Creación Semanal - Palabrasplus 2007ir arribair a portada cp 2007

Comezou o ano (3/I/07)

Tránsito (7/I/07)

O horizonte (7/I/07)

Buscas respostas? (10/I/07)

Cousas, actos (12/I/07)

Nena Terra (15/I/07)

Sentimentos autónomos (15/I/07)

Durmir (17/I/07)

A dama (19/I/07)

Velocidade máxima (20/I/07)

O exorcismo do sufrimento (24/I/07)

Como terapia (24/I/07)

Conductismo visceral (2/II/07)

Prehistoria (2/II/07)

Mestre -Breve reflexión dun que o é- (5/II/07)

Aproximación a Sandra (7/II/07)

Visión (13/II/07)

Misión (17/II/07)

Finalmente (23/II/07)

Ondas magnéticas (12/III/07)

O balón(19/III/07)

Retrato breve (27/III/07)

Camiña a xente polas rúas (4/IV/07)

Instantes (4/IV/07)

Entrevista (10/IV/07)

Perdón (11/IV/07)

O gato (19/IV/07)

Mirada (23/IV/07)

Pequenos seres do esquecemento (26/IV/07)

O pallaso (30/IV/07)

A fronte vencida... (2/V/07)

Vaivéns da tenue chispa de ledicia (8/V/07)

Silenzo, batalla, vida (15/V/07)

Luz comprimida (18/V/07)

Dificultades (21/V/07)

Salvación (Buscando) (29/V/07)

Amarelo, por dicir algo (30/V/07)

Poder escribir (15/VI/07)

33 (15/VI/07)

As luces do día (17/VI/07)

Procesos -Desexo- (19/VI/07)

Trazos (29/VI/07)

A ventá aberta (1/VII/07)

Xullo incontrolábel (20/VII/07)

O orador (27/VII/07)

Deserto (30/VII/07)

Empaparse en auga fresca... (30/VII/07)

O muro (5/VIII/07)

A guitarra (5/VIII/07)

Escoitando "Happy with what you have to be happy with" (King Crimson) (13/VIII/07)

Arricando sombras (22/VIII/07)

Irreverencia nos pequenos movementos involuntarios (29/VIII/07)

Carraxe, iso é o que queda (16/IX/07)

Unha entidade impensábel (20/IX/07)

Charcos (25/IX/07)

Simples sensacións (3/X/07)

Sol e música (8/X/07)

Estados de emerxencia (9/X/07)

Fabrico un estado mental (25/X/07)

Viaxe en tren (26/X/07)

Cultivar (29/X/07)

O homo sapìens, parvo (5/XI/07)

Quero un regalo para min (14/XI/07)

Armisticio (17/XI/07)

A fluctuación da vida (22/XI/07)

O libro como excusa (30/XI/07)

Traballo nunha fundición de metal (7/XII/07)

Reacción en cadea (12/XII/07)

 

 


 

 

ir arriba Comezou o ano

 

Comezou o ano cunha vertixe de nora descontrolada, carrusel de subidas e baixadas, de medos e esperanzas no futuro. Futuro. Temos que construílo cada día, cada hora. Futuro. Non propoñerse grandes metas, tan só a incrible meta de vivir en paz dentro do que cabe. A fortaleza persoal, erguerse tras caer, procurar non caer de máis, sobre todo se non é estrictamente necesario. Queda moito por facer, pero xa está tanto feito!!!
Agradecido á vida, recompoño os cachos do meu ser para enfrontarme a novas probas e aventuras.
Agradecidos á vida, recompoñemos os cachos do noso ser para enfrontarnos a novas probas e aventuras.
Miña ameba, miña nena, somos tres que viaxamos no mesmo barco.
Amigos, amigas, compañeiros todos, aquí estou, aquí estamos, comezando outra fase sen escribir, sen encher. Melloremos o noso mundo interior e tentemos facer todo o que poidamos para arranxar este mundo exterior tan inxusto e tolo.
Busco unha margarida entre flores que nacen na beira dun río violeta. Non sei se a atoparei, máis busco. E na procura está a felicidade, sempre que se faga con calma e sentido.
Here we go!!, aquí vamos de novo!!!

