D

Creación Semanal - Palabrasplus 2015ir arribair a portada cp 2015

XANEIRO

 

E o folio, eternamente branco 2015

 

FEBREIRO

 

Descompresión (Escoitando o disco "Television" (1992) do grupo do mesmo nome)

 

 

MARZO

 

Apocalipse (Escoitando "Shine on you crazy diamond" (Partes 1-5 e 6-9 do disco de PInk Floyd "Wish you were here" e partes 1-6 do mesmo tema (Live at Wembley 1974)

 

ABRIL

 

E a vida segue... (Unha vez máis)

No exame de recuperación de primeiro bacharelato (Dende A Basella)

 

MAIO

 

Coitelo (Escoitando "Six Blade Knife" do disco "Dire Straits" do grupo do mesmo nome)

A pinga (A derradeira? decepción)

Onde estamos agora? (Escoitando a canción "Where are we now" do disco "The Next Day" de David Bowie)


 

 

ir arriba E o folio, eternamente branco 2015

 

 

Permanecerá por sempre eternamente branco o folio no que teimo nas sombras e nas luces?

Racho o silencio interior. Golpes e voces afastadas. Sísifo sempre volve, sempre volve.

Tres corazóns latexando, pelexando por latexar ledos ou, cando menos, calmos e tranquilos.

Mergullareime no mar das palabras que, amigas, sempre volven.

Nada é igual, nunca. Iso sospeito. Cada novo gran de area que cae no reloxo perdurábel desta vida é único e xa foi, xa morreu, xa non está.

Pedireille aos reis da maxia compasiva algunhas cousas:

Saúde para camiñar xuntos sen máis feridas. Un pouquiño de saúde, por favor.

Amor, agarimo e suave caricia que calma e aperta.

Os cartos xustos para poder seguir vivindo sen grandes agonías.

E un mundo moito, moito máis digno e xusto.

E cando chegue, unha morte doce.

Os reis compasivos sorrín ante as mil veces mesmas peticións mesmos soños mesmos anhelos cos que eles nada nada teñen que ver nada poden ninguén pode nin deus pode se puidera ser algo.

O poder do segundo futuro, do intre no que cambia a túa vida.

Na mirada extraviada, cega. Nos fíos de cordura que se van rompendo día a día. No solpor impávido ante os ollos vermellos doentes sangue. Na olimpíada dos humanos esquizoides e malvados. En todo, nada. E nada en todo porque nada pode quen o é todo non sendo nada.

Baleiro que consumes o silencio e o porvir sempre inexacto inesperado inseguro inaprensíbel ínfimo insidioso incríbel iluminado.

Que será de nós, miñas nenas? Que será de nós?

 

E outro novo ano esperta coma sempre, sen saber se aínda está durmido ou esta fatiga e esta maxia é un novo día que comeza, un breve fulgor da esperanza, unha tortura maldicida.

Amigas e amigos, camaradas. Grazas por estar aí. Grazas pola xenerosidade e o esquecemento. Grazas por todo e nada. Porque todo e nada somos nesta viaxe compartida e estraña.

 

(5-I-15)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Descompresión (Escoitando o disco "Televison" (1992) do grupo do mesmo nome)

 

E un anaco de ferro e lume atravesa unhas guitarras televisivas únicas punzantes intensas e unha voz que se pendura no seu propio ser, xogando a chorar, berrar, dor, mágoa, ledicia, ambiente. Non hai présa. Xa non hai présa.

Non era quen de parar. Non podía parar. Non me deixaban parar e eu non me deixaba parar. Todo era présa, vertixe, datas.

Eu son un simple pequeno verme protexido nun fogar que ás veces quenta tanto e ás veces xeo puro negrura eterna. O que merezo. O que son.

Non estou acostumado a ser unha imitación parcial dun executivo agresivo, non teño tantas verbas para todas e todos, non as teño para min!, ou teño demasiadas!

Só quero camiñar tranquilo, deixarme levar por esta música preciosa que outros fixeron, outros que algún día estarán onde merecen, xa o están, coma ti, nun sitio mil veces mellor do que realmente mereces.

