D

Creación Semanal - Palabrasplus 2012ir arribair a portada cp 2012

XANEIRO

 

E todo comeza outra vez

Escribir para o silencio

A tormenta persiste

A dificultade de existir

Si

Unha nube

Un río

Un sorriso

Un traballo

Unha semana

O home que saudaba cun sorriso

Unha tormenta

Unha volta

Un espazo

Escoitando "Shine on you crazy diamond" (Live)

 

FEBREIRO

 

Fun feliz

O eterno retorno unha vez máis

Así que avisei

Quixera crer nun final feliz

Agora

Imaxes e soños

Aquela gorxa esquecida

Saír

Nos coitelos dunha almofada

Falar

Os monecos agarimados

Resistencia

Os monecos agarimados

Rastreando o burato

Loitando na fronteira dos buratos

 

MARZO

 

Entre as brumas do cansazo feliz

E ti dirás

Despois dun longo traballo

A compañeira que me falou

O balance dun sol ardente

Recoñecer a vontade

Caer, unha vez máis

Antonio

Pesadelo

No exame de Kant

 

ABRIL

 

7/IV/12

Resistir

A muller negra canta

O neno que miraba ao sur

E corrín tentando atopar a orixe da quietude

Non sei

Un repetido rertoceso

O perfume dos pequenos intres ("La única lucha que se pierde es la que se abandona" (Che Guevara)

No exame de Marx

 

MAIO

 

Sabes ti como segue isto?

Incursión

Remuíño

Soñar

Unha hora antes da avaliación

Cambiar de tema

Tense que pechar a ferida

Fluctuacións na retina interna do cerebro

Petar no corazón (Escoitando "Xadrez" - Neuroband)

Maio vai morrendo

 

XUÑO

 

Os ecos dun berro afastado

Febles fíos

Unha vez máis, o monstro

Metade de xuño, metade de todo e de aínda nada?, Non, algo é algo, ou moito? Despedida do curso 2011-12 na súa case última semana (Conseguín rematar dignamente o curso, se nada grave pasa estes últimos días!!) (para subir o 26-VI-12)

Por favor!!

 

XULLO

 

Cando a treboada non dá rematado

Recoñecer o perigo que sempre asexa

Unha vez máis, non sei

Medra a xirafa

A mirada perdida (Para: Canción que fala 1. "Deconstrución 2 - Live 8)

 

AGOSTO

 

Xullo marchou, aquí está un agosto imprevisíbel

O sol sae

Resumo do erro infinito

Unha mirada inútil

E así marcha Agosto

 

SETEMBRO

 

Correndo baixo unha choiva de esmeraldas

As miradas pasan

Resumo do que foron e están a ser unhas "vacacións" que morren (28-VIII-12. Para subir o Luns 3 de Setembro)

Vertixe

Rematou xa? Non, non quero!!

 

OUTUBRO

 

Outono (Dende A Basella)

Meditacións (Dende A Basella)

Torpe, inquedanza

A flutuación prisioneira (Dende A Basella)

O vento (Dende A Basella)

 

NOVEMBRO

 

Terreo esvaradío (Dende A Basella)

O meu amigo (Escoitando "Deformasong´s" de Kosmic Gardener)

Irregularidade

Paradas, fin de traxectos e demais

Chumbo no pensamento (Dende A Basella)

Costas rachadas e auga fresca (Dende A Basella)

E a tartaruga avanza (Dende A Basella)

 

 

DECEMBRO

 

Outro mes

Non te vou deixar marchar. Esta vez, non

Frío (Dende A Basella)

Un tercio

Nadal, parada e incerteza

O derradeiro día de 2012

Coda

 

 

 

 

 

 


 

ir arriba E todo comeza outra vez

 

 

E unha vez máis aquí estamos fronte ao mundo. Dous estraños pasaxeiros coa súa filla ao lado. Eu buscándome no medio do nervio ela tenta atoparse de novo coa súa estrela ela cultivando vida e traballados sorrisos. Unha familia. Única. Coma todas. E unha vez máis loitaremos e eu farei todo o posible para que o monstro e as bolboretas malas non poidan comigo.

Desexo: Ter a forza e a vontade para facer nesta miña páxina – vida tanto como o quedou feito o ano que marchou. Nunca tal vira! Xa sabedes: o importante: saúde e amor e os cartos suficientes para vivir nun mundo tan materialista consumista capitalista coma este que nos tocou vivir.

 

 

(1-I-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Escribir para o silencio

 

E os libros serán destruídos e con eles as palabras todas. Escribir para o silencio. Escribir para ninguén. Lembra: escribir é o sentido en si mesmo. O mundo dá moitas voltas. Segue. Para ti. Necesidade e fíos que atrapan as neuronas e as soltan ao aire limpo do compartido ou non. Aquí estou. Vivir sen sufrir é o importante. A inspección persoal e única, o latexo verdadeiro, a evidencia de que todo este planeta dá voltas e voltas e ti, minúscula nota na estraña sinfonía, o lunático que aperta árbores mentres a lúa fala de si mesma. Non trunfar no planeta do coñecido. Trunfar en ti mesmo. Ser un en si. Revivir. Afastar a dor, por un intre atoparse e dicir: paga á pena. Paga á pena.

 

(2-I-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba A tormenta persiste

 

Os días son estraños neste estraño planeta. Non hai seres vivos. Só un decorado vermello que o envolve todo. Comería plátanos polo nadal pero estou farto. Hai rochas inmensas que tapan a vista dun horizonte azul claro, celeste. E vexo estrelas raras e nubes de cores indescritibles. Non sempre tes o que desexas. Afasteime do mundo e fun caer a este fogar na galaxia. Gustaríame falar contigo pero estás tan lonxe. Algún día alguén me virá buscar? e eu non sei se querería marchar. Acostumado ao teu propio mundo resulta duro abandonalo. Envío sinais que ninguén escoita. Xa non as enviarei máis. E agora, saber que un está só consigo mesmo, a certeza de que os problemas terás que arranxalos ti só, sen axuda, sen mans alleas, sen palabras. A terrible e marabillosa certeza de que á fin estás e serás o que ti fagas de ti, cos teus pensamentos doentes, coas túas fantasías lindas. Auga, cae auga no manancial do oeste. Teño sede. Queda alguén aí fóra? Qué máis ten. Farei de cada día unha festa ou unha traxedia. Non haberá máis culpables ca min. Hai monstros mentais nesta órbita eterna hai elipses de coral morto e pedras que aman o chan. Pisar o chan. Pasear no baleiro desta gravidade que ás veces machuca que ás veces te eleva por riba do vermello todo e cada paso é un breve voo único e fantástico. Quedarei aquí un tempo indefinido. Tentarei aprender a vivir comigo e a miña mente cansa. Os catro soles saúdan o novo día. Hoxe vai facer moita calor.

 

 

(3-I-12)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba A dificultade de existir

 

Non é fácil a vida. “Ninguén dixo que fora ser fácil”. Escoito ao amigo a carón do precipicio. Entendo á muller allea, muller do meu amigo, perdida, perdida. Tento calibrar o tamaño exacto do meu vivir. Con perspectiva. Non é para tanto. Sen perspectiva. Como doe!

 

O fugaz instante no que a paz chega e todo son cores e lambonadas coas que encher un estómago famento, ouh!!! Fugaz momento, maxia metida en vea, sangue quente de vampiros que devoran o sosego. Ouhhh!!!! A calma, a calma. Bendicida polos perdidos ou agochados. Estamos no curruncho. Coas nosas pernas dobradas sobre os nosos peitos. Ás veces vai calor e entón ollamos o universo enteiro con precisión non matemática. Ás veces vai frío e as nubes do noso ser son moi moi grises e escuras e dan medo e dan noxo e malestar e anguria. Acabamos fartos destas palabras. E un sol brilla. E hai unha saída. Só hai que atopala. Toda unha vida buscando a saída axeitada. A porta que conduza á gloria do amor e a quietude. A amable, fermosa, única porta. Creo tocala, ás veces. Véxoa tan lonxe, ás veces. O mundo flúe e flúe nun pertinaz e ousado pensamento minúsculo e sobran todos os decorados e os violíns grandiosos, un cacho de pan, unha cunca de auga, un sinxelo aceno de agradecemento mutuo.

 

 

(4-I-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Si

 

Si. Con todo o que iso implica. Si. Estou vivo. Si. Con todo o que iso implica. Si. Loitarei cada día. Si. Con todo o que iso implica. Si. Perderei e gañarei tantas batallas como segundos. Si. Con todo o que iso implica. Si. Asino. Co meu nome en sangue e óso. Si. Con todo o que iso implica. Non penso darme por vencido. Seguirei sempre o camiño. Si. Con todo o que iso implica. Si. Creo no futuro como esperanza. Si. Con todo o que iso implica. Si. Asino. Con todo o que iso implica. A data e lugar do destino. Asino porque estou vivo. Si. Con todo que iso implica. Si

 

 

(4-I-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Unha nube

 

Unha nube chea de auga limpa. Chuvia fresca sobre as nosas cabezas enleadas. Chuvia e máis chuvia e as nubes sempre aí, impasibles. Pasa o tempo. Elas non marchan. Hainas claras e escuras. Derraman o seu tesouro sobre nós, simples bechos húmidos. Caen pingan no chan absorto. Os nenos xogan e corren polas rúas. Empapados. Dáme unha mañá brillante e clara. Ou mellor abrirei a boca e enchereina de auga. Fresca. Clara. Pura. Canto durará o diluvio?

 

(5-I-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Un río

 

 

Un río precioso que flúe eterno. Con peixes mil articulando os seus distintos movementos. Bañarse na súa auga fría e saír á verde herba que o rodea vivo, vivo, vivo. Coñezo cada punto exacto deste río que flúe eterno. É un repetir de magníficas pedras no fondo. Escuro baixo as árbores que pousan as súas ramas, as súas follas sobre a súa pel. Non te deteñas, meu río. E cando chegues á fin do que sempre é eterno, despídete en silencio, entrando manso e bravo nas inmensas augas deste mar salgado do que nazo. Retorno ao pasado, súo o presente, imaxino co futuro. Pero ti es todo e todo es ti. Río, flúe, flúe. Que nada pare o teu camiño ata o mar das miñas esperanzas.

 

 

(7-I-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Un sorriso

 

 

Un sorriso que foxe inocente. A brevidade da quietude. As nenas e os nenos xogan ás agachadas e eu miro para dentro buscando o limiar do benestar. Hai pozos fondos e fermosos océanos abertos ao vento que zoa. Todo é pensar, todo é ser. Apalpo incertezas nesta mañá despois do patrón. Cando algo está ben feito? Cuestión relativa, subxectiva. Tensar os músculos, poñerse forte para enfrontar o que vén, o que veña. Seguir ao teu lado outro e outro día máis. Buscarme e ata pode que atoparme cando menos o espere. O azul do ceo é brillante hoxe mentres as arañas xogan ás agachadas comigo e procuro escapar por calquera burato. Nalgúns hai luz ao fondo. Noutros simple e dura escuridade. Aleatorio. Nada se repite igual. É a lei deste mundo no que sobrevivo entre a miseria interna e o esplendor do corazón. Forza.

 

 

(8-I-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Un traballo

 

Teño un traballo. Ou o traballo me ten a min. Dá igual. É un traballo no que facer é facerse. Son mestre. Os meus discípulos xa o saben. E estou a dar a vida por cada autor desta Historia da Filosofía. E veña Platón, e veña Aristóteles e veña Agostiño e veña Tomé e agora chegaron da man Descartes, Locke e Hume e agardo con esperanza a Kant e a Marx e a Nietzsche e polo medio todos os grandes e pequenos pensadores que tentaron entender algo mellor este mundo. A filosofía só e boa, para min, se se converte en praxe. É dicir, se cando acabas de estudala podes sacar algo de proveito para a túa propia vida, para o teu propio ser, para a túa diaria existencia como ser humano. As grandes palabras se se quedan só niso son ocos na mente. Á fin estás cheo dun brillante baleiro. E é certo, Nietzsche, temos moi gastadas algunhas palabras. Tanto como os malditos cartos, Marx. Penso, logo existo, si, René, mais sempre que faga o que debo facer, non Kant?. A responsabilidade. O deber. E si, aínda que non queira, amigos Platón e Aristóteles son un animal social, político. Nada me é indiferente e vivo inserto nunha sociedade que me fai e me desfai pero que tamén fago e desfago na medida das miñas posibilidades. E deus? Existe? Que queredes que vos diga? Falarei sobre iso se cadra unha vez feito o exame de Tomé. Tal vez teña razón Agostiño e hai que crer para comprender. Pero vexamos: comprender que? Este mundo inxusto, noxento, enfermizo? E agardar pola benaventuranza dos “bos”? E non semellan moi malos os chamados “bos”. E non é certo que o capital move o mundo como dicía Marx? Non sei. Todo é confuso e por iso mesmo ao mellor todo é máxico e interesante. Se o miras ben. Con ollos de ver a esencia, o que está dentro. Como coñecer de verdade unha amiga, unha parella, como entrar no seu sentido profundo. E aquí sigo berrando baixo a Marcuse: “Sexamos realistas, pidamos o imposible”. Pidamos un cambio de norte. Outra estrela real que nos guíe por outros camiños máis xustos, máis xenerosos, poida que antihumanos se aceptamos que na nosa natureza é o mal, poida que humanos se aceptamos que da nosa especie pode saír un mundo digno de ser vivido e compartido. O presidente de Irán acaba de dicir que o modelo capitalista está acabado e que nesa circunstancia o único que sabe facer é matar. Xa sei que Irán non é un gran exemplo. Pero non son máis que certas as súas palabras? Ao final, ser un animal social, optar por educación ou por natureza por vivir en sociedade, esixe unha posición política. Un compromiso co mundo. E, polo de agora, só quero dicir que a miña mente pensa que non hai ningún deus superior. Tería a súa graza maldita que o houbera. E vivimos solitarios en compañía e cada un camiña o seu camiño. Compañeir@s de viaxe, o importante é cada paso. Vivir en paz co propio ser. Tentar soportar a infamia propia e a infamia deste mundo que nos tocou vivir. Porque si, Agostiño, todos queremos entender, todos queremos saber qué está a pasar e por qué pasa e por qué deixamos que pase, mais como ti ben sabías, non todos temos fe. Pero algúns afortunados temos un traballo. Un traballo que esixe ter, xa non direi fe, direi confianza en que as mentes que escoitan dualismo antropolóxico pacto contractual Renacemento Ilustración Grecia clásica polis cogito categórico ética empirismo racionalismo epistemoloxía metafísica reminiscencia acto-potencia lei convencional fenomenoloxía substancia idealismo arché dialéctica materialismo vitalismo patrística fenómeno nóumeno nihilismo e mil conceptos máis, confianza en que esas mentes que escoitan cando escoitan traian un futuro mellor e así ata que un poida ou rebente.

 

 

(12-I-12)

 

 

 

ir arriba


 

 

 

ir arriba Unha semana

 

 

Unha semana máis. Outra pequena ou gran vitoria. Coa guitarra tola soando ao fondo saio quedo pola ventá e marcho a océanos escarlatas e ocres. Un enorme ollo azul alumea todas as nubes que estoupan en remuíños de serpes multicolores. O neno da fatiga recolle os seus vellos zapatos, negros e marcha sen mirar atrás. A vella viúva estuda o comportamento da parede que se abre ante o seu cansazo. O cirurxián abre outro peito ferido pola enfermidade repetida. Hai mareas que son moi altas e a area desta praia case desaparece. Entón camiñas pola ribeira cos pés mollados e a mente aberta e ves sinais dun acontecemento antigo, poida que un sacrificio aos deuses da morte e atopas a estupidez do ser humano en cachos de vidro entre algas amarelas. O paxaro que sempre pía hoxe está nervioso e todo lle sae mal. Ti sorrís e gozas do que xa pasou mentres agardas os océanos que están por pasar. Hai ríos e regatos pequenos e unha fonda negra sombra, querida amiga, hai unha soidade e hai un incrible estoupido de ledicia. E ata as gaitas semellan soar ben. E xa podes dicir o que pensas. Ou iso cres. Porque sempre está o público, o alleo, o afastado, o impertinente, o maldito estraño molesto sen compaixón. Comes dúas mandarinas e saboreas o pracer dunha vida sen tormenta permanente. A auga caerá algún día. Unha semana máis. Segue o sol. Segue o sol no meu corazón. Din que esta fin de semana chegan nubes. Prefiro tentar non pensar no que virá. Estar sendo xa é máis que dabondo.

 

 

(13-I-12)

 

 

ir arriba


 

 

 

ir arriba O home que saudaba cun sorriso

 

 

Nas terras do profundo, alá onde todo é sinxelo, habita un home de sorriso eterno. Ese é o seu traballo. Esa é a súa vida. Ese é o seu sentido. Sorrir a quen pasa xunto a el. Conseguiu o emprego por enchufe pero faino ben. Responsable. Nunca serio. Tentei opositar pero amoláronme na penúltima proba. É un traballo duro, complexo. Sorrir e sorrir eternamente. Gardar as penas e os malestares, calar as dores e sufrimentos propios e alleos. Ofrecer un feixe de luz que sae ledo da cara da ledicia. Nunca ninguén entendeu porque o home que saudaba cun sorriso se suicidou. Algo dixo de Sísifo. Nunca se sabe onde está o castigo. Nunca podes confiar na aparencia. O obvio non existe. Contrataron a outro. Faino ben. Alegra os días. Non sabemos cánto aguantará. Confiamos na súa afouteza. E non negarei que en ocasións temos medo a que un día todo remate e a sombra cubra todos os nosos pensamentos, todos os nosos movementos torpes. Non hai billete que dure moito nesta rara viaxe. Apampados ollamos ás formigas e vamos tras elas en ringleiras perfectas. Somos unha máquina imprecisa que necesita máis potencia, máis sorriso. O alto mando di que haberá que importar unha morea de sorrisos porque veñen tempos duros. Como se a guerra interna das xentes se comera o gozo. E nesta terra estraña choven agullas que cando cravan doen, aguillóns punzantes. Corazón dos feridos, non chores. As formigas aprenderon a sorrir e nós con elas. Houbo unha gran festa, o festín ao amencer, a ilusión entre bombas de tristura. O home que saudaba co sorriso non deixou o seu posto nin un segundo. Responsable. Serio, se se me permite a contradición. Como debe ser. Ai!, que lindo este sorriso que me regalas. Algúns din que comeza a estar cansado. Eu creo que comeza a espertar á vida. Non haberá máis treboadas ata a semana. Agochemos os paraugas e saiamos á rúa a celebralo. Esquezamos as bágoas e miremos ao home do sorriso mentres poidamos. Quero un pequeno bico dos teus beizos e un perdón renovado. Todos pedimos tanto. Todos. Somos moitos e somos un, unha. Formigas. Onde estades?

 

 

(14-I-12)

 

 

 

ir arriba


 

 

 

ir arriba Unha tormenta

 

 

Cando o sol semellaba lucir po sempre. Cando as praias fermosas da vida estaban ateigadas. Cando o tempo das estruturas tranquilas dominaba a paisaxe. Entón, de súpeto, chegou unha tormenta. Inesperada. A area da mar está mollada e sobre ela non hai corpos felices. Un abatemento de falta de luz interior. Collín e empapeime de auga fría. Logo un baño máis que quente na ducha e unha existente certeza de que o sol volve brillar. Cada paso que dás. Cada segundo que respiras. Todo é nada e nada é todo. Inxenuo e atormentado secas o teu corpo. Chegará un eco afastado e un coro de anxos eléctricos e voarás con ás preto do sol, sen queimarte, un día marabilloso e único que volverá encher a túa mirada agora triste. Sorrí. Tes motivos. A tormenta inesperada creo que vai marchando. Marcha. Pouco a pouco. Muller. Síntoo. Amigo. Síntoo. Pailán coma un neno pequeno maleducado. A tormenta inesperada creo que vai marchando. Marcha. Pouco a pouco. Si. Ata outra. Sísifo.

 

 

(16-I-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Unha volta

 

 

Volver ao camiño. Entregarse á posibilidade da ilusión. Cada pequeno intre de utopía feita realidade, cada instante de limpo aire que a túa boca devora. Hai pegadas no chan. Cantos terán percorrido este camiño de ida e volta e volve empezar? Pegadas no chan e na mente un tren que nunca para, corre, corre, rápido, veloz. Soan as feridas dos guerreiros en todo o val laranxa. Hai altos cumios que poida que subas algún día. Alá, ves a neve? Frío intenso. Espertar e enfrontarse aos líquidos dunha renovación. As pedras falan. O can marcha solitario e un peixe vermello olla como se afasta. Dáme cores, dáme vida, dáme outra oportunidade. Mergullareime na miña propia salsa para tentar atopar o frondoso bosque. Perdereime nel e logo reencontrarei o diamante. Brilla. Brilla. Non hai cartos no mundo para pagalo. Non hai cartos dabondo. A crise esmaga todo ao seu paso e Europa agoniza por maldade inxustiza noxo corrupción non ética inmoral vellas ideas vellas moedas vella descrición do mal e a maldade. Volver ao camiño. Agardar a chamada dos pobres perdidos, xuntar as voces nun berro inmenso. Estoupar. Cambiar o mundo. Todo unha ínfima posibilidade. Derrubar o maligno sistema. Derrubar os muros da incomprensión e asubiar unha linda melodía compartida. Vexo os teus ollos tristes, vexo as bágoas da xente, vexo a suor do traballo alienante, vexo as miñas mans limpas e o baleiro cóase por unha fina lámina de inquedanza. Mentres haxa camiño e pasos por andar, haberá unha leve e fermosa esperanza. Haberá mañá. Con morte, con sangue, con asasinato, con tormenta, con alivio, con desesperación, con calma, con hábito e costume, con bondade, con capital que queima as almas, con longas esperas, contigo. Volver. Facer o camiño. Cortar as malas herbas. Machete e trunfo inesperado. Derrota contundente. E así, pasan os días, pasa a vida, morren estrelas e ti ves o seu reflexo na auga na noite en que todo ocorreu.

 

 

 

(22-I-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Un espazo

 

 

Un espazo preñado de pequenas vidas. Unha marea que todo o arrouta. Ela e el na fugaz constancia do imperdíbel. Poida que agardar un pouco, tal vez marchar. Poida que o mundo enteiro se estea comprimindo en si mesmo. Espazo. Espazo e tempo. Claves imposibles do inintelixible. Aí diante, todo ese incrible e fatídico cosmos, teimando se contestar as nosas preguntas, as nosa dúbidas eternas. Cruel e fantástico. Misterio. O espazo. O baleiro. A nada. O todo. Gustaríame entender. Gustaríame mirar polo teu fermoso telescopio e atopar unha feble clave da inmensidade. Un aceno de comprensión nunha partícula, ou nunha corda. Marabillados elevamos a cabeza, de cando en vez. Marabillados, moitos perdidos e atopados nas nosas pequenas vidas, preocupados polo estúpido ego que se cre alguén, entón, si, erguemos a vista e aí está todo, todo, todo por descubrir. Espazo. Espazo. Es tan tan estraño como esta mínima vida.

 

Vexo o alumeo pequerrecho dunha estrela xa morta. Fago cálculos imprecisos e chego a unha conclusión inocua: necesitamos o espazo. E o tempo. Necesitamos encaixar todo nestas constantes humanas. E se todo é un erro? Un mal cálculo? Unha mala perspectiva? E se non hai nin espazo nin tempo? E se fose esta outra fantasía no soño dos meus pesadelos?

 

Vivirei como se nada (case nada) pasase.

 

 

(24-I-12)

 

 

ir arriba


 

 

 

ir arriba Escoitando "Shine on you crazy diamond" (Live)

 

 

Os diamantes berran nunha guitarra que entra polas veas e atravesa o nervio. Esa sensación de elevar o espírito ata onde a arte ten sentido, ata a onde a vida e a creación son xemelgas da man. Cociñar para non comer. A mirada nos teus ollos. Buracos negros no océano da tempestade. Atravesar fronteiras e seguir avanzando e caer e seguir avanzando, ti, como tantos mártires da loucura caíches e caíches e caíches, as e os que andamos camiñando no fío da navalla dos sen facer entendemos a túa derrota. Está, estivo sempre tan cerca. Quero ter a precisión dun cirurxián para atrapar o que leves alá dentro onde ese saxo me transporta, ondas de metal cubertas de viño e alucinación. Vivir para seguir soñando. Soñar para seguir vivindo. As pequenas cousas. As parvadas. Os segundos dos que non te decatas. A felicidade feita carne e óso. Segue, segue brillando, tolo diamante, nós sufrimos por ti, nós estamos por ti, nós sabemos o que doe, nós, ás veces, miramos cara a cara ao sol e non magoa a vista, só hai un lindo resplandor que cobre coma un manto de diamantes puros o mundo enteiro que agora, entre aplausos alleos que nunca recibirás, recibiremos, semella ser o mundo daqueles seres que aínda confían na vida e na utopía. Que breve é o sentirse ben. E a droga máis dura e traizoeira que coñezo. Non son un entendido. Mais sempre precisei axuda. Brilla. Por favor. Brilla.

 

 

(24-I-12)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Fun feliz

 

 

Nos gloriosos días que foron pasando, tranquilos, sinxelos, preciosos, nos gloriosos e compartidos días fun feliz. Enchín o meu espírito de ledicia calma, de fame saciada con gusto. Meu amor!, Meu amor!, oxalá perdurara esta quietude do cotiá. Traballar sendo ti quen te fas no traballo. O traballo como salvación e esgotamento. Agora, unha vez máis, cruzar os dedos, agardar outro mañá, outro espertar e ir calculando imprecisamente as posibilidades deste tesouro que me foi dado. No tempo das flores fermosas, un home e unha muller, da man, saíron das súas cinzas, de novo, de novo, outra vez e atoparon o milagre máxico de vivir en paz. Felicidade! Ouh, felicidade! Non marches. Por favor, queda un pouquiño máis. Miro ao ceo e nunca chove. Mais as pingas frías caerán sobre a miña cabeza poida que limpa e fresca como a choiva poida que desencaixada e inqueda, eu qué sei. Vive o agora. Non perdas a ilusión. Xa tiveches máis, moito máis do que nunca tiñas agardado, agora, agardar outra mañá e ver se a terra xira firme ou pesarosa. O futuro tamén está en min, en nós, meu amor. Oxalá.

 

 

(3-II-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba O eterno retorno unha vez máis

 

O repetir eterno da batalla. Será curta, será longa? Quen gañará? As mesmas preguntas sempre sen respostas. Xirar e xirar arriba e abaixo. Mentres lembro a felicidade estou preparado para a negra sombra. Coma sempre. Sempre. Sempre.

 

 

(6-II-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Así que avisei

 

 

 

Non tiña présa. O tren tampouco daba chegado, pero que máis ten. Que présa teño? Non son ninguén. Non teño fogar, nin con quen pasar os meus días, non teño descendencia, non teño traballo, non teño roupas limpas, obviamente non teño cartos. O tren non daba chegado eu matinei no mellor sitio para que non me collera o revisor. Sen billete, obviamente. Así que avisei á rapaza que tiña ao lado. Agardaba cunha maleta rosa. Algunhas carpetas contra o peito. Estudante, semella estudosa. Así que avisei. Ti tamén podes acabar coma nin. Foi simple. Cara de noxo nela. Obviamente. O tren chegou. Para min outra aventura. Para ela o sentido dun futuro que alguén deseñou perfecto. Así que avisei. A vida non está escrita. Racha toda convicción previa. Estoupa cando menos o esperas. Calma cando os lóstregos son máis e máis intensos. Non ten lóxica. Non hai causalidade. Así que avisei e non sei se alguén algún día me fixo o máis mínimo caso. Total. Quen son eu? Non teño nome. Non son ninguén.

 

 

(6-II-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Quixera crer nun final feliz

 

 

 

Quixera crer que todo isto ten un final feliz. Como unha parva película americana. Coa música soando ao fondo. Non, non te enganes. Iso no o soportarías. Non. Quixera cren nunha tempada feliz. Nunha vellez tranquila e nunha morte sen dor e medos. Quixera crer nun presente enchido de sosego e un futuro co vento quente levándonos polo aire e sempre haberá música nesta película, cada fotograma é o final feliz ou desgraciado. Cada fotograma é un agarimo ou unha coitelada. Vivir ao día. Soñar coa vida boa. Digna. Sen culpa. Soñar. Quixera crer nun final feliz non americano e máis ca iso nun pequeno amago de felicidade que por final tivera a felicidade pasada en cápsulas e un adeus sosegado e pleno. Cun derradeiro sorriso. Xa postos, quixera crer nun mundo xusto e humano. Hoxe non é o día dos inocentes. Chegará.

 

 

 

(6-II-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Agora

 

 

Agora, recoller o froito do traballo. A dureza do consciente. Os heroinómanos corren tras o problema inexistente. Enfrontar a vida. Quitarse a pel do corpo a cachos. Tentar non volverse tolo. Agora, na cordura dos fronteirizos adopto o papel de ser humano aceptado polo seu propio ser. O rol de cidadá, profesional, nunha normalidade arrebatada. O camiñar é longo, espeso, liviá tamén, coas fermosas imaxes dun cosmos fervente e amigable. Amizade e amor contan os días e recollen os mellores a un lado, vendima de espírito, outras uvas días estragadas ao outro. Un capacho cheo do que xuntos imos sendo. E na terra dos ingleses a nosa nena enche o que quere ser e é e nós, na distancia, querémola, querémonos e asubiamos baixiño, non vaia ser. A prudencia é unha gran virtude. Cauto recollo os papeis da miña memoria.

 

 

(11-II-12)

 

 

ir arriba


 

 

 

ir arriba Imaxes e soños

 

 

 

A fervente inxenuidade do neno calvo que olla gaivotas negras nun charco vermello escuro noite pedra o neno olla unha paisaxe de berros e ouveos lobos na noite e un sol inmenso inmenso que alumea as caras dos desaparecidos mortos pálidas caras pálidas copias dun fermoso e multicolor cadro colgado do teito amarelo cunha lámpada araña brillando en todo o contorno e figuras de pallasos sen rumbo a bicicleta co único timbre que algún día amaches a única ventá pola que mirar dende o avión de prata e lúas nubes abaixo brancas e negras película antiga que tan fermosa es cada fotograma unha vida unha luz unha sombra e o neno calvo batuxa por un chan de conchas mariñas ve o azul inmenso deste océano de bágoas e sorrindo aperta un elefantiño azul de peluche tan amoroso tan amoroso soñando os monstros de catro cabezas escudriñan o labirinto das sereas e unha estraña ave voa veloz coas súas enormes ás abertas ao vento zoa e zoa e unha igrexa maldita cae no sacrilexio fuches quen de crer algunha vez non sei nada case nada pero o que sei enche moitas veas historia biografía a risa dos nenos xogando na praia a area chea de animais mortos secos esqueletos e os nenos xogando entre eles felices tranquilos a impasibilidade do cotiá non existe a liña recta non existe nesta vida a árbore retorcida e un xeonllo roto a semente nerviosa e os ollos abertos así é esta indefinición na que vivimos e soñamos vivindo e o neno calvo cólleme da cabeza dende alá arriba é enorme xigantesco e lánzame a un baleiro no que todo é nada relativamente feliz asino este contrato de permanencia no límite da galaxia máis afastada no centro dun mundo que ás veces amo tanto amo tanto amo tanto.

 

 

 

(11-II-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Aquela gorxa esquecida

 

 

Volve aquela gorxa por tempo esquecida. Doente de tanto berrar cancións de tanto berrar pensamentos de tanto berrar frío e frío. A bufanda dá calor. Os equilibrios son inestables. A maxia perdura. As palabras saen agora rotas, forzadas. Fisioloxía pura. É máis sinxelo cando algo doe por algo que normalmente é lóxico que doia. O fodido é cando non sabes de onde vén o inimigo. Canto tempo estaba xa aí? Agochado entre febles sinais que non apercibiches. Quero falar do día de gloria que vale toda unha vida. Da liviá e magnífica estancia entre os mortais. Unha lámpada de cor laranxa enchendo a vista. Un avión que pasa deixando unha estela de perlas. Nubes desdebuxadas, unha exquisita dama que come alfil e outra vez de xeonllos tolos suplicando ao deus nunca presente, a ausencia de cariño, a soidade. Canta xente está soa no mundo? E canta soa rodeada de todos, de todos nós? Abandonados á súa sorte, morrendo de fame, de frío, de ser tratados como praga de insectos. Que bechos somos! Mais agora escoito un piano lento e fermoso e unha voz rouca e fonda e o alivio percorre a miña pel toda e noto como teño mans que escriben palabra tras palabra un remuíño único que me vai facendo e ao ser carne son que son e ao facerse leve zunido agudo son quen son e ao mirar os teus ollos lindos son quen son e cando caio son quen son e cando me levanto son quen son unha e outra vez ser e deber ser. Cantas vidas vive un na súa propia vida. Reloxo. Xoia. Tempo. Un segundo que xa se foi, entre as mans, como area no vento, partículas de silencios caladas entre unha treboada de bla bla blas e recollo os meus ridículos aparellos, non souben facer outros, e corro a traballar traballar traballar en min en nós en todos eles. A gorxa nunca nunca nunca cala ata que estoupa e entón faise o incómodo baleiro.Mans. Mente. Maldición e tesouro. Xa o dixen: Vida.

 

 

(13-II-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Saír

 

 

Exactamente que se supón que debo facer agora? Debería sabelo á perfección pois xa estiven nisto antes e antes. Non perder a calma. Tirar para diante. Traballar e descansar. Saber que todo cambia. Agardar que de novo floreza a fermosísima flor da paz interna, dun corpo que non é unha carga. Agarda. Camiña. Cabeza alta. Os insectos intelixentes avanzan valentes. Aprende das formigas. Aprende do que ti mesmo aprendiches. Non esquezas os bos días. Amárrate a eles. Conta coa esperanza do cotiá lindo e sinxelo. Volverá. Avanza. Non pares. A vida dá tantas voltas. Superstición. Ata medo. Mais tamén razón e sentimento controlado. Abandona o teu corpo por un tempo. Xoga feliz e inocente contigo mesmo. Quérete. Quérete moito. Non te fagas dano. Non te fagas máis dano. Ti ensinas. E creo que ensinas ben. Por que non das aprendido? Sé o teu mellor mestre. Trátate con agarimo e xustiza. Valora a persoa e o esforzo. Loitaches moito. Tanto. Demasiado. E ela máis ca ti. Se caes, érguete. Nin ti nin elas nin ninguén que te quere merece que te metas no buraco negro. Fai o que poidas. E que sexa dabondo para vivir dignamente. Unha vez máis, por se acaso, cruzo os dedos todos.

 

 

(16-II-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Nos coitelos dunha almofada

 

 

Cae a noite. Debo conseguir unha especie de disciplina da mente que me afaste do malestar. Os coitelos na almofada. O espertar consciente e pleno. A ansia. A mañá. Ser feliz ou ser o gladiador máis poderoso da historia e o mediodía e comer felicidade en pingas ou nervio que pelexa por berrar. A tarde. Pasa sen decatarse. E chega a noite.

No círculo que semella simple, pero que é único, imprevisíbel, alucinante, inesperado, incríbel, brutal, salvaxe, perfecto, noxo, consciencia, durmir, loitar, loitar, fluír, fluír único e indefinible círculo por moitas palabras que un ser humano teña ou tivera, o círculo sinxelamente complexo do vivir. A esencia está na dor e na maxia. Xa o dixo Lou Reed. Xa o repetín mil veces. E, para que conste, prometo polo meu honor do pouco que son, prometo que fun unha persoa feliz e agora que as tebras veñen, prometo polo meu honor do pouco que son, prometo que haberá toda a carraxe e a afouteza que poida. Agardo que sexa bastante. Por iso, vexo as lilas no horizonte das sereas e atopo herbívoros indefinidos e un néctar dos deuses da terra que sabe a mel, espesa, sólida mel. E os vagabundos non fan folga? Todos os putos días. E ti, que fas? Vivir, todos os putos días. E non cederei ante as térmites que se queren coar no cerebro canso. Dignidade. Fortaleza. Un cego camiñando, sempre camiñando. Só. E con todas e todos. Que é o ser humano? Que o podería definir? Teño que contestar? A nosa maldade, a nosa ignorancia, a nosa vaidade, a nosa violencia, a nosa inxustiza, o noso odio, o noso amor, a nosa loita, a nosa dor, os nosos soños, a nosa esperanza, a nosa maxia, o noxo puto hoxe.

Calarei por un tempo. Xa dixen demasiado. Amigas palabras, grazas por existir. Grazas por deixarme levar o doente e lindo pensamento polos vosos camiños cheos de soidade e multitude. Grazas, palabras. Poderoso tirano, curandeiro das entrañas.

 

 

 

(16-II-12)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Falar

 

 

Falar. Compartir o silencio enchido de posibilidades. Deixarte levar polos teus recordos, polas túas aventuras… Foron tantas!!! Avellentar pouco a pouco. Empregar todos os recursos. Por canto tempo seguirei sendo un eu mellor? Por canto tempo dura a sinxela luz que abre os camiños escuros. Un estoupido no aire, cabezas que se agochan entre as mans, multitude, rebobina, rebobina, pesar no mar dos latexos acompasados. Compartir o mundo tal como é. Enfrontar a vida como milagre e loita. Arriba, abaixo, abaixo, arriba. Comer un plátano tranquilo, pachorrento. Deleitarse co sabor, coa textura. Paciencia. Os ananos multicolores recitan as súas pregarias no día da festa dos vivos e mortos. Unha estatua sen cabeza. Unha humanidade enferma. Ollar polo fío dunha agulla para ver o universo todo. Farei imprecisos cálculos de canto grao de felicidade pode un atesourar. E logo ir perdendo. E logo, compartir o silencio coa muller que amas. Brotar a flor máis linda, ser quen de, existir, bágoa e riso pleno. Na contradición de cada día atopar un breve refuxio para o corazón e a mente. As mans feridas seguen acumulando experiencia. Non hai ciencia exacta. Probabilidades. Nun eterno nanosegundo cuántico espertar e non saber. Permanecer. Dar as grazas. Poderei ser quen quero ser? Canto tempo? E o corpo sempre falando no silencio. Ben, non, ás veces cala e entón as fadas militantes do acougo van carrexando ilusión e esperanza. Que rara é a vida! Aprender e aprender, agardar e agardar. Unha aguia percorre o espazo azul e tras ela vai a miña mente e foxe do desacougo e a tortura foxe do malestar e o desasosego ata as illas da cordura amable. Os peixes bailan a súa danza exquisita e os pescadores non pescan nada. Refutar a lei do máis forte. Expresar a vida nunha nena que medra e medra. Estar cando te precisan. Fallar. Trabucarse a lingua. Non ofender os teus principios. Hai tanto por facer. Tanto por mellorar. Vai habendo. O moneco de madeira cobra vida e esa é a súa maldición e a súa fortuna preciosa. Eu, moneco no espazo e no tempo, relativo, formulo hipóteses sobre a nosa dura e incríbel existencia. Aínda non teño respostas. Tan só, ás veces, compartir o silencio, ás veces, calar.

 

 

(19-II-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Os monecos agarimados

 

 

Un murmurio nos teus oídos. Agarimar os vellos monecos de madeira. Sentir o tacto do antigo, as ondas do pasado que veñen, a infancia perdida nalgún dos buratos que fixo (fixen) a vida. Un gato que perdeu a ilusión e xa non xoga. Outro gato feliz saltando entre muros con punzóns cheos de óxido do tempo implacable. Lembras a praia? Os bocadillos de “queixo con membrillo”, a xa presente inferioridade física que era psíquica, a soidade tras a marcha dos amigos, a soidade brutal daquelas tardes sen televisión, carta de axuste, onde estou?, sen radio, non tiñamos radio, e todos en silencio na fodida semana santa, non podía acender aquela cousa que chamabamos “tocadiscos”. Todo o que puido ser e non foi. Pero, creo, que tras moitos e moitos anos, creo, que ese neno parvo veu por algo a este mundo. Para facer a súa incrible metamorfose persoal e ser mellor do que nunca a súa xenética e o seu entorno podían predicir, para eles sería cruel destino. E así foi, e así será cando queira o barqueiro do burato dos perdidos, mais agora sei que un ser humano pode ser mellor. Anos e anos e agora atopo a esencia da vida na propia existencia sinxela. Facer as cousas para un mesmo. Quererse mentres o demo non mira. Respirar o aire das ás de esmeralda, uns coros preciosos e únicos que inflaman o teito, unha choiva de lembranzas e pensamentos que ateiga o cerebro todo unha aparente tranquilidade un semellante comezo dunha nova historia por inventar un reloxo que volve funcionar. O vello reloxo. Regalo dos meus pais. E aquí o está, resucitado. Os dous imos saíndo, compañeiro. Cánto desexo que esta imperfecta existencia sexa algo máis ca un oasis!, que sexa a saída agardada da “longa noite de pedra”, que ela poida descubrir o mundo do pasado con ollos de inxenuidade e esperanza puras que ela poida percorrer o mundo e o universo enteiro da felicidade que el estea sempre para elas por elas con elas e o máis difícil consigo mesmo. O eterno inimigo semella feble. Nunca o deas por vencido. Nunca.

 

Encantaríame cravarte este coitelo no corazón agora que estás afundido na area da existencia, inimigo maldito que me pariches.

 

Encantaríame dicirche, mentres arrastro o teu cadáver á vista de todos: Fódete! Fódete!

 

Ti sabes ben que o mereces. Eu sei ben que o merezo.

 

Agarimo os monecos inexistentes e por un intre a felicidade chega envolta en dor de ollos e chocolate negro. A imaxe persiste. Non sei a solución ao único misterio. Ninguén a sabe.

 

E un lindo oso de peluche volveu á mente descolocada.

 

 

(20-II-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Resistencia

 

Somos a fronte persoal dos malditos. Reportamos a nosa última cruzada. Nos momentos de anguria e loucura houbo algunhas baixas. Conseguimos esquivar moitas bombas e metralla. Asubiamos á tardiña mentres o inimigo descansaba. As batallas son moitas, mais o noso ánimo non decae. Na trincheira nunca se está seguro. Pero acabas por acostumarte. Ás veces sorrimos sen saber por qué. Logo, ninguén di nada. Estamos cansos e ao tempo preparados para un repetido enfrontamento. Os ruídos de fondo son molestos. Dan medo. Ansia. Anguria. Méteseche no corpo, no espírito. Afouteza e valor fronte a todos os inimigos da eterna dialéctica.

Viva a fronte persoal dos malditos!!! Viva!!!

 

 

(21-II-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Rastreando o burato

 

 

As neuronas volven atenazar un estómago de lodo ou é ao revés? Tenta buscar a claridade na exposición do problema. As cousas cambian. Aínda permanece a mínima forza, non tan mínima, agardo. Aínda permanece un mañá e outra desexada mañá como as de onte ou antonte. O arrecendo das flores chega dende un paraíso de xeados ricos e cremosos. Todo dá voltas. Alá dentro. Outra vez. Por que viñeches inimigo? Ou fun eu quen te chamei? Qué máis ten. Preparémonos para esta dura empresa. Saquemos todo o arsenal físico e psíquico. Pensemos nas ondas do mar na area da praia. Doce. Fermoso. Sorte.

 

 

(22-II-12)

 

 

ir arriba


 

 

 

ir arriba Loitando na fronteira dos buratos

 

 

Loitando na fronteira dos buratos estou. Ou máis aló? Cheguei. E teño que saír. Aquí o vento zoa nun desesperado ouveo e vai frío e nervio. Quero volver á zona quente, aos días amigos. Ás mañás que traen actividade linda. Non estou perdido. Sei onde estou. Conseguireino só? Agora, volta ao traballo coa ansiedade baixo o brazo. Será cuestión de tempo? Adaptarme a esta nova vida tan malditamente coñecida para ir afastándome da fronteira dos meus pesadelos. As órbitas dos planetas seguen o seu curso. Eu teño que facer forza para que a miña órbita irregular non se escape da forza de gravidade da vida boa, sinxela, fácil. Volverá? Volverá. Sorte e ánimo.

 

 

(24-II-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Entre as brumas do cansazo feliz

 

 

Entre as brumas do cansanzo feliz tento atopar un recuncho onde agochar a inquedanza. Non sei qué deparará o futuro. Mais sei que o que foi será lembrado nos malos tempos. A enerxía de catro ondas feitas carne pura e crúa, salvaxe, frenética, neurótica. Neuroband soando a vida e sangue que supura veas tendóns pequenos voos e todas as nubes do ceo caeron catro gotas outro domingo que pasará á pequena historia dos domingos, ir medrando, falar, falar, querer, querer, a ansia boa, a que paga a pena, a que dá sentido a toda unha vida. Culpables e inocentes afogan as súas miserias nun alcol fermoso e compartido, o fume enche todas as estancias, a música corre polas arterias dos humanos, danzas tribais, sorpresa, agarimo e arrecendo a froita exótica, saborosa. Froita fresca. O sabor, o tacto. Embeberse nun estoupido de sons e cores e palabras coas que encher os ocos do sufrimento. Quero seguir sendo. Quero ser. Quero tanto. Quero. Traballo. Son.

 

 

(4-III-12)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba E ti dirás

 

 

E ti dirás o que poidas na entrada do labirinto inicial. Soamente un vello costume de quentar os pés preto do lume e soñar coas caricias que percorren a miña alma laica e hoxe serena. Acubillo os desexos con fruición e ansia e logo vexo morrer o día con paciencia e acougo. Son a felicidade inesperada. O lóstrego que vén e vai e estoupa de cando en vez. Na túa fermosa casa. No teu único universo. Tomar o te como un inglés calquera, ler o xornal, unhas pastas, ser burgués por un minutiño ou un minutiño para ser burgués toda unha vida. Alcanzo a respectar as túas crenzas. Sinto non ter deus a quen aferrarme. En serio, podo soportalo. Polo momento. Queda tanto ou tan pouco!

 

 

(5-III-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Despois dun longo traballo

 

 

Tantas mentes tentando ser cartesianas, tentando sacar adiante un traballo que lles resulta alleo á maioría, un traballo alienado e se me poño serio, un traballo que poida que nunca atopen. E eu, cansado tras a batalla. Tiven o momento máxico do exame esplendoroso que che fai volver ser un rapaz que lle das volta e outra volta ao mundo e aos seus misterios e ás súas aparentes certezas un estudante, no mellor sentido do termo, que me fixo reformular a Descartes como se estivera na facultade ou no instituto. A maxia da coherencia e a responsabilidade. Cada día consigo un pequeno anaco máis e vou caneando ao burato. Ás veces é todo tan sinxelo. Agora volve a música e as palabras para encher ocos propios e alleos. Agora volve a creación como xeito de vida, como refuxio, como esencia, como forma de estar no mundo, como forma de aturar o tolo tolo mundo por fóra aínda máis que por dentro e iso é moito dicir. Haberá guerra? Esquecerase o planeta do sapiens sapiens que tanto dano fixo, se fixo? Non sei. Seguirei e seguiremos como se o mundo fose eterno, como se non escoitásemos todas as bágoas da infamia berrar culpa culpa culpables e covardes tan só humanos que tentamos camiñar un revirado longo e fermoso camiño.

 

 

(6-III-12)

 

 

ir arriba


 

 

 

ir arriba A compañeira que me falou

 

 

 

Hoxe falou comigo unha compañeira querida. E non sei canto tempo lle terei que agradecer o que me contou, o que me fixo vivir. Saber que toda a túa ansia, toda a túa forza mental, a túa saúde, a túa esencia posta nun obxectivo: formar persoas críticas que se sintan queridas, entendidas, protexidas sen deixar de lado o traballo duro, a seriedade, lembrades?: a profesionalidade, que di Kant, pois como dicía, saber que iso vos chega. Poderei fracasar en todos os ámbitos da miña vida, mais como mestre creo que vou chegando a onde nunca soñara. Outra vez. Traballar e vivir. Vivir e traballar. Traballar vivindo. Vivindo no traballo. Oxalá as miñas neuronas cansas, os meus nervios inquedos, o meu estómago cheo de cen mil bolboretas, a miña baixada repetida aos infernos sexa só iso unha baixada máis no medio do traballo gozoso, do vivir en paz. Un pouquiño. Merecémonolo. Ela máis ca min. Moito, moito, moito máis. Sen ela non sería quen son: nin mestre, nin músico, nin escritor, nin persoa. Sería un eu atormentado nun hospital psiquiátrico. Unha historia sen contar. Alguén que nunca estivo aquí. Non habería pegada, vestixio, sinal ningún do meu paso por este estraño mundo. Ela deume todo. Eu comezo a darlle algo e á fin entendo que canto máis das máis recibes, cando menos de ti mesmo. O teu tribunal é a túa conciencia. Algún día poderei estar con ela en paz? Algún día ser e felicidade, xa non digo deber e felicidade. Porque son, somos tan imperfectos! E niso está a nosa grandeza. No feito único dos nosos pequenos erros dos nosos pequenos acertos do noso pequeno pasar no mundo. Agardo a paciencia e a forza que poucas veces teño. Quero saber que podo ser quen ela pensou que podería chegar a ser. Unha pura potencia que chegará a ser acto algún día, acto práctico, cotiá, sincero, honesto. Pero son quen son: neurótico, cúbico, inexacto, insensato ás veces, coa cordura tremendo sempre, co espírito aberto á ferida e ao sorriso. Mantén as distancias. Non son perigoso. Tento non facer dano. Só quero un pequeno espazo onde dicir: “Fogar”, e que non haxa nais, nin pais, nin familia ningunha, só fogar, fogar quente e feliz. Feliz. Que soño! Pois soñando son, e non quero máis pesadelos labirínticos, mais esperto, e volvo ser ou son no soño que me estraga?, en todo caso, queira ou non, mentres sexa un no mundo co feixe de mentes e sensacións que me entretecen, eu, cando menos, serei algunha cousa, serei un ser que latexa e latexa ata que todo todo pare. Feliz? Desgraciado? Humano. Nada máis e nada menos. Desgraza e fortuna. Humano.

 

 

(8-III-12)

 

 

 

ir arriba


 

 

 

ir arriba O balance dun sol ardente

 

 

 

Baixo a luz. Queima. A pel berra neste inverno cheo de sol ardente. Hai bolboretas no aire pesado. Hai area seca nos meus poros. Unha mirada á choiva que non dá chegado. Refrescarse en auga fría. Mergullar a cabeza nun recóndito burato cheo de esmeraldas e apropiarse do sentido todo das preguntas. Os corvos traen malas novas. Negros corvos. Buscarei entre o caos estático do precipicio. Non deas un paso. Non deas un mal paso. Arde a escola do sol que queima. Un pau bate nas entrañas dunha nena pequena. Inocente vítima da maldade humana, dinámica, mais sempre a mesma. Converterse nun heroe da loucura interior. Pasear pola fronteira. Sen caer. A loucura dos fronteirizos doe. Marcha. Foxe. Vontade e enerxía, eléctrico nun andar eterno: árbore de follas vermellas, un cinto de crocodilo, unhas perlas negras, o teu sorriso amable, a túa presenza. Pegadas no chan estraño, sinais do que vas sendo, a destrución, a creación dun novo eu. Non medo, non anguria, non enfermidade. Afastar os demos a golpes imprecisos e duros duros, sen compaixón, sen piedade. Mostrar a alma e atopar un baleiro indefinido. Quero contarche contos ata que durmas, miña nena. E virán todas as fadas da esperanza e no teu soño serás unha fermosa e consciente muller. Toda unha muller. E mentres de esguello observo cómo dormes, sinto que o mundo enteiro se para. Non hai baleiro, non hai tristura. Un silencio cómplice aperta o teu corpo e sabes, sabes que nada hai mellor neste inferno lindo. O cabalo das ansias e as xoias máxicas entra pola porta. Branco. Espléndido. Único. Montar nel e percorrer o ceo todo cheo de nubes rosas entre un sol ardente. Fago balance: tiven, teño máis do que merezo. Farei algo máis e algo máis e algo máis para compensarvos. Confiade en min. Crede en min. Eu, ás veces, despois da bágoa nas entrañas, ás veces, eu, creo en min, ás veces, eu, creo no sosego de corpo e espírito. Ás veces é moito. Moito máis do que nunca tiven, do que nunca soñei ter. A mañá é nervio pero as fadas traen unha luz que non dana os ollos cansos e entón todo comeza a ter sentido. Por un tempo indefinido.

Por un tempo impreciso, impredicible. Camiña. Camiña baixo o sol e baixo a choiva, cando chegue.

 

 

 

(10-III-12)

 

 

 

ir arriba


 

 

 

ir arriba Recoñecer a vontade

 

 

Recoñecer a vontade como fundamento da existencia. Buscar desesperadamente a liberdade da conciencia. Ceibarse do mal propio e alleo cunha cunca de viño tinto quente que baixa polo teu organismo. Caendo no estómago que imparte xustiza aleatoria, como o mundo todo. Procuro camiñar a modiño, lento, penetrando en cada paso como se fose o derradeiro desta vida rara. Construír muros que logo tes que ser quen de atravesar. Podería botarlle a culpa a tantas cousas, xente que sei que me matou, familia antiga, medo e inseguridade. E aquí estou, unha vez máis, abrindo os brazos ao vento que refresca os meus sentidos, recoñecendo que na vontade está a intermitente salvación. Soldado da paz interior, guerreiro da batalla do que se nos escapa, do que non somos quen de transmitir con todas as palabras, tantas, tan pouca cousa fronte a un agarimo, un mínimo aceno de comprensión, unha ollada cómplice. Estamos sos no mundo mentres non facemos compañía. De novo, buscarei a túa man, o teu precioso regalo, a túa paciencia infinita. De novo colgarei as falsas medallas para tentar atopar o sinxelo tesouro que dá sentido a toda unha vida. A conciencia. O espertar. Recoñecerse un mesmo no espello e non cuspir á imaxe reflectida. Querer. Quererse. Nesta reconstrución de anacos queda tanto por facer. Desexarei que sempre quede algo desa cola de pegar de zapateiro que ensina solfexo mentres te mata. Coa vontade e a esperanza poderei reconstruír un ser destrozado polo pasado imperfecto, tolo, inhumano. Síntoo, querida. Mais é só unha fodida palabra que non cobre os ocos da miseria humana. De verdade, procurarei ser mellor. De verdade, quero ser un algo que teña valor vital en si mesmo. Procuro non trabucarme unha e outra vez nos meus mesmos erros. Procuro a felicidade do simple. Querer. Quererte. Os xeonllos en carne viva e a pelota cos rapaces pequerrechos que se afasta cara a un mundo de inocentes. Eu, culpable, vou pagando a miña culpa a prazos. Hipoteca eterna. Son o pobre máis rico que xamais teña coñecido. Son un verme noxento e unha fermosa garza branca que alza o voo sobre todas as cabezas cansas e preocupadas. Os ollos da meniña deixan unha estela no ceo que nunca esquecerei. Ás veces é todo tan simple. Ás veces non entendo nada, non podo nada. Morro por dentro. E como un cristo material, vísceras sangue ósos, resucito dunha morte tráxica para abrir a mente a unha vida complexa e incluso linda. Paz. Paz. Paz. Cambiar o mundo. Tranquilo. O traballo é inmenso. Empeza por ti. Tes tanto que facer! Tío, tes tanto que aprender! Vontade e ánimo. Recoñeces o límite dos teus saúdos? Atrapaches algún segredo incerto? Buscar e atopar. Perder. Perderse. Desesperar. E logo un tranquilo paseo pola beira do mar salgado. Espirse e cubrir o corpo enteiro de auga cristalina e fría. Vivir é tan tráxico como marabilloso. O problema son as porcentaxes de cada adxectivo. As cinzas van quedando atrás e eu asubío unha fermosa e inquietante melodía. A música aplaca a dor e a ansia. Non esquezas pagar a peaxe. A historia chea de caras peaxes. Papel moeda. Obstrución. Vou saír á rúa dos que sempre agardan e berrar moi, moi alto. Berrar e berrar cheo de vida. Ata que a gorxa rouca cale e chegue o silencio atrapado nun agasallo para os humildes.

 

 

(17-III-12)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Caer, unha vez máis

 

 

Caer no erro. Na imbecilidade absurda. No enrabiado trasgo do pasado. Chorar. Bater. Rachar. Caer. Caer. O coche estoupa en mil anacos. Morrer e volver para pelexar. Caer e erguerse para volver caer. Unha tortilla de patacas, un vaso de viño, algo simple, concreto, sen hipóteses, sen probabilidades casuísticas, certeza do inferno. Caer, unha vez máis. Parvo. Parvo. Parvo. Ti que me coñeces por dentro, quen sexa, dille, dille, por favor!, dille que son outro, dille que cambiei, que vou aprendendo, neno grande, obesidade mental, insomnio estranxeiro. Con cemento cubro os ocos da histeria e a tristura. As randeeiras baleiras no parque perdido. Unha constelación de desexos que se resumen nun. Ser e estar ben. Xuntos. Caída. Tropezo. Involuntario. Culpa. Perdón, se cadra. Perdón bendito da deusa carnal. Ollarei os xornais por ver se sae a miña necrolóxica. Ollarei todos os xornais enchidos de palabras negras negras negras. E a sombra asoma polo oeste. E o sol aínda arde entre as súas manchas. Aínda queda sol ao que quentarse. O amigo teima: “Mañá será outro día”. “Mañá volverá saír o sol”. E eu penso no sentido da desgraza común e desesperado busco a ledicia que me devolva aquela vida, tan próxima tan afastada. Caer. Erguerse. Ir vivindo morrendo e sorrindo, como un becho raro mutante que din humano.

 

 

(19-III-12)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Antonio

 

 

Antonio colleu a navalla e cortouse o pescozo. O sangue mana. Vermello. Antonio morre, convencido de que hoxe non foi o seu mellor día. E así remata todo. Podería falar de covardía ou mellor de divindade, podería emitir xuízos sobre Antonio e os seus actos. Pero quén son eu, quén carallo son eu para falar dun convencido suicida. Ninguén.

 

Os fillos de Antonio choran. Chora a súa viúva. A min non me saen bágoas. Só un intrépido odio á humanidade e ao individuo. Agora, ao volver a casa, pola noite, lembrarei os seus ollos verdes e o seu pelo escuro. Lembrarei os seus risos e as súas fazañas. Brindarei á súa saúde ata caer borracho perdido no chan da miseria, nese chan no que só hai ausencias. Un sinal máis no camiño. Non quero cruces. Non quero fodidas cruces.

 

Antonio non está. Teño a súa navalla nas mans. E penso, mentres matino qué comerei hoxe. Peixe ou carne? A dúbida é tan grande, real, salvaxe que me fai pechar a navalla e deixala caer suave no chan da miseria. Teño resaca ou xa perdín o norte? O fume cada vez é máis denso pero aínda así vexo a Antonio, os seus ollos verdes, o seu pelo escuro.

 

Nalgún momento, non sei cando, algún día poderei dicir Antonio e non estremecerme. Entón comerei algún tipo de peixe bo para algún tipo de colesterol e eu serei só un vulgar amnésico merdento tipo máis de pailán inserido nunha lanza que atravesa o corazón cicatrizado.

 

 

(19-III-12)

 

 

ir arriba


 

ir arriba Pesadelo

 

Esperto envolto en suor e frío. Tras uns días no paraíso da vida que paga a pena vivir, atópome fronte a un pesadelo que vén do pasado e insire na miña mente a debilidade. Percorrer a mañá coa influenza da maldición. Todo foi un soño. Á fin durmiches e no fondo, no fondo está unha clave por descubrir, por atopar. Así que encamiñas os teus pasos cara a unha normalidade que agardas se repita ata que os teus tempos sexan rematados. Canta maxia pode ter este mundo! Canta inmundicia, indignidade! E agora, atrapar as cousas que non teñen prezo, ser digno e facer digno o teu cachiño de mundo. Agardar con paciencia que as pezas vaian encaixando neste estraño crebacabezas. Estraño e fermoso. A femia pariu monstros e deuses ata que naceu aquel eu polo que xa ninguén esperaba. A sorpresa foi moita. O cambio tamén. Tirar os medos contra a parede, coller o interior revolto en náuseas e sequidade e botalo a un océano afastado. Procurar a felicidade simple. Esa pola que pasei esta tempada cubrindo o meu corazón de latexos harmónicos e pausados. Quero non caer no burato. Quero a incríbel aventura de poder loitar cada día, de tentar ser mellor cada día, de poder ofrecerme e ofrecerlle e ofrecervos aquilo que semella podo comezar a ter. Unha migalla de sorte, unha morea de traballo interior, outra morea de traballo que fai vidas esgotando, un quedo benestar fisiolóxico. Levo tanto vivido! Quédame tanto por aprender, por aprenderme! Paciencia e loita. Xa o sei, unha vez máis: VIDA.

 

 


(26-III-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba No exame de Kant

 

 

 

Percorro co bolígrafo vermello o branco desta páxina, unha de tantas semellantes as que elas e eles terán que encher coa forza e a vontade de gladiadores en prácticas dunha vida á que serán pronto arroxados, e pensas en qué camiños diferentes andarán e se terán camiño ou non e pensas, -mentres o vermello envolve todo o sentimento como un sangue escuro e desapiadado-, nos días que estás a vivir, nas cousas que estás a facer.

Agora, con mil bolboretas malas dando voltas no estómago e un campo de minas diante dos teus nervios tensos, agora tentas atopar sentido a todo este son insoportábel que engurra a pel. O tacto do inseguro fai dano.

Pensar nas posibilidades. A casuística é inmensa. Non todo é branco e negro. Hai fodidos matices de gris escuro agochados tras cada porta. Non en todas as portas. Son consciente. Son un pouco mellor, en xeral, creo. Pero, canto falta para que atopemos a paz de espírito? Canto tempo poderei levar esta pesada carga –agora pesa menos- coa que derrubei todos os muros da ela que me deu a oportunidade dunha pequena esperanza? Unha pequena esperanza dunha nova vida sen noxo e medo e agora caio pero ti segues aí eu quero seguir quero seguir pero o dano que che fixen que me fixen foi tanto tanto tanto, o dano que sigo a facer a facernos parvo neno malo malcriado.

As cabezas dos alumnos navegan polos mares dun Kant revolucionario. Atrévete a saber! Sapere aude! Realmente precisamos saber tanto, Kant? Preciso o teu sorriso e o teu agarimo, unha vida compartida en tres anacos, mil anacos rotos cando nos magoamos o espírito.

Ao fondo segue a luz. Ao fondo segue a paixón e a loita. Ao fondo segue o soño precioso e bendicido polos días amables que en recompensa a non sei qué recibín deste tolo mundo. Porei as gafas de sol. Pecharei os ollos. Agardarei ata que marchen todas as nubes feas. Agardarei por nós. Confianza. Agardarei por min. Confianza. Agardarei por ti, meu amor. Confianza. Agardarei pola nosa ela. Confianza. Agardarei por estas queridas persoas que cobren folios e folios agardando tamén eles un agarimo, unha recompensa ou unha mala tarde.

Disciplina e respecto. O respecto que sempre mereciches ti. Ti. Meu amor, desculpa, por favor, desculpa. Só somos dous pequerrechos seres humanos atrapados nun bucle do imprevisto, nun estraño burato negro e branco que devora todo ao seu paso. Todo? Non. Non.

Aquí permanecemos contra o vento do furacán furibundo que pasará por riba da nosa ilusión. Caeremos, seremos arrastrados, pero cando o sol saia, apertados, bicarémonos nun merecido futuro, nun merecido descanso. “Quero crer, quero crer, quero crer na ausencia de problemas”. Iso escribín nun tempo indefinido e borroso. Todo queda tan atrás. Agora xa sei que non é só que sexa imposible, agora xa sei que así é e será a vida. Os problemas e a superación constante.

Elas e eles escriben. Preguntan. Eu paro. Contesto. Tento axudar. Dúbidas. Sento. Eles e elas, Manuel Kant e Manuel Kant, e eu coeime por este oco para botar o lixo e o imprescindíbel co mesmo bolígrafo co que corrixirei os seus fallos e acertos, a súa única e preciosa vida, a súa mente, a pesar de todo, aínda tan posible de encher con pequenas e grandes xoias, erros e brillantez acumulada, seres nos que me vexo reflectido cada día, seres que se fan e me fan cada día.

Non direi nada máis. As palabras sobran. Irei na procura dos actos que rediman a miña eterna culpa. E agora si, preparareime para exames e exames pendentes dun fodido número que como o capital –o implacábel e demoníaco capital diñeiro cartos- fai que se perda a esencia real do que paga a pena neste mundo. Que é? Algo así como un non sei qué imperceptíbel ínfimo minúsculo que fai que brote mane xorda inmensa a ledicia de ser e estar pese a todo, todo.

 

 

(28-III-12)


 

ir arriba

 


 

 

ir arriba 7/4/2012

 

Renovar o silencio nunha colmea enchida de mel pegañenta. O suor do frío que invade unha feble tormenta. Recoller todos os aparellos, as cousiñas que vas cargando, o lombo canso e un camelo que comeza a dicir non. Forzar a máquina. Espremer toda a potencia do traballo mental. Sangrar. Caer de xeonllos coma un pallaso parvo. A loucura comprimida en pílulas de cores. Facerse persoa. Traballar cada día para derrotar ao egoísmo. Quixera ter un pequeno pato amarelo que me seguise ao confíns do mundo. Meu amigo, miña inocencia. As cinzas caen sobre as nosas cabezas. Lembranzas. Presente e pasado. Os buratos na noite case non se ven. Semella que non están. Quero crer que non están, que non volverán nunca, que se taparon con cemento do corazón renovado. Muller, ti es a miña calma! Arroutado estoupo o cristal do escafrando e sen osíxeno morro por un intre, devorado por un salgado océano de placto infinito. Saír a superficie. Estar aquí de novo, os comensais xa na mesa. Todo está preparado para a gran cena dos magoados. Morreremos de fame e sede? Ou, tal vez, atopemos o camiño dos sempre fartos? Unha espléndida estela atravesa o ceo e os meus ollos de martelo percorren un horizonte malva e laranxa. Se ti souberas! Cruzo os dedos, agradezo a ofrenda. As mutilacións insensatas, o cruel estoupido nas veas. Encherei de fume o mundo, para respirar. Puro. Limpo. Renacido.

Cruzo o río do esquecemento. Bebo. Máis as lembranzas sempre estarán aí. As que doen. Cun coitelo afiado cravo a súa fina agulla no perdón dos malditos. E sei que mañá choverá. Moito. E sei que ás veces todo ten sentido. E sei que non sei nada de nada. Non sendo o estar impredicíbel, a afouteza, a carraxe, o derradeiro verme e a agardada bolboreta multicolor. Ás rotas. Incisións pezoñosas. Unha derrota que se transforma en vitoria brutal e imperiosa.

Mirando a lúa metálica, aperto os dentes con furia e un bruxo do Oriente trae mazás vermellas vermellas que caen ao chan escuro. Non podo precisar a distancia que me separa dun simple obxectivo. Traballar e traballar. Ser e ser. Estar e estar. Vivir con miríades de anacos, pequenos fotogramas inxentes, unha tórrida sensación de queimarse por dentro e logo a auga fresca. Non mentir. Camiñar.

Amareime cando me atope. Nin un segundo antes. Primeiro estades vós, miñas raíñas do que semellaba imposible. E logo, ese raro tolo incríbel mundo que nos aprisiona e nos regala días claros. Na penumbra creo ver a un vello deus morto, devorado polos seres preeiros que cumpren obsesivos a súa función.

De novo o pallaso. Caer. Erguerse. Pintar a cara. Tentar camuflarse entre unha multitude allea. Ou berrar a canción favorita con milleiros de gorxas atronadoras. Mírame, cambiei. Mírame, son outro e son o mesmo. O mesmo outro que alá quedou, lonxe, atrás, nas reviravoltas dun suspiro.

Ah!, quero ser sinxelamente un no mundo. E ao tempo, o infinito. Ah, a felicidade agochada nos intres de sosego. Mírame. Son eu. Son outro. Vou facendo a espiral de obrigas e soños repetidos. Vou facéndome con vós.

Non sei o segredo. Poida que todo sexa sorte, azar, caos. Maldigo a dor e o sufrimento! Ah!, flotar coma un morto nas augas cristalinas da nosa praia, beber unha cervexa e non pensar no despois, nin nas mil interrogantes que sempre me perseguen. Aquí estou. Mírame!

Aínda que non o pareza, son eu, signifique isto o que signifique, sexa o que sexa, viva quen viva, morra quen morra, son eu e non podo facer máis que construírme con adobe de milagre, superstición e forza de vontade. Vontade. Todo queda dito nesa palabra. Vontade. Que difícil! Que sinxelo! Chorar, rir, estragar un segundo. Non creo no pecado, mais creo na maldade.

Así que, collín o penúltimo tren e pronto me atopei no mesmo centro do meu destino.

Mais nunca saberei o que aquí me agarda. Chisss!!!, cala. Cala. As palabras caen como neve fervente. As palabras, sen entrañas, non son nada.

Camiño e caio. Caio e camiño. E tamén sorrío. Á fin. Vou chegando. Vou chegando.

 

 

(7-IV-12)

 

 

ir arriba



 

ir arriba Resistir

 

 

Resistir fronte as ondas enlouquecidas do mar infinito. Erguer unha vez máis o corpo e todo iso que leva dentro, todo iso que ás veces pesa tanto. Resistir. Por ti e por elas. Agarrarse á vida como unha lapa á rocha da salvación e a dor. Cada segundo é traxicamente marabilloso. Empurro, fago forza, toda a forza que me queda. Resisto, logo vivo.

 

 

(12-IV-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba A muller negra canta

 

 

A muller negra canta. Eu choro de ledicia. Eses berros que saen das entrañas, do fondo pozo da amargura e a desesperanza. Feliz no blues do atardecer. E unhas cordas con neve branca e fría dunha guitarra que lamenta a existencia toda. Choro. Feliz. E lembro todo aquilo que se foi, que xa foi, todos os que non estades, compañeiras e compañeiros desta aventura. O baleiro entra na miña estúpida felicidade. A morte. O derradeiro adeus. E aquí seguimos, vivos dando paus de cego nunha atmosfera chea de carraxe, beleza e loucura, loucura inhumana. Non volverei ver o telexornal. Volverei a velo, impotente, cabreado, cuestionando toda esta miseria inxusta e logo qué fago. Saio a rúa e rebento o sistema cun berro arroutado que faga chorar á humanidade polos seus erros. A muller negra cantaría para todos estes bechos que somos, e ao mellor, atopariamos a chave da xenerosidade, do comunismo individual. A túa gorxa é un misterio e unha salvación. Ás súas incribles e doentes notas ato os cordóns dos meus tenis, para que me leves lonxe da dor, lonxe da pálida luz dun mundo que agoniza. Os tambores espertan o meu ánimo. Mentres haxa música, haberá unha pequena esperanza. Mentres haxa sentimento sincero, haberá por qué loitar. A muller negra para o seu canto. As miñas bágoas deixan de fluír. O maldito planeta xira, inxenuo e atacado por dentes que nel se cravan. Riqueza corrupta. Pobreza predestinada. Non, isto non é o que un ser humano pode ver sen máis, isto golpea a última paixón apreixada. Fóra lixos. Fóra lixos deste mundo. Quero outro. Un, por exemplo, xusto. A muller negra escoita as miñas palabras e sorrí sen ganas. Utopía e soño. Revolución e sangue. En todo caso, feridas infectadas. Coma nós.

 

(13-IV-12)

 

ir arriba

 

 


 

 

ir arriba O neno que miraba ao sur

 

 

Hai estalactitas na cova das ofrendas. Posuído por unha forza do ventre da terra, o chan queimado comeza a cheirar a noite. Houbo visitantes que ollaban ao neno mirando ao sur. Mais na súa pequena mirada reflectían vellos pianos estragados. Teclas perdidas. Coma ti. Neno. O sur existe? O sur existe porque ti o agardas, porque ti o escrutas dende que amence. Soñando entre pensamentos de cores un insecto deixa o seu zunido no aire quente e volves saltar sobre a propia sombra. E unha vez máis a impotencia da derrota ou da vitoria inalcanzábel. Corre, corre e dille ao mundo a boa nova. Mirando ao sur, os obxectos semellan inertes copias da fantasía interior. E mentres as relixións se entrecruzan co seu mesmo diaño agarro ao neno con toda a miña forza e introdúzome nas súas entrañas. Corre, corre. Eu tamén quero crer, quero ir, quero mirar cada mañá ao sur das posibilidades e a utopía feita carne e bicos, moitos fermosos bicos.
Corremos no medio da tempestade. Nunca máis estaremos sos. Nunca máis esquecemento e maltrato. Neno, eu son ti e ti es eu. Corre. Correndo corremos cara ao sur. Ilusión bendita dos ateos benevolentes.

 

 

(14-IV-12)

 

ir arriba

 

 

 


 

 

ir arriba E corrín tentando atopar a orixe da quietude

 


Un gas amarelo e noxento avanza frenético detrás de min. Ela, tan cansa, tan esgotada, tan malferida, tan maltratada. Creo que non haberá nunca segundos días anos suficientes para remediar tanta dor. Así que escuro encamíñome ás presas correndo tentando atopar a orixe da quietude, o comezo da fin da traxedia. Humana. E o gas entra no meu ventre e faime estoupar en mil anacos de carne viva que supura sangue veas vísceras pequenos estragos mutilados que é o que son o que me fixen e xa sabes, acabar cos sentidos pegañentos de tanto procurar unir o que a maldade a estupidez a ignorancia desuniu.

Afasto a mirada con ollos que non son meus. O silencio cae por un intre perfecto e as ovellas de pel grosa e la esmeralda cruzan o sendeiro, memoria inerte dun ser vivo, oxalá a brancura que non hai nos vosos corpos fora sinal dunha nova esperanza, dun renacemento mantido na áspera historia desta vida. A orixe da quietude. O centro do benestar. Alí, no inferno, vai moita calor e moito frío. Aquí, neste purgatorio sen deus, vai síntomas de afouteza no medio dunha gran perda.

Escoitade aos nenos! Escoitade aos nenos! Veñen todos en ringleiras perfectas, formación exacta, co seu coro demoníaco e inocente. “A morte non é nada! A morte non é nada! Vivir é a condena! Vivir é a condena e o máis prezado tesouro! E o máis prezado tesouro!!" Calade, nenos!! Calade! Calade xa!!! Non aturo unha palabra unha voz máis na miña mente fervente de impaciencia. Unha vez máis recoller os anacos no absoluto silencio. Na fronteira do que aínda está por vir. Unha frondosa ou pálida segunda oportunidade. Quen sabe? Un azar que sorrí cunha especie de sorte infortunada? Anacos da única ela, por todas partes, a milleiros, anacos do maldito único eu, aquí, alá, pisados polos pés da infamia. Recoller e pegar. E pegar. E pegar. Ata que se acabe a cola. Ata que as mans sexan xeo conxelado que racha na finura dun perdón.

Os animais da selva emiten os seus fantásticos cantos. A ledicia cumpre unha vella promesa esquecida. Os nenos, calados xa por sempre, xogan felices ás agachadas silenciosas da noite. Collo a quietude deste intre e coloco a miña cabeza ante as túas mans. Aí está a espada. Aí o meu pescozo. Merezo o destino que ti creas que merezo.

Quérote.

 

 

 

(19-IV-12)

 

 

ir arriba

 



ir arriba Non sei

 

 

Non sei se isto é un oasis, ou é que realmente estou saíndo do deserto. O sol xa non abrasa. Mais aínda a vexetación é escasa e o horizonte segue vermello, iso si, cunha pinga de rosa. Non sei qué cores agardan nesta viaxe nin canto durará nin canto custará en brutal esforzo, mais é a única viaxe á que fun arroxado, a única na que me atopei atrapado, a única que sendo tola, ten sentido. Puidera ser que a loucura atopase máis auga neste eterno camiño. Non. A loucura atopa dor punzante. Suor e sangue. As perlas do chan reflicten os raios solares nos meus ollos. Ou estou alucinando? O camiño é unha alucinación. Dá igual. É a única realidade na que me afogo e na que floto. O Mar Morto. Estudei xeografía. Estudei tantas cousas e aprendín tan pouco. Tan pouco do que en verdade é importante. Saltarei sobre a miña sombra sempre presente e acadarei o premio do imposíbel, o trunfo do que nada vale. Un mililitro de suor menos é a gran vitoria. Comparto a viaxe contigo. Podes marchar cando queiras. Agora, á fin!, agora creo que es libre coa túa pesada maleta, miña querida. Mais xa sabes que un oasis sen ti é como area nos ollos, como súplica ao silencio. Bendita sexas. Bendita sexas. Non sei se estamos a saír do deserto. En realidade, non sei nada. Supoño que dúas historias doentes percorren este espazo baldeiro. Cosmonautas sen retorno. Co infinito ante os seus ollos. E o espazo. Inmenso. Baldeiro. Silencio. Todo perdido, todo por atopar. Ilusión e corazón roto. Sutura. Pronto! Sutura. A vida sempre pelexa. Case sempre. Os límites. Os límites da estrañeza que traspasamos incautos. E agora, pagar a débeda, soñar con vidros rotos e espellos que reflicten elefantes. Tal vez amar. Tal vez vivir. Tal vez morrer. Tal vez estar. Tal vez ser. O deserto engule a miña figura no medio dun océano de lava ardente. Queima. Que agardabas? Claro que queima!

 

 

(19-IV-12)


ir arriba

 


 

 

ir arriba Un repetido retroceso

Co vómito como presenza inmensa, recobrar a forza e a loita. Penetran punzantes dores no ventre mais quero regalar un sorriso de esperanza. Dime: cantos dedos vés? Que máis ten. Tes dedos. Para agarimar a cabeciña da enferma. Para pulsar a tecla dun vello piano. Para afastar o corpo magoado e aferrarte á ansia de vivir. Vivir ben. Vivir a gusto. Posibilidades reais que se fixeron carne e agora sangran nun novo desafío. Sísifo! Sísifo! Acaba coa miña condena e déixame ceibe como os paxaros que voan na miña cabeza. Resistir. Ter vontade. Son moi duro pero non sei cánto. No temor está a derrota, así que abre as ás e sae glorioso a enfrontarte ao vento que zoa e zoa.

 

 

(23-IV-12)

 

 

ir arriba


 

ir arriba O perfume dos pequenos intres.

"La única lucha que se pierde es la que se abandona." (Che Guevara)

 

 

Remexo as vidas nunha apócema nada máxica. O arrecendo a madurez neuronal ocupando o seu espazo antes baleiro. O perfume do arrefrío que loita por se consagrar vitorioso. Rematar con Marx. E ver que segue vivo. Transformar o mundo. Feixe de relacións que establezo coa xente que amo, aprecio, desprezo, creo que non chego ao odio. Amo aos meus amores. Quero aos meus estudantes destes infinitos anos. Infinitas caras e nomes e apelidos, e en cada un e cada unha, unha vida única e preciosa. Traballo e me traballo. Por vós. Por min. “We don´t need no education, we don´t need no thought control”. Enténdote, Roger. Eu tamén pasei pola maldición dos mestres amargados, cabróns, rancorosos, inxustos, cínicos... pero, sabes, Roger?, si que necesitamos educación, da boa, da que sae do mellor do ser humano. A familia e a escola son os únicos posibles revolucionarios do futuro. Os que traerán un mundo mellor ou si, non o nego, aínda peor do que os nosos ánimos engolen baixo coacción. Mira como entra a luz polo pequeno burato, un pequeno intre de felicidade case inconsciente, pero o suficientemente nidio para ser perceptíbel, ao mellor unha ensoñación fugaz, un lixeiro contacto entre dúas mans, un bico apreixado no aire, un lóstrego que reverbera, concentrado, inmenso, o perfume da esencia da vida, da esencia que nos fai seguir un e outro día. Loitar. O arrefriado pode ser o máis parvo dos problemas. Ou pode ser O PROBLEMA. Mentres a xente morre de fame, sede, sida, guerras inxustas no nome dun deus calquera, dun deus inventado polos malditos homes, a xente sofre inútil, insensata, absurda, cruelmente entre a miseria e a inmundicia. Non teño solucións. Traballo no traballo. Familia e escola. Cultivar a sensibilidade, a tenrura, a constancia, a loita nobre, a liberdade, a xustiza, a igualdade, a tolerancia, a bondade humana que ela di que sempre queda. Sempre queda. Se non, habería que inventala e inventala e inventala mil veces máis para afrontar o mal da nosa especie, o demo do sapiens, a dor coa que afliximos ao planeta. Xira, como ausente. Xira, como unha nora na noite estrelada. E todas e todos nós, con el. Simples pasaxeiros dunha viaxe de prestado, dunha viaxe eternamente finita e incomprensíbel na súa propia rotación. A viaxe. Horas que derreten o tempo, minutos vertixinosos, a espera insoportábel, a esperanza fermosa, as nenas dos teus ollos, unha semente no camiño, na única, preciosa e maldita viaxe. Unha semente. Un futuro. Unha Esperanza.

 

 

 

(27-IV-12)


 

ir arriba


 

 

ir arriba No exame de Marx

 


Soterrado. Ela pregunta. Si, Marx, soterrado. Leo o folio que lles pasei xunto co exame:

POSIBLES TEMAS PARA COMENTARIO PERSOAL

TEXTO 1 MARX

- O TRABALLO ALIENADO:

þ CÓMO VES A SITUACIÓN DO TRABALLO EN ESPAÑA E NO MUNDO?

þ PENSAS QUE SEGUE A HABER PERSOAS CON TRABALLOS “FORZADOS” (ALIENADOS)?

þ QUE OPINAS ACERCA DO TEMA DO PARO, E, EN CONCRETO, DO PARO XUVENIL (CAUSAS?, SOLUCIÓNS?, MOTIVOS?, CULPABLES?...)

þ ESTÁS “NO TEU” (A GUSTO) NO TRABALLO COMO ESTUDANTE OU ESTÁS ALIENADO NEL (“FUXIRÍAS DEL COMO DA PESTE”)

þ QUE ESPERAS DO TEU POSIBLE TRABALLO NO FUTURO?

•  CARTOS?

•  SATISFACCIÓN PERSOAL?

EN CASO DE TER QUE ESCOLLER, QUE ESCOLLERÍAS?:

•  MÁIS CARTOS PERO MENOS SATISFACCIÓN LABORAL

•  MENOS CARTOS PERO MÁIS SATISFACCIÓN LABORAL (+ A GUSTO)

 

- O CAPITALISMO E O CONSUMISMO

þ QUE PENSAS DO CAPITALISMO E DO CONSUMISMO EN XERAL?

þ É XUSTO QUE HAXA XENTE CON TANTO E OUTRA CON TAN POUCO?

þ É LÓXICO “RACIONAL” QUERER TER CADA VEZ MÁIS E MÁIS COUSAS?

þ ESTÁN AS COUSAS POR RIBA DAS PERSOAS E DOS SEUS PRINCIPIOS? (POR EXEMPLO: QUE PREFIRES?: SER RICO E CORRUPTO OU POBRE E HONRADO?)

þ CRES QUE O CAPITAL MOVE O MUNDO? ATA QUE PUNTO AS GUERRAS, A FAME, A INXUSTIZA SOCIAL TEÑEN QUE VER COS CARTOS?

þ PÓDESE CAMBIAR O MUNDO A MELLOR (+ XUSTO, + SOLIDARIO) OU É SÓ UN SOÑO IMPOSIBLE, UNHA UTOPÍA?

þ TES ALGUNHA IDEA PARA CAMBIALO:

POR EXEMPLO:

•  REFORMAR O SISTEMA CAPITALISTA

•  FUNDAR UN VERDADEIRO ESTADO COMUNISTA

•  BASEAR O MUNDO NAS GRANDES IDEAS DE CRISTO (AMOR, XUSTIZA, IGUALDADE) OU DOS ILUSTRADOS-REVOLUCIONARIOS FRANCESES (“LIBERDADE, IGUALDADE, FRATERNIDADE), OU DE....

þ OU PENSAS QUE O SER HUMANO TEN O MUNDO QUE SE MERECE COMO ESPECIE (PESIMISMO/OPTIMISMO ANTROPOLÓXICO)

 

E, COMO NON!, O QUE SE CHE OCORRA, O QUE TI QUEIRAS OU POIDAS APORTAR. ÁNIMO!!!

POR FAVOR, NO FINAL DO EXAME PONME SE TES PENSADO IR AO SELECTIVO (CANDO SEXA) E SE PENSAS ESCOLLER FILOSOFÍA OU HISTORIA.

 

MOITAS GRAZAS.

 

MANUEL SEIXAS.

 


De seguro que me pasei. Pero que non sexa por ideas, que non sexa por non saber qué dicir, aínda que que dicir? Que dicir ante este mundo?


E agora agardo con mestura de impaciencia e esforzo que xa cansa a que elas e eles cubran os folios de pensamentos alleos pensamentos propios. Marx vive. E con el, a loita. A revolución imposible. Esquerdas. Hábitat natural. Nun tempo chorar por Franco. Medo. Moito medo. Así nos ensinaron. E tardei toda esta eternidade en tentar afastar esa palabra da miña boca, da miña vida. E aínda ás veces, hoxe mesmo, sae. Espanto que non quero volver a ver. Quero ver as súas ideas feitas carne e sangue nun branco papel. Contidos e ese algo máis que só dan as grandes cousas. E a filosofía é grande, moi grande. Creo que demasiado. Música, cine, literatura son linguaxes que me apreixan moito máis o de alá dentro. O que importa. Mais cando a Filosofía é boa... Un bo texto. Un bo exame, un marabilloso exame de alguén brillante. Estudante que reflictes o teu impagable prezo en cada frase argumentada. Excepcións preciosas. Esperanza no futuro. Que teñades traballo, traballo digno. Que teñades saúde, vida digna.
Os caracois van lentos. Pero todo é relativo. Renacido por un tempo indefinido os meus miolos concéntranse agora nas barreiras do espazo e o tempo. Vai lento o caracol? Depende, como tantas cousas nesta vida. E os principios? Praxe diaria que estou comezando a facer e ser en ela. Costume do traballo humano humanamente traballado. Alienado? Non, Marx. Estiven morto. Morto. Morto. E só ela e esas poucas xoias xenerosas que estiveron ao meu lado. Cando estaba morto. Cando non era nada, ninguén, nadie. Cruzo os dedos. Cruzo os dedos,. Poño sempre no coche o "Grace" de Jeff Buckley. Día tras día. Supersticións para non baixar a garda. Hoxe remato unha gran parte do meu traballo. Agora corrixir e corrixir. Calma. E rematar ben o curso. Oxalá. O CURSO, diría eu.
E cen trompetas encheron os oídos de todos os ata entón xordos en silencio. A verde calma da súa melodía cubriu todos os ollos ata entón cegos ás escuras. E entrou a flor máis linda da esperanza e dixo: "Quedarei contigo". E dixo o demo: "Por agora". E dixo o anxo: "Agora é sempre"

 


30-IV-12

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Sabes ti como segue isto?



E corrixín e corrixín e despedinme un a un de cada exame feito persoa. Foron anos, tempos duros. Traballo case rematado. Mais volveu a inquedanza e o nervio, a estúpida batalla que pensara ter gañado por un tempo. Refacerse. Pouco a pouco. Outra vez coller os cachiños e ensamblalos con afouteza. Ánimo, ti podes. Nada é eterno. Non o ía ser a bendición do sosego. Creo que estás condenado a pelexar eternamente. Non caias no baleiro. Valentía. Esforzo. Co fácil que semellaba todo! Mais o fácil ten escaso mérito. Arranxar con ela o noso pequeno e inmenso mundo. Os anos que nos quedan? Poder ser bo pai, bo mestre, boa persoa. Boa persoa. Eu? Tentarei ser o mellor que poida. Tentarei cumprir co meu quefacer en todos os ámbitos. Procurarei novos camiños para volver á paz de espírito, á mañá suave e leda. Todo pasa: o bo, o malo, o peor. Que vida máis fermosa e estraña! Que dor interna cando chega o monstro! Algo aprenderías, non? Algo aprendería. Aprendín que podo ser feliz. Un tempiño.
Non teño nin idea do que me agarda este maio cheo de chuvia e este verán que se aproxima. Rematada a responsabilidade laboral fundamental farei por encher a miña vida. Para que non haxa ocos que doen, minutos interminábeis. Quererte ben. Tratarte como o meu tesouro máis prezado. Escoitar. Comprender. A suor fría volve á primeira páxina. Teño agora máis ferramentas para non caer no burato do sufrimento absurdo? Supoño que si. Non teño nin idea de como segue isto. Seguirei, sen máis, coa ilusión dunha pequena esperanza, co soño de días tranquilos e levadeiros. Todo é posíbel. Todo. É cuestión de estar preparado. Estou preparado? Non sei, pero agardo non caer na morte en vida, na derrota do sinxelo. Non! Non! Facemos un equipo. Sairei desta. E ti, se queres, comigo. Os velliños felices que ven medrar tranquilamente á súa preciosa e querida filla. Adeus alumnas e alumnos deste curso. Adeus, case, segundo de bacharelato. Renacín e non quero ser cristo humano nunca máis. Nunca máis. Pero quen tira os dados nesta estraña partida? Nesta incríbel viaxe, repetido camiño que cada mañá semella novo ou inesperado.
Hai gatos que choran pero non sei por que.
Recollo as bágoas nun bote cheo de rica marmelada e todo se mestura. E sempre é o mesmo: a esperanza. E sempre é o mesmo: a esperanza.

 

 

(7-V-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Incursión

 

 

Entrando na cova do delirio, a muller aperta a súa antiga moneca que chora e chora. Hai pais que condenan toda unha existencia. Hai familias que incuban desgraza, non futuro. A muller deixa caer a moneca, deixa caer a súa derradeira esperanza. Nada hai que a ate ao mundo, non sendo ela. Indefectible illamento na escuridade. Non hai voces que incomoden o silencio. Un tempo indefinido. Ela, a muller sen moneca, incorre no erro do forzoso. Unha tese indefendible. Ela, a muller dos soños, relatora dunha burbulla de peaxe, recolle o veleno dunha existencia, alí, silencio, cova, delirio, alí enfronta un mundo ermo coa verde herba baixo unha imaxinaria choiva. Na praciña que hai no centro da nada descobre o milagre dos plebeos da derradeira oportunidade. Un planeta que orbita arredor da súa desgraza, un planeta cheo de plancto na preamar. A muller xestiona os sentimentos coa precisión do cirurxián que un día lle extirpou a alma. Sen moneca, soa fronte a un soño boreal, furta a sintonía do posible e suborna a súa propia consciencia. O marchante inexistente ofrece bos prezos por unha maridaxe de extravío e labazada. As meixelas son agora ardentía na afección e amar é a ofrenda testemuñal. Lóbrego espertar. Brillante brevidade da pelexa. Unha disputa que dura toda unha vida. A moneca brama palabras enganosas e o compendio da razón reactiva o vestixio do raio de feble luz que reabsorbe a vontade. Volver, saír da noite, sementar un volcán de posibilidades, tornar ao principio da inmunodeficiencia. Inocular promesas e risos e ledicias, curar o espanto. A muller recolle a moneca, sae da cova, indixente enxerto para tapar as feridas. Inmolación que seitura o esbozo dunha pequena e única elección. Vivir. Vivir. Vivir é o seme unánime, o unicornio auténtico, franco, sincero. Na obscenidade do mundo externo comproba a sentencia chea de verborrea. Unha proposta rameira e florecente. Nunca máis humillarse. A muller osuda reúne a hoste a través do humilde humedecer das súas bágoas. E o riso é unha ocorrencia inesperada, unha lazada perfecta no leito da tortura. Humidade que é un remorso e un persistir. Suave, a man da amante apesarada percorre o interrogatorio. Tes esperanza, amada miña? E no limiar da mañanciña, a muller coa súa moneca predestinada precipita un “teño” e o consolo engaiola a fortuna dun chan cheo de vida.

 

 

 

(12-V-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Remuíño

 

 

Neste maio que queimou os meus beizos, a miña cara, neste maio ondulo. Neste maio no que a vida digna semella quere escapar, fuxir pola ventá ante os meus ollos cansos. Fago o propósito da loita e da actitude. Non botar nela o que teño que sacar de min e para min. Forcei a máquina mais trunfei. En pasado? Queda agora rematar con dignidade, non caer unha vez máis no burato fondo. Queda agora enfrontar cada día coa perspectiva da batalla interminábel. Por ti. Por ela. Por min. Oxalá a mente tivese un interruptor: ON/OFF. Agora descanso, agora acelero. Pero semella estar sempre en on, aínda que o meu corpo estea en off, aínda que o pensamento se canse a si mesmo. Pediría un desexo, pero non me atrevo. A vitoria está en non abandonar o esforzo cotiá. Neste maio que traerá da man a xuño e logo xullo e logo agosto e así ás veces esvaro neste remuíño de meses que constitúen unha vida. Vida serena, en paz, vida soñada: volve!, volve! Aperto os dentes con convicción e rabia. Non caer. Non caer. Podo! Podo! Paciencia, ánimo. A roda da vida xira e xira e xira. Remuíño que se descontrola. Toma os mandos. Toma os mandos! Baixa a presión, baixa a inquedanza pero non baixes a garda, non cedas ante os problemas. Todo é relativo. Ou case todo. Ela está contigo. Ela merece un estado final precioso. Eu son de finais tráxicos. Cambiarei o texto, cambiarei o estilo, cambiarei a miña forma de reaccionar ante o mundo. Todo por volver aos tempos gloriosos dun pasado próximo. Unha man que aperta. Un bico nos beizos queimados. O sol que dá nos ollos. Unha ilusión e un tremor interno. Preparado para a loita agardo a que a noite agoche a dor de fondo. Haberá luz nos meus soños. Haberá descanso e paz. Confía e ten paciencia. Confía e ten paciencia.

 

(16-V-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Soñar

 

 

Soñar cunha almofada mol e suave que engula sen fin as maldades todas. Soñar con estar vivo. Dignamente vivo. Soñar co lóstrego poderoso que fulmina todas as dores. Soñar que os que sofren serán aliviados. Soñar cun hoxe e un mañá no que a temperanza e a sensibilidade gobernen o teu mundo, e por extensión, o mundo enteiro. Soñar que podes chegar a ser quen ti cres á fin que debes ser. Soñar con que as leccións ben aprendidas non se esquecen. Soñar cunha nube que estoupa enchida de pan e esperanza para os famentos. Soñar con outra especie que nos mellore e se apiade de nós. Ou non debe apiadarse? Soñar coas lentas verbas que calman o medo ardente. Soñar cun paraíso de bicos nobres cheos de paixón e amor en pequenas pingas. Soñar con enlazar ben os cables que cobren o labiríntico cerebro. Soñar contigo. Soñar coa paz como praxe natural e lóxica. Soñar que realmente soñar é gratis porque os cartos non existen nin existirán máis. Soñar que podemos compartir o que máis queremos. Soñar que non hai deuses, nin invencións e aldraxes nos seus nomes. Soñar que a superficie da terra está cuberta por persoas polas que paga a pena morrer, dar a vida, dalo todo. Soñar que soño e esperto limpo, libre, fresco, sa, auténtico, xeneroso, humilde, salvaxemente inocente, benquerido por min mesmo, con todos os vellos noxos cubertos por un lindo manto de sosego feliz e compartido. Soñar que vivo. Espertar e seguir, con ou sen soño. Cruel e único, ditoso destino.

 

 

(21-V-12)

 

 

ir arriba


 

 

 

ir arriba Unha hora antes da avaliación

 

 

Bacharelato. Segundo. Xulgar todo aquilo que debe ser xulgado. Os xuíces deberían ter un compromiso ético nos criterios. Todos naceron sendo mestres responsables e perfectos? Todas foron estudosas e caladas de por vida? Esixencia, si. Respecto, si. Contidos, si. Persoa, sobre todas as cousas. Iso é o que son aqueles a quen xulgamos. Non abandono de funcións, non rañar a barriga coma se non fose contigo, pero por que tes que facelo tan difícil? Ti, docente do diaño, cómo es capaz de pensar que estás por riba do mundo, que a túa simple nota pode cambiar toda unha vida. Esaxero. Poida. Déixome levar por bágoas a tempo e a destempo, amargura despois de pouco traballo? Eles únicos culpables? Tal vez. Agora procurarei ter o meu cerebro esperto e o meu corazón non de todo aberto, a non ser que estoupe pola rabia e a impotencia, a non ser que a educación de “O muro” de Waters siga a existir nas súas múltiples, con caretas mellor traballadas, estratexias. Loitando por non ser demasiado bo, loitando por non facer carne o que é teoría e ao tempo, no fondo, sabendo cales son os meus principios. Non permitirei a vagancia. E esta tarde-noite agardo non permitir a inxustiza, agardo poder estar calado, agardo poder falar aínda que me doia, e saír coa conciencia máis ou menos tranquila. Este traballo é moi duro se o tomas en serio. E cando estás vivo, cando ademais de teoría e praxe en textos longos e arrevesados buscas complicidade xenerosa, traballo básico, cambiar os pequenos mundos, o sufrimento xusto e necesario, repito, o sufrimento xusto e necesario, cando iso buscas, entón ás veces todo semella absurdo e a derrota chama á porta e pensas son outro puto peón no sistema, na engrenaxe da máquina que a tod@s nos devora e pouco a pouco, lentamente, fai que esquezamos que un día fomos parvas, inocentes, amorais nenas e nenos. Non pode haber en cada fodida nota: 4,7,9..., unha migalla de tenrura?

 

 

(22-V-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Cambiar de tema

 

 

Cambiar de tema. Fuxir correndo. Ao país dos ananos calados. Só miran. Observan os teus torpes movementos. Non hai palabras. Só silencio. Tres lúas laranxas coroan este estraño mundo no medio da nada. Un sol verde que non arde por sempre. Cheira a herba fresca e húmida. Chuvia que empapa os corpos. Os ananos nin se moven. Non moven un músculo. Petrificados en vida, budistas do renacemento nunha neoflorencia sen nome coñecido. Atraveso muros que nin me rozan, nada doe nesta ausencia de sons. Os sentidos abertos á imaxe feble dunha bágoa. De ledicia, ten que ser de ledicia. Chorar de delicia, en silencio absoluto. Dentro. Dentro. O submarino chega calado á costa chea de cactos e area negra. Miles de ananos calados saen del, paseniño, paseniño. Cambiar de tema. Fuxir correndo. Escapar de tanta inútil palabra, do discurso repetido, da interminábel monotonía das desculpas, desagravios, ofensas, perdóns, saúdos, palabras frías, sen sentido vivo, bla bla bla que nunca para. Fuxir correndo. Ao mundo dos ananos calados. Respecto. Iso é ao que cheira aquí.

 

 

(22-V-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Tense que pechar a ferida

 

 

O erro. A paranoia nos soños que traen inquedanza e angustia. Non quero que a ferida se abra máis. Quero conservar a cordura e a felicidade de hai pouco. O mundo segue a xirar, eu seco as miñas mans frías e préstome a espertar e loitar contra demos do pasado que pensei nunca volverían. E non volveron. Non son reais. Son fantasmas, demos paranoicos nunha noite de pesadelo que fan medrar as mañás que non gustan. Eu podo. Eu podo. Usa o teu cerebro sa. Usa as ferramentas fronte á caída parcial. Usa a túa nova afouteza. Recolle a esperanza que sementaches. Mereces que se peche a ferida pronto. Que cicatrice por si mesma, que deixe entrar o día claro e cheo de sol que non magoa os ollos. Vivir é o camiño. Vivir ben é a meta. Dignamente. Non te perdas. Non te perdas. Camiña cara adiante coa conciencia ben tranquila, aínda que non queira. A ela do milagre é ela. Non o esquezas. E ela segue aí. E ti con ela. Dúas posibles resurreccións gañadas con incríbel esforzo. Verás como as mañás brillan. Onte todo foi fácil. Sei que os paxaros cantarán ledos, sei que as campás soarán gloriosas polo fillo dos homes que rachou co destino. Veña!

 

 

(24-V-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Fluctuacións na retina interna do cerebro

 

 

Domar o cabalo branco, preciso, salvaxe. Falar con el tranquilamente, coñecer a súa historia única. E logo deixalo marchar, correndo veloz cara un mundo que nunca pisarán os meus ollos. Domar a visión interna do cerebro, distorsionada. Un anaco de azucre duro que remexo na lingua con todas as súas papilas gustativas recibindo o doce agradecemento. Hai finais tráxicos. Hai finais felices, preciosos, agradables, tranquilos. Sempre hai un fluír incesante, imparable, irremediable. Seguir a corrente do río, mergullarse e ver o fondo escuro, volver á superficie limpa e cristalina dun mar que agarda ao meu corpo. Salgado e alleo. Está. Logo existe. Existe a posibilidade de que esta vez o plan perfecto saia ben. Mais hai plans perfectos? Non. A vida racha calquera mínimo cálculo cen mil veces repetido. Váiseche entre as mans. Non, agarda! E volve e marcha e volve e marcha. As agullas afiadas coas que teces a saba do futuro reflicten esperanza e tremor. O volcán estoupa. A lava cobre gran parte da superficie. E ti corres, corres e tentas chegar á salvación dunha terra fértil e prometida, alá no armario dos vellos abrigos gardados por sempre. Os abrigos da túa ínfima e monumental historia. Capítulos sen escribir, capítulos por vivir. Ningún de nós sabe o final. Esa é a base do máxico misterio da existencia.

 

 

(24-V-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Petar no corazón (Escoitando "Xadrez" - Neuroband)

 

 

Unha chamada perdida. Un corazón roto. Anacos de gloria pasada. Soño entre portas. Ausencia de descanso. As mareas soben e baixan, coma ti, co teu corazón rachado. Mais a semente da porta que todo o abre trae novos órganos, ferramentas mil guitarras punzantes que ateigan os sentidos. O volume tan alto. Tan alto que non podes escoitar a noite e os mil lóstregos de rabia fundida acaparan toda a existencia. Nubes baixas, paxaros, unha canción. Sorrir e saír correndo, non volver, non volver xamais, lonxe, lonxe, lonxe onde os elefantes cantan, alá, na fronteira da formiga que traballa infatigábel, alá, no derradeiro recuncho dos tolos, a fame de amor é tan grande, tan grande. Quero os teus bicos. Unha aperta. Quero todos os teus agarimos, bicos, bicos e unha morea de caricias percorrendo os nosos corpos espidos. A muller como sentido. O destino fatal. A ignorancia do sentimento ferido. Onde estou? Onde estou? Quen me trouxo ata aquí? Ou fun eu, fun eu, de novo? A néboa non deixa ver as meixelas ruborizadas da pequena nena engurrada, vella, morre, pouco a pouco, como o día que abre as ventás cunha suave brisa, entran todos os cabalos salvaxes, entran frenéticos, coa loucura nas súas patas, todo corre, todo corre, un pozo de mensaxes perdidas, soñar, de novo, unha chamada perdida, un deserto cheo de auga. Anacos da gloria pasada. Corazón que agora palpita cheo de ansia. Non hai espazo. Non hai tempo. Non hai nada máis que corazón nos ollos. Amar en silencio. Petar no corazón. Vas contestar? Vas contestar? Petar. Petar eternamente. A linda flor, allea, cobre a súa beleza coa chuvia fresa. Eu, alleo, dou a volta, collo os meus tesouros e berro santificado na conxura do pecado, a paranoia e o benestar. Mil guitarras deslizan a melodía do xadrez.

 

 

(26-V-12)

 

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Maio vai morrendo

 

 

Teño tantos motivos para pedir perdón. Nesta vertixe de maio na que a cordura e a ledicia queren fuxir entre as mans, penso en se terei unha, outra oportunidade. Non sei se xa queda perdón para un maldito monstro que loita por ser home de verdade. Perseo mata á pobre Medusa, que tan só quería falar. Eu fixen o mesmo. Agora falo do superhome e penso que Nietzsche puidera ser tan só un pobre home que se inventou a única saída que lle quedaba: amar esta vida sobre todas as cousas. Pero é tan dura e cruel esta vida. Ou así a fago eu, ou quen sexa que por min vive e malvive. Recoñezo os erros. Perdón! Perdón! Quero poder compartir contigo cordura e felicidade limpa. Teño que soñar que outro mundo dentro deste é posíbel. Soñarei que estás comigo. Soñarei que se nos vai a anguria, a derrota, a desilusión. Nas túas mans repousa o meu futuro e nas miñas tamén, seino ben, nas miñas tamén. Traédeme a paz dos días sen sobresaltos!! Traédeme un novo bendito día con inmensas ganas de enchelo de pequenas xoias preciosas, coma ti. Son culpable. Son malo? Son consciente? O labirinto é agora tan grande, inmenso, tumefacto. Temos que saír! Temos que saír! Rematar este curso con dignidade. Rematar a nosa historia de dor e comprensión e incomprensión con dignidade e, cando menos, por favor, cunhas pingas de amor puro. Soño con que non hai sufrimento. Pero sei que estou soñando e cruzo os dedos apampado solicitando o sortilexio da esperanza. A marea viva da mar en calma. O futuro. Por favor!

 

(29-V-12)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Os ecos dun berro afastado

 

 

Cando comeza o día, hai unha especie de sortilexio para non ter durmido todo o que habería que durmir. Non hai café. Non pode ser. Polas ventás o mar inmenso e un inmenso privilexio de estar a existir con dignidade. Non sei cánto durará isto. Non sei nin as preguntas nin as respostas. Só sei que alá, ao fondo, escoito os ecos dun berro agudo. Non sei. Que significa? Veñen os tempos da treboada? Chegaron xa as ledicias do corpo mergullado nas augas cristalinas? É o tempo de ser moderadamente feliz? Feliz. Sinxelamente calmo, en comuñón co pequeno e gran universo que todo e a todos rodea. Feliz, entre o cansazo e a electricidade, entre a sinxeleza lóxica e a loucura inesperada. Ser bo. Ser bo. As neves na montaña seguen a se derreter e hai tantos regatos agora. Cada un co seu soño de chegar a algures. Cada un, pequeno, grande, caudaloso, case seco. Cada un persegue o seu destino sen saber por qué nin cómo. Así as nosas vidas flúen polos sendeiros do tempo e o espazo relativos. O segundo eterno, as vinte e catro horas imperceptibles. Farei unha vez máis a promesa da loita, de seguir cara adiante, cara adiante, recollendo a sabedoría emocional que me falta polo camiño, recollendo as flores da xenerosidade, o arrecendo da humildade e tentarei tapar a inquedanza, o malestar, o desgusto cun mesmo, co mundo enteiro. Fóra amargura e corpo derrotado. Dentro rexeneración e sentimento vivo. As margaridas e as bolboretas. Son elas as que berran, alá, ao fondo? Son elas? Non sei nada, case nada, mais aquí estou, neste intervalo eterno.

 

(11-VI-12)

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Febles fíos

 

 

Pouso a vista na mosca morta. Inerte. Febles fíos que me manteñen no límite. Vou sendo, tentando non caer. E ese fíos, tan pouca cousa, pero fixeron tanto. Existen animais que choran todo o día. Tamén os hai de cores estrañas e ás fermosas. Existen hipopótamos que agardan por ti cando estás na costa abaixo. Existe un desexo fondo de seguir na calor do sosego. Pero todo racha en anacos. Recompoñer. Recompoñer. Planificar. Planificar. Pouco a pouco. E logo o azar. O azar. Destino inexplicable. O verán chegou. Son un ano máis vello e non sei cánto e por cánto tempo mellor. Pediría o desexo da firmeza. Da paciencia. Da impaciencia feliz. Sobrevoo todos os camiños e todos están abertos. Pechade a porta, amos do mundo! Outra batalla na fronteira. Outra fronteira na mirada. Outra mirada no lago. Outro lago na memoria. Outra memoria no esquecemento. Outro esquecemento na penumbra. Outra penumbra a plena luz do día. Outro día coa súa noite. Outra noite na que soñar. Outro soño por pedir. Pediría… Saúde, paz. Pediría.. unha pinga de auga fresca nun deserto que se fora esvaecendo. Pediría a túa man. Xustamente iso. Iso. A túa man. Querida nena loira.

 

(22-VI-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

 

ir arriba Unha vez máis, o monstro

 

 

E chegou. Pouco a pouco. Coándose por todos os cables. E agora as mañás son desasosego e nervio e hai lagartos feos no estómago, ideas que doen na cabeza. E agora, loitar e loitar. Tentar matalo unha vez máis. Matalo? Confórmome con durmilo. Con apreixar o seu burato cun no que tarde e tarde en se desfacer. As cousas pasan. El, semella que sempre permanece. Collerei todos os meus recursos, toda a miña escasa forza, todo o meu apertar de dentes. Ah, o espírito limpo e tranquilo! Teño que volver! Teño que volver a ter un feliz fluír.! Preciso amabilidade nas neuronas, calma, calma. Todo se fai máis duro, máis difícil. Ninguén dixo que todo rematara. Nunca remata. Poño as ferramentas da batalla prestas e colocadas. Non vai ser fácil. Nunca é fácil. Resistir e erguer a cabeza. Saír. Días fermosos, nos que todo está no seu sitio, todo encaixa, non me esquezades, por favor. Hoxe remato o curso. Debería estar feliz e fachendoso. Tanto traballo, tanto esforzo. Mais chega a suposta calma e con ela a incerteza, o perigo ante calquera mínimo acto. Non, non vou perder! Non, non quero perder! Unha vez máis, monstro, vémonos as caras. Es feo e malo, moi malo. Non merezo que esteas nas nosas vidas. Marcha! Marcha! Ánimo, ti puideches con el unha vez. Agora terá que ser unha vez máis. Unha vez máis a pelexa cotiá. Por que non gañar? Por que non? A afouteza diminúe, mais a esperanza segue aí, agardando por min.

 

 

(26-VI-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

 

ir arriba Metade de xuño, metade de todo e de aínda nada?, Non, algo é algo, ou moito? Despedida do curso 2011-12 na súa case última semana (Conseguín rematar dignamente este curso, se nada grave pasa estes últimos días!!) (para subir o 26-VI-12)

 

 

Escoito voces e música na miña cabeza. Claro, teño os cascos postos. Ha, ha, ha. Que pailán! Se todo fose tan sinxelo. A explicación rápida e inocua. Mais aquí estou nesta medade nun xuño no que conseguín que o traballo de todo un curso cos de 2º se transformara en notas dignas de selectivo. Sinto algúns casos. Ai! Se escollerades Kant! Bah, eu seguramente tería feito o mesmo. Platón, texto tirado, pregunta mallada, qué malo pode pasar? Pero para min era demasiado sinxelo, poucas posibilidades de se lucir, poucas posibilidades de notas altas, porque para ser brillante estaba o exame de Kant, aiii!!, co texto que machucamos na clase onde superaba tanto a Descartes como a Hume e xa ligabas todo o exame, pero xa sei, a pregunta da síntese entre o racionalismo e o empirismo tirou a moita xente para atrás, normal. Aínda así case tod@s saístes vitoriosos, cando menos non suspensos, pero hai dous ou tres suspensos que me amolan e as notas tirando a baixas, a media é próxima ao 6, hai un 9, algún 8,25, algún 7 e logo cincos e seises e un catro, ai, ese catro! Ben, agardo que a filosofía non teña sido unha traba no voso camiño, e que a sorte e a saúde vos acompañen. Eu aquí estou, no medio dun presente raro e un estraño descoñecido. Os días son borrosos con tan poucas horas de clase reais. Remato en ética. Remato en cultura clásica. Remato o curso. Non sei, esta semana xa estou a notar o baixón do conseguido. Parvo!! Parvo!! Pero foi o curso do renacemento, tod@s @s que estivestes comigo este curso ollastes renacer, xurdir a un home novo, un home que estaba moi cansado, moi afundido, e que aínda ten o precipicio diante dos seus ollos, pero que gozou da felicidade de ser mestre como ten que ser, con saúde e ganas e empatía, un home que se quere atopar coas súas elas e darlle todo o que merecen. Compensar un pouco, aínda que sexa un pouquiño, unha minúscula migalla fronte a toda esa inmensa dor, sufrimento desesperado, soidade, egoísmo, autodestrución, noxo, todo o que nunca dará compensado este enfermo verme, culpable verme que soñou este curso en transformarse en bolboreta que voa e voa e conseguiuno, conseguíchelo, e agora?, caer no burato de novo?, subir e subir?, quedar nunha inercia fermosa e tranquila?, espertar ao monstro?, non, agora, téntao, téntao, como di ela, agora, ser quen de abrazar o tempo. Abrazar o tempo. Abrazar o tempo. Sen medos, sen espiñas, sen frustracións absurdas. Ser mellor. Madurar. Sabedes? Nunca se acaba de aprender a ser ser humano. É a obra máis complexa, máis intensa, máis preciosa que podemos facer. Todo tempo dedicado a facerse un a si mesmo é sempre tempo gañado. A quererse a un mesmo. A entender a complexidade deste mundo. A ser respectuoso cos demais. Con respecto profundo polo que son, polo que non son, polo que es, polo que non es, polo seu tempo que é deles, tran precioso como o teu, polo seu espazo que necesitan tanto coma ti, o seu aire para respirar, somos todos seres humanos, pero somos malditamente únicos, solitariamente apertados na penumbra dun caos que chaman mundo e que día a día facemos cos nosos pequenos actos. O noso lema: ter unha pequena esperanza! Atrévete a tela, é aí o lema da neurótica ilustración! Sorte e saúde, compañeir@s.

 

 

(18-VI-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Por favor!!

 

Por favor!! Por favor!! Quero recuperar o sentido da miña vida. A muller que allea chora. Ela, pobriña, que nada fixo e tanto sufriu. Unha vez máis, qué máis dan os motivos, qué máis dan as razóns, cometín un repetido erro. Egoísta. Parvo. Parvo. Parvo. Non teño palabras para expresar o desasosego e a dor interna. Volve! Xuntos da man. Por favor!! Non sei por onde estás, por onde andas. Quérote. Dun xeito enfermizo e único. Sen ti, sen ti, sen ti, prefiro non expresalo. Merecemos un agarimo da vida. Sobre todo, ti. Sobre todo, ti. Síntoo como sempre. Inutilmente? Oxalá non.

 

(28-VI-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Cando a treboada non dá rematado

 

 

As cousas complícanse nesta complexa vida. O berro e a bagoa. A impotencia. Non estamos a gusto nesta guerra nuclear que arrasa todo. Hai algún refuxio? Algunha saída? Que debemos facer? Agardar unha morte lenta? Soñar cunha esperanza improbábel? Os lóstregos rachan os corazóns humanos. Sangue e dor. Non hai comunicación. Non hai espírito. Os lobos, moribundos, ouvean nunha noite que semella eterna. Vai frío. A pinga da quietude semella afastarse cada vez máis, cada vez máis. Aquí estamos, agardando un destino traidor. Chove. Chove tanto. A treboada sempre ten un comezo mais esta non dá rematado nunca. E nunca é moito tempo. Demasiado. Moito.

 

 

(3-VII-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Recoñecer o perigo que sempre asexa

 

 

Mañá. Atopar todo un mundo de sensacións e porvir. As orellas tentan recoller os sons da música que tenta fuxir do perigo que sempre asexa. Sempre asexa. Recoñecer o inimigo. Recoñecer o campo de batalla. Berro moi, moi alto, para liberarme dos fantasmas que se agochan entre os recunchos todos. Hai aves salvaxes que me observan. Hai un león triste que non se move. O peixe do eterno labirinto vai ser fritido e doe, queima, queima. Paso a paso. Os ollos ábrense. O día comeza. O espírito atormentado chama á porta. Non lle quero abrir. Río cheo de auga, afouteza no fluír, un sinal de perdón, unha nova oportunidade. Elas. A música. O traballo. Inmensidade. Galaxias de pequenos nervios que percorren o meu universo. Lume contra os medos. Lume contra a incerteza. Lume contra a inestabilidade dun novo fallo. A vida segue. O tempo pasa. Camiñar sobre nubes brancas e agarimosas, camiñar sobre arame de espiño. Camiñar. Aínda non son plenamente consciente. Espertei? Si. Si. Colle todas as túas posibilidades e xoga unha vez más. Xoga. O xogo eterno. Ruleta rusa emocional. Os avións atravesan o ceo coa súa implacable indiferenza. Aquí abaixo, coma sempre, afouteza, loita, malestar e felicidade quente. Aquí abaixo as estelas do avión son un soño real, un copo de neve no medio do verán, unha esperanza, un alivio. Sigo. Pese a todo. Grazas a todo. Sigo.

 

 

(12-VII-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

 

ir arriba Unha vez máis, non sei

 

 

Unha vez máis, non sei. Non sei case nada. A inseguridade percorre os meus camiños. Non hai tanto cheos de centro e gravidade precisas. Agora, non hai un centro claro, definido. Os días vanse indo entre as mans con esa dor xorda que aprisiona a súa gorxa. Saber querer. A convición do amor. Cando a paranoia se mestura no líquido da paz corda, entón volven os espíritos malos. Sabes o camiño, pese a todo. Chegaches unha vez. Chegarás outra e cantas fagan falta. Por que? Porque estás vivo. Sobrevives, sentes, doe, queima, alegra, saboroso, fresca auga, bico fuxidío, vives, vives. Ata que punto paga a pena sufrir por seguir vivindo? Foder! Non sei. Estou perdido. Supoño que ata o punto en que a vida aínda conserva un mínimo de dignidade (a única e maldita palabra). Non, non hai moitas más palabras no meu vocabulario arqueolóxico. Sacudidas de terras rachadas polos dragóns vermellos do solpor. Busco esa voz grave que me arroupe na cálida noite dun deserto sen soidade. Amar é vencer. Atoparse, quererse, perdoar. Perdón. Tantas veces como queirades perdón. Mais agora debo seguir o meu traxecto. Cara a onde non sei. Pero será alí e alí apertarei os dentes, pecharei os puños, loitarei ata a extenuación por nós, os únicos que quedaremos na mañá silenciosa, sen galo cantando, nada, baleiro e un sorriso. Un precioso, fermoso, belo, marabilloso, extraordinario, alucinante, adorado, eterno, perfecto sorriso e un bico nos beizos petrificados polo asombro.

 

Mais, por sorte ou desgraza, non sei. Non sei case nada.

 

 

 

(17-VII-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

ir arriba Medra a xirafa

 

 

Medra a xirafa nun zoolóxico insoportábel. Non quero volver alí. Nunca máis. Nunca máis. A tristeza, a impotencia dos animais nas súas gaiolas oxidadas e este xullo que vai marchando coas súas luces, brillos multicolores, as súas néboas que empapan os ósos de humidade, as súas noites inmensas, as súas noites con pedras que doen. E agora, un penúltimo esforzo, unha proba máis que facer. Tómao como debe ser. Como un reto interesante. Ti estás por riba do medo, a inquedanza, por riba de aplausos ou berros sen fin, ti e quen queres merecedes estar por riba de todo o que non sexa vivir con calma e dignidade mentres se poida. Esforzo. Música. A pequena ambición da normalidade sinxela. Fóra lixos! Fóra gaiolas neuronais! Saio ao mar aberto e a brisa lévame cara a un horizonte perplexo e virxe. Nunca se sabe. Todo é posíbel. Cantas portas quedan por abrir? Cantas portas quedan por pechar? Os paxaros voan sobre a miña cabeza facendo malabarismos nunca antes vistos e o seu canto é tan belo que por un intre abandono o nervio, a responsabilidade, por un intre non me adianto ao tempo, vou con el, voando suavemente e caio caio sobre a verde e húmida herba que recolle o impacto do meu corpo canso pero vivo, máis ou menos enteiro. Reparable. O que veña será a maiores. Non quero sufrimento. Non quero sufrimento para ninguén. Sufrimento inútil, estúpido, incomprensíbel. Vou soñar, vou soñar con que remato o fodido crebacabezas, esa peza, esa noxenta peza que non quere encaixar, un penúltimo esforzo, veña!, vamos!, e volta empezar. Un pouco menos parvo. Só un pouco. Os animais seguen no cárcere e nós con eles. Ata que o mundo estoupe ou sorría inocente.

 

 

(26-VII-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

ir arriba A mirada perdida (Música que fala 1. "Deconstrución 2" - Live 8)

 

 

A mirada perdida e unha coñecida dor de ollos ao fondo. As vacas que eternamente enchen de verde as súas bocas. Voar. Lonxe do brillo fácil. A ausencia reencontrada. Un ruído afastado que sae de dentro. Busco milagres entre o lixo. Sabedes que non hai futuro? Hai só unha especie de caramelo que se pega na boca e non podes falar non podes falar non hai palabras para tanto horror. Existe só un mundo que se descompón nas mans, nas bocas, nos corazóns dos homes. Morte ao rei! Morte ao rei! Extingamos todos os falsos reis do mundo! Non máis vasalos. Non máis vasalos. Cambiarías o mundo comigo? Estaría eu alí? Milleiros de sombras que camiñan apampadas por unhas cantas moedas. Onde quedou a xustiza? Onde quedou o pudor, a humanidade, a esperanza? Non matamos ao rei! Non matamos ao rei! Seremos por sempre escravos do noso propio destino? Elixir é unha utopía? As ventás traen a noite espesa e ocre. A nena recolle as súas monecas sen ollos, sen pelo. As monecas mortas dos perdidos. O ouveo profundo entra polas costas ata o derradeiro punto do cerebro. Son un faisán que chora, sen plumas. O vello de xeonllos suplica unha caricia das mas que anhela. Cando perdemos o amor, cando perdemos a loita, cando caemos, derrotados, sen forza, sen latexos. Estiven morto. Estiven morto. E agora, resucito e véxoo todo. Todo isto. Todo isto que facedes e que fago. Non temos perdón. Non haberá perdón para os covardes. Vexo todo coa mirada perdida. A mirada perdida. A mirada perdida.

 

 

(27-VII-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Xullo marchou, aquí está un agosto imprevisíbel

 

 

Xullo marchou, coa vitoria como bandeira. Unha vitoria sinxela e única. Poderosa e fugaz. E aquí está, un agosto imprevisíbel, un tempo por encher. Vacacións? Non é exactamente o que quero. Quero seguir moi vivo e ter a afouteza cada mañá para me sentar aquí e falarme ao oído. Poder dicir que a soidade non buscada doe tanto. Poder dicir que non estou so. Pero, por primeira vez na miña vida, teño diante o final dun traballo incríbel, o traballo que ela fixo hai tanto, o que a min me falta: facerme a min mesmo, facer o meu mundo alleo ás xentes e ao ruído baleiro. Quererme como nunca me quixen. A razón é simple: non o valía. Atrapo os tesouros entres as mans frías e esvaécense como fume branco. A néboa cobre as miradas. A tartaruga azul chora no curruncho da derrota. Pobre tartaruga! Pobre mundo enteiro! Non verei o telexornal máis, nunca máis. Minto. Hai que mirar, ver, horrorizarse ante a miseria da nosa especie. E facer. Facer que? Agosto: ti traerás algunha resposta? Non, coma sempre só haberá preguntas e preguntas e preguntas e fíos punzantes no corazón do homínido e choiva ácida na boca dos corruptos e amor no teu sufrimento e loita polo dereito de ter dereitos, agosto, ti, de seguro, pasarás e virá outro e outro. Que será de nós, da miña familia, deste mundo enlouquecido no que habito, habitamos todas e todos?

 

A serpe tomou a súa vinganza contra ao falso deus. Un Agosto que non o era colleu e comeu toda a mazá. Devorouna, gozou cada pinga saborosa da bendita mazá. E a humanidade pensou con sabedoría e xustiza. E o mundo trocou. A serpe e mais Eva vingaron a inmundicia da nosa historia.

 

 

(1-VIII-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba O sol sae

 

 

Sae o sol ante os meus ollos cansos. Construír un fogar de quietude e seguridade. Confiar na presenza do acougo e a fortaleza. Vexo lagartos amarelos que me falan moi baixiño. Case non escoito: “Loita, loita”, creo entender ollando os seus rápidos movementos. A complexidade do sinxelo. Erguer unha mañá e atopar o desequilibrio. As cousas non están no seu sitio. Terei que ordenar todo unha vez máis. Isto aquí, isto alá. O traballo desta vida inqueda. Manter o equilibrio. Manter o equilibrio. A prioridade é non sufrir innecesariamente. Sei a teoría. Agora, na práctica cotiá gaño e perdo. Sol, quenta o meu malestar! Sol, brilla sincero sobre as nosa cabezas! Auga do mar. Minúsculas cousas que dan sentido a este mundo. Traballarei. Seguirei traballando. Sendo. Mentres a maquinaria da cordura aguante. De novo, preto da fronteira, a existencia é relativa. A dor. A ledicia. Por favor, unha suave brisa. Sol, ás veces, molestas. Quérote igual.

 

 

(7-VIII-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Resumo do erro infinito

 

 

As cousas, ás veces, saen ben. E mil trompetas estoupan no son da felicidade tranquila. O verán vai marchando mais o erro infinito semella nunca marchar. Pasar da amable constancia ao berro xordo e doente. Todo foi ben. Todo foi mal. Mergullado en augas claras e escuras. Ela non pode máis. Eu, sorprendido polo milagre, agardo a ilusión renovada. Cántas cousas caben nunha vida! Tantas preciosas, tantas horribles. Busco o camiño da paz perpetua, ao mellor non existe, ao mellor todo é dialéctica en carne viva. Sangro. Chora. Gargalladas no medio dunha lagoa de menta e fume. Non rezo. Non podo. Suplico á inmensidade pequerrecha que me rodea unha nova oportunidade. Estabilizar a mirada, o corazón. Pechar feridas. Abrir ventás á ledicia calma. Que será de nós? Que será da nosa cruel e única historia? Unha aperta para os que choran, illados, consumidos pola derrota. E os que rin, sempre rin e nada pasa. Nada pasa. O burato abríndose e pechándose, o erro infinito, o erro infinito. Non sei qué cousa é o infinito. Calarei. Tentarei reparar toda esta maquinaria de sentimentos cruzados. Gustaríame ser mellor e mellor e mellor. Imperfecto. Absurdo. Inconsciente. Máxico. Afortunado. Pedir perdón vale xa de algo? De novo, non sei nada porque nada hai se ti non estás. De novo, a quimera das nubes lindas deixa paso á treboada do inferno humano. Farei unha apócema que cure todos os males, todas as dores, todos os erros. Bebereina toda. E brillarei sublime ou morrerei gris escuro. Tal vez negro. Non podo falar máis. Non son un mago, un alquimista, só un simple becho que esvara polo chan e bate contra as paredes. Non debo falar máis. Así que calo. Fondo.

 

(21-VIII-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Unha mirada inútil

 

 

Miro ao sofá agardando a túa presenza, o teu corpo, a túa ollada cómplice, mais non estás, non estás. Estado pasaxeiro. Todo volverá a ser coma antes? Coma antes de que? Antes de que a desgraza e a pena que inoculei no teu cerebro destruíra case todo? Antes de que case non quedara nada en pé? Antes, cando o teu sorriso brillaba e alumeaba o mundo enteiro? Antes, na inocencia cruel? Ou todo volverá ser como un agora futuro? Un mundo de días, semanas e meses cunha sorprendente e fermosa falta de anguria? Un mundo novo e claro no que ser un home significa ser o mellor home que un pode? Onde ti, muller, recuperarás a ledicia da vida sinxela e plena?

 

Atravesando as fronteiras do pesar, atopo un sinal vermello. O sangue e a espuma nos que esvaramos. Caer, caer. Tocar fondo. Subir, subir, e un día tocar a altura da serenidade esquecida. Parará o penetrante son do tambor algunha vez? Xa vivimos e seguimos vivindo. Sempre hai que seguir loitando e loitando e loitando, ata que chegas a ese punto inexacto do día, da vida, no que os berros son mudos, desaparecen, no que non sentes a dor profunda, só unha paz que envolve os nosos agarimos.

 

Miro ao sofá. Os días pasarán, ti volverás e comezaremos unha e outra vez máis esta tráxica e incrible historia de amor, desesperación e batalla contra min, contra nós mesmos.

 

Sabes que te quero. Sabes que te quero. Sabes que poida que non saiba querer. Doe. Doe tanto. Doe. Non vou chorar, nin tampouco rir. Agardarei coa impaciencia do inocente neno que agarda aos seus reis magos dun Oriente afastado, afastado, lonxe, lonxe, onde nacen os soños e a felicidade quente que merecemos. Merecemos. Merecemos.

 

(25-VIII-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba E así marcha Agosto

 

 

Un agarimo e un cansazo. Unha breve elexía para os superviventes. Hai sol, hai nubes, hai chuvia. Noto as estacións como parte dos meus ósos, do noso apalpar as sombras e a luz enchida. Amigas e amigos que recollen os milagres. Loitar por unha segunda oportunidade con ela. Se ela quere. Se podemos. Dous. Un e un. Tres. Tres corazóns apegados pola vida. Soñarei que traballo co poder do piano e a trompeta. A electricidade envolvendo o bocadillo de queixo fresco. A tranquilidade inesperada. Pasaron os días. Unhas horas e Agosto dirá adeus. Unhas horas e todo seguirá igual pero distinto. Novos folgos, novas loitas, responsabilidades, horarios. Apreixa o mundo como se fose a última vez que o tentas e segue, segue, segue, sempre para adiante. O futuro, o futuro nunca escrito. O futuro que teremos que ir escribindo. Adeus, Agosto, adeus meniños nunha praia interminábel, pombas nunha aspiración fonda, ollos de distintas cores que ven o mundo, calados. Oxalá nos encontremos de novo e siga habendo pequenos raios de esperanza, ilusión e ganas. Oxalá.

 

 

(31-VIII-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Correndo baixo unha choiva de esmeraldas

 

 

O home corre, espido, baixo unha choiva de esmeraldas e cada burato producido na súa pel, cada vez que baten nel, cada ferida, cada golpe preciso ou impreciso convértese nunha margarida de quince pétalos. E o home recorda o tempo das margaridas. “Quérete, non te quere” e todas as mulleres que soñou convértense en fermosas estatuas entre verde e amarelo. Mais o correr frenético do noso home espido lévao fronte a unha enorme fronteira chea de centos de portas que semellan imposibles de abrir. E a choiva é agora choiva vermella, todo el vermello, berran os esquecidos nunha nora eterna, ouvean os lobos salvaxes, que case imperceptiblemente capturan outra pesa. De pé, vermello fronte á enormidade do muro, das portas. Bate o seu corpo con toda a forza contra unha, contra outra, unha e outra vez, unha e outra vez, só consegue desesperación, ansia, enfermidade, dano, mágoa, bágoa, perdido, lonxe, so, frío, medo, noite sen fin, angustia, decepción, derrota, pero o home segue e segue e segue e segue porque alguén algún día lle falou da ESPERANZA e o home segue e segue e racha unha porta de granito e ferro e tras ela o verde o envolve todo pero el é vermello vermello vermello. Pasaron os anos. Demasiados. Un día, o noso home espido puido abrir os ollos cegados polo seu repetido vermello e si, claro que si, atopou a fermosa única marabillosa gloriosa ditosa linda complexa dura difícil sinxela gozosa doente máxica ESPERANZA, TAMÉN CHAMADA VIDA.

 

 

(1-IX-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba As miradas pasan

 

 

As miradas pasan a través de infinitas puncións no corpo. A lingua sabe a ese sabor raro de cando falar é un esforzo. Aves estrañas cruzan entre as miñas pernas de madeira. Pinocho sorrí malévolo e a muller recolle as fresas saborosas. Unha estación de tren. Miradas que pasan, miradas que se perden, para sempre. Alleos nun mundo compartido, electrificamos todas as murallas e logo, sos, voltamos á orixe da enfermidade. Lagoas negras sobre un azul cobalto. Esperar. Agardar un novo voo sobre o bosque do que sempre queda sen dicir. Estar ben e ser feliz. Canto costa un cacho de sosego? Non teño cartos. Só teño a loita que me quede, que me queda, a amargura dominada polo antollo dun chocolate espeso e quente. Vivir. Derrubar todas as fronteiras da loucura, cando menos estragalas, e chegar ao paraíso da guitarra perfecta. O son estoupa en todos os oídos antes xordos, convulsións miméticas nas que cae a xente, a xente pasa, as súas palabras pasan, os actos quedan na pequena pero única memoria. Gustaríame ser un home de ben. O ben, o mal. A culpa. A inocencia asasina. Apegareime a min, a ti, ás palabras e feitos que foron e son, á ilusión que hoxe está lonxe. O espazo e o tempo son sempre, sempre relativos. Como cada esencia que tentas atopar. Cada verdade inmutable, cada simple aceno. O teu sorriso no medio da infinita batalla. Un mar cheo de peixes de cores mergúllase no meu cerebro e non hai escuridade e todo é festa e descanso limpo. O futuro, ese enigma, ese misterio, esa cousa que nos ata a esta rocha na que baten as olas sen misericordia, mais logo baixa a marea e todo é tan fermoso, logo a rocha é semente do porvir, rocha, vida, todo o que temos e perdemos. Todo o que somos e seremos. Sorte.

 

 

(2-IX-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

 

ir arriba Resumo do que foron e están a ser unhas "vacacións" que morren (Para subir o Luns 3 de Setembro)

 

 

28 de agosto do 2012. A poucos días do remate das chamadas “vacacións”. O luns 3 de Setembro volver ao traballo, pouco a pouco, espero. Que podo dicir deste Xullo e deste Agosto que se van? Ata agora, porque cada día é un mundo, podo dicir que VIVO. ESTOU VIVO. CHEO DE ESPERANZA E GANAS. Cheo de soños. Soñar cunha vida sinxela e tranquila na que elas sexan o primeiro e a creación sexa o vínculo máxico que me fai atoparme no mundo e no traballo que se converte así en fermoso e pleno. Cheo de soños que sei poden estoupar en calquera momento, calquera día, calquera segundo. Non podo ocultar que neste intermedio temporal A SOMBRA SEMPRE ESTIVO AÍ, SEMPRE ESTARÁ AÍ?

Os resucitados sabemos que todo é regalo provisional. Tes que dar grazas por cada segundo en paz que vives. En paz contigo. En paz co mundo, co mundo pequeno que te rodea, cheo de amigos, música, palabras, amigas e amigos que falan e escoitan. En paz co mundo grande. Iso xa é máis complexo. O mundo vergoñento, inxusto, rastreiro, inhumano no que vives todo o ano, toda a vida. Ese mundo no que a fame, a violencia, o sangue derramado por falsos deuses vingativos, a política escura e mentireira en contra do débil, do pobre, a desigualdade, os privilexios de todo tipo, as discriminacións por sexo, raza, idioma, pensamento, ese mundo no que todo iso é a normalidade cotiá, e nunca hai vacacións, nunca. Ese mundo que, tal vez parvamente, tes a esperanza de poder ver cambiar. Tal vez outras xeracións, outras épocas. Sempre “a pequena esperanza” de Marcuse.

Pois este “verán” foi aceptablemente tranquilo, produtivo, complicado ás veces, pero, creo, que en comparación con calquera dos últimos (e son bastantes) foi moi, moi bo.

A felicidade de cada ensaio, os días de praia, a olimpíada na casa e o baloncesto no Yuma 3, as noites no Moucho, o tempo con ela, simplemente tirados vendo a tele. Gozar da nosa filla. Ver qué marabillosa muller é! Oxalá sexas feliz, miña nena! Escribir, facer música. Vivir na Illa, mellor dito, sentir xa a Illa e á súa xente no propio sangue, non será a primeira vez que o diga: SÓ GRAZAS A ELA!!

Así que, aquí estou, diante deste becho informático convertido en amable, fiel, xeneroso colega e compañeiro nas alegrías e nas penas, nos pequenos fracasos e derrotas, nas pequenas vitorias, nos pequenos avances, no burato e saíndo do burato. Si, así estou. Saíndo do burato da morte en vida. Por iso, todo é mellor, mellor que estar morto, que non sentir, que non comer, que non falar, que non amar, que non gozar a vida, non, a vida só era unha pesadísima carga, triste e dura. Dura coma a rocha de Sísifo. Aínda me queda moito por facer, moita condena por cumprir, porque a merezo e porque non tiven culpa ningunha, as dúas malditas verdades que fixeron este cerebro e esta vida. Agora, A SOMBRA ANDA POR AÍ PERO EU QUERO VIVIR FELIZ E ACTIVO!!! Quero traballar. Quero facer máis e máis música coa NEUROBAND, quero seguir a escribir como hoxe (un pouquiño mellor a poder ser, he, he!), a facer “música virtual” nesta páxina que me mantivo conectado, o único feixe de luz no burato, conectado a un mundo no que xa non vivía. Grazas a ela!! Canto terei que loitar? Gañarei? Gañará de novo a sombra e con ela a morte? Non creo terlle medo á “morte natural”, téñolle medo a esta morte en vida que vivín, hai tan pouco estaba morto e semella xa unha pequena existencia. Un século de vida nunha pequena porción de dous escasos anos nunha tarta de cincuenta e un. Non sei se trunfarei, mais vou sabendo qué significa realmente trunfar. Xa non se trata do público, da xente, das persoas que me lean ou escoiten, que tamén, senón que se trata de ir facendo o camiño con dignidade, traballo e un brillo de ilusión nos ollos. Logo pode que si, que algunha vez crean que es quen de ser alguén nalgún sitio, medallas e loanzas, pero como no mito da cova, loanzas entre cegos, (benditos cegos, algúns!!) porque o que hai que ver é o trunfo en ti mesmo e cos teus. Encántame que en min se poida dicir vida e obra. Asinaría por só vida feliz con ela. Non asinaría por OBRA sen vida que me encha. En todo caso, non teño que escoller. Non son ninguén. E son todo. Todo para min. Moito para elas. E quero crer que algo para eles e elas, os meus alumnos, nos que oxalá, en ben pouco, estea cultivando o sabor marabilloso do pensamento propio, do sentido crítico, da educación como formación de auténticos seres humanos, sapiens de coñecementos, sapiens de sensibilidade. Resumo: ha, ha, ha. Xúrovos que sei facer resumos!!!

O VERÁN FOI MÁIS QUE DIGNO PARA MIN E OS MEUS. OXALÁ A VIDA QUE ME/NÓS AGARDA TEÑA, CANDO MENOS, A MESMA CALIDADE. SEI QUE HABERÁ ARRIBAS E HABERÁ ABAIXOS. SOÑO CON QUE ABAIXO NON SIGNIFIQUE BURATO, SENÓN MAL DÍA.

A VIDA DO SER HUMANO COMO ESPECIE É ESCURA E VIOLENTA (E NON HAI VERÁN NA HISTORIA!!)

GRACIÑAS A TOD@S @S QUE TEDES QUE VER COA MIÑA RESURRECCIÓN.

MANUEL SEIXAS.

 

 

(28-VIII-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Vertixe

 

 

Días de vertixe e movemento acelerado. Ordenadores, ir e vir, volver ao traballo, controlar, frenético, présa. Tómao con calma. Baixa o pistón. Non forces a máquina. Relax. Hai sendeiros cheos de pedras que magoan os pés, mais tamén fina area, suave, quentiña, que leva ao paraíso da calma. Escolle ben. Colle todo e fai un paquete laranxa. Tírao ao mar azul. Agarda unha resposta en branco e negro. Agarda unha resposta precisa e preciosa. Algún día vivirás entre o sosego e a paciencia. Algún día recobrarás toda a forza, a esencia do que nunca fuches. As follas brancas cospen xuramentos para toda a eternidade. Pero a eternidade non é máis que un mínimo segundo. Obtén un certificado de cordura, deses que dan señores con bigote e normalidade fría. Logo, ráchao en mil anacos. Cada anaco é un punto nunha transición cara a algures. Cara á vitoria? Que mais ten! Sóltate, mata o medo e a electricidade interior, funde toda a instalación eléctrica do temor e corre, corre, corre ata esgotar todos os teus folgos, os teus soños, os teus anhelos. Pensa nos demais, nos que te queren, como referencia de todo o que posúes. Baleira todas as maletas, os estantes. Cobre a túa complexa vida cun lindo manto de notas perfectas e sinxelas palabras. Sentimento e paz. Loita e paixón. As paredes pintadas en vermello, sobre elas infinitos mundos que se reproducen aleatoriamente. Busca o teu sitio nun deles. Se tes a opción, elixe o mundo que aínda está por facer, por aparecer, por medrar. O neno xoga coa súa pelota amarela e lembra que tivo pais e lembra que tivo infancia, mais non pode lembrar canto dano lle fixeron. Só o sente. Neno, é hora de comezar un novo xogo. É difícil e marabilloso, é toda unha fodida e ditosa nova vida.

 

 

(4-IX-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

 

ir arriba Rematou xa? Non, non quero!!

 

 

Rematou xa o tempo da ledicia e o esplendor gloriosa dunha vida digna? Non, non quero, por favor! Un pouco máis, un pouco máis de ausencia de enfermidade e berro. Un mal día. Pensa que só é un mal día. Que vivirás mañá no berce do sosego, no froito do traballo que enche, na sensatez dunha relación amargamente saborosa. Non, non pode ser!! Tentarei non permitir que sexa!!! E así, os tres, ergueremos as nosas cabeciñas cansas e machucadas ata un cumio de frescor e alivio. E o tempo fluirá nun val verde e frondoso. E non haberá estómagos, nin mañás de ansia, senón que xogarás coas pedras que antes traizoaches. E haberá treboadas e problemas, mais haberá sorriso e bico e aperta quente. Non podemos, non debemos perder a loita agora! Non, por favor!

 

 

(10-IX-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Outono (Dende A Basella)

 

 

Outono. E os sinais do destino son confusos. Poida que todo sexa a partir de agora unha bendición atea e razoable, poida que o caos envolva o meu mundo, o noso mundo, poida que haxa un pouco de todo. Unha vez máis: a maxia e a impotencia. Esperto e vivo, lembro o sufrimento da morte e dou as grazas. Mais cada día é unha loita, cos seus pequenos infernos. Non sexades grandes, por favor!

Outono. Elas sorrín e flúe o tempo. A música anega o corazón. Filosofar é o renacemento da cordura.

Son pequeno. Son inmenso. Mais sen vós non sería nada. As miñas mulleres, almas da miña alma, as amigas, os amigos que pelexan no mesmo ou semellante labirinto, que rin e choran. Enfermidade, morte, loucura. Sorriso, paz, benestar. Todo é moito e pouco é todo.

Sei que non existen os paraísos eternos. Sei? Creo na ausencia dun porvir trala morte. Creo que teño unha oportunidade para chegar a morrer con certa dignidade. Que a dor inútil non nos acompañe. Creo que son mellor que antes. Pero fáltame tanto, tanto por facer, por mellorar.

A comida está quente. Un lindo caldo feito coas súas preciosas mans. Oxalá perdure no tempo a memoria do que é vivir sen sufrimento extremo, oxalá os paxaros sigan cantando as súa melodías alleas, oxalá o mar siga salgado e fresco, mergullarse polo burato do optimismo e seguir con este incríbel e duradeiro? renacemento.

Gustaríame cambiar o mundo. Sempre quixen cambiar o que de noxento ten este mundo. Corrupción, inxustiza, fame, podredume, sufrimento, loucura, capital, vexación, humillación, perda, tortura, violencia parva. Sei que non poderei. Pero creo, creo que podo cambiar o meu planetiña que orbita sobre o mesmo centro da retina.

Hai información privilexiada nas miñas cansas neuronas. Hai un futuro e iso, iso antes non estaba, non había. Só había morte e loita doente, chea de fatiga. Así que, a pesar da dor, da inquedanza, do suspiro interminábel, quero crer que ti e ela, nós, os que nos rodean apertándonos, merecemos unha vida digna de ser vivida.

E se eu, monstro e anxo ao mesmo tempo, creo merecela, moitos planetas e satélites dentro desta bóla que dá voltas, meréceno tamén.

Verquidos incontrolados, palabras que esvaran entre os beizos, un loito pola xentiña que marchou, branca cor pola felicidade envolta en papel sucio de xornal barato. O importante é o de dentro. Corazón e nervios que estoupan na galaxia dos que van facendo o seu camiño. Andar, coxear pouco, só un pouco. Creo que podo chegar, creo que ao mellor podo chegar. Aínda teño Esperanza, aínda teño area que foxe entre as mans, pero podo recollela, podo recollela e bicala e apertala e estrullar todo o zume saboroso das horas lindas.

Dáme a túa man, aquí tes a miña. Non sei qué será de todos nós, pero aquí estamos, no único mundo, na única existencia que semella real, aquí estamos: ouveo pavoroso, suave suspiro. Que difícil é vivir gozando. Qué difícil é gozar vivindo. E, sen embrago, por uns intres non mensurables souben e sei que é posíbel. Serei realista, pedirei o imposible, e como o querido Marcuse afundireime nesta historia do becho humano, coa pequena Esperanza, co alivio, coa dor, coa morte, coa ilusión de que a negra sombra non se apodere máis do meu espazo, coa ilusión de que haberá claros e escuros, día e noite, noite e día, ata que á fin, todo remate e as cinzas falen en silencio dun ser que quixo converterse nun bo home. Só o tempo ten as respostas. Agarda e cruza os dedos. Á fin, segues no mito no medio do logos. Á fin, es unha insignificante e preciosa xoia que ti debes saber valorar na súa xusta medida. E logo, chegará o xuízo da historia, o xuízo dos que viviron e fixeron a historia, a túa historia, a historia do sapiens malnacido, malcriado, maldito e abraiante, luminoso.

Non hai certezas nos aneis de Saturno. Non hai certezas neste universo. Pero si peticións en voz baixiña. Pido o que nunca tiven: equilibrio interno e externo. Xenerosidade, non egoísmo. Pido e fago. Fago e pido. “obras son amores...”. Facer, facer, non parar, loitar, loitar ata o derradeiro aceno, ata o esgotamento total.

Ás veces, amo tanto esta vida que me matou, que penso que todo pagou a pena. Todo, menos o que fixen sufrir á xente que máis quero.

 

 

(11-X-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

 

ir arriba Meditacións (Dende A Basella)

 

 

Ter amigos implica, ás veces, ter enfrontamentos. Cando a vea do descontrol flúe un perde o sentido esencial e simple dos problemas e vaise a mundos que non son más que incerteza, inseguridade, dúbida. Pero se a amizade é real, perdura e ata colle afouteza.

Ela sufriu todos os meus desvaríos que levaban a labirintos paranoicos ou supostamente transcendentais. Non penso permitir que volva pasar. Nin ela o permitiría. Nunca máis.

Hoxe, canso despois das voltas e reviravoltas pola paisaxe nocturna, entre brumas, hoxe pido desculpas por mesturar cousas, por non ser quen de ser capaz de escoitar algo desagradable (polo menos así o sentín) e non ser quen de calibrar a importancia exacta do que escoitei.

Camiño entre fermosas margaridas e labazadas e lixo antigo.

Asinaría por unha vida así, porque a dor de vivir está calmada. Soño, traballo, vivo, amo o mellor que sei, o mellor que podo.

Os trens saen con retraso e o último pasaxeiro entra aliviado e exhausto. Polos destinos de ferro avanzan as ilusións e as derrotas das xentes anónimas.

Todas e todos collemos de milagre o derradeiro tren. Falso. Canta xentiña queda, quedou, quedará na solitaria estación, na loucura da impotencia, no berro que ninguén escoita.

Vai calor nesta viaxe. Sinto unha especie de capa de cordura que me protexe do inferno. Recoñezo a sensación quente e suave. Vivir. Tren. Aventura. Accidente.

Si, de cando en vez, hai accidentes e todo se complica. Mais así é a vida, á que miras aos ollos para enfrontarte ao que ela traia.

Asumo a culpa que me pertence. Son inexacto, irregular e, por que non, torpe. E, entón, o pensamento turbio gaña a batalla.

Asumo o privilexio de ter cambiado. Así que tamén son ata boa xente. Outro. Mellor. Trocar o egoísmo brutal que sempre comeu a miña alma por unha inesperada xenerosidade que conleva paz e felicidade fráxil. Pero si, felicidade.

Stewie chora unha vez máis. Un gato feliz que chora. Unha contradición, un absurdo, unha pequena circunstancia.

Amarrarei o meu barco a un punto fixo e seguro. Sempre haberá ondas grandes que desequilibren a harmonía. O mar non é para calquera. Mais, hai algo máis precioso que o mar?

Vivo e, neste tempo indefinido, non me mato a min mesmo, nin á xente que quero e me quere. Cometo erros. Cometo erros.

O imperfecto pode resultar inocente, ata aturable.

Perdón é só unha palabra. Os feitos. Os feitos.

Teño sono e os ollos caen vencidos polo cansazo.

Chamei ao mundo e estaba tolo.

Así que colguei.

 

(24-X-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

ir arriba Torpe, inquedanza

 

 

E case como un sortilexio, as miñas verbas fixéronse carne. Algunhas. As que non me gustan. Fun torpe, fun electricidade. Unha pequena ansia interna comeza a asomar pola ventá do nervio tranquilo. Torpe, inquedanza. Pero os pesos son relativos. Así que porei toda esta mínima eternidade de benestar e gloria no lado positivo do entendemento e a loita. Non caer máis. Non caer máis. Teño tanto!!! Tanto teño para gañar cada día!! E para perder? A dúbida flota, pero xa non recibe todas as miradas. Agora está calada, apampada pola sorpresa do milagre inesperado. Todo o que foi, foi. A amargura e a felicidade. O pasado nunca morre, pero pode chegar a agonizar. O futuro está nas nosas mans calosas, fatigadas, pero abertas a recoller abertas, ben abertas, o aire fresco dunha vida digna.

 

(25-X-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba A flutuación prisioneira (Dende A Basella)

 

 

Flutúo. Nun burato que non deixa saír o escuro. Presión e forza. Dor de ollos. Flutúo. Máis só é un ventre cheo de moscas grosas. A paixón do imposíbel equilibra a balanza. O compás dunha estraña, cruel e linda historia aparece, de cando en vez. Non raches o compás: norte, sur, arriba, abaixo. Flutúo. Os horrores do mundo son insoportábeis. Os horrores que cometín tamén o son. Teño que seguir. Non hai outra. Coa pesada carga, co liviá suspiro. Durmir, tal vez soñar. Unha esmeralda alumea o corazón do ermitaño. Calado. Só. Feliz. Instantes nos que a peza encaixa perfecta, exacta, compañeira fiel. Instantes nos que as lanzas se afían e os escudos tentan protexer o corpo e o que está alá, ao fondo, ao fondo da sombra que un proxecta no seu espírito.

Gustaríame tanto seguir de “vacacións” vitais. Gustaríame tanto esquecer a guerra, o pavor, a anguria, o medo, a ansia.

Ser feliz é tan marabilloso que dá arrefrío de incredulidade. E todo pasa. O bo, o malo. A miseria, a fartura. Todo pasa e logo vén a dama da noite e dormes, dormes sen conciencia, sen peso. Pequeno detalle: sen vida. Morto. Adeus.

Todo pasa e todo chega. Iso escoito berrar pola ventá ao vagabundo que remexe entre o lixo. Un plátano algo pasado. Alimento. Sinxela perfección. Problema real resolto.

Sufrín como ela. Seino ben. Non falarei de cantidades, nin medidas. De máis e menos. Sei que ela tiña todo e quedou case sen nada. O case que nos pode chegar a salvar. Dúas almas nunha picada veloz. Nun case que se quere abrir paso entre o noxo.

Oxalá non perda o privilexio de comer un rico plátano nunha noite tranquila dun día sinxelo e sen alarmas.

Por pedir que non sexa.

 

(25-X-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba O vento (Dende A Basella)

 

 

Zoa o vento implacábel. As miradas pérdense entre remuíños. Polo aire. Vexo verde e e vexo seco. Un mar inmenso que cobre os ollos. Unha perda de consciencia. Reviravoltas pola atmosfera. Un astronauta sen ruta, nin destino. A súa misión: sobrevivir sorrindo de cando en vez. Hai elefantes vermellos de catro trompas e doce patas? Se o penso moi forte, aparecerán? O absurdo ou lóxico racionalismo. Pel, sentimento, medo, rabia, loita, bágoa. Son o que o que me vou facendo. Os árbores loitan contra a tempestade. Pobriños. Todos loitamos contra repetidas tempestades. Gañamos e perdemos. O helicóptero perde o control. Os pasaxeiros morren. E así remata a súa historia. Un pequeno verme avanza cara ao seu destino. Non sabe cál é, mais avanza. As orellas vermellas da calor do espazo. O tempo perdura entre cordas oxidadas de violín e unha trompeta escura. Bailar apertados, corazón con corazón, dor de ollos con dor de ollos, filla con filla. Bailar apertados tentando que a miserábel dor non se apodere dos nosos corazóns. Podemos conseguilo. Mira as tartarugas! Pouco a pouco. Pouco a pouco. Podemos conseguilo! Sería un bo final. Apertados, coa música ao fondo, co sosego na mente. Sería un gran final. Felicidade: imposíbel soño, real suspiro. Caio no sofá, respiro e conto os dedos. Cinco. Coma sempre. Semella que todo está no seu sitio. Xira e xira e xira e xira. Non hai parada. Non hai parada. As pedras non din nada, calan. No seu silencio gardan unha clave encriptada. A clave para gañar a partida. Táboas. Xaque mate. Negras. Brancas. Un simple peón, un simple e máxico peón, movementos lentos. Eficaz. Sempre adiante. Sempre adiante. Amo a paz que o milagre trae. Amo.

 

 

(30-X-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Terreo esvaradío (Dende A Basella)

 

 

O medo é tan cruel. Queima toda a herba verde de vida acumulada. Estás no teu paraíso interior e de súpeto, esa cousa que chamamos corpo comeza a protestar, berrar, ouvear. E a saúde esvaécese nun estómago machucado. Mais ten paciencia. O que pode parecer a fin dunha belísima e inesperada viaxe resulta que ao mellor, ao mellor, quero crer, quero crer, ao mellor non é máis que unha incómoda parada no tren da vida, un retroceso do tren do espírito e o corpo (se tal dualidade existise), unha parada inoportuna nunha estación baleira e fría.

O camiño segue e hoxe os paxaros volven cantar. As horas son cómplices. Ela sofre. Velaí un grave problema. Sofre a súa cabeciña torturada pola dor. Pasa. Pasa. Vaia pasar. E entón, o seu tren tamén seguirá percorrendo o universo dunha felicidade que daba por perdida. A recompensa merecida. Miña xoia. Mereces todas as recompensas que poida traerche o cacho que nos quede de vida.

Así que, aquí estou, no centro xusto do traballo, tentando atopar sentido ao mundo para inoculalo nas súas mentes elásticas ou pétreas. Aquí estou, traballando no traballo máis fermoso do mundo cando tes forzas e ganas para poder defendelo cada día, cada hora. Disciplina e respecto. Riso e empatía.

O tren segue. Non sei se haberá máis paradas, retrocesos, non sei, só quero autoconvencerme de que o milagre da vida sinxela e plena é posíbel por máis e máis tempo.

Mais o tempo é relativo, como case todo neste andar e empurrar cara ao destino. E o destino aínda non está escrito, porque é un libro cheo de páxinas en branco por cubrir. Si, hai anotacións, algunhas frases, ata parágrafos recorrentes que saltan aos ollos do corazón e a mente dende páxinas de xenética e maldición. Pero hai que cubrir os ocos, loitar, loitar, loitar.

Escribir un libro digno de ser lido. Pido perdón por todas as ofensas que conteñen tantos capítulos desta historia doente e marabillosa, pido perdón por todo o dano, o sufrimento que puiden producir en vós, seres amados, seres que simplemente pasaron.

Teño a sorte de que os últimos capítulos desta obra que remata coa morte (será unha morte digna de ser morta?) están a saír eles sos, sen sacrificios inútiles, sen medo e angustia.

Sei que esta literatura chamada vida é impredicíbel. Non sei se haberá final feliz ou tráxica derrota.

Confío na Esperanza.

Ten paciencia.

Camiña.

Non mires atrás, non sendo para saber exactamente onde estás, non sendo para un axuste de contas coa pequena historia.

Camiña.

Loita.

Vive.

Soña.

 

(13-XI-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba O meu amigo (Escoitando "Deformasong´s" de Kosmic Gardener)

 

 

O meu amigo esvara ledo polos horizontes das ondas. Recoñezo a súa dozura e a súa dor pasada. Tempo recollido en feixes de miradas e palabras, tantas palabras. E tanto silencio.

Agora, a túa música lévame con calma cara ao agarimo e os soños. A melodía percorre as nubes. Vellas notas convertidas en novos brillos.

Na casa rosa vive unha felicidade quente que transportas nos poros. Unha paciencia que chegou á súa meta. Eu agardo chegar. Algún día. Algún día.

Compañeiro da alma, a emoción está contigo.

Esa cousa rara que nos xuntou, nos maldiciu, nos agarimou. Esa cousa rara que somos e facemos.

Recollo o reflexo das cores, das imaxes do teu lindo traballo e flúo, non hai vertixe, non vai frío.

E penso. Quen son eu? Como son realmente? Cal é a razón de crear sempre entre a amargura a rabia a loucura? Hai algún por que? Non sexas parvo, hai tantos. E que será de ti, de nós, miña amada, se algún día, algún día alcanzamos o bendito estado -os velliños felices cruzan lentos, lentos o paso de peóns- do amigo que me suspira nas orellas. Tom, segue, Tom.

E a música venceu, unha vez máis.

E repicaron as campás laicas do universo enteiro.

A sorte de poder querer facer arte. A sorte de facer arte?

Xa sabes a resposta: o camiño.

 

 

Tempo despois, na Rúa do Vilar, o teu piano languidece nunha soidade fermosa e tristemente máxica e as fadas do universo relativizan o espazo/tempo porque aí estamos: ollando sempre o mar que non ten Santiago, cheirando historia, aventura, noites, días na súa pedra, esquecendo a chuvia que empapa, dous nenos mirando ao mar soñado dende a cidade que é o significado.

Creo que no fondo, só quero dicir que estou contigo.

Amigo, preciso estar contigo, e iso simplemente significa que non marches da miña vida, meu amigo.

Voa, voa, ave incríbel da fantasía, non deixes a neve do noso pelo derreterse, non nos deixes sen unha migalla de sortilexio, esa única punzada que eleva o espírito e o corpo todo e entón o mundo ten sentido e un acorde éo todo, e entón quero que esteades ao meu carón. Felices. De novo, soño. Esperto e soño. Vivimos.

 

O camiño. Segue.

Segue.

 

 

(13-XI-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Irregularidade

 

 

Os días soben, os días baixan. En ocasións, semella que todo vai ser costa abaixo e a modiño, outras veces, todo comeza costa arriba e coa vertixe da inquedanza.

A vida que antes se converteu nunha xoia preciosa, agora segue a selo, pero hai que darlle brillo con esforzo e afouteza.

Ninguén dixo que todo resultaría sinxelo. Ninguén afirmou que a loita estaba rematada.

Non pares. Cara adiante, costa arriba ou abaixo. Non pares.

A noite aínda cobre este día por encher. As bolboretas negras dan reviravoltas no estómago e o nervio chama, polo momento, baixiño. Non lle deixes berrar. Non lle deixes berrar.

Teño máis do que nunca tiven. Teño o privilexio de ter renacido. E claro, quero quedar un pouco máis, un pouco máis, máis, máis, na suave calma, no doce benestar. Calma, calma.

E seguirei andando polas rúas deste inxusto mundo e visitarei autoestradas de cemento e frío. Agardo que sexan visitas breves. Agardo que o milagre non teña tempo de caducidade.

E se o ten, que sexa como cos iogures.

Soño con que o soño vai perdurar.

 

 

(14-XI-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

ir arriba Paradas, fin de traxectos e demais

 

 

A dúbida que molesta. Non saber se estás na momentánea e lóxica parada que doe ou isto é o final do traxecto, da placidez tanto tempo agardada. O corpo morre, a mente mata.

A eterna pregunta: cara a onde vou? E, coma sempre, sabes que a resposta é cada novo día por facer e por facerte. Avións, tanques, flores, estoupidos, frío, vento, caracois, beleza, angustia, cordura tola, infamia, xenerosidade, empatía, covardía, cansazo, esgotamento, xaqueca, miradas, ilusións, risos e sorrisos, alegría, ledicia, morte..., cada día cheo de todo. Todo é aquilo que queres, aquilo que soñas, aquilo polo que loitas.

Meta: sosego de corpo e espírito terreal.

Herba e terra húmida.

Sucio tirado no chan sorrío cunha bágoa.

E a nora segue o seu circular traxecto.

 

 

(15-XI-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Chumbo no pensamento (Dende A Basella)

 

 

Sinto como unha gran bóla de chumbo pesado, moi pesado na miña mente. O pensamento todo está canso. Os ollos doen. Neste interludio do que ninguén sabe a duración, vou na procura do soño e o descanso. Estrelas violetas atrapan o meu futuro. Hai futuro? Hai vida?

Os esquimós avanzan deixando atrás aos seus vellos agardando unha morte segura. Frío. Noite. Morrer por un suposto ben superior. O altruísmo. Xenética? Adaptación cultural? Escusa? Razón?

Estou canso, moi canso, mais a filosofía esixe unha enerxía indescritíbel. Cada clase, cada hora que antes era un sorriso de satisfacción, comeza a converterse de novo nunha loita. Aínda pequena, aínda claramente soportábel.

Non quero o negro burato do abatemento e a impotencia.

Non quero mergullarme unha vez máis no fondo da perda.

Neuronas, aguantade!

Neuronas que percorren tantos mundos e á fin é un so, único, verdadeiro.

Unha vez máis, o sol sairá mañá. Alí estarei, xunto ao galo das promesas e as dúbidas, cantando unha parva canción que nos faga durmir aos dous: ao galo, a min. Descanso, placidez, sinxelo tempo que pasa como unha sombra fugaz. Sen perturbacións, sen sobreesforzos, sen repetidas batallas.

Obxectivo: ir quitando o chumbo coas mans gastadas, rabuñando o chumbo, matando o chumbo aínda que as mans sangren, aínda que as unllas se machuquen, carne viva e noxo.

Lembro as augas fermosas do mar do paraíso. Lembro a enerxía coa que me comía o mundo hai ben pouco.

Se consigo pasar esta ponte, se consigo trocar chumbo por vitalidade, forza, se consigo que o veleno que devoro teña un antídoto posíbel, realizable, se o consigo poida que me atope fresco, lixeiro, voando entre ventos que zoan e percuten nos ollos agora limpos, agora ledos.

A vida son transicións, pausas, feitos, erros, etapas, cumio e derrota. A vida que quero xa a tiven. Se un segundo máxico é máis que suficiente para que todo isto pague a pena podo morrer tranquilo.

Morei nos aposentos da maxia mais do que nunca tería agardado.

E agora quero presentir novas descargas de paixón e afouteza, novos folgos, novos ánimos.

Aí os están, a cuestión é sacalos á luz dun fermoso amencer.

Sigo soñando coa esperanza de que o renacemento teña sido unha revolución copernicana no meu existir. A pesar do soño sen descanso, cansado e fatigado.

Vitaminas do espírito e un pouco de sorte. E un venturoso sono profundo que se converta en destrutor da fatiga toda. Tal vez con iso sexa suficiente.

Volverei?

Volverei.

 

 

(20-XI-12)

 

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

ir arriba Costas rachadas e auga fresca (Dende A Basella)

 

 

Cada grolo de auga pura, fresca vai orballando todos os obstáculos da seca eterna. A costas rachan. Os movementos fanse máis torpes, difíciles, doentes.

Teño unha cabeza. Está no seu sitio e iso é moito, moito máis do que nunca tiven.

A ledicia de facerse traballando. O bico lindo que ela me regala. O futuro dunha rapaza, xa muller, que entrecruza capital e vida.

Se todos os empresarios fosen solidarios, xustos!

Se todos fósemos seres dignos con vidas dignas e dignas ilusións!

O tren asubía ao lonxe. Nun século pasado o po escuro cobre as miñas roupas vellas. Camiño polas vías da máquina de ferro e carbón.

Retrospectiva. Fugacidade.

Un novo avance nesta historia de condena, liberdade e acougo.

Un paso máis, aínda que as costas berren, aínda que os ollos estoupen, aínda que a boca sexa lixo.

Teño palabras. A palabra é a esencia da humanidade. Canto mundo está incluído en “medo”?, e en “sorriso”?, en “noite”, en “lóstrego”, en “paciencia”, en “dor”, en “mirada”, en “loucura”, en cordura”, en “descanso”, en “sorte”, en “fatiga”, en “fame”, en “opulencia”, en “misterio”, en “odio”, en “amor”, en “día”, en “solpor”, en “abrigo”, en “verde”, en “amarelo”, en “gris”, en “soidade”, en “morte”, en “aperta”, en “noxento”, en “desapiadado”, en “compaixón”, en “excitación”, en “calma”...?

Teño palabras de carne e óso. Das que magoan e purifican.

O tren foxe polos labirintos de ferro. Perdura a constancia do movemento. Pequenos cravos nunha cruz maldita. Lategazos xordos no limiar das abellas oufanas.

Esquecer. Durmir. Soñar.

As cousas melloran, empeoran, melloran, empeoran. Nota media: progresa adecuadamente.

Estudar, pensar, escoitar, interiorizar, compartir. Vontade e cerebro. Cerebro e vontade.

Outro día máis e todo, incluído eu, segue vivo e latexando.

Ao mellor, algún día, poderei vivir sen marcapasos emocional e físico. Ao mellor hai tempo que non uso marcapasos. Ao mellor todo é vitoria ou derrota definitiva.

Que máis ten! Racha coas costas rachadas, racha coa inmundicia e abre a ventá do consolo para to ser sufrinte.

Estamos xuntos, acompañados. Fronte a fronte. Coa fodida culpa, co incríbel perdón, coa asunción do propio eu, do propio nós.

Baila, bailarina, non pares de bailar.

 

 

(22-XI-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

ir arriba E a tartaruga avanza (Dende A Basella)

 

 

A tartaruga avanza. Lenta. Hai momentos nos que pensa que nunca chegará ao seu destino. Hai días que nin sequera saba cál é o seu destino. Mais avanza. A tartaruga nota o veleno da infección na súa boca. Resiste. Completa outro pequeno traxecto infinito. Busca o movemento acorde, acompasado, das súas patas. Non perder o equilibrio. Avanzar. Hoxe está cansa, séntese enferma e incómoda. Resiste. Avanza. Lenta, lentamente cara ao destino incerto. Sabe que un día chegará lenta, lenta ao fogar das tartarugas libres e seguras. O fogar sen problemas, sen enfermidades, sen ansia por un novo paso. Sempre adiante. Sempre adiante. A tartaruga morrerá. Sábeo ben. Só quere deixar un vestixio do seu camiñar, só quere avanzar a pesares de obstáculos e barreiras. Só quere sentir que está viva porque avanza, lenta, penosamente. Aínda que sabe que iso é a súa vida, a súa felicidade de tartaruga. Sorte, compañeira. A viaxe é longa e dura. E fodidamente fermosa. O sentido. Unha historia inmensa en cada pequeno avance. Un retroceso, unha parada. A tartaruga soña cunha concha menos pesada. Non hai elección, hai aceptación e loita. Ou baleiro silencioso no camiño equivocado. Posibilidades. Variacións e permutacións. Azar. Predestinación, ouveo. A tartaruga derramaría unha bágoa por cada paisaxe frondosa ou erma. As tartarugas non choran. Avanzan e paran. Paran e avanzan. E así o resultado final é o máis insignificante, porque no traxecto está a a vitoria. Non cres, tartaruga amiga?

 

 

 

(27-XI-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Outro mes

 

 

Outro mes que marchou. Outro novo comeza. Novembro foi duro pero soportábel cunha vida digna. Antibióticos, xaquecas, folios e folios lidos, explicados, iso espero, mañás con control e descontrol das emocións, tardes escuras e tranquilas. Pese ás batallas, unha certa paz que aínda perdura.

Sei que vou baixando pouco a pouco, pouco a pouco. E este Decembro comeza abaixo, corpo e espírito mallados. Mais corpo e espírito afortunados, esperanzados. Seguirei o camiño da gloria sinxela canto tempo poida. Se fose todo o que queda de vida! Prometo tentar non caer no burato fondo. Prometo esforzo, sempre esforzo. Agardo alivio, brisa fresca, calor amábel, sorriso lindo.

E virá o demo das antigas maldicións. Temo que virá. A ansiedade, a angustia, a complexidade do cotiá cando todo sexa labirinto.

Seguirei o camiño. Decembro, Xaneiro, Febreiro... Cada día, cada día será unha bendición e unha fatiga. Pero que sigan sendo así. Dignos de ser vividos. Dignos de ser vividos.

Atopei o diamante da cordura e a inesperada felicidade. Nada é eterno, xa, nada é eterno. Xa o sei.

Pido en baixiño o meu desexo: seguir co diamante entre as man canto tempo sexa posíbel. Seguir coa esperanza, un futuro, unha ilusión. Saúde. Calma.

Teño tanto que perder. Teño tanto por gozar.

Os dados seguen voando no aire. Están trucados. Creo que, ao mellor, trucados por amigos. Compaixón, humanidade.

A falsidade do temor, fóra lixos, fóra medo, fóra revirado antonte.

Entra, soño, doce soño.

Entra e non marches, por favor.

 

(1-XII-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Non te vou deixar marchar. Esta vez, non

 

 

Non penso deixarte marchar. Non esta vez. Non.

A vida foi tan preciosa, tan máxica, unha suave man xogando no teu pelo, un bico sen fatiga. A vida foi tan sinxela, o crebacabezas rematado, o lóxico sosego, lóxico, preciso, inesperado, normal. Normalidade e calma. Estar a gusto contigo mesmo. Co teu corpo. Co teu eu. Estar a gusto cos que queres. Querelos. Foi tan precioso que esta vez non quero, non penso deixar que se marche.

Cada día todo se está a complicar un pouco máis. Teño que recobrar o centro do corazón e o nervio. Apegarme ao tempo para gozalo con calma. O tempo. A ansia. Inimigos. Esta vez, non. Esta vez, non. Se gaño esta batalla, a guerra pode estar próxima ao seu fin. A eterna guerra. Se gaño esta batalla. Así que, esta vez non. Non penso na rendición. Non penso na derrota. Non deixarei marchar esta incríbel oportunidade desta nova e preciosa vida sen me deixar todo o que son no intento, na batalla. Porei muros e barreiras. Sairei co corpo espido a enfrontarme aos medos. Vomitarei o ácido de todos os pesadelos da noite e do amencer. Cuspirei no teu vestixio de medo coagulado nas arterias enchidas de tormento. Esta vez, non. Camiñarei descalzo polas chamas máis ardentes. Resistirei a dor ata o límite do inhumano. Esta vez, non. Meus aliados: o renacido feliz e o seu futuro. Meus aliados: un eu novo, un novo soño tranquilo. Tranquilo. Riso. Gargallada. Inocentes bañámonos na praia da ledicia. Quero volver a esa praia! Quero volver a esa praia!

Volverei e o sol brillará para as almas xemelgas da dor infinita. E o vento fresco agarimará as nosas caras e o fume será sorriso e o alimento será saboroso, rico e o mundo enteiro, o mundo enteiro semellará ter sentido.

Volverán os días nos que toda estaba no seu sitio.

Ánimo. Confianza. Loita.

Sorriso.

Sorriso.

 

 

(3-XII-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

 

ir arriba Frío (Dende A Basella)

 

 

Sinto o frío penetrar en todos os recunchos do meu corpo e do que se supón está alá ao fondo. Un eu que perdeu ledicia en troques de cansazo. As ventás pechadas, o zunido persistente.

Sinto o frío, preciso mantas. De lá suave e amorosa. Preciso retomar a viaxe, sen peso, sen fatiga.

Diminutos calendarios que van contando días. Quero días sen frío.

Sinto o frío, tose absurda. Preciso recobrar o estímulo da vida activa. Non parei. Non paro. Non debo parar.

Movemento constante para manter a pouca calor que aínda conservo. Pero como un vello homo fregando pedras de pirita traio o lume ao meu corazón e ao corpo todo.

Lume, lume, calor. Bailamos ledos arredor da fogueira. Comemos e bebemos. Durmimos esgotados. Festa na mirada.

Semella que as palabras fan subir un pouco as temperaturas do volcán da entraña.

Sinto o frío, mais creo que agora sei cómo afrontalo sen un tremer eterno, intenso.

Carreiras pola praia virxe, un remuíño de sons estraños, maldicidos na súa bendición.

Sube, sube, sube!

Sube, sube, sube!

Sube ao alto da esperanza e bota unha ollada ao mundo cheo de frío.

Gasóleo e un misto. Estoupido. Queima. Non máis frío.

Vacina radical.

Preciso ascender no medio de chamas ardentes, no medio de xeados conflitos internos, no medio do paraíso e o problema.

Vai frío. Buscarei abrigo.

Mentres tanto, aínda confío.

 

 

(4-XII-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Un tercio

 

 

Remata a primeira avaliación. Proba superada. Altibaixos normais, pero unha gran dignidade da vida. Asino por seguir así. Dalo todo en cada clase. Estoupar nas clases ante o que me parece único, importante, vital. Corrixir. Traballo duro. Só me gustaría que @s de primeiro se decidisen a pensar aínda máis por si mesm@s. Poden facelo, pero costa tanto darlle voltas ás cousas. E primeiro hai que entendelas e amalas? É tan difícil abrir os corazóns e as mentes ao espíritu crítico! Pero é o marabilloso, o fermosísimo agasallo deste regalo, ti, no teu cativo, diminuto mundo, diminuta vida (como Rosa e Frank no texto do exame) podes aportar un gran de area para encher as cabezas de preguntas e ao mellor algunha resposta. Tolerancia, respecto, identidade, xenerosidade, esforzo, dúbidas e dúbidas que leven ao pensar neste mundo enfermo e quen sabe, algún día, quen sabe , algunha xeración de elas e eles consigan o que a historia da humanidade non conseguiu xamais: un mundo digno de ser vivido. “Cambiar a vida antes de que a vida nos cambie”. É tan complexo (e inclúome o primeiro) non caer no abatemento, na derrota dada por suposta, non caer no “non hai nada que facer” e entón non facer nada. Este traballo permíteme sementar esperanza. Só pido folgos dabondo para seguir sementando e sementando.

Creo que coa música e a literatura fago o mesmo, ou téntoo: sementar sentimentos. “Cultivar a sensibilidade”, que diría Marcuse, se me permitides o atrevemento. Á marxe de que sexa boa, mala, se é que eses calificativos se poden aplicar á arte ou ao que pretende selo.

Remata a primeira avaliación e vai rematando o ano. Mañá (cruzo os dedos) tocará a Neuroband e saberei se a vida me depara outro agasallo.

A vida, iso que comezo a comprender. Ela, a muller salvadora. Ela, a muller do futuro e do presente. A súa felicidade é a prioridade por riba de calquera traballo ou arte ou o que sexa. Vivir en paz, sosego e harmonía os tres, camiñando xuntiños por este sendeiro revirado, que , ás veces, semella comezar a ser recto e sinxelo.

Evidentemente, sinxelo e vida non son dous conceptos amigos. Pero se a complexidade vai da man da saúde e a esperanza, entón paga a pena.

Grazas por todo o que tiven. Grazas por todo o que teño. Esquecer angustias e fracasos alá dentro, esquecer as miserias, os delitos que cometín, pouco a pouco, se a vida me (nós) deixa, converterme no que creo que agora podo ser: un home con valor propio. Velliños felices (e volvo cruzar os dedos) ollando como o froito da nosa historia se converte cada día que pasa nun ser máis incríbel e precioso. Coma ti, miña ameba, miña vida.

Remata a primeira avaliación. Queda tanto. Tanto curso, mañás, tardes. Durmir, soñar, doer, vomitar, rir, anoxarse cos telexornais, queda tanto... ou tan pouco, porque a gran verdade é que moitas veces “a vida é eterna en cinco minutos”, unha decisión, un resultado, un non mirar, un freo, enfermidade, escuro e todo troca a desesperación e abatemento.

Por última vez, polo de agora, volvo cruzar os dedos, neno pequeno aínda no fondo. Mestura de azar e ciencia, como o fodido windows.

Non sufrir.

Sei que pido moito.

Mais os tempos deberían ser chegados.

Deberían.

 

(20-XII-12)

 

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Nadal, parada e incerteza

 

 

Comezou este Nadal coa felicidade da música feita carne e vida. Grazas, compañeiros da viaxe. E agora, volver atopar o equilibrio. Que veña o sosego de dentro e de fóra. O maldito estómago. O ventre enchido de voltas e reviravoltas. Como a miña vida toda.

Pese a todo, aos demos do corpo, estamos en paz. Felices de estar os tres xuntos. Vivindo as nosas horas, os nosos sinxelos días. Pese a todo, a cea foi riquiña e auténtica. Canto tempo hai que eu non estiven así? Estiven algunha vez así? Xa, podería ter sido mellor se o corpo respondera. Pero, por favor, non me permitas caer, pensamento meu. Non permitas que volva a parva loita contra o tempo, contra un mesmo. Quero seguir renacido. Quero aproveitar esta segunda e poida que derradeira oportunidade.

O traballo feito. O traballo por facer. Que siga sendo digno! Digno de ser apertado, agarimado, coidado co exquisito pracer da ilusión e a saúde.

Nadal, unha vez máis. Parada e incerteza. Un camiñar e un deterse. Un oasis e un deserto. Contradición, arriba, abaixo.

Sei que esta vez ti podes. Deixémolo en que creo que esta vez ti podes. E asino con sangue de loita por ter un ano semellante a este, ata o de agora. Empirismo negativo. Poida que previsión realista.

Fun tan feliz que, ás veces, un arrefrío percorre as miñas costas cando vexo o noxo, o escuro.

Fóra lixos, fóra lixos!

Ata a vitoria íntima, sempre!

 

 

 

(25-XII-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba O derradeiro día de 2012

 

 

Hoxe remata o ano do renacemento. Remata complexo e duro. Co estómago na boca, coa boca no estómago. Coa ansiedade da mañá que antes eran todas as mañás coa ansia.

Dende este malestar no que agora me atopo quero agradecer a bendición incríbel, máxica, a transformación do noso ser no mundo como familia.

Gocei coa vida este fermoso (xa o dixen, tamén complexo e duro) ano. Gocei dando clases, sentindo a filosofía como un xeito de precipitar perspectivas en cabezas que agardan auga fresca para medrar, para medrar con sentido crítico.

Gocei coa linda compañía e complicidade da miña muller, da miña filla, dos meus amigos. Gocei da música en todos os seus significados fundamentais.

Agora, esta noite, comezará outro ano. Só pido ter a afouteza de espírito deste e a saúde suficiente para tod@s @s que quero e, por pedir, d@s que non quero tamén.

Morrín. Sufrín. Sufrimos tanto, tanto, tanto.

Oxalá o futuro presente nos siga a dar unha oportunidade aínda no medio do monstro e os negros buratos, que están aí, aquí, que supoño sempre estarán. Pero, nestes novos tempos, en segundo plano, prisioneiros da ilusión.

Soño cunha vida chea de días sinxelos e gratificantes. Se o soño se convertera en realidade...

Loitarei, coma case sempre. Loitarei.

Quero vivir a vida digna que o milagre trouxo ao noso pequerrecho mundo. Suplico. Anhelo. Petición sentida. Esperanza.

 

(31-XII-12)

 

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba Coda

 

E un paxaro brillante percorreu o ceo de platino e ámbar. Os plátanos malva do abatemento deixaron fuxir dúas bágoas impotentes mentres, alá, ao fondo, o actor triste ría ás gargalladas, de xeonllos, morto en vida.

Non hai final nesta viaxe, soamente hai camiño. Pedras brandas que esvaran entre cantís que deixan ver o abismo. Ti e mais eu, da man polo sendeiro que se abre paso entre a néboa, a néboa espesa e fría que nos cubriu. Longa historia de sangue e néboa. O paxaro pousa nas miñas mans quentes e dorme, despreocupado. Quero voar por riba dos cadáveres que ides xuntando en moreas, quero voar por riba da dor e o sufrimento inhumano, quero lanzarme ao paraíso da aperta sincera, do corazón latexando, pracer simple, simple frenesí.

Unha vertixe de inconsciencia tapa o futuro. Mellor así, para qué adiantarse. Non teño flores dabondo, preciosas, preciosas flores, para regalarvos, para agradecer o voso ser e o estar.

No recuncho impreciso da loita cotiá hai un libro aberto coas follas todas en branco. E o negro da noite acaba por chegar sempre á cita.

Froitos saborosos, agarimo e cariño, unha torre alta e esmeralda, erguer a cabeza e ver de novo ao paxaro.

Seguir a rota do que estoupa, do que brilla, do que nin sequera parece nada. Seguir. Seguir. Mil bolboretas azuis forman un ceo sen deuses, sen demos, sen traxe para o compromiso. Azul do espírito que berra cara dentro, unha gorxa fundida, un sabio equilibrio, afortunado. As nenas de pencas infinitas xogan o seu lento xogo. As parcas agardan. Latitude e perda.

Nesta vida hai vida tras a morte en vida e a certeza de que hai morte tras o derradeiro arrefrío.

Insignificante, agradecido, como o plátano da eternidade por se a bendita gloria atea perdura un día máis e un día máis e un día máis.

O paxaro chora de alegría.

Eu, se medro, quixera ser un paxaro amarelo como o vómito que me acompaña. Botalo todo fóra e quedar limpo, sereno, en paz cun mesmo, apertando os dedos do sorriso que sempre esvaraba, caía.

Estamos aquí, solitarios compañeiros de branco e negro, de doce e amargo, aquí, fronte ao vello muro no que estoupamos tantas veces o canso cerebro.

A obra remata. A xente marcha. Os actores, satisfeitos, devoran fresas salvaxes. Vitoria ou morte. Inquedanza e sosego. Aloumiño, breve estrela brillante a través dunha nube cobalto expandindo o seu brillo. Brilla, tolo diamante! Brillade, pecadores inocentes desta historia arrevesada e máxica!

Fixen o que puiden. Fago o que podo. Farei o que me deixe o paxaro da ventura ou a derrota, que agora pica ovos brancos e puros. Como a túa alma, miña amada.

Desculpas e agradecemento.

 

 

 

(31-XII-12)

 

 

 

ir arriba