(3-I-07)


ir arriba


 

 

ir arriba Tránsito

Din que no tránsito está a felicidade, máis que na meta en si. Din que hoxe recobrei a chuvia na cara cuspindo vida entre árbores molladas. Ocórrenseme algunhas saídas entre vendimas rematadas e praias virxes. Poida que haxa un azul no ceo que volver explorar, un lindo gatiño que agarimar, unha tele con cores, unha fabada por comer. Cando esteamos de volta, brincaremos nos patios dos nenos e seremos parvamente felices entre o millo e o trigo, cantaruxando "nin unha soa palabra", creo que sei o que quero dicir.

(7-I-07)

 

ir arriba


 

ir arriba O horizonte

O horizonte semellaba cheo de tebras e tremores. Nunca ninguén pode dicir que xa rematou, que xa todo está ben, que xa está a salvo para sempre. Hai formigas pequenas que falan entre elas. O home non entende o que din pero queda durmido co seu leve falar. A princesa sae pola ventá do castelo branco e bota neve polo aire. Imaxinas esta paisaxe branca e xeada ante os teus ollos? Imaxina. As túas pegadas no chan matan formigas. Es un asasino inconsciente. Non es culpable mais fixeches moito, moito dano. Agora recolle o que fuches e es e reconstrúe a vida aos poucos. O horizonte non agardará por ti, só estará aí por se o queres ter presente ou agochado. É o teu problema.

(7-I-07)

 

ir arriba



ir arriba Buscas respostas?

Comecei a buscar o papel das respostas entre centos de folios en impoluto branco. As horas pasaban e o esforzo semellaba baldío. A noite caía sobre min, sobre a estancia toda que quedaba cuberta en tebras. O tímido sol marchara. As respostas non aparecían. Chegaba o sono.
Descubrín que non había papel de respostas. Todas están nos folios en branco, na busca, no camiño cotián.

(10-I-07)

 

ir arriba



ir arriba Cousas, actos

Botar unha calada, comer un figo. Non sei amigo se me podes ver dende tan lonxe. Pretender acaparar o tempo entre dedos revirados, incluír todo un chiscar de ollos nunha palabra inexacta. As mazás son saborosas e falan cos plátanos amarelos con manchiñas; toda a froita congregada en torno ás nosas bocas. Sexo atopado nun sofá agarimoso que envolve paixón entre os seus brazos cheos de apertas. Hai un osiño de peluche, Lindo, que me mira e fala de amizade, cariño compartido. A ventá garda os últimos raios de sol do día, as motos aceleran tentando chegar canto antes á meta e o presentador do concurso, tristeiro el, chora na televisión acendida. Se total son só cartos, home, non chores. A vida estoupa nunha caixa de cores. O reloxo dá voltas sobre si mesmo e salta sobre un corazón alado que sobrevoa os problemas, tentando tapalos con cousas, actos. Os patos camiñan polas rúas da vila, altivos e tranquilos. Quero ser pato e nadar nas augas pouco profundas dun fermoso río.

(12-I-07)

 

ir arriba


 

ir arriba Nena Terra

As luces da cidade esvaran entre bágoas da nena. Só a soidade atravesa os seus ollos. As luces semellan non darlle importancia ao asunto. A nena chora. A nena Terra renega deses hóspedes enfermizos, os humanos, os bechos que a violan sen escrúpulos, sen sentido. Aldraxada berra cambios climáticos, terras sen auga, augas sen terra, berra socorro, berra axuda, pero a nena está secuestrada polos porcos mutantes cheos de papeis que son cartos, moedas que son cartos.
Un día a nena estoupará e levará con ela a todos os malnacidos malparidos, un día as súas bágoas anegarán as esperanzas dos catro que loitan pola súa liberdade que serán os únicos que terán dereito a chorar xunto á nena Terra, os outros, os porcos afogarán na súa propia miserábel trampa. Que a nena acabe con voa, para sempre!!!