Ser persoa, ser compañeiro, ser pai... canto por mellorar! Canto por facer! Por traballar! Seguir loitando inútil fronte a este inxusto mundo, mordes os beizos coa rabia da impotencia, seguir loitando fronte ao parvo ti que fuches como humano non empático con quen máis o tiñas que ser.

A melodía vaise apagando. Pero hoxe, xa sabedes, non teño présa. E aí chegan os baixos e as baterías galopando elegantes sen mirar nunca cara atrás. Adiante, adiante, señor inexistente, vamos todos correndo, galopando, coxeando, tropezando, pero avanzamos, avanzamos. Esquezo a miña vida, a nosa vida, o noso pasado, o meu pasado. Esquezo quen son e quen fun. Que che queda, neno?

Quédame un baleiro na alma que sempre estivo e estará porque os misterios son demasiado fondos e doen sen saber por qué. Quédame algún incríbel bico no que levitei, un agarimo dela, unha ela pequena sobre min, mirando aos reis, non, non quero lembrar, dixen que esquecín todo e se todo esquezo, que me queda? Que me queda???

Quédame un futuro incerto por construír, quédanme palabras e sons para enviar na botella ao mar do mundo, quédame o naufraxio permanente e solitario buscado e delicioso e o ser mellor cada día para ela, todo, todo, todo para compensar o incompensábel.

Quédannos vida por diante e xa non concibo a unidade illada que pretende ser ditatorial amo e señor do dous, dous son dous, á fin, dous que deciden compartir un inferno con oasis de cordura e un milagre feito muller.

Será ela quen remate dunha fodida vez coa maldición da miña, da nosa liñaxe antiga? A que nos fixo, nos desfixo, á que non fun quen de saber gañar o decisivo pulso, e agora aquí estou, sabendo que alguén di que son algo, mais non son nada máis que a proba empírica de que a xente cambia, aínda que non tarda tanto ou tarda todo, e de que nunca, nunca, os seres que andamos pola fronteira podemos baixar a garda, porque o monstro agarda e é negro e feo, moi feo. E doe moito.

 

Son feliz. Nunca pensei dicir en serio cousa tal. Toco madeira porque creo que é impúdico e por se o fado do casual causal destino me quere condenar, cambio a frase: “Son”, que xa é moito, moito, moito!!!

E “Marte” percorre os meus oídos e síntome acompañado na maneira de entender a música, ou sexa, a vida, así que grazas por esta descompresión “Television”, grazas eternas. Necesitaba estar con camaradas dos de sempre un bo rato.

E agora a ver deporte e cousas sinxelas na tele para compensar.

E tentar volver a “Marte”, cando menos de cando en vez.

 

 

(11-II-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Apocalipse (Escoitando "Shine on you crazy diamond" (Partes 1-5 e 6-9 do disco de Pink Floyd "Wish you were here" e partes 1-6 do mesmo tema (Live at Wembley 1974)

 

 

E os fermosos diamantes tolos volveron entre a tempestade adurmiñada e agora vehemente, brutal, vento zoando berrando galopando na pequena atmosfera destas pequenas formigas pequenos humanos que corren polas rúas e piden a salvación diante do exterminio.

Miro pola ventá o espectáculo da morte, da destrución interminábel, do adeus definitivo.

Boto unha penúltima calada e o fume percorre os meus pulmóns malferidos. Sento. Escoito a agonía frenética aí fora. Expiración. Néboa no aire. Fantasía. Marcho.

E os diamantes tolos bailan espidos nesta fermosa illa perdida, no confín de ningures. E os cabalos brancos comen pequenos terróns de azucre e os cativos saltan polos muros e rin ás gargalladas no seu inocente pracer.

Non sen quen son. Supoño que feliz nesta inusitada vida que reborda o alento. Un sol dourado, unhas nubes brancas, un pequeno bico coa muller fermosa, un adeus acuático e saboroso.

Volvo.

E así deixo pasar as derradeiras horas deste holocausto, desta apocalipse allea. Agardo a morte. Expiro. Tranquilidade e sosego. Podería lembrar, facer balance, tal vez chorar, tal vez sorrir incluso, tal vez esquecer, tal vez odiar, tal vez amar, tal vez perder, tal vez gañar, tal vez humillar, tal vez ser humillado, tal vez perdoar, tal vez ser perdoado. Podería, mais non quero. Mais non penso, a consciencia esvaécese en cada nova dose de branca e verde néboa.

