? A vida é cruelmente complexa e na súa complexidade está a súa infinita beleza, o seu constante misterio. As horas son segundos. Os días son anos. A vida é relativa na súa propia esencia. Ti vives nela. Incluído no seu ser. Non es máis que unha minúscula burbulla nun océano que se renova a si mesmo. Naufraxios, mortos. Queridos mortiños nosos. Queridos enfermos que agardades a morte coa tortura da dor. Que vida é esta!? Non, non quero ese final! Quero calidade, non cantidade. Tiñas razón, vello estoico, en parte.

 

Gustaríame dicir algunha verdade. Algunha que fora absoluta e universal. Que me fixera estoupar as entrañas. Que cambiara o mundo. Algunha verdade como, como, como...., a de sempre: “Morrer non é malo, sufrir é malo”. E tal vez, poida que non haxa moito máis que dicir porque á fin sigo sen saber nada de nada. Aprendiz eterno. Ensaio e erro dun pequecho sísifo e as súas rochas. Agora non sempre caio e teño que volver subir. Unha e outra vez. Agora, ás veces, non llo contedes a ninguén por se se enfadan os deuses, ás veces, que quede entre nós, son quen de descansar e ir rir un rato cos corvos entre o millo seco, cos rousinois entre vides de pracer e calma. Sísifo, sorrí. Unha foto. Teño amigos. Son alguén? En serio? Que tal quedou? Movida. Borrosa. Así é a vida dos que dubidan entre mínimas certezas.

 

 

(24-26-IX-16)

 

 

ir arriba


 

ir arriba Escoitando música deliciosa

 

Podería alumear o mundo coa intensidade do meu goce. Un estoupido por dentro, niso que chaman alma ou espírito, nesa cousa intanxible física non física sublime onde está o noso máis prezado tesouro: a sensibilidade. O pracer artístico. O inmenso marabilloso delicioso orgasmo espiritual que me envolve escoitando este sons estas guitarras que se cravan en cada pequeno pelo poro punto do meu corpo, que me levan a algures que non coñezo con palabras, pero existe, existe ese algures no que a vida paga á pena por ese segundo, amigo Federico, “Sen música a vida sería un erro”, Federico, tolo diamante, cómo te entendo en demasiadas cousas. Non tiveches a sorte de atopar unha estrela muller que che fixera saber o que é amar e ser amado e tolerar e respectar, custou non creas, eu era parvo coma ti, doutro xeito, pero tolamente parvo, e non quero falar máis diso, xa o home bata dixo dabondo, xa pode que falara de máis, o que está está ou non, e esquezo, esquezo, porque outra vez estou mergullado no paraíso da harmonía e o caos precioso, outra vez está acoitelando o meu corazón, suave masoquismo, esa nota, esa nota que nunca semella chegar ao ton, nunca semella chegar e chega chega chega e o torrente flúe abondoso no sangue do incomprensible, do esencial, do que dá sentido sen máis, sen relixión, sen odios, sen miseria, sen inxustiza, sen fanatismos tolos, sen economía consumista, sen humanos abandonados á súa triste sorte, sen cadáveres inocentes nas rúas, nos hospitais enfermos que sofren, sen mal, sen maldade, sen rancor, é tan fermosa esta música que aplaca a dor, é a heroína de Lou, é o nirvana momentáneo, a droga, o opio do pobo que soña entre acordes. Camaradas, o poder está en nós, porque ela está con nós, ela, sempre, a música, a allea, a nosa, a que soñamos, a que compartimos ou tentamos compartir, a que amamos con paixón sos e abandonados xunto á súa apócema adorada, se todo fose así, tan belo, tan fermoso, tan humano, tan real, tan sentido, tan da entraña que sente e padece que ri salta aperta, mais sei que a canción rematará e chegará un breve silencio e porei a televisión e verei as noticias e non terei heroína, Lou, non a quero, nin morfina, nin opiáceos que durman, que me apampen, e sufrirei, sufrirei porque ata nos momentos máis perdidos da miña mente neste tolo ser tolo mundo, ata nes fodidos momentos sempre fun fodidamente consciente das moi fodidas incribles evidencias, si, eu estaba alí, con eles, cos sufridores loitadoras loitadores desta viaxe, os que se enfrontan contra o muro: a soidade, a derrota, a impotencia, a angustia, o medo, a inmadureza, a torpeza evidente, o desasosego eterno, o medo, o medo e sempre os vía preto: aos da fame, aos da guerra, aos das inxustas mortes, inxustas violacións, inxustos asasinatos do sapiens, barbaridades do sapiens, crueldades do sapiens, inhumanidades do sapiens, matanzas do sapiens, destrución, sangue, noxo, violencia, fractura, fartura e fame, inxustiza, inxustiza social, económica, ecolóxica, territorial, inxustiza, sempre os vin, con elas e eles, xunto a elas e eles aínda estou, aínda camiño, agora feliz, agora cun inesperado sorriso ledo, neste pequeno bote vogaremos ti e máis eu, miña pequena amada, a miña estrela de ouro, a fermosa e única máxica ameba, “ our amoeba my little liebe schö n ”, lembras?, querida, mereces o paraíso, mereces un home de verdade xunto a ti, agardo que á fin o teñas, e agardo ser eu o elixido, farei méritos, meu amor, meu amor, toco madeira, son tan feliz contigo, son tan feliz na sinxeleza da nosa vida, no noso verde compartido, nas nosas horas de complicidade visual, no sofá, con Stewie, querido meu, cánto te quero, cánto se lle pode chegar a querer a un animal, e non sabía, non sabía querer, grazas, gatiño noso, por falar comigo, por enfadarte, por quererte e quererme ao teu xeito, por arrouparnos cada día, pola túa maxestosa presenza exipcia, polo gato que es tantas veces, polo feliz que es tantas mañás, mediodías, tardes, noites, creo que es un gato moi feliz, á fin, ti tamén. Mándalle un agarimo dos teus dentes sen morder á nosa muller das terras afastadas, qué será dela, gatiño, qué será da cousa máis fermosa que fixemos neste mundo, qué será da muller que trouxemos a este raro existir, será feliz?, será feliz, verdade, Stewie? Si, iso é que si, nosa nena, nosa inmensa pequerrecha, sé feliz, feliz, feliz, sé unha muller digna cunha vida digna, que supoño que é case o mesmo. Creo que quería falar da música, escoito a voz e a promesa: “o sol sairá”, o sol saíu para os tres, o sol sairá algún día para a humanidade, un día normal nun mundo normal, imaxinas?, imaxinas o incidente definitivo?, a utopía o soño o imposible feito realidade práctica? Supoño que por iso escribo agora e paro, quito os cascos, soa o móbil, véxote aparello estraño e “casualmente” a chamada era dun vello loitador pola insubmisión que acaba de facer un traballo cinematográfico e lembrei “Mil Razóns” aquel tema no que quixen que estiveran Elías e Ramiro na letra e supoño que por iso escribo, porque á fin hai esperanza, porque non é eterno retorno, Federico, é retorno loita nun suposto aleatorio, e sempre te colle desprevido e sempre o agardabas e así pasan as horas e as congas de Carlos comezan a soar e non estou de festa, non teño o corpo nin a mente para iso, Carliños, isto é só un breve lapso entre exame e exame dunha filosofía que poida que sexa o único que me redime un pouco cada día, o único no que sigo en primeira liña cada día, o que enche a miña vida cada día, mestre de filosofía, case nada, case todo, case un soño, case un imposible, serei realista, un imposible con posibilidades.

Flotan as dornas no mar azul excelso da illa e chove e as pingas mollan e o frío dá tose e malestar, pero incriblemente todo é infinitamente fermoso porque son outro, son outro. Creo ver, á fin, o sentido destes segundo que se entretecen en amables días, non me deixedes nunca máis, amables días ou estou a pedir moito? Si, petición imposible nesta vida que xira e xira e nunca para nunca para. Non me deixedes agora, por favor. Agora non. Non o merezo. Non o merecemos. Pero ti, vida, xa tes os teus sendeiros inescrutables.

 

(24-26- XI-16)

 

 

 

ir arriba