(15-I-07)

 

 

ir arriba


 

ir arriba Sentimentos autónomos

O teléfono recita vellas melodías e alá vas por entre os calcetíns da túa infancia, os carruseis nas festas, a garda civil que tamén daba medo, máis medo, as tardes nos xardíns, nas prazas agardando algo que non chegaba, aquela música vosa, aquela rapaza perdida ou non atopada, os teus amigos que vivían lonxe, máis ben ti vivías lonxe de todo, de todo. E o chocolate con pan na merenda e Vickie o vikingo e a "clarita" nos días de festa, con aquela espuma con burbullas que revivía na túa boca as máis esquecidas sensacións.
Ouh!, os días que pasan co piano melancólico e as trompetas que cruzan o corazón, corazón atravesado, corazón nostálxico, coa morriña da batería lenta lenta, bailamos e bailamos dando voltas arredor dun único amor que vai medrando, loitando, damos voltas e voltas nesta vida chea de picos, estalactitas, estalagmitas, saír da cova e ver a luz invernal chea de brumas, luz ao fin e ao cabo, outros marcharon xa para a lúa da loucura xenial, outros morreron, outros e outras chamaron e nós aquí cos pés cravados no chan de cando en vez, cos pés e o corpo todo elevándose por riba dos problemas e as desconfianzas, inseguridades e mira ese atallo!, non, nada é fácil nin difícil, todo é relativamente complexo, duro e marabilloso. Vivir contigo, con vós, ter amigos aos que non ves porque o corpo non responde, os anos pasan, a barriga medra, as neuronas morren e pese a todo, aquí estou, aquí estamos máis xoves ca nunca, máis maduros ca nunca, máis vellos ca nunca, todo en un e un en todo, non é tempo de arrepentimentos, só son épocas en que o pasado se introduce por un pequeno raio de papel entre as túas mans que comezan a tremer, o teléfono murmura ecos de tempos remotos, os xoguetes quedaron atrás, a música flúe inmensa, a música que aperta o mundo, a música como sentido, rir contigo, rir contigo, bicarte nos teus lindos e saborosos beizos, mans unidas no fervor, segue soando teléfono, a pequerrecha dos nosos soños enlatada en voz de quen foi de quen é muller nena dos nosos ollos, todo está diante de ti, todo, absolutamente todo o esencial, agora só se trata de espertar sen angustia, de encadrar os nervios, de seguir apegado á sensación de que calquera cousa é posíbel para mal, pero, aquí está a maxia, o sentido, para ben, para mellor, para igual.
Non quero sufrir, só quero vivir o mellor que poida e saiba e o tolo diamante chisca un ollo e sae correndo feliz cara ao lado escuro dunha lúa de limón moi moi rica e agarimosa.

(15-I-07)

 

ir arriba



ir arriba Durmir

A imposibilidade do soño como descanso. O espertar intranquilo e angustioso. Que é o que está pasando? Ao mellor este tempo tristeiro con catro gotas como lembranza do inverno escuro que vivimos. Ao mellor as tardes felices que logo pagan unha factura estúpida. Ao mellor, simplemente, non estar ben, un ciclo cara abaixo que afecta ao que fai falta: calma, paciencia, tempo. Volverá o soño e as noites apracibles. Durmirei fondo e sen pesadelos raros. Marchará a angustia. Aparecerá o sosego. Iso espero ferventemente.

(17-I-07)

 

ir arriba


 

ir arriba A dama

A elegante dama entrou pola porta. O seu cabelo amarelo con brillos azuis esvaraba pola súa pálida cara. Ofendeu a quen puido e a quen quixo. Logo recolleu o seu longo vestido vermello coas súas finas mans, dou a volta e pechou a porta. Fóra a neve enchía todos os recunchos. A dama comezou a camiñar, as súas pegadas quedaban liviás sobre o branco chan, e pouco a pouco, como mergullándose, foi mimeticamente, pouco a pouco, transformándose na propia neve, cara abaixo cara abaixo ata que se esvaeceu, adeus, marchou ou ao mellor quedou por sempre entre os ollos cansos que fitaban a escena no medio do deserto xeado ou vai ti saber.