Remato.

Non hai dor. Non hai palabras. Non hai escusas. Non hai rancor, arrepentimento, remordemento, culpa. Simplemente, pouco a pouco, non hai. E mentres noto cómo se me escapa a vida entre os ouveos que entran pola ventá, penso na sorte dunha morte así, doce e tranquila, simple e inexplicábel coma a ledicia e a bágoa, como a vida que se vai, que se vai. E xusto antes do meu último alento creo ver entre os ollos case pechados que nada hai, que non hai nada, que nada agarda, que ninguén chama, creo sentir a presenza dun baleiro inexplicábel, dun oco infinito, xordo, mudo, cego. Dun non ser que non sabe que non é porque non sabe nada. Porque nada hai. Porque non hai nada.

Sorriso.

Ollos pechados.

Fin da viaxe.

 

 

(2-III-15)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba E a vida segue... (Unha vez máis...)

 

 

A escravitude do silencio. A ausencia que estoupa na alma. E a vida segue... E a dificultade na permanencia das nosas vidas compartidas, o cotiá atoparse, amarse, ofenderse, aturarse. E a vida segue...

As luces sobre a vella mesa que alumean espíritos sinxelos e amábeis. A escuridade sobre o chan de vella madeira, machucada polos anos, polos pesos, polas pequenas cargas e os demiños de azucre e mel saborosa.

Non hai instante furioso ou tal vez si, non saber moi ben onde está o teu centro de gravidade actual. Perdidos nunha tarefa interminábel. Con sorrisos e con bágoas.

E o lago resulta tan azul mirado dende aquí. E os patos brancos e amarelos tan tranquilos, tan fermosos, tan antigos.

E o can que salta ao lago e os devora, un por un, el é bo, el é salvaxe, el está máis alá do ben e do mal, coma nós, os psicópatas sapiens que salvagardamos a realidade cruel que inventamos, alimentamos, protexemos.

A realidade do desastre, a guerra, a morte inxusta, a fame, a enfermidade mortal polo capital inmundo, nós, os sapiens que arrasamos o planeta, e nós, aquí, pequenos observadores activos e inactivos, quédanos a palabra, o berro, o ouveo, a música, a música.

A música como fume que ergue as esperanzas a un horizonte preñado de nubes de algodón puro, intenso.

Remórdeme a conciencia, o pasado, a culpa, o monstro. Tento esquecer e seguir. Porque a vida segue..., segue sen as e os que se van, mais segue, segue, implacábel e imperial, mol e rugosa, segue pese a nós, ou con nós.

Collemos a boa racha de vento e a nosa dorna avanza estrepitosa polos corredores da ilusión. Xa sei que hai náufragos e afogo, hai tamén viaxes incríbeis e fonda inhalación de osíxeno de vida.

Marcho. Non aturo esta publicidade inmensa que o cobre todo, e o converte en nada, e os artesáns das melodías, as pinturas, os creadores solitarios e incomprendidos bailan felices o valse da inconsciencia.

Por sempre alleos ao malestar, á incomprensión.

Viva a arte viva e real! Viva o sangue, o sorriso, a rabia, o adeus, a aperta en palabras, sons, cores, secuencias, labirintos máxicos que fan soportábel a existencia, aínda aniñando esquecidos no curruncho do descoñecemento público.

E a vida segue... Verde, en bata, e con pena e ausencia mesturada con canguros de ouro e unha muller, pequena estrela, que brilla nas antípodas.

 

 

(18-IV-15)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba No exame de recuperación de primeiro bacharelato (Dende A Basella)

 

 

A morte e a vida. A casualidade e a causalidade. Os signos. As sinais. A sincronicidade. O inconsciente colectivo. As mañás nas que ergues co ventre preñado de sapos. As tardes nas que o tempo pasa esvaradío, alleo, fugaz. As noites que veñen pachorrentas e implacábeis e o sono e o soño e a suor quente e fría e o acre e o doce e o estoupido nun arrepío dun mundo alleo.

 

Quixera ser mellor persoa. Quixera ser o que non sei se chegarei a ser algún día... algún día... algún día...

 

Algún día penso que si, que hai sincronías, sinais, presentimentos, estrañas maxias que se nos, que se me escapan entre uns miolos acostumados á lóxica racional, á empírica proba. Esa maxia co batería delgado e futuro presente que meteu eses golpes in crescendo onde ti o soñabas, sen mediar palabras, non foron necesarias palabras, nin explicacións, nin razóns, sincronía, sincronía.

 

E ti les unha vez máis a letra de Sincronicity II e o lago Ness, o monstro que sae do lodo, lelo na aula o martes 21 de abril de 2015 a terceira hora e a segunda tiñas libre e fuches ao departamento, acendes o ordenador, sentado fronte a el, google, debullo animado, de que irá? E colocas o rato sobre el e estrañamente sorprendido ou tal vez non, pode que ínfimo e vencido les: “81 anos á procura do monstro do Lago Ness” e pensas si, Jung, sincronicidade, si, pode ser e metes dúbidas á terceira hora, máis dúbidas nas cansadas mentes das alumnas e alumnos que xa bastante teñen con tentar comprender qué diaños de sinais lles está a mandar o mundo, o mundo consumo, o mundo eficiencia, o mundo ensino afogado en frías cifras e letras, datas, subordinadas e produto interior bruto e logaritmo derivada e categorías kantianas e xa bastante teñen xa bastante tivemos case todos coa educación momificada, allea á vida viva, ao pensamento propio, á sensibilidade, ao descubrimento interno e externo da maxia repetida, da chispa case imperceptíbel, do namoramento tolo e arroutado, da bágoa veloz e recorrente, recorrente, da ausencia feroz que atravesa almas e pulmóns sacros e pecadentos pulmóns feridos sen folgos sen aire.

 

Aquí, neste cárcere de suposto aprendizaxe que para min é fermosa casa antiga, a máis fermosa casa nunca antes construída, coas súas preciosas flores, cos seus brillantes corredores cheos de caos e hormonas, coas súas malas herbas que custa tanto arrincar ou facer algo bo delas, coas esplendorosas gratitudes e sorpresas, cada curruncho feito con estas mans mentais esgotadas pero aínda inquedas, curiosas, vivas.

 

Vida á fin. Fronte á morte que trae o abatemento e o cansazo eternos, fronte á mirada perdida do desconsolo e a tristura, fronte ao peso fondo do existir cruel e inxusto. Fronte a todo isto, a esperanza, máis verde que nunca, máis queimada que nunca polo agardar o seu propio nome, pola propia ilusión que o nome implica como pedras no lombo, porque pesa, pesa ser sempre a que ten a esperanza, perdón, a que é a esperanza, a que agarda, agarda, agarda...

 

Serás dignamente feliz, ti, quen o merece realmente?

Esa é a gran pregunta.

Si sería o grandioso final feliz.

E eu.

Eu xa tiven dabondo.

Eu estou de prestado. Anos regalados. Regalo sorpresa, inesperado xiro.

Eu camiño alucinado entre estes agasallos de movementos, cores, fume, sons, palabras que agora creo que son quen de entender, de interiorizar. Por primeira vez, por vez primeira, vello de máis por fóra ou tal vez o xusto e necesario, por primeira vez creo entender algo, entenderme algo.

 

E elas e eles seguen cos exames. Concentración, reflexión, nervios, crise de pánico, non sufras, non sufras, tranquila, tranquila, qué mal me sinto por dentro, qué mal te sentes. Calma, calma, calma, calma.

 

E todo prosegue. E todo é ese universo enteiro que se resume nun sorriso calmo. Nunha casa que chamar fogar. Nunha filla que salta na elasticidade dun novo mundo que á fin lle abre a cara xenerosa do traballo valorado. E os canguros, e a distancia. E o ver o marabillosa que é. E que é a nosa filla. O noso, case todo teu, máis prezado logro, prezado tesouro. Conseguiches ser unha nai incríbel. E eu conseguín non amolar de todo o teu esforzo, que xa é moito para o becho que era, fixeran, fixera ou o monstro que me deixaba ser e facer.

 

Sabes? Hoxe o sol alumea esplendoroso. E dende as ventás desta aula vexo un ceo claro e lindo azul, con gaivotas distraídas e pequenas estelas que veñen de algures que a algures van indo... Movemento. Présa. Comercio. Progreso de cangrexo.

 

Verei a tele. Verei deportes. Verei fútbol. Ata verei “Sálvame”, limón e laranxa, toma! Metereime unha gran dose de opio televisivo en vea. Toda unha tarde colocado esnifando aletargamento en goles, chismes, berros e ouveos afastados.

 

E vou marchando. E caen os ollos. Caen os ollos. E con eles cae a noite calada. Silencio. Xa ninguén fala. Non sendo a radio coa súa ladaíña cotiá. E durmimos.

E mañá sairá o sol, ou non, en sentido figurado, porque creo que dan chuvia. Pero, iso dá igual, o asunto é que será outro día e se a morte non vén buscarnos doce e amábel no soño, entón pelexaremos un día máis por conseguir iso que todas e todos buscamos: ser felices sen tan sequera decatarnos.

 

E pasar os días, os meses, os anos... e envellecer xuntos, velliños felices da man collidos. E non quero despedidas, nin adeuses, así que paro porque suponse que debería vixiar, non? Vixiar qué? Se o exame é de “pensar”? Vixiar que non acabe sendo o que nunca quixen ser como mestre, o que nunca fun. Vixiar que acabe sendo un “home”, con toda a inmensa dificultade que iso implica se tes un mínimo de conciencia e autocrítica.

E eu, nós, temos demasiada. Esa é a nosa bendición e o noso castigo, camaradas.

 

Feliz quen veña no nome do perdón. Feliz quen veña no nome da xustiza. Feliz quen sabe amar. Feliz quen sabe ser amado. Feliz quen sabe aturar esta vida sen perder a cordura. Feliz quen veña no nome da loucura. Feliz quen non sofre innecesariamente.

Voso é o único reino que por un tempo coñecemos.

O reino dun espazo-tempo no que vas escribindo a túa historia, con pingas do teu sangue ardente, burbullas do teu osíxeno xeado. Co teu ser mentres estás e, sobre todo, es.

 

Es algo? Alguén?

 

Quen, cando, por que me invitaron a esta rara festa con viño vermello?

 

Es algo? Alguén?

 

Son o que fun e vou facendo.

 

Éxtase e derrota.

 

Egoísmo en proceso de reversión.

 

 

(22-IV-15)

(Revisado, corrixido e ampliado 23-IV-15)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Coitelo (Escoitando "Six Blade Knife" do disco "Dire Straits" do grupo do mesmo nome)

 

 

Coitelo de seis follas co que rematas aos que agonizando berran. E os corredores do hospital cheiran a morte concentrada. Como cheguei aquí? Quen son? Na cama aséptica a túa mente devora interrogantes, e ti, o descoñecido, o inexistente ollas a enfermidade, sentes a enfermidade rodeándote. E, de súpeto, unha labazada na cara, auga fresca no deserto inhóspito e tes calor, moita calor. E que fago aquí? Como cheguei? Quen son? E o sol abrasa os teus miolos desconcertados e un raposo ao lonxe bosquexa un sorriso compasivo e qué está a pasar? Un río caudaloso, inmenso, entra nos teus pulmóns e respiras auga e cres afogar e agora aferrado ao tronco amigábel vas corrente abaixo, empapado, feliz, quen son? Como cheguei aquí? E mentes gozas da vertixe acuática e fresca unha lúa negra cubre todo, todo. E todo é negro, noite eterna, silencio, silencio. Non hai nada. Estás ti. Pero ti quen es? Onde estou? E entón, un misto prende un lume trepidante fermoso brillante charamuscas polo aire todo é luz vermello vivo e caes na conta caes na conta de que non es ninguén. Só existes nas miñas mans e comigo vives e comigo morres mentres cortas lentamente o teu brazo esquerdo co coitelo de seis follas e me miras abatido e ao tempo calmo. Mírasme e cústame aguantar a túa mirada. Amigo ou inimigo? Que fixen? Como cheguei aquí?

 

E os dous calamos e compartimos o pan e o viño do sangue dos vencidos. E pronto seremos unha santísima trindade atea, porque hai chega Ana co seu pelo entolecido de azul cobalto preñado, María que nos empurra cara a un túnel cheo de rosas e de espiñas. E os tres somos un, e un somos tres.

 

E foi así que a trindade abortou na nada e entón as miñas mans pararon de teclear e non entendín nada e optei cauteloso por un sinxelo e preventivo punto e final.

 

(15-5-15)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba A pinga (A derradeira? decepción)

 

 

A pinga vermella vermella noxenta noxenta rabia entolecida ignorancia monstro a pinga vermella e escura escura e vermella que reborda o vaso. Rematou todo? Que fixen? Unha vez máis? A maldita pinga dunha inconsciencia que non podo xustificar, que tento entender. Que é o que pasa? Ata onde chega a miña torpeza? Ata onde todo isto é parvo, parvo, parvo? A maldita pinga do egoísmo e a desconfianza mesturada con repetidos fantasmas. De onde demos vides? Onde carallo vos agochades? Non se supón que xa estabades no cárcere negro negro e pasado? E agora qué... E agora que facemos? E que vai ser de nós? E a súa ferida é tan fonda que xa non sei se nunca cicatrizará e seco non teño auga non teño osíxeno perdo a crenza nun certo sentido da vida nunha certa e rara posibilidade de felicidade e quedo coa fría estatística da desgraza o desconsolo a ofensa a coitelada nas costas o fracaso a derradeira? Decepción.

Podería buscar escusas para esta e outras tantas pingas que conforman o meu océano de amargura co que empapei a túa alma. Podería, pero sabes que non.

Non hai escusas xa, non creo que haxa xa nin tan sequera perdón.

Quedará o amor a pesar de todo, ese que algún momento máxico descubrín xunto a ti, grazas, grazas, grazas, déchesme todo, a vida, a dignidade, o cariño, a fatiga, a esperanza, a xa non miña Esperanza.

Podería chorar e teño ganas pero aguanto as bágoas porque á fin non as merezo.

Merezo a cara seria do que olla a súa propia morte en vida. A absurda confirmación do evidente: non fixen nada, nada, non son nada, nada, ninguén, non haberá lembranzas nin flores nin ausencias haberá becho exterminado polo ben da humanidade. O malo é que somos tantos e tantas bechos infestando o soño xusto deste inmundo mundo.

E si, a vida segue... pero non ten moito interese.

 

 

(27-5-15)

 

 

 

ir arriba


 

 

 

ir arriba Onde estamos agora (Escoitando a canción"Where are we now?" do disco "The Next Day" de David Bowie)

 

 

Anos e anos amarrados a este cabo salvador da túa infinita xenerosidade fronte á tormenta da miña indigna torpeza.

Anos e anos. Miles de minutos, segundos incalculábeis nos que ata fomos felices. Quero crer que si, que ti tamén.

Que somos agora? Anacos rotos nun camiño esquecido. Pequenas penas que se fan inmensas nun relato interminábel.

Que somos agora? Dúas almas xemelgas da tristura e a derrota?

Chegamos moi lonxe. Tan lonxe como un horizonte cun mar aberto que semellaba agardar, chegamos á beira do mar, á praia virxe soñada, fomos morrer á beira do mar da ledicia.

E onde estamos agora? Onde estamos? No deserto perdido dunha historia inhumana. Síntoo tanto.

Aquí, no baleiro dos corazóns rotos e os espíritos esgotados deixamos correr cara abaixo a nosa ilusión pola estrada perdida abaixo abaixo e ollamos cómo vai esvaecendo aquela estraña sorte de existencia esquizofrénica que soportamos.

Ela, nas antípodas, ela é o brillante que alumeará. Pero mellor non preto desta noite infinda. Non. Brilla libre, fermoso diante! Shine on you bright diamond!!!

 

 

(27-5-15)

 

 

 

ir arriba