D

Creación Semanal - Palabrasplus 2010ir arribair a portada cp 2010

O paxaro

A vontade de ser

Sánchez Dragó

Escoitando "Downstream"

César, meu amigo


 

ir arriba O paxaro

 

O paxaro raro visitou a miña mente e mordeu a miña lingua. Deixoume sen lembranzas, sen palabras. Deixoume orfo nun mar fondo que afoga. Pero hai peixiños mínimos, case imperceptibles que salvan a epidemia da incerteza, son quen me salva entre os perigos, quen me mira con compaixón e esperanza. Aquí, camiño, aquí estás de novo fronte a min. Percorrerei a túa infinita estrada, a pereza de vivir, a necesidade de vivir, paxaro raro, aquí, camiño, aquí, no teu pouso está a verdade, a loita, o fugaz preludio dunha mirada furtiva, aquí, paxaro, non sei se me acompañas ou me matas. A electricidade carga o ambiente, o home esquizoide berra, sei que chove, si, fóra chove.

 

(8-X-10)

 

 

 

 

ir arriba


 

ir arriba A vontade de ser

 

Que é o que nos leva a loitar unha e outra vez? Que é o que nos leva a caer no fondo? E a erguerse?

Heráclito, quen se ergue unha e outra vez é un deus, os que caemos, como ti dis, e ás veces non nos erguemos, somos simples, nada máis e nada menos, simples seres humanos.

Coñezo esta eterna maldición. Vivín con ela dende pequerrecho, pero agora, agora co peso e o paso dos anos, véxome nun labirinto indefinido, non hai futuro, só presente loitador. Si hai futuro, quero cambiar as miñas verbas para que se fagan carne e óso, materia viva, realidade na paz que busco e busco. Que o valor e a sorte nos acompañen nesta ferida aberta para que cicatrice e xa, quen sabe?, algún día desapareza.

 

 

(21-X-10)

 

ir arriba


ir arriba Sánchez Dragó

 

Non era necesario que caera na súa propia trampa para os que dende hai tempo o tiñamos como o que é, un impresentable, cambiáramos un ápice a nosa posición. Que non se queira enganar a ninguén co dilema, señora Aguirre, de Lieratura-Vida. Ese dilema é moi serio e fondo e ten o seu sentido no eido de mellor coñecer as ficcións, non nun caso obvio de autoproclamación de “esto lo viví yo”. Non. Os que mesturamos literatura e vida ou iso tentamos, ou polo menos no meu caso, sentímonos ofendidos e ofendidas por esa boba e tan pouco argumentada mestura que se lle pretende conceder ao señor Dragó. Non. Literatura e vida son sangue suor e bágoas, risos, morte, paixón, gloria, tremor, medo, si, sexo, incerteza, vea aberta… e moito moito moito traballo para imaxinar outras vidas outras pequenas e únicas vidas, outros pequenos e únicos mundos que a imaxinación, como non!, mestura coa experiencia propia e co esforzo do folio en branco e a mente cansa.

Señor Dragó, nada cambia, pois. Sigo pensando o mesmo que pensaba de vostede. Sigo sentindo ese mesmo noxo raro coa súa persoa. Só agardo que agora moitas e moitos caian na conta por unhas ou outras razóns. A ver. Todo é esperar. Eu confío, en que co tempo, cada un queda no seu sitio. A Historia é longa. O tempo pasa.

(29-X-10)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Escoitando "Downstream"

 

O piano máxico golpea lentamente e a voz grave deixa caer as palabras como lamentos tranquilos. Aquí no océano, ti e máis eu, aquí, os dous nesta vida revolta e rara. Compañeira, compañeira, compañeira, un sorriso nos teus beizos, iso é o que desexo. Un sorriso dos teus, unha ledicia, un agarimo para os que contigo estamos. Para o que contigo comparte horas. Son o teu tolo compañeiro, que lle ten medo á vida, que lle colleu medo a enfrontarse co inimigo de cada día, pero sigo sendo un cativo eu que se defende e procura esquecer o mal, o abismo, o abismo. Sei que somos cómplices neste camiño. Sei que me equivoco de ruta tantas veces. Demasiadas. Entendo o noso pasado e o noso presente. Ignoro qué nos depara o futuro. Ignoro a miña propia ignorancia. Mais aquí estou, mergullado no océano contigo, con cen mil sereas de cores que nos saúdan ledas, cen mil peixes de cores marabillosos, todo é fermoso con este piano que golpea agora máis forte e a voz vaise desgarrando entre un eco longo, permaneceremos, permaneceremos aquí, ti e máis eu, no medio desta vida que é un océano fondo longo raro incrible.

 

 

(29-X-10)

 

 

ir arriba


ir arriba César, meu amigo

 

César Martínez ou César Morais. O tempo pasa e ti non estás. Pero volves a min. Amigo, por que te fuches? Ti, o meu cómplice. O único piano da miña alma. Grazas por todo, César, amigo. Por que te fuches? E nos deixaches tan así, tan sos. Cada vez que fago un tema estás ti dalgún xeito, por crer sempre en min. Sempre. Grazas, amigo. Estivemos compartindo soños e aventuras. Foi bonito. Moi bonito. Aquela “vieja táctica” coa que empezamos, recordas? E logo todo o que fixeches para Korosi, o teu piano de “Hoy y ayer…”, toda a amizade concentrada no cd de “a velocidade do frío”, e todo o que fixeches polo “presentimento”. Os teus teclados tolos e o teu marabilloso piano de “la estrella”. Meu Deus!, as nosas loucuras como MC2, cántas cousas deixamos aí, meu amigo, por que te fuches? E me quitas o privilexio de seguir compartindo contigo música e vida. Hai outra xente que te chora. Hai outra xente que te quere. Seguiremos vivindo unha “festa” cotiá, para ti. Se eu puidera… Se eu tivera feito… meu amigo, estás aquí, aquí, aquí.

 

(15-XI-10)

 

ir arriba