(19-I-07)

 

ir arriba



ir arriba Velocidade máxima

Velocidade máxima. Os ollos choran contra o vento que zoa arredor. Unha guitarra eléctrica solta lategazos polo norte mentres as chuvias caen inflexibles. Corre o coche como un raio na noite e os dedos deslízanse sobre a guitarra, lamentos, ruxidos estoupando nas miles de orellas afervoadas, non permitas que o enfoque sexa malo, consegue a instantánea do veloz, do fulgor, do sentimento puro que súa entre as mans. Corre, corre, corre, a música enfurece aos elementos, corre, corre, corre, o pasado non agarda, o futuro ten présa, o presente está atónito, corre, as margaridas e os violíns están a mesturar os seus corpos. Velocidade máxima. A nave do eu viaxa vertixinosa cara a ningures, as cores rechamantes inflaman as visións, o obxectivo final é a perda ou a victoria que non se pode apreixar, en todo caso, rápido, máis rápido, mentres a música soa.

(20-I-07)

 

ir arriba



ir arriba O exorcismo do sufrimento

A voz rouca berrou forte a vella copla: "Morrer non é malo, sufrir é malo" e as miradas craváronse nas súas pupilas. O feito non consiste en estar tolo, o feito en si, a evidencia, é unha enfermidade crónica nerviosa, unha longa historia de ambiente e xenética deformados un polo outro. O feito é o milagroso estar de pé, digno e ata feliz de quen tal sofre, grazas á muller do agarimo durante tantos e tantos anos. O feito é enfrontarse unha vez máis ao demo do desconcerto interno, da anguria a presión, do soño imperfecto, e facelo coa convicción de gañar esta penúltima batalla, sempre penúltima, sempre batalla, e saír de novo ao aire, ao frescor do inverno, á calor do verán coas mans apertadas e os ollos enchidos de pequena e marabillosa calma ou se queres, felicidade.

(24-I-07)

 

ir arriba


 

ir arriba Como terapia

 

A balea fala co inmenso océano de fresa e plátano. Beber un vaso de auga fresca glup glup e evocar as imaxes dunha infancia esquecida, tardes brillantes de sol implacable, os baños no mar que aperta os teus sentidos. Sentir, vivir, camiñar entre paredes de lindas cores, correr por bosques cheos de alfombras verdes, herbas verdes que as vacas comen ao seu xeito, hai tantos peixes no mar, tantos que ás veces pensan que están sós e perdidos, pero ti non, porque tes brazos e brazos que rodean a túa vida, cariño próximo e aquela forza azul e verde e como non!, amarela, á que sempre chamas pola mañá para que te acompañe ata a fin do día. Durme, tranquilo, durme, relax, relax, as horas pasan e a nena muller medra, sabes que só por ela, só por ela xa todo pagaría e paga a pena.

(24-I-07)

 

ir arriba


 

ir arriba Conductismo visceral

Pavlov anda ás voltas polo interior da miña casa. Percorre a modiño as vísceras eléctricas da inquietude. Atopei unha orella fermosa que escoitaba merengue e bailaba como podía. O tempo do millo e o trigo xa pasou, agora recollo anacos e vou reconstruíndo unha especie de todo fráxil e crebadizo. Obviamente ando á procura da conducta que apousente a paz entre ósos como fíos e ollos abertos á impaciencia. A princesa pousa a súa bendita man na miña cabeza, os seus suaves beizos na miña cara que percorre lenta mentres Pavlov abandona o fogar e detrás del todas as vísceras eléctricas e, á fin, pouco a pouco, a modiño, marchará a inquietude e chegará un sol de inverno quentando dende os pés ata o último pelo da cabeza, e a calor tenue impregnará de suavidade a vida.

(2-II-07)

 

ir arriba


 

ir arriba Prehistoria

Houbo un tempo en que a Terra foi habitada por pequenas pedras caladas. O silencio era tal que as pedras nin se movían. Entón, un día, de súpeto, unha pedriña berrou: "Ola!", e todas quedaron apampadas no seu sobresalto inmóbil. Foi así cono aquela pedra que seguía e seguía berrando sen parar atopou o seu destino. O resto, caladas, comezaron un tránsito, unha viaxe inimaxinábel ata entón, dende os seus postos ata o lugar de onde procedían aqueles noxentos ruídos para elas. Dando seguros botes cunha forza inmensa deron chegado xunto á pedra falangueira. Rodeárona, e logo, saltaron á unha sobre ela ata enmudecela para sempre.
O silencio volveu, pero a vida brotaría de novo. "Non hai pedras que poidan contra a palabra!!", din que foi o último berro da pedra única e din que houbo, hai, haberá? un ou máis tempos na Terra nos que esta frase, este berro de pedra non significou, significa, significará? nada.

(2-II-07)

 

ir arriba


 

ir arriba Mestre (Breve reflexión dun que o é)

Resulta irónico saltar sobre un mesmo e atoparse cara a cara. A mestra repite farta a mesma lección de onte. Somos nenos perdidos nun labirinto de letras e números. Algúns empregan a súa capacidade mimética para camuflarse entre o ambiente, a xiz e encerados gastados. Outros afrontan a xornada coa cara ao descuberto.
Cos anos, a sensación faise soportábel mais nunca desaparece. En certo modo, es un alumno de por vida, marcado polo cinismo e a comprensión a partes moi desiguais.
O control mental funcionaba a fondo co medo e a anguria nas aulas. Agora, ás veces, hai pouco que controlar e xa non sabes quen é quen e qué son eu.
Un mestre que pretende a conexión cos seus pupilos sen perder a dose básica de respecto e disciplina.
Co tempo imparábel, vaste facendo un señor máis canso e máis vello, mais a boa intención polo de agora non desaparece.
Xeracións ás que todo deches e das e das que tanto recibiches e recibes. Gardo todo iso como un tesouro prezado, non o esquezas mestre, porque as vacas fracas chegan, xa chegaron días nos que todo arrasaron as vacas non sagradas; por iso, lembra e avanza, lembra e avanza. Ou simplemente avanza co teu eu, a túa sombra e a túa lámina de vida.

(5-II-07)

 

ir arriba


 

ir arriba Aproximación a Sandra

 

A maña trae un tesouro baixo o brazo, unha nova respiración fonda e poderosa. Sería ese un bo comezo e tantas veces o é. Sandra ergue tras unha noite nerviosa, voltas e voltas na cama, suor quente e frío, incomodidade. Bebe o seu zume de laranxa recén feito e glup glup nota a enerxía baixando pola súa gorxa. Chove. As pingas caen na súa cara porque ela quere, porque ela mira cara ao ceo escuro. Respira fondo por segunda vez no día. Pensa no insegura que é, no inexacta, no imperfecta. Pero os seus pés avanzan cara a outra dura xornada de traballo, ou non tanto; no fondo depende dela. No coche a radio deixa escapar un novo noxo político. Aparca. Sae. A empresa. Os compañeiros sempre calados. Sandra respira fondo, terceira vez no día, e tenta convencerse de que a noite é noite e o día e día. Non é tan sinxelo. Ordena os papeis na súa mesa e unhas estúpidas bágoas percorren as súas meixelas. Sandra sabe que non é feliz. Seca as bágoas e agarda un glorioso día. Consolo, mentira, días e noites. Que mais ten.

(7-II-07)

 

ir arriba



ir arriba Visión

 

Hai un libro pechado enriba dunha tixola de peites fritidos. A evidencia do inconexo, a percepción difusa dunha adolescencia rara, dunha madurez incerta, dunha vida entre ás de paxaro e galiña. O río flúe alleo a libros pechados e tixolas e ata a peixes fritidos. O río sempre flúe. Quédate con iso.


(13-II-07)

 

ir arriba


 

ir arriba Misión

 

Unha idea na cabeza. Folios brancos ou tamén con esa textura do papel reciclado. Vidas por encher, historias, tristuras, ledicias, cambios, mortes, bágoas, soños, traballos, noites, sorrisos, amargura, todo, todo. Intención, misión. Tempo, forzas, tempo, forzas, calma e perseveranza. Conseguireino? Oxalá.


(17-II-07)

 

ir arriba



ir arriba Finalmente

 

Finalmente recobrou a permanencia instintiva do obvio. Un burato de froitas e legumes, horticultura en capítulos. Atopou a instancia correspondente, cubriuse de gloria efémera e saltou a barreira do propio e do alleo, finalmente recobrou unha identidade confortábel.

 

(23-II-07)

 

ir arriba



ir arriba Ondas magnéticas

Coma se un fluxo de inercia eléctrica cubrira o mundo, a existencia dos humanos converteuse nun irregular vaivén. As miradas transmitían ondas de todo tipo, os pesadelos estoupaban en lategazos de enerxía impura, os oídos non soportaban os sons imantados que resoaban en silenzos atroces. O espazo da ansiedade cubría ocos cada vez máis grandes. A suor fría nas mans, nos dedos, producía descargas abominábeis. Houbo que agardar. As nubes marcharon. A estraña tormenta escapou. A humanidade ollaba un deserto que había que revivir a partir de cero. Partir dun principio común e sincero, un pequeno can que lambe as feridas, algo así é suficiente, en ocasións, para salvar á civilización, para salvarte.

 

(12-III-07)

 

ir arriba



ir arriba O balón

O balón perde aire por todos lados. Os nenos choran. Son pequenos. Queren xogar. Patadas e patadas. Son pequenos. O balón como símbolo dun pasado cheo de caneos e goles entre multitude de berros e fervor. O balón como obxecto simple enchido de felicidade. Baleiro de aire. Non respiran os nenos senón bágoas e aquela nena das trenzas douradas que sempre aparece mira a súa pequena pelota que rebota e bota e bota e é feliz case indecentemente dende o punto de vista egoísta dos nenos, é feliz coa súa pelotiña que bota e bota; o sol vai caendo, os nenos marchan ás súas casas, a neniña de trenzas radiantes e louras fita a súa pelota nunha absoluta e absorta soidade. Sabemos que todo é relativo e fugaz, mais esquecémolo, eu esquezo o primordial e acabo caendo nos choros dun neno parvo, parvo, parvo.

 

(19-III-07)

 

ir arriba


 

ir arriba Retrato breve

Fondo pastel con paisaxe de caracois. Unha lingua húmida pegada nun contorno de tinta verde oliva. Hai unha cara á dereita feita con mestura de po de mármore e fariña tinguida de laranxa escuro. Unha árbore solitaria á esquerda, indefinida, alongada, poida que un ciprés mais non é seguro, en todo caso, sobe cara a un ceo prata e ouro que se desprega oufano e omnipresente. Se te fixas no cadradiño do fondo arriba á dereita, verás a cara da muller de zafiros e perlas. A súa pequena, minúscula boca, os seus vermellos beizos entreabertos, como deixando escapar un suspiro e, case imperceptíbel, un caracol no seu pelo, como unha trenza rara. Agora detente e dime: Que ves ti?

 

(27-III-07)

 

ir arriba



ir arriba Camiña a xente polas rúas

Camiña a xente polas rúas polos parques polos paseos; eu dende a miña ventá observo. Caio na conta do devalar do tempo e por un espello, como Alicia, transporto a miña suor ao outro lado. Os balóns baten nas paredes e dous rapaces rifan por quen lle dá máis forte. Xa todo é indiferente. Mentira. Todo sería indiferente se estivera de completo no outro lado, mais sempre por sorte e desgraza quedo neste recuncho indefinido, no limiar de dous mundos. Aí sosteño os meus nervos e a miña esperanza, aí fago equilibrios con cordas ás veces grosas ás veces delgadas. A xente pasea polas rúas e eu agora estou entre eles, pasiño a pasiño cara a algures e ningures, pasiño a pasiño vou percorrendo o mundo externo mentres o meu eu envía sinais de alerta estupor ou alivio. Chego a casa. Sempre estiven nela. Observo pola ventá e a xente camiña polas rúas.

 

(4-IV-07)

 

ir arriba


 

ir arriba Instantes


Un cadelo branco chora entre herbas verdes. Non hai máis límite para o sufrimento que o sufrimento mesmo. Un neno moreno ri ás gargalladas sentado nun banco branco. Non hai máis límite para a ledicia que a ledicia mesma. Vivo nun mundo estraño e corrupto. Amárrome aos pequenos flotadores da honradez e a compañía. Son grandes flotadores. Si. Son.

 

(4-IV-07)


ir arriba


 

ir arriba Entrevista

Entrevistei a cen vampiros malos pero ningún deles me mordeu. Ao final era todo blablabla, moito conto e pouco dente. Despedinme sen ganas e boteilles unha mirada compasiva. Cando o día comezou a abrir, o seu silencio non era máis ca un síntoma de derrota. Non hai por que ser duro cos perdedores; todos somos perdedores dalgún xeito. Simplemente fago entrevistas, non son un deus no que non creo, unha perfección na que non creo, unha pinga de amabilidade pola que regalo mil palabras e unha primavera.

 

(10-IV-07)

 

ir arriba


 

ir arriba Perdón


Só me queda pedir perdón por tantas faltas graves. Por tanta incomprensión e inconsciencia. Por tanto noxento erro, noxento non estar, non escoitar...
Só me queda agardar a túa salvación da queima. E se queres darme o teu perdón, grazas. Grazas. Tentarei non ser
"o neno medorento que din que sempre fun e son", tentarei mellorar por ti e por min, tentarei escoitar de verdade, escoitarte, comprenderte aínda máis e máis, tentarei... o que poida e se podo, algo máis. A vida foi dura e amarga. Síntoo pola parte estúpida que eu puxen. Tamén foi e é fermosa e compartida. Contigo. Contigo. Bendita sexas, miña ameba.

 

(11-IV-07)

 

ir arriba


 

 

ir arriba O gato

Se soubera que milagre se oculta tras os ollos dese gato solitario. Orbitan as súas pupilas nun sistema estelar indefinido. Querido gato, ti que sabes de penurias e ledicias, acompáñame un pouquiño, ata a entrada da miña casa. Anda, se boíño. Querido gato, o que hoxe fixeches por min merece medallas alén deste mundo e se quixeras, agarimaría o teu pelo con amor limpo, pero ti es moi gato, e xa confiaches moito por hoxe. Ata outro día, ata outro milagre nos teus ollos.

 

(19-IV-07)


ir arriba


 

ir arriba Mirada

Entroncado na mesma esencia do devir hai un punto luminoso que produce malestar na mirada. O inocente alza a cabeza convencido do seu compromiso vital. É un exemplo de enerxía molecular transformada en loita xusta. Case ninguén aguanta a súa mirada firme. Produce malestar. Só unha nena pequerrecha fita os seus ollos. Dous inocentes, unha mirada. A nena ten traballo de por vida, coma todos.

 

(23-IV-07)

 

ir arriba


 

 

ir arriba Pequenos seres do esquecemento

 

 

Habitando unha peza de asfalto están os pequenos seres do esquecemento. Rin moi baixiño para que non escoites a súa felicidade tranquila. Viven alleos ao mundo da dor inxustiza merda humana. Os seres do esquecemento transitan entre un tempo indescritíbel de repouso e calma cheo de máis calma e repouso.
Houbo un día no que pola noite crin escoitar os seus risos mais era o aire compañeiro nunha noite de suave tormenta. Gustaríame moito velos, ata vivir con eles unha tempada para calibrar a miña temperanza. Ah, mergullarse nese mundo lindo de paz sen o seu contrario, nesa infinda quietude sen nervos revirados ou pensamentos tristeiros, negativos! Ah, que sorte tedes queridiños! Pero que sería de vós se o humano vos descubrira plenamente. Se non forades máis que unha sombra insegura para a maioría desa especie. Se vos transformarades nunha empírica evidencia. Seriades un tesouro por buscar, un mundo por destruír, por espoliar, por aldraxar, por exterminar á fin.
Así que, seguide o voso rumbo impasíbel na peza do asfalto, queridiños seres do esquecemento. Seguide aí, ao voso, sen problemas, porque coa certeza da vosa existencia sempre me lembrades que existe un pequeno oasis no que non existe o medo.

 

(26-IV-07)

 

ir arriba



 

ir arriba O pallaso

 

O histrionismo do pallaso non fai gracia ningunha. Unha bágoa podería ser máis divertida. Lembras as bágoas de risa? Que ricas son! Non quero empregar o pasado porque non me resigno á evidencia dunha tristura tal vez fuxidía. Quero empregar o presente daquel que persiste na vida pese aos pesares. O pallaso marcha, só, non me dá pena. Non é que me estea a facer imperturbábel, simplemente é que nunca me gustaron os pallasos. Á miña nena, tampouco. Semellan seres maléficos. No fondo son como unha reconstrucción falsa do mundo, como unha mascarada chea de cores que pretende semellar a realidade do mundo. O mundo calou un tempo, como se fose mulo e escoitou o silencio dos berros alleos. O pallaso berra, berra. O mundo cala, cala. Silencio. É a súa vinganza. Calma. Agarda. Vinganza. Unha bágoa podería ser máis divertida, seguro. Con bombóns e pasteis de nata, crema... e o amigo que nos trae o sorriso e a chuvia de bágoas perdidas. Cala, pallaso. Non berres máis. Limpa a túa cara. Limpa a fondo o teu sorriso falso e chora, á fin libre como aquel paxaro laranxa. Libre, pallaso. Libre.

 

(30-IV-07)

 

 

ir arriba



ir arriba A fronte vencida...

 

A fronte vencida polo vento estrondoso. Como unha vida renacente que aperta a esperanza entre os seus días. Hai buratos ocres e tamén negros e hai ventás abertas a unha luz que tonifica os ollos. Trae a cea dos perdidos e atopados, unha frugal alimentación que enche o bandullo rosa que medra e medra conforme o paso do tempo, expiación polos tendóns eléctricos, loanza dos xeados de nata e rica galleta. Ás veces son feliz, ás veces sufro. Dicotomía unida dunha vida que avanza e avanza.

 

(2-V-07)

 

ir arriba



ir arriba Vaivéns da tenue chispa de ledicia

Fructificou a tenue chispa de ledicia. Entrei nun campo de margaridas que sabían a fresa. Entón cortei unha e do seu pequeno talo saíu zume verde e doente. A chispa da ledicia esvaécese na lentitude pesarosa das primeiras horas. Pronto chegará a calor do lume. Sol de verán que tal vez aparecerá da man dos ollos grandes, felices e turbios. Ao mellor, non, non chegará. Mentres tanto, procuro dixerir a primavera, sobe-baixa baixa-sobe, procuro ter case sempre unha carta gardada fronte ao proceso inestábel do equilibrio.

 

(8-V-07)

 

 

ir arriba



 

ir arriba Silenzo, batalla, vida

 

Se vives coa soidade do estraño, da mente que ás veces voa por libre, entón saberás de qué falo. Falo de empurrar as ideas feas e neuróticas, obsesivas, noxentas que tapan a claridade do día, a presenza marabillosa da muller ameba, do eu que vive, crea, transforma o mundo en paz. Sabes que gañei a batalla do silenzo, máis aínda o espazo do encaixado, do colocado no seu sitio, do que trae o sosego á fin, aínda ese espazo está por conquistar. Non desesperes, non desesperedes, a forza está estará con nós, como na película doutros espazos afastados. A autoconfianza e a seguridade son amigas que hai que traballar e traballar.
O pequeno rato sae do seu buraco, cheo de medo, pobriño. Mira unha esfera brillante queda ante el. Os seus ollos negriños non entenden, mais dá a volta, entra no seu fogar e dorme. Ves? A intelixencia emocional animal é tan superior. Por defecto? Que máis ten!

 

(15-V-07)

 

ir arriba



 

 

ir arriba Luz comprimida

Camións cheos de feixes de luz comprimida atravesan as rúