D

Creación Semanal - Palabrasplus 2013ir arribair a portada cp 2013

XANEIRO

 

Unha vez máis, o folio en branco

O comezo complicado

 

 

FEBREIRO

 

E os días van pasando (Dende A Basella)

Despois do gran esforzo (Primeira Acta de "A policía do pensamento")

 

 

ABRIL

 

Comezando o terceiro trimestre

 

 

MAIO

 

Flores e días

As tebras

 

 

XUÑO

Rematou o curso

 

 

XULLO

Coma sempre, unha proba máis

Escoitando "The blue Mask" (Lou Reed, do disco do mesmo nome)

Escoitando o disco "Sally can´t dance" " (Lou Reed)

Non te perdas

 

 

AGOSTO

Pensei que non tiña palabras

Domingo de Agosto

Gorxa, tose, vida

Saída ao mundo exterior

 

 

SETEMBRO

Os amigos rotos (Para min e para vós. Escrito en Agosto)

Ela, sempre ela

Exorcismo

Dúbidas

 

 

 

OUTUBRO

E todo daba voltas...

Outra pequena viaxe

Vivo (Primeiro día de videoteca)

Mañanciña de domingo

Sempre Lou (In memoriam, 28-10-2013)

 

 

 

 

NOVEMBRO

E a flor murcha renaceu

Cando a dificultade medra (Dende A Basella)

Escoitando "Death of a train" (Daniel Lanois, do disco "From the beauty of Wynona") (Dende A Basella)

Recreo (Dende A Basella)

 

 

 

 

DECEMBRO

A inxustiza segue gobernando o mundo e outros delirios de certeza. Eu, tal vez? (Escoitando "Dogs", "Wish you were here", "Shine on you crazy diamond (Parts. 1-8)", "Set the controls from the heart of the sun", "Breathe (In the air)") (Pink Floyd), do disco de Roger Waters "In The Flesh (live)"

Por favor (Dende A Basella)

Agridoce (Remata o ano con présas e ánimo )

 

 


 

 

ir arriba Unha vez máis, o folio en branco

 

 

Unha vez máis, o folio en branco. A vida que segue e hai que encher. Unha vez máis, os ecos da dor e a enfermidade. Exames que haberá que superar. Unha vez máis, a esperanza e a loita eterna. A felicidade do pequeno tan inmenso. Sumar puntos para o equipo que nunca gañaba. Nunca gañaba. E si, de novo, erguer e comezar a camiñar, pouco a pouco, coa ilusión como bandeira dunha existencia renovada. O tempo. Perdurar en equilibrio no tempo. O tempo. Amigo ou inimigo. Vivir ou malvivir, sinxelamente sobrevivir ás veces. Pido o milagre da inercia do sosego. Con fatigas e con demos, solicito a inercia do que construín sobre un monstro feo. Este pequeno gato que tira a guitarra ao chan e alleo á culpa xoga. Meu gatiño, pequerrecho, “bichai”, coma min. Como as mulleres marabillosas deste fogar. Un continuo espazo-tempo para os viaxeiros dunha galaxia que empeza a se atopar. Un oco no universo. Un simple delirio de tranquilidade. Unha vez máis, o folio en branco cuberto agora por palabras dun novo ano, dun segundo que semella non cambiar nada, semella cambiar todo. Non quero volver estar de xeonllos fronte á desintegración interna, non quero subir máis rochas, meu vello Sísifo. Mais o que veña será recollido entre apertas e inmundicia. Haberá noxo e sufrimento. Sempre o hai. Todo é cuestión de dose. Haberá ledicia e sorriso. Todo é cuestión de sorte, traballo e maxia.

O gato fita os ollos no meu corazón e ata pode pensar que merezo este inesperado xiro do destino. Ata pode que me queira. Como eu a el. Como eu ao oasis, á illa aberta que nos trae brisas salgadas de mar e chuvia fresca e vellos cantando as canción mariñeiras que a fan chorar de emoción sincera, qué fermoso!, que certo!, que galego!, e si, como non, tamén repetidos apagóns que exercitan a paciencia. Porque, ata agora, aquí sempre volveu a luz. Toquemos madeira coa alma entre tebras e fíos de embrións de luz.

O folio latexa entre bramidos dun estómago aforcado e as estrelas de mar xogan a ter sete patas. Porque sete é un bo número, como outro calquera, como unha semana, como unha vida por cubrir, por encher, por vivir. Dignidade. Afouteza. Unha vez máis. E xa van moitas.

 

 

(1-I-13)

 

 

ir arriba


 

 

 

ir arriba O comezo complicado

 

Está sendo toda unha proba para a dureza de ánimo este 2013 que vai nacendo. A fortuna do benestar físico marchou. Agora, a gran pregunta é: É isto só unha costa arriba máis, un episodio pasaxeiro nesta viaxe que estaba envolta en ilusión?

Os xitanos non queren fillos con “bos comezos”. Serei o máis xitano dos xitanos e agardarei cos ollos abertos a que pouco a pouco a gloriosa felicidade sinxela volva aos meus e nosos días.

Lembra: ninguén dixo que fora ser fácil.

Ninguén dixo que todo estaba feito.

Mais be, como sabes, case nada perdura neste mundo de tolemia e frenesí.

Conta ata dez, ata vinte, ata cen, ata mil, ata un infinito de sosego. Conta o incontable antes de caer na derrota, na maldición do monstro malo.

Que teñas sorte, compañeiro.

Que teñades sorte e saúde, meus amores. Sobre todo ti, ti co teu sorriso magoado, ti mereces a vida máis digna e fermosa que un humano se poida imaxinar. Por se me converto en monstro, só por se acaso, bendita sexas polo deus terreal do amor, a paciencia, a sabedoría, a xenerosidade, a forza de vontade, a bágoa fuxidía.

Gustaríame camiñar eternamente da túa man. Para iso debo vencer, e para vencer, teño que loitar ata a extenuación.

Tentareino. Ben sabe o destino que o merecemos.

 

 

(2-I-13)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba E os días van pasando (Dende A Basella)

 

 

E os días van pasando cunha métrica imperfecta e ao tempo estábel. Os sons da inquedanza escóitanse moi ao fondo, de cando en vez. Mentres tanto, a certeza do sinxelo, precioso e duro acontecer cotiá vai facendo unha pequena costra nos nosos corazóns.

E os días van pasando cunha dignidade descoñecida, nunca antes prevista. A vida ten sentido aínda no malestar que nunca foxe de todo. Non hai mellor novela que a vida mesma. A miña, a nosa, a vosa, a dun mundo enteiro.

Poida que os telexornais afundan a confianza nesta especie mais vou quedar co individuo concreto. Co agarimo e o pasar das horas. Nubes verdes e marróns compartidas, un fermoso partido de balonmán, a película de Freud e Jung, a compañía en silencio, as palabras reencontradas.

E os días van pasando e se todo fose así ata a morte, pagaría a pena a tortura do pasado. Non estou falando de perdón e esquecemento, falo dun fío de esperanza que cobre o ánimo.

Case nada é sinxelo, case nada perdura. Así que hoxe confirmo empiricamente que fun quen de ser case o home que sempre debín. O futuro é un misterio. Será loita, será noxo, será mar precioso, será xaqueca, será vómito, será ilusión, será serenidade, será paz, será cordura, será angustia, será dignidade?

“Non penses no mañá”, ese foi un gran consello. Teño amigos, filla, compañeira e comezo a terme a min como aliado. Sei que podo perdelo todo. Tamén sei que ás veces os dados caen e sae o número da calma e a fortuna.

E os días van pasando. Somos tanto e tan pouca cousa.

 

 

 

(6-II-13)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Despois do gran esforzo (Primeira Acta de "A policía do pensamento")

 

 

Hoxe, mércores 13 de Febreiro do ano 2013, despois do gran esforzo e baixo mínimos de efectivos, A Policía do Pensamento, reunida consigo mesma chega ao mellor, é posíbel, a algunha pequena certeza:

•  A vida é imprevisíbel.

•  Ser responsable cansa moito.

•  Facer pensar é moi duro.

•  Hai segundos máxicos na existencia.

•  Ela meréceo todo.

•  A política corrupta leva á indignidade global ou a un berro ensanguentado.

•  O ser humano está por facer.

•  A saúde pode tornar gloriosa esta estancia temporal.

•  A enfermidade pode tornar insoportábel esta eterna prisión.

•  Ao mellor chove.

•  75 cabezas na cabeza son moitas.

•  Oxalá todo isto e aquilo valga de algo.

•  Oxalá é unha palabra ponte cara o sorriso e a bágoa.

•  Tan canso...

 

 

 

(13-II-13)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Comezando o terceiro trimestre

 

 

E Marzo marchou coa súa mestura de felicidade sinxela entre complicacións lóxicas. Unha semana santa, que así a chaman, na casa cun arrefriado que tardaba moito en vir. E agora, o último trimestre. O último esforzo deste curso. Cos síntomas do malestar no ventre, no vultiño (agora meu) descoñecido, nos pulmóns cansos, con todo iso e a marabillosa esperanza dun final digno, encamíñome á procura dunha loita que agardo sexa merecida de ser loitada, suave, posíbel... Teño tanto que perder... Teño tanto que gañar... Ánimo, afouteza, carraxe, xa sabes, vida.

 

 

(2-IV-13)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Flores e días

 

 

A vida é sinxela e incomprensíbel. Os paxaros co pico alongado, o vento frío de fronte, a calor na pequena praia de augas cristalinas.

Volvín de entre os mortos para atopar o sentido da vida nela mesma, na súa inocencia, na súa complexidade.

Todo é máis fácil cando tes o aliado: ti mesmo. Todo é más fácil cando tes o aliado: a saúde.

E así os días van caendo nun saco que se enche de momentos pequerrechiños, maxia pura, tamén malestar, tamén ollar un mundo tolo, tamén..., como ela di: “porque estás vivo”.

Unha certa paz como bendición. Agarimar o gato mimado, agarimar o tempo sen loita contra as agullas do reloxo.

Nunca pensei ter esta segunda oportunidade. Nunca pensei que o meu eu oculto case 50 anos, verme reptando frenético, angustiado, se transformara en bolboreta branca da esperanza, en compartir palabras e sentimentos dende a convición profunda de que este eu, este novo eu renacido, é bo, é digno.

E falarei das pedras que lanzabas ao aire e falarei dos elefantes correndo temerosos, e falarei dunha bala que atravesa o teu peito, e falarei dun arco da vella en cada recuncho, e falarei dunha illa preñada de saúdos, e falarei da inxustiza cega no mundo, e falarei da humillación e a maldade do sapiens, e falarei e falarei e o cumio da montaña seguirá aí. Aí, preto de onte estou. Aí, preto de onde nunca antes chegara. Botarei voar, libre, lixeiro, liviá como unha pinga de suor, como unha mínima bágoa que estoura no cristal da ledicia.

Unha vez máis, agradecido, agardo camiñando que o camiño siga a ser real e lindo.

O noxo está, mais xa falei, xa vivín, xa vivimos tanto nel.

Deixádeme este atrevemento fermoso no medio do destino.

E maio chega con flores e días por vivir e por morrer, ben o sei.

Maio chega con traballo e forzas para afrontalo. E toco madeira.

Maio chega e agora si, agora si estou aquí.

 

(5-V-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba As tebras (despois do esforzo)

 

 

As tebras achéganse polas costas. Traballei duro, traballei compartindo vida. Semella que deixei outro cachiño de min na faena. E agora, atopar de novo o equilibrio, a saúde física e mental, a marabilla de vivir en paz.

Mais aí están elas. As tebras. Procurarei que se esvaezan coa sensatez e a afouteza que creo conseguín ter á fin. Non podo afirmar nada cunha seguridade implacábel. Só sei que fun outro e que quero seguir a ser ese outro que fun e son?

Cheguei. O asunto agora é: Canto tempo poderei estar aquí? Cantos días sinxelos e fermosos quedan por vivir? Cantas penas? Canto malestar? Canta maxia? Só pido unha migalla de sorte para manter a dinámica da vida digna. Só. Case nada. Pido tanto. Tanto como o dano que fixen. Tanto como a pequerrecha inmensidade que aprendín. Segue, segue!!! Camiñar, camiñar, camiñar!!! Semente de esperanza compañeira. Que xa é moito!

 

 

(21-V-13)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Rematou o curso

 

Rematou o curso. “Animals” ouvea nos meus oídos. Unha vez máis, maxia e perda. Fun tan feliz, tan mestre, tan amante da filosofía. Recollín tantas esperanzas preciosas dos “pequen@s” de 2º da ESO. Recibín tanta confianza e amizade dos de 1º Bach. Pero semella que aínda non é o momento de novelas con final feliz. Borraría as últimas semanas. Ou non? Aprendín a tentar ser coherente e íntegro. Aprendín a loitar con unllas e dentes no que creo, no que é a miña vida. Mais eu non quería ser xuíz nin parte dun traballo alleo. Eu non quería ofender, nin entremeterme, mais tiven que facelo. Así é a vida. Así chega (supostamente) este verán. Sen noticias das interferencias compartidas, co noso verde que non quero que quede na cor da esperanza. Ten que ser unha realidade física, material, carnal.

Os amigos choran e de cando en vez, rin. Eu, se aguanto o meu ser e estar, estarei para eles e, sobre todo, para as miñas dúas elas. A bendición feita muller que camiña polo mundo adiante chea de ilusións e traballo duro, a bendición feita muller que me devolveu á vida, que camiña ilusionada entre os cons co seu máxico traballo nos ollos, na mente. Oxalá teñades toda a sorte que vos merecedes. Oxalá non sexa nunca máis un estorbo, unha traba, un inconveniente.

Segue o ouveo dos porcos, dos cans, das ovellas, segue a haber todo un horizonte por atrapar. A paz. A vida sinxela. A esencia no traballo. A música e o mar.

As bágoas e as dores sempre estarán aí. Son a perda que compensa a maxia.

Só pido un equilibrio digno, unha saída cos dous pés no chan, dobre pirueta que non acaba en sangue no nariz. Non levar un gholpe. Supoño que diso se trata. Non sei cantos gholpes máis poderá soportar a miña alma partida. Mais sei, agora si, que hai pocións máxicas, que ás veces, con tempo, con loita, con desesperación levan ao paraíso interno dunha illa que recolleu os nosos anacos e os vai pegando, lentamente, un a un, cacho a cacho. Creo que o merecemos. En todo caso, estamos vivos, e xa sabedes o que iso implica: maxia e perda, perda e maxia. Grazas, Lou. Grazas a tod@s @s que conformades o meu mundo. Sigo vivo. Sigo vivo. E, coma sempre, cruzo os dedos.

 

 

 

(28-VI-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Coma sempre, unha proba máis

 

 

Vivín en preciosos asteroides que rodeaban o centro xusto da felicidade. Bebín das fontes da vida ata que se abriu unha lagoa no meu ventre. Preñado de calma e dozura pasei pola vida, amei e fun amado. Mais, sempre, hai un pero, un mais, mais a sombra interplanetaria e a sombra do centro xusto da felicidade flúen, flutúan, trocan. E así hai días ou tempos nos que o aire frío do espazo escuro fai que collas molestos arrefriados. Ata gripes. Ata algo máis. É entón, cando non sabes o alcance e o perdurar no tempo da túa molestia, é entón, cando a ansia supera á quietude, é entón, cando o estómago se revolve, é entón cando pides ferventemente que non haxa outra implosión, maldito pasado, no teu pequecho asteroide. E segues, e volve a luz e a calor. E volven os bicos e a presenza estábel da normalidade. Nunca pensei ser tan feliz. Nunca pensei que puidera perder tanto. Todo. Nunca pensei que puidera gañar tanto. Todo.

 

 

 

(3-7-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Escoitando "The Blue Mask" (Lou Reed, do disco do mesmo nome)

 

 

Unha máscara azul racha en violentos ocres, intanxíbel cor no ollo da mosca violeta que sobrevoa o maldito cemiterio dos mortos en vida. Un sacrificio para o amo do mundo, tal vez o noso ser todo. Capital, odio, corrupción, infamia. Coñezo estas palabras. Deixei atrás un fillo, un pai, mortos a coiteladas na noite máis sanguenta das noites negras. Mergúllome nos teus peitos e fuxo cara a outra realidade imperceptíbel, un oasis no deserto da rabia. Cuspes palabras coma noxo eléctrico e os cables esganan o teu pescozo. Morres e sorrís co carmín de labios tan vermello vermello vermello e azul noite noite. Braman as guitarras afiadas nos oídos dos camiñantes desesperados, unha e outra vez, unha e outra vez, comeza o eterno acople e o rillar de dentes fragmenta as promesas en migallas negras e podres. Teño a túa palabra. Busco a miña. Entón caeu o bisonte do afastado afastado oeste e un neno raro e pálido branca pel ouveou ouveou todas as putas miserias todos os putos cravos espallados no seu puto planeta sen gravidade relativa, pero si, si, coa fodida gravidade chumbo pesado que esmiúza as esperanzas todas todas todas. Hai foguetes no ceo na noite do asombro. Berrar. Berrade!! Berrade!! As mans sangrando de tanto darlle ás pobres cordas dunha guitarra ensanguentada como se ela fose a vítima inocente de todas as frustracións presentes e pasadas. Colgaron ao shériff. Colgáronos a todos. Foi unha masacre. Unha e outra vez. Unha e outra vez. A nosa historia é unha masacre. Fixen a maleta xunto ao home de ollos amarelos. Vomitei. Perdín a consciencia. Caín no soño derrotado e humillado. Abrín os ollos coa inocencia do regalo de reis magos que sempre tiven e nunca vira. Abrín os ollos. Merda, merda, merda. Tantos anos en van! Tanto sufrimento inútil! O escaravello segue o seu traballo impasíbel, ódiote, ódiote. Morre. Corro polo prado verde esmeralda que rodea as miñas ansias. A humanidade é, en esencia, unha perda. Tentar atrapar o tempo infinitamente limitado. Vomitei. Suor fría e leite quente con coñac para durmir. Fun fillo. Mateime. Mateime. Nacín. Nacín. Matei. Morrín. Dálle, dálle, dálle, fai estourar cada nota nunha morea de follas esparexidas polo chan húmido dun esquecido outono. Unha estratexia. Unha táctica fiable. Tan só a manobra acertada. Tan só estrear a paz esquecida. Esquilmar o medo e a presión. Estrambótico sinal de estorbo. Cada estómago engule unha barreira. A dificultade está no rumiar. Pesada. Nin unha bolboreta multicolor en toda a paisaxe de insectos descoñecidos. Unha pequena metamorfose interior, ou o gran cambio. A cea de amigos. O cansazo e a nova pegada no camiño do frenesí.

Firme, o rei, apático, alza a súa prateada espada e un millón de gorxas berran entolecidas. Comeza a batalla. A morte chama. E non podes cambiar de canal. Non podes. Non podes. Así que, con quen vas? Escoita, con quen vas!!??

 

 

(10-VII-13)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Escoitando o disco "Sally can´t dance" (Lou Reed)

 

 

Unha historia. Un pasado. Tardes cheas de soidade envoltas en nubes de acordes e coros. Lembro a ausencia de vida. Lembro os estraños xogos da miña mente. Pero cando o disco comezaba a soar... aquelas sombras, aquelas tardes semellaban diluírse en cada melodía.

Canto tempo vivín alleo ao mundo dos humanos?

A voz lenta e rabiosa e doce e desesperada, as mulleres que traen o soul á miña pequena alma, sen facer, un espírito anulado, morto.

Hoxe segue a néboa e os bechos do pasado semellan afastados. O pasado sempre estará aí. Sally non podía bailar. Sally segue sen poder bailar. Agora, collo a Sally e arrástroa por unha inmensa e triste pista de baile. Baila, Sally!! Baila!

Sally non move as pernas. Sorrí. Nunca máis poderá bailar, pero soña con fillos mortos e linguaxe animal.

A relatividade do tempo. A calor dos veráns inhóspitos naquela cárcere que era o meu fogar. Cárcere á que me aferraba para non loitar pola liberdade. Liberdade que soñaba entre lamentos estúpidos e demoledores.

Mañanciña. Busco a claridade de Sally. O seu lado esplendoroso e brillante. As trompetas machucan guitarras e voces. Non hai complexidade. Hai proximidade. Busco a claridade de Sally. Comezar de novo despois de tanto tanto tempo. Reunir os vellos cromos nun hotel sen invitados e pegalos un a un coa pachorra de quen non ten consciencia do tempo.

Se o saxo chorara un pouco máis, afundiríame. Xa chegou de chorar. Non quero bágoas nin inquedanza cega. Bailo, bailo, bailo no medio dunha multitude xorda e cega. Bailo libre e feliz. Vai por ti, Sally! Vai por ti! Ves os meus movementos cubistas no medio da pista? Ninguén ve, ninguén escoita.

Por primeira vez, creo non estar só. Simplemente estou e bailo e bailo e alguén nunha cova perdida nunha fermosa illa agarima ao lonxe as cordas dunha guitarra linda que expande as súas ondas por toda unha humanidade de tempos perdidos.

Son o que son. O que fixeron de min. O que fixen de min. Lou, grazas, grazas polos momentos de pequena levitación (inmensa!) entre catro paredes.

Simple, sinxelo. Todo resulta máis fácil cando os fados da saúde acompañan. Cando a soidade é compartida, cando os pianos choran de ledicia.

Bailarei e bailarei e bailarei na miña mente inqueda, mentres ela poda e queira e así Frankenstein será o monstro fermoso que ninguén agardaba. Transmutación inesperada.

Aprender a calar. Aprender a parar. Aprender a vivir.

Deixo o xornal no chan. Chan húmido e esvaradío. Vou colocando folla a folla o meu itinerario de seguridade. Piso nacional, internacional, deportes, notas mortuorias, sociedade, piso con todo o coidado do que son capaz. Non quero esvarar máis. Non, por favor, agora non quero, non podo esvarar máis.

Ínfima viaxe ao pasado doente. Baila, Sally! Creo que agora xa podes. Xa podes, se o intentas. Ánimo, Sally! Volverá a cor á túa cara, o movemento ás túas pernas. Os cans, os gatos, os paxaros cantan a canción dos milagres insospeitados, mentres Sally, sorprendida, ollos alumeados, baila entolecida no xusto centro do universo de coral e rosa. Ao mellor hai sosego, riso e soño tras o muro que fixeches e fixeron.

Sally baila e un mínimo bico une os nosos beizos solitarios.

Ride, Sally, ride!!

 

 

(11-VII-13)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Non te perdas

 

 

Segues camiñando entre a máis fermosa e fina das areas das praias da illa do novo mundo coñecido. Por que teimas en pisar o lodo malsán enfermo tolo bruto noxento que un día deixaches atrás?

Non te perdas. Non pares na túa batalla.

Se atopaches unha vez a saída deste cruel labirinto, poderás outra e mil máis.

A impotencia da bágoa que aínda non se derramou. Mais está aí. Sabémolo.

A perda dun día glorioso na capital da pedra viva. Por que? Por unha nova falta de madureza, parvo.

Non te perdas. Non pares na túa batalla porque creo que será eterna.

Non sempre haberá matanzas, non sempre danos colaterais, poden ser pequenas guerras de guerrillas, mais creo que a paz semellará tan efémera.

Busco o sol entre esta néboa persistente. Busco a túa calma e o meu sentir de home feito.

Vexo anacos de cores polo aire e un peito malferido cunha tose inexacta. Parva. Corpo parvo en mente parva. Así é ás veces, aínda que non saiba dicilo en latín.

Non te perdas. Non pares.

No camiño da bondade e a xenerosidade, do auténtico, do realmente bo, nese camiño está a túa salvación, a túa felicidade e, sobre todo, a daquelas e daqueles que te queren.

Xullo vai morrendo. A ponte, a illa, o continente na néboa do desasosego.

A néboa é temporal, fráxil, fuxidía. Tamén espesa e cabezona.

A néboa rematará marchando, coma Xullo, como esta marabillosa e tráxica vida.

 

 

(22-VII-13)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Pensei que non tiña palabras

 

 

Pensei que non tiña palabras nas miñas mans, nesa ilóxica alma. Pensei que só os sons e harmonías podían comunicarme co mundo exterior.

Mais aquí as están, sinxelas e incríbeis, coma sempre, amigas, compañeiras.

 

Comeza un novo mes no medio de mareas ondulantes e crebadizas. O peito. A tose. O fume. A felicidade loitada. A busca da calma.

 

Tropezo comigo mesmo cada mañá e tento atopar o norte da encrucillada, para non entrar nela, para non perderme, para non perder tanto que teño, tanto que gozo, tanto que me faría vivir cun sorriso amplo.

 

Vida, chea de inquedanzas, pequenas miserias, grandes venturas, unha nova oportunidade, a esperanza, o sosego, a desesperación e vou vomitando a vida en palabras unha vez máis e outra e outra, elas comezan a saír dos meus dedos, elas teñen vida propia. Escribir. Poder compartir un intre nunha eternidade contigo. Chorar. Rir. Sal. Bágoa. Hai tantas palabras e tantos sentimentos, tanta emoción.

 

Corro polas teclas como se me levara un vento cálido e suave. Agarimo cada verba co penúltimo aloumiño dun precioso soño. Amar. Vivir.

Palabra, poderoso gran tirano liberador da esencia. Grazas por me acompañar.

 

(1-VIII-13)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Domingo de agosto

 

 

 

Atronan os lategazos metálicos nos meus oídos. O estoupido inocente, infantil, persoal, pequerrecho. O xogo como terapia. A terapia como xogo. Consumo bronquios entre as súas miradas. Fatigadas. Esperanzadas. Quero confiar no anxo protector daquelas “catro esquinitas” e aquelas noites, inocente, infantil, persoal, pequerrecho, nas que ía para a cama coa confianza no único, invencíbel amigo protector. Onde marchaches? Cando dixen que era hora de te ir? Cando perdín a pequerrecha inocencia?

Busco entre flores murchadas un agarimo flotando no río de augas frescas e límpidas. Estaba morto. Estaba morto.

Nada é realmente sinxelo. Nada é realmente complicado. O acerto, o fallo. A decisión oportuna, inoportuna. Non falarei do azar, non falarei do destino implacábel e silencioso, supostamente alleo, maldito, bendito. Non falarei de futuro, nin de soños por soñar. Teño o que teño. Vivo o que vivo. Tose. Rabia. Calma. Sono. Horizonte.

Os barcos seguen aí cada mañá, tralas inmensas ventás dos saxos lánguidos. Fun quen. Tal vez serei. As arañas nunca foron o meu prato favorito. Un pouco de caldo e pan, moito pan, moito pan para facermos sopas e perdernos polo buraco da infancia pequerrecha,e hoxe, á fin, despois de máis de cincuenta anos podes afirmar que ás veces fuches feliz nunha infancia chea de tormento e medo. Fuches parvamente feliz no medio da desgraza.

O bolígrafo negro como símbolo.

Oxalá o traballo sexa levadeiro.

Xa non digo marabilloso e único.

Levadeiro.

 

 

(4-VIII-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Gorxa, tose, vida

 

 

Nun verán calmo, a gorxa, a tose como inconvenientes. Peaxe física do pasar dos anos con todos os seus días, tardes, noites. Ese conxunto inalcanzábel que acertamos a chamar vida. Os feitizos do sosego esparexen oportunidades ao redor dun niño de gorrións que sempre volven voar sobre a túa cabeza, sobre todo ese millo alto, sobre todo ese val amarelo e verde, sobre a infancia perdida e recauchutada, sobre as nosas pequenas existencias cheas de gloria e dor.

Berra a voz do blues no corazón cosido, no peito fatigado, na gorxa impertinente, soa o blues no medio dun mundo enfermo e precioso.

Farto de contradicións, de loita de contrarios, farto do devir, farto do fluír mergúllome no río para ser un con el e el con todo. Empaparse de natureza inocente, salvaxe, poderosa. Beber a auga limpa. Correr, correr, correr sen nunca mirar atrás, sen medos, sen pesos, sen castigos.

O castelo da princesa triste lanza o seu lume ameazante e os dragóns malos da electricidade humana atacan sen piedade. Temos a apócema para gañar esta batalla. Temos o convencemento, temos o sentido, á fin, a vitoria, correr, correr, correr, estoupar e estouparse contra os muros, os dragóns, o lume, o destino, a ansia, a angustia, o desespero, correr, correr, correr ata a vitoria porque correndo sempre gañaremos. Non pares, non pares. Veloz coma un "guepardo" cruzo toda posibilidade e sobrevivo. Sobrevivimos. Demasiadas cicatrices. O inimigo estaba dentro. Demasiadas cicatrices. Nin unha vítima máis inocente. Inocente polo que fixo e polo que lle fixeron. Polo que non fixo, polo que deixou de facer. Inocente no seu silencio.

Hai catro paredes negras e no centro un burato vermello que engule os teus pensamentos. É perigoso. Non te acerques demasiado. Cantas e cantos non volveron? De novo, demasiadas, demasiados.

Rodeado de círculos e rectángulos, cadrados e romboides, o galileo da ciencia do solpor dunha tarde de verán deixa caer os seus segredos, as fórmulas prohibidas, manchas no sol, cráteres na lúa, non, o galileo do triste blues non cre na perfección do círculo. Non cre na perfección. Cre no traballo, a paciencia, a sorte, a maxia, a dor, a ansia que esmaga, o sufrimento inútil e covarde, a boca calada, a boca partida, un aceno de verdade, unha migalla de paixón, un bico, illas que son todo, todo que son illas, a soidade compartida, a palma no lombo, a compañía silenciosa, o fugaz e eterno paso do tempo, as propias e únicas conviccións morais profundas: ser coherente e íntegro.

Revelei todos os meus segredos, ensinei todas as cartas. Non me importa. Non quería xogar. Só quería estar con vós e comigo un pouco.

 

 

 

(7-VIII-13)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Saída ao mundo exterior

 

 

Erguer. Ducharse. Roupa limpa. Coller o coche. Ir ao médico. Ollar esa tétrica imaxe dun mesmo nunha placa raios x que volven percorrer o teu corpo. Amigos mortais. Diagnóstico. Nada grave, iso parece. Aceptación.

Volver ao paraíso. Aparcar. Coller a toalla da praia, poñer traxe de baño, pantalón curto e chancletas.

Tirarse nas augas do mar. Deixar que a salitre penetre os senos e chegue desatada ata a gorxa. Cuspir. Nadar. Friaxe.

Escoitar música na area. Non é normal esta calor. Recoller.

Casa. Comida. Televisión. Música nas orellas. Ordenador.

Exames de setembro. Recollida e orde nos apuntamentos.

 

Todo isto é porque estou vivo. Por fóra, pero, agora, tamén por dentro. Así que falarei do que non se pode falar.

 

Esa muller no médico, con ese fermoso e sexy vestido, tentando aparentar unha xuventude que a súa cara delata como totalmente falsa. Quédalle ben. Resulta atractiva. Eu non serei un vello atractivo. Tal vez, un vello.

 

Ese aire que entra polas ventás do coche e o revolve todo, un mundo de acordes e berros fermosos, unha loucura atada por un cordel de diamantes e prata. Busco o intre preciso do orgasmo mental. Berra, berra, berra, muller, berra a túa canción.

 

O amigo que puido morrer. Os milagres cotiás. A incerteza. “O que espera, desespera”. Saber, saber esperar. Vou aprendendo.

 

Consolo para os aflixidos para as mortas en vida para as brutais maneiras de ser e estar. Obrigatoriamente. “Lume obrigatorio”. Lembras, mortiño noso? Lembrades?

 

Unha bágoa rápida e inocente. Os cartos movendo o mundo. O mundo matando por cartos. Os cartos matando por cartos, humillando, vexando, maldicindo...

 

E o tempo pasa. E o sol implacábel dun agosto indefinido rebota nas cabezas dos que aínda seguimos a camiñar neste lado.

 

Tedes frío, amigos perdidos? Tedes frío? Agardo que non. Sería fermoso que tiverades os vosos soños mais sigo coa teima de que como todas e todos non teredes nada. Nada máis e nada menos que un recordo, un vestixio, unha pegada, unha greta, unha rachadura na cortiza dunha pequena árbore que é o noso bosque dentro dun bosque de mil árbores dentro dunha selva de infinitos bosques dentro dunha pinga de amargura e felicidade nunha interminábel botella, nun inacabábel xirar e xirar e xirar e xirar.

 

A vida sempre ten o as para matar o tres. A vida sempre gaña. Podes perder unha ou mil veces. Iso xa pode ter algo que ver contigo, ata podes non perder a esencia do xogo, xogando, é dicir gañando. Facerse amigo do tempo, como di ela. Facerse amigo da vida e a morte, do destino que fas e se fai, das casualidades causalidades.

 

Tiña ganas de falar un pouco. Tiña ganas de saber onde estou exactamente.

 

A precisión é un imposíbel. Como a perfección. Só é un posíbel subxectivo, un imposíbel colectivo. Arderá a sabedoría, a lóxica e a razón. Arderá o prexuízo, a maldade, a covardía, a inxustiza, o noxo. Arderá todo e todo serán cinzas. Cinzas que levará o vento do universo cara a algures onde o gato que sempre dorme ollará preguizoso todos eses rescaldos e pensará: pero que ocorreu?

 

O gato, ás veces, chora. Pero quero pensar que é feliz no seu curruncho insospeitado. El, observa, mecoso, e déixase agarimar. Entón, nese segundo máxico, suave pel nas túas amantes mans, na súa sinxela felicidade, estás tan vivo coma el.

 

Chegou.

 

 

 

(20-VIII-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Os amigos rotos (Para min e para vós)

 

 

(O mércores 28 de agosto de 2013, entrei na casa dos nosos soños. Baleiro. O ensaio mudo, o estudo mudo, o sofá das nosas confesións cheo de nada.

Entón, non tiven máis remedio que escribir isto. Para min e para vós.)

 

OS AMIGOS ROTOS (Para min e para vós)

 

Rachan os amigos. Mentres agardo. Ninguén volverá da noite, non haberá máis escuridade neurótica compañeira. Non haberá reviravoltas polos recunchos do paraíso no coche fiel. Nin tardes. Sol, calor, afogo lindo.

Os amigos perdémonos. Facémonos dano no corazón, na entraña do que somos. Do que queremos e maldicimos.

Non hai razóns. Non hai xa batallas. Nin vencedores. Nin vencidos. Un remuíño de pena levouno todo. Non queda nada. Ninguén. Baleiro. Sos.

Falarás como se nada pasara. Ata sorrirás. Ata seguirás vivindo. Ata seguirás cubrindo o oco inmenso con outros días e noites cheos de tolas burbullas de diversas cores.

Pero eles racharon. E ti con eles.

Xa sabes. Lembrar a felicidade compartida. O soño, a ilusión, a música, o milagre acontecidos. Lembrar a marabillosa suor máxica anegando os nosos corpos, pingando, pingando ata encher un mar doce e precioso.

Xa sabes. Lembrar que a vida é dura e nada dura para sempre. Tampouco a dor. Espero. Confío.

Síntoo tanto que xa nin podo chorar.

Wish you were here, neuróticos!

 

(28-VIII-13)

(Para subir algún día)

Subido o 12 de Setembro de 2013

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Ela, sempre ela

 

 

Ela, a única, a marabillosa. Ela, triste e consumida entrou nun setembro espiral e raro. Ela, a bendita, a xenerosa, baixou ás escuridades do desasosego e a abulia. Demasiada vida cando esta significou loita continua.

Síntoo tanto. Aquí estou. Por primeira vez fronte a ela ferida. Por primeira vez sendo este outro que nunca pensei ser.

Ánimo, compañeira. A nosa viaxe foi tan tan longa tan tan intensamente salvaxe e máxica e noxenta que non debe rematar xamais.

A non ser, xa sabes, que o final sexa el morrendo mirando a ela feliz. Feliz. Feliz.

Quérote. E agora comezo a saber o que é querer.

 

 

(12-IX-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Exorcismo

 

 

Sacrifiquei as mil vacas negras e malditas. O seu sangue confundiuse co teu eco afastado. Probei a tirar os dados sen mirar, pechando os ollos, mais sempre saía o número dos nenos malditos. E os corvos sorrían...

Apalpei a imaxe dun soño queimado polas praderías da desilusión e o afogo. Cumprín o castigo. Todo foi castigo e pena e dor. Naquel mundo de infernos e soidades a paz imposíbel o sufrimento a loucura domesticada domesticada pero vencedora na ansia na angustia na suor fría no tremor. Por que temos que pasar por iso? Porque temos que danar a terceiros inocentes? Que estraña é esta vida! Xogar. Xogar. Quero xogar. Quero estar libre de carga, libre de culpa.

O horizonte pétreo das nenas humilladas rachou en anacos. A corrente do aire frío lento mortal. Un cemiterio cheo de baleiro. Baleiro absoluto. Nada. Quítame o demo! Quítame o demo! E vas e quítasmo! E agora voo sobre a súa condena? Non é xusto, non é xusto.

Lamento dicirlle que está pechado. E das a volta unha vez máis. Perdido. Esquecido. Ela camiña polas rúas molladas pola chuvia de aflición e os pequenos trasgos dun destino que se escribe mentres escribes, ela camiña, ela é, é simplemente, todo. Todo. Todo.

 

 

(12-IX-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Dúbidas

 

 

Unha vez máis, un novo futuro por cubrir. Ocos de diversas cores e tamaños que agardan os meus feitos, os nosos feitos. Un estómago, uns pulmóns, un estado de ánimo.

Percorrer contigo un camiño indefinido que temos que ir enchendo, día a día, día a día.

Súo nun frío imperceptíbel, camiño, tropezo, vivo.

Nada sei, non sei nada do que agarda. Sei que haberá que loitar, quero saber que haberá paz e ledicia. Un sorriso aquí, un sorriso alá. Unha bágoa aquí, unha bágoa alá.

Prometo enfrontarme á vida e ao traballo que foi bendición e agardo sexa, prometo sorrir sempre que poida. Prometo coidar. Pido folgos e afouteza. E saúde, saúde, a nai que fai as vitorias máis sinxelas.

Unha vez máis outra mañá. Oxalá haxa moitas e ata mellores. Mellores. Sorte. Sorte.

 

 

(23/IX/13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba E todo daba voltas...

 

 

Nun outono confuso, nun precipicio agochado e eterno, o universo das ledicias e a impotencia daba voltas e voltas sobre o seu propio eixo de ferro e prata.

Convertemos a felicidade en desasosego. Caemos, damos voltas e seguimos. Sempre seguimos. Remuíños de dúbidas e certezas inseguras, burato fondo de lambetadas e azucre negro de escaravello morto.

Se volvera a paz dos guerreiros esgotados. Se volvera esa luz nos teus ollos. Se os días fosen amábeis e sinxelos, parvos exercicios xa resoltos.

Agora, a mar está bravía e o vento zoa sobre a choiva impenitente, mais, de feito, non hai culpa, mais, non debería haber ningún castigo.

Non merecer un novo xiro no destino. Non querer crer no destino. Rachar cos dentes o eterno destino, que nunca para, que nunca para, que nunca para.

Os sons, a pequena rutina, marcharon. Esvaecéronse rápidos, nun fuxidío chiscar de ollos, nun sopro de despedida.

Soño con aquela felicidade quente na mirada. Soño coa ilusión que o cubría todo. Soño que o soño é a realidade. E entón, durmo e calo. Ás veces berro, ás veces choro. E entón, durmo e calo.

 

 

(4-X-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Outra pequena viaxe

 

 

Nun universo infinito e móbil recollo os dentes que deixaches para o rato. Pequenos diamantes dunha infancia empaquetada en medo. Renacín. Morrín. Vivo. Vivimos. Todo un carrusel de imposíbeis rodea cada paso. Probabilidades que se mesturan entre as horas e os minutos, como se non estiveran alí mais alí están xunto aos negros paxaros da incerteza.

Escoito cans ao lonxe. Non podo velos. Sigo e tapo os ouvidos. Serei o príncipe dos lamentos, serei o rei da pírrica vitoria. Ou gloriosa eternidade de espírito calmo. Os tomates vermellos vermellos vermellos que plantaba meu pai. Meu pai, miña nai, mortos. Amigos mortos. A morte é o derradeiro camiñar da existencia. Sei chorar xa? Fixen algo bo de min?

Entre meteoritos de cristal a nave do abandono percorre o afastado planeta. Árbores azuis con froitos estraños e deliciosos. Unha boca inmensa, as fauces do labirinto de estelas e estrelas. E cinco lúas, unha para cada dedo da man esquerda, unha para cada un dos cinco inmensos bicos que mereces, meu amor.

Soan os trombóns da chamada á penitencia. Ti non irás, porque es culpábel por sempre. Sempre saber o que dicir o que calar o que vomitar o que destruír aniquilar.

Unha inmensa guerra que nunca acaba. Vivir. Soñar. Gañar. Perder.

Sobre un mar de bágoas salgadas paso ao carón de illas virxes e preciosas. Ollo asombrado. A beleza natural en todas partes. O éxtase, o delirio. Nunca pisarei esa area pura. Fuxo co vento do sur a favor e unha cálida aperta percorre o meu ánimo. Sabedes de matemáticas aplicadas? Sabedes de xeografía e historia? Sabedes de economía, latín, filosofía, química, física, tecnoloxía? Sabedes quen sodes? Sabedes quen son? Quen fun?

Seremos almas xemelgas xogando a ver quen ri máis?

Seremos velliños felices camiñando lentos, lentos?

Seremos un punto máis na fronte da inocencia?

 

Atrapo unha mosca de cen patas laranxas. Son cruel. Torturo.

Á fin aprendín a lección. A mosca non ten culpa ningunha.

Voa agora sobre nubes verdes de amábeis tormentas. Libre. Esgotada.

 

Ao mellor sorprendo ao meu pequeno mundo e aguanto na cordura.

Ao mellor.

Aguantamos. Loitamos. Camiñamos.

 

Esta viaxe non ten fin non sendo a fin desta viaxe.

 

 

(5-X-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Vivo (Primeiro día de videoteca)

 

 

Unha morea de rapazas e rapaces envoltos nun frenesí caótico e fermoso. O ruído, a música, a compañía, a liberdade no medio da disciplina. Liberdade e disciplina, fundamentos de case todo neste curruncho.

O estómago, o ventre maldito, non paran de enviar sinais de malestar. Mais eu sigo cara adiante coa convicción íntima de que poderei, poderemos unha vez máis.

Atopar o equilibrio no medio da tensión. Controlar a vehemencia na exposición dos argumentos. Non estoupar. Non rachar.

E todo isto, e moito máis, como ela di: “porque estou vivo”.

Con todas as súas consecuencias, responsabilidades. Con todos os seus arribas e abaixos. Estou vivo.

Se puidera manter unha cota de saúde e afouteza, un cachiño razoábel de benestar moderado. Se puidera escoller.

Mais a vida é dona de cada segundo, de cada día. Ela en ti e ti con ela. “Porque estás vivo”.

 

 

(15-X-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Mañanciña de domingo

 

Os ollos cansos rebotan nun murmurio cuberto de silencio e noite que se abre. Pequena batalla contra a incerteza do malestar corporal. A mente que tenta viaxar sen maletas. Canso. Mais preparado para o nervio e a calma. Os elefantes camiñan pesados e non hai publicidade gratuíta para o corazón e as bágoas. Cumprirei a promesa ou perderei o xogo na derradeira tirada?

Nun recuncho calquera morre outro vagabundo, morre outra posibilidade de ser chamado humano.

O mundo xira e nós con el.

Pesimismo e optimismo son tan fuxidíos, crebadizos, relativos.

Mercarei un diamante que reflicta cen mil caóticas luces para ti. Só para ti.

A combinación da cordura e a loucura. Os sons que enchen os meus oídos. Confusión e alma.

Os pasaxeiros do tren que nunca dá chegado, os que chegan demasiado pronto, os que non soben ao tren.

Gustaríame morrer por vós.

Gustaríame ter o que hai que ter para morrer por un espírito puro. Coma o teu. Miña amada.

 

 

 

(20-X-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Sempre Lou

 

 

Unha chamada da miña filla. Non concibo mellor xeito de saber da túa morte. Lou, amigo da alma, compañeiro cómplice na distancia. Lou, poeta único, berro e agarimo. Maxia e perda. Lado salvaxe. Máscara azul. Animal. Ouveo. Rock and roll. MÚSICA. LETRA. VIDA.

Estou triste, non o podo evitar. Mais sei que viviches o vivido e por vivir. E deixaches as túas pegadas nos corazóns, nos miolos de tantas e tantos coma min. Así que, sempre vivirás na nosa labiríntica memoria.

Neno grande, pequeno vello. Caer e erguer. Caer e erguer. Deus humano. Quérote con ese amor que dá a túa beleza única, a túa palabra precisa. “Non podes ser Shakespeare, non podes ser Joyce”, dicías. Podes ser, Lou Reed, nada máis e nada menos. Para sempre. Por sempre.

Dende un Berlín imaxinario unha bágoa e un sorriso. Irmán do precipicio e o sentimento. Outro único camarada que deixa esta estraña pelexa diaria, esta gloriosa bendición cotiá. Grazas, grazas, grazas por ter cravado os teus dentes sabios no meu corazón. Grazas, Lou Reed. Señor da terra verde e queimada. Señor do día perfecto que sempre e nunca existe.

Xa o dixen: Quérote.

Por iso, polos soños rotos e a maxia esparexida, por iso, sempre, sempre permanecerás vivo dende a ausencia humana.

“Cada un recolle o que colleita”. A túa semente está en nós. Un bosque cheo de enigmas, prantos, berros, miradas, suicidios, felicidade, sexo, beizos, bestas, Sallys, Carolynes, heroína e sangue limpo, animais de mil especies, o teu bosque, o noso bosque raro e fermoso, real como este existir que nos consome e nos deleita.

Grazas, Lou. Afúndome na túa voz e segues vivo, vivo, vivo. Por sempre, vivo.

 

 

(28-X-13)

 

 

 

ir arriba


 

ir arriba E a flor murcha naceu

 

 

Fun aquilo que odiei e o odio consumiu unha vida enteira.

Os cans ladran nerviosos. O aviso do tremor.

Neste novo mundo de cores subliñadas en traballo e moderada ledicia atopo a razón que nunca pensei existira.

Ti estás aí. Loitando cos teus fantasmas. E a flor murcha renace gloriosa e precavida.

Os lóstregos do abandono e a masacre encheron de luz velenosa o noso camiño.

Síntoo tanto!

Farei pombas brancas de papel. Voarán lixeiras e despreocupadas cara a un mar de peixes saborosos e inocentes.

Creo non temer a morte. Mais sigo temendo o sufrimento, sobre todo, o inútil sufrimento que provoquei en ti, en vós e en min mesmo.

Acaricio a guitarra coa dozura de quen percorre o corpo da amante máis bela e desexada. Táboa de salvación. Amiga e compañeira.

Sen música, todo tería sido aínda peor, terrorífico, abandono, eterna soidade.

Soño cunha vellez sosegada ao teu carón. Soño con chegar a ser un home digno de recibir tal nome.

Foi duro, é duro. Sinxelo e arrevesado. Contraditorio. Amar, morrer, sufrir, vomitar, rir, chorar, cantar, saltar, bailar, apertar, apertar os dentes coa ansia do imposíbel e relaxar o rostro enteiro ante a milagrosa aparición da calma.

Aínda queda moito por facer.

Aínda queda moito por facer?

 

 

 

(8-XI-13)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Cando a dificultade medra (Dende a Basella)

 

 

Cando todo semella complicarse. A complexidade como inimigo. Todo era suave e sinxelo. Todo era calma e días pacíficos que van pasando.

Aquí chegou de novo o malestar. O sono eterno. A dor inesperada. Pequenos tropezos cotiás.

Cando a dificultade medra, debes manter a calma, aumentar a afouteza. Paciencia, meu amigo.

Esta vida é un sube e baixa, un baixa e sube, remuíño de esperanzas e derrotas. Á fin, camiño con pedras duras que magoan e preciosas xoias que reflicten felicidade.

Ninguén está a salvo. A non ser que esteas morto, morto en vida, lembras?

A escravitude da morte interna.

“Denantes mortos que escravos”, escravos da angustia e a agonía. Desesperación, non futuro.

Agora non é iso. Non Quero que nunca máis sexa iso. Agora é cansazo e problema. Reviravoltas do destino. Imperfección humana e lóxica.

Durmir. Teño sono.

 

 

(12-XI-13)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Escoitando "Death of a train" (Daniel Lanois, do disco "From the beauty of Wynona") (Dende a Basella)

 

 

Vexo o tren fuxindo ao lonxe. Estou canso. Estou canso. O tren segue o seu traxecto. Como as formigas que agora piso sen compaixón. Fun o demo e enchín o meu pequeno mundo de xofre e noxo. Fun a a maldade que magoa aos queridos inocentes. Racho a guitarra. Sangro. O sangue nas cordas cheas de electricidade e rabia. Estou canso. Lento.

Nesta ocasión o accidente non foi mortal. Renacín para ver como te afundías? Renacín demasiado tarde? Quedan brillantes estrelas nos teus ollos tristes? Querida, o tren vaise afastando. E nós, nós como a formigas, esmagados polo fatal destino.

Volverei con todas as fermosas flores do campo verde para ti. Volverei coa miña Esperanza. Volverei pedir perdón agora que a miña pel muda en digno ser humano.

Tanto sufrimento en van? Non hai paz para os desolados? Non hai sosego e bendición para os enfermos e os coidadores?

Ao carón da miña cama, o teu leve corpo vaise por escuridades que non merece. E unhas inmensas ganas de chorar invaden os corazóns dos que te amamos. Volve, nena. Volve entre margaridas azuis e rosas laranxas.

Co teu traxe de muller preciosa sobes a outro tren que vai a ningures. Quero ir contigo. Déboche tanto! Déboche todo.

Por favor, por favor, amada miña, non caias no inferno da tristura.

O mundo é estraño. A vida, o ser humano é, sinxelamente, inexplicábel, ilóxica, imposíbel de entender para unhas pequenas formigas coma nós.

Corre, corre, miña nena, entre prados e lagoas. Veloz polo ceo claro, como unha cometa vibrante percorrendo o horizonte esplendoroso.

Volve . Volve. Sen ti, nada importa. Sen o teu corazón ledo e quente o ten nunca parará, nunca volverá. Nunca.

Ollos ás formigas mortas. Unha bágoa, un suspiro. Unha cadea de ouro e diamantes feita con caramelos de fresa. Un absurdo.

Nada é todo, se o teu espírito viaxeiro e andante está magoado.

Nada é todo, sen ti.

 

 

(15-XI-13)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Recreo (Dende a Basella)

 

 

Soou o timbre. Soan fóra as miles de palabras da rapazada cun eco que non amortece o barullo. Aquí, no meu recuncho, o sol brilla esplendoroso polas ventás. Os libros, as películas, a música ao meu redor. Costa dicir o que está a pasar cando non sabes o que está a pasar.

Ou sabes cousas soltas, mais non es quen de encaixar exactamente todas elas para atopar un diagnóstico.

Elas. Eu. Que voltas dá a vida! E as que dará!

Sinto un estado gasoso no meu estar no mundo. Un estoupido agardado de nubes de xofre e néboa de propano.

Apagarei todo. Calarei. Ollarei en silencio cómo cae a noite e apertarei forte o teu corazón doente.

Sorrí, meu amor. Que sinxelo é dicir o ás veces imposíbel.

Sorrí e este sol esplendoroso brillará nas nosas caras, no interior ferido das nosas vidas, á fin.

Sorrí mentres recollo toda a electricidade estática dun campo magnético de magnolias e algodón de uranio enriquecido pola sorpresa interminábel.

Soa un teléfono. Racha o silencio. Segue soando. Non hai palabras, non hai movementos.

Se a escuridade fose unha manta agarimosa. Se o ánimo recobrara ás súas amigas pequerrechas. Millo e algo de aceite. Pan. Fame. Burato. Estómago. Ventre. Burato. Negro. Noite. Doe. Forza. Carraxe. Soño. Pena. Bágoa. Todo e nada, nada e todo.

Seguirei aquí, agardando polos teus beizos únicos, agardando sentir o seu tacto intanxíbel que fai precioso o monótono sobrevivir.

Calidade de vida. Humanidade. Ilusións rotas en anacos. Anacos cos que fas unha barca de pedra prateada e navegas, santo demo, navegas polo mar púrpura dos orfos, enfermos e malditos. Saúda. Saúda. Así. Así. Non ves que ti es sangue do seu sangue?

Sorrí e a noite será descanso agarimoso.

 

 

(29-XI-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba A inxustiza segue gobernando o mundo e outros delirios de certeza. Eu, tal vez? (Escoitando "Dogs", "Wish you were here", "Shine on you crazy diamond (Parts. 1-8)", "Set the controls from the heart of the sun", "Breathe (In the air)") (Pink Floyd), do disco de Roger Waters "In The Flesh (live)"

 

 

Os animais rodean a miña cabeza. Porcos, ovellas, cans, miseria.

Pasan os anos, pasan as décadas e os lustros os séculos os milenios e a maldade persiste. Esta especie denominada nun erro histórico-científico “homo sapiens” dexenera como tal. Remata corrompendo ao seu xénero sen escrúpulo.

O mundo é unha lei do máis forte social, competencia, inimigo, unha loita na que no cumio da pirámide seguen a estar os peores espécimes da humanidade.

Corruptos. Corruptos polos cartos e o poder. Entolecidos. Entolecidos por deuses falsos, milagres doutros mundos.

Maltratamos á femia. Maltratamos á muller. Maltratamos á nena. Maltratamos aos nenos, vellos, pobres, tolos, raros, distintos, especiais, diferentes.

Somos unha entidade chea de pus fedorento de fanatismo e falta de compaixón.

Somos a escoura deste planeta, a borralla, o lixo, o incomodo.

 

Mais tamén sei que hai un esplendoroso solpor coas mans pegadas, mais sei que hai un intre único no que sorrío, mais sei que hai amor e esperanza. Mais sei que hai individuos sensíbeis e sinceros. Hai calor no teu corazón. Hai unha fermosísima bolboreta branca e un bico.

O individuo “homo sapiens” pode ser fermoso, único, incríbel, precioso, precioso.

Ti es preciosa e única. Ti es precioso e único. Eu son preciso, único. E todo vai saír ben. E seremos felices. E soñaremos os nosos soños coa ledicia de lamber un xeado de chocolate e nata. E darémoslle patadas ás pedras e riremos como tolos que brincan arredor dun inmenso lume, cos amigos, cos iguais, coas mulleres e homes dignos de tal nome, cos bendicidos pola conciencia única do sentido e a sensibilidade. Cos respectuosos e ben educados. A boa xente. Nós, ás veces.

 

Sei todo isto. Flutúo. Cambio. Abaixo. Arriba. Esquerda. Dereita. Norte. Sur. No oeste, nesta terra que me deu estas verbas e este ser galego no mundo dos sapiens, dende esta terra, nesta afastada illa, neste afastado cuarto, alleo a todo, alleo a nada, sei que existimos cada día sen saber qué será de nós dentro dun minuto. “La vida es eterna en cinco minutos”. E a bágoa de Amanda percorre todos os universos que ferven na miña mente e non sei se coller unha bandeira e saír a ouvear espido fronte ao mundo, ouvear a boa nova de que o imposíbel pode ser cambiado, ou calar e ver o partido do Barça mentres deixo as miñas viaxes no sofá e pérdome por camiños de triángulos e cadrados e fórmulas exactas do simple benestar: un iour de sabor limón, un plátano, unhas pílulas de diversas cores, as de sempre, dende neno, só que con distintos nomes e tamaños, e pérdome no fondo do sofá no mundo da tranquilidade do gol que non ten máis ciencia das estrañas criaturas que pelexan pola herdanza o pai perdido a foto roubada a raíña do pobo jorge javier e atrapa un millón e sempre frasier sempre frasier e El Intermedio, querido Wyoming, cantos anos levamos na mesma fronteira? Eu tamén fuxo montando nunha bici imaxinaria que corre e corre entre praderías verdes e perfectas, o día perfecto de Lou, os heroes de David, oxalá estiveras aquí, meu amigo, miñas e meus queridos.

 

A canción cambiou. Non hai animais. Oxalá estiveras aquí. Os espíritos chaman á porta do cuarto. E montamos unha festa. Elas rin eles rin. Sei que estou soñando. Afaite a pensar na morte como esencia desta vida. Necesaria e digna. Non quero agonía. Non quero agonía.

 

E agora, brillas, tolo diamante e vexo o cuarto cheo de psicodélicas cores e burbullas que estoupan e caen anxos orfos e unha vea ferida e unha cabeza tola, tola.

Perdinme ou estou aínda aquí? E aquí é onde? O espazo-tempo desdebúllase no cerebro. Migallas de sons dun inmenso órgano na catedral. O berro profundo. A xente sae enlouquecida ás rúas. Todos berran, todos berran. E non se escoita nada. E a noite chega. E moitos morren de frío. E moitos morren de fame. E moitos morren de sede. E moitas morren por moitos. E non sei onde estou mais seguirei camiñando. Porque é o único que nos queda, miña amada, meus corazóns, o único que nos queda é seguir camiñando entre a fina fronteira de vidros e diamantes, de cordura e de loucura, de ausencia, soidade compartida, vida que se nos vai e que a collemos que se nos vai que a collemos e pasa o tempo e ninguén sabe nada nada e eu non sei nada nada nada nada non sendo que as miñas mans tremen sobre un teclado cheo de letras que forma palabras que curan o meu espírito ou cando menos, cicatrizan. E que cicatrizan, Manuel? Cicatrizan o simple feito de existir cada día. O marabilloso e salvaxemente duro intento de cubrir con cordura e unha moderada paz un novo día. Pido moito. Pides tanto!

Aturar con cordura este mundo. Atopar a paz entre o bombardeo eterno.

Os coros das mulleres son tristes. A luz escintila e fugaz estoupa en mil cristais que reflicten unha brisa de camaleóns e gaiteiros. Brilla! Brilla!

 

Sobrevoo todos os milagres. Sorrío porque xa morrín moitas veces. E aquí estou. E aquí estamos, compañeira, compañeiros de viaxe.

 

 

Non sufrades.

A vida é breve éxtase e dor.

A vida é longo pesar.

A vida é todo.

Camiñar.

Camiñar.

Paro. Ollo a escena. Volvo ao mundo no que se come e se bebe e se defeca volvo ao mundo feito de feitos e non só de palabras volvo ao mundo e a música que escoito nas orellas dá sentido a todo un existir enteiro. A todo un sufrir innecesario. Gloria. Soño. Brilla! Brilla!

 

As voces vanse apagando. Lentas. Suaves. Tamén o brillo entre nubes grises de treboada. Chegará a chuvia e limpará algo deste mundo. Chegará moita chuvia.

 

Collo o paraugas interno e prepárome por se vai vir outro gran diluvio.

Cantos irían?

 

E, de súpeto, no “Spotify” salta a publicidade e sénteste parvo, estúpido, como se todo o ouro fose falso, como se nada valese de nada.

Fodidos cartos! Fodida realidade de “papel basto e metal redondo”.

Son un fodido “papalagui”!

Son un fodido "papalagui"?

Supoño que si.

E entón, calo.

Poño o piloto automático do sobrevivir e os pés, ás veces, avanzan, cara o corazón do sol.

 

Vou nunha nave pachorrenta. As xentes mándanse mensaxes curtas cun número de carácteres e eu non podo parar de deixar pegadas no “p”, no “r”, no “a”, o “a” de ansia que me leva cara ao corazón ardente do sol abrasador. Morrerei queimado pola calor máis abraiante que nunca antes sentira. Fungos esmeraldas pousaran na miña cabeza e chorarán. Bágoas eléctricas en círculos concéntricos.

Podo ver todos os planetas dende aquí. Dende o corazón ardente do sol. Cheguei.

É tan pequerrecha esa cousiña chamada terra. Tan pequerrecha.

Relativo. Relativo. Case todo é relativo e dilúome nun magma caldoso e fraternal e suspiro e, agora si, paro. Silencio. Silencio. Nin un aplauso. Silencio.

 

Síntoo. Respirade!, respirade!

Non podo rematar.

Lembro, lembro, lembro a felicidade.

Catro amigos quinceañeiros de acampada en San Vicente. Felicidade. Lembras, Manuel? Aquelas bicis que eran liberdade compacta e brillante, aquelas augas, aquela canción, aquela pequena radio. As bicis.

Volvendo de noite para a tenda e cantando, berrando felices “Home, home again!”. Meu deus, onde estabas lembranza? Quero sentir esa felicidade plena “home, home again!”, foi marabilloso, foi tan lindo, que ese segundo máxico que agora vén á miña mente podería dar sentido a toda unha vida orfa e miserábel.

Aínda por riba, semella que me quedaba outra vida, un “bonus” extra, un tempo de regalo. O tictac é permanente, a humidade das mañás. O traballo. O traballo como esencia. Como realización persoal. Quen es? Son un home á fin. Un señor que dirían. Un señor maior e alto, gordecho, co pelo moi moi branco e unha vida nova.

Hai cansazo, hai noxo e malestar, pero por primeira vez neste labirinto estraño atopei unha saída e fóra, fóra, o incríbel, a paz interior, as ganas, o quefacer cotiá, o traballo, o traballo, esas rapazas e rapaces que me escoitan cada día, que me aturan cada día, que comparten vida comigo cada día de luns a venres e volta empezar e volta empezar e un ano e outro ano e se houbese deus pregaría que este traballo non tivera fin se segue significando vida intensa, dura, difícil, pero vida intensa e ata me atrevo a dicir, proveitosa. Si, proveitosa.

Son un afortunado. A fortuna non é ilimitada.

Son ou fun un desgraciado, porque quixen porque me deixei, porque me fixeron, porque me fixen, que mais ten agora, agora xa nada importa. “Home, home again!” Encántame estar aquí! Na casa, neste cuarto, nesta illa. Síntome por primeira vez en máis de cincuenta anos alguén, alguén de verdade.

 

 

 

(1-12-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Por favor (Dende A Basella)

 

Por favor, que a palabra sexa cura das feridas da súa alma. Por favor, que o encontro se converta en esperanza no futuro. Por favor, que chegue un bálsamo para a dor do espírito. Por favor, que as miñas nenas atopen a ledicia e a paz interna. Por favor, que o mundo comece a ser sinxelo e fértil para elas. Por favor, que a súa mente descanse no sosego e na ilusión. Por favor, que a fraxilidade se transforme en afouteza e ánimo. Por favor, ela merece unha nova oportunidade. Por favor,que ceguemos a ser dous velliños tranquila e simplemente felices, non coa felicidade esa de ouro e ouropeis, felices na simplicidade do día a día. Por favor, que ela volva renacida. Por favor, que a sorte nos acompañe. Por favor, vida. Grazas.

 

 

(5-XII-13)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Agridoce (Remata o ano con présas e ánimo)

 

 

Aquí estou. Unha vez máis. Un ano máis. Queda pouco tempo xa para que remate este ano. Agridoce. Agridoce foi a nosa existencia neste 13 agardado. Entre as mans cansadas escapóusenos a felicidade, como area fina que se perde entre os dedos. Aquela ledicia sinxela. Aquel suposto benestar. Aquela suposta páxina xa pasada. Nada é o que parece. Ou todo consiste en saber ver. Saber ver. Saber ver a ela. Ver a ela. Ver a elas. A miña pequena e incríbel familia. Son pai. Pai. Aos meus cincuenta e dous anos pasados atópome con que son pai dunha fermosa e intelixente muller. Única. Ten sorte, meu pequeno paxaro, miña linda bolboreta.

Fun Atila. Fun un morto. Rachei todo aquilo que quixen, todo aquilo que me quixo. Fixen sangrar e chorar. Humillei na confianza. Maldicín nos seus tristes ollos a miña loucura. Perdín todo norte, todo compás que me orientase. Morrín. E nacín de novo.

O vello neno renacido gatea polas paredes dunha illa que ela sempre tivo dentro. O vello neno, o morto renacido, comezou a espertar dun longo pesadelo, dun longo non-ser, dunha longa agonía en vida. Cambiou o físico. Mudou de pel. Engordou. Botou barriga e papada,el, el, o delgado por excelencia, el do que cruelmente se burlaron media vida porque sempre estabas nos ósos, porque semellas un morto de fame de África, ha, ha, ha, qué gracioso, el, engordou, o fío, el, botou barriga e papada. Cambiou por fóra. Moito.

Mais do ovo podrecido saíu unha luz esplendorosa e brillante que encheu todo o seu universo. E comezou a farfallar palabras sen medo e logo ata actos. Actos xenerosos, tranquilos, sinceros, bondadosos. El, o monstro, a besta, el era a bela, fermoso.

E tentou ser mellor cada día e as fadas boas do camiño din que vai polo bo sendeiro e ás veces pérdese e con el o todo e chega a nada repetida e escura e ela morre un pouco máis pero semella que erguen, si, erguen e atopan un oasis coa auga máis fresca e pura que nunca puideron beber e atopan a sombra eterna dos pobres aos que o destino lles da un respiro e encamíñanse de novo na dura, fatigosa e máxica viaxe. E as fadas boas do camiño que é este existir que agora morre en fin de ano, as fadas optimistas, positivas, ata pode que as realistas din que vou, imos, imos indo polo bo camiño.

 

“Hai un pouco de maxia en tódalas cousas, e logo unha pequena perda para compensalo todo” (Lou Reed, por sempre. In memóriam)

 

 

(31-XII-13) (21: 17 horas)

 

 

 

 

ir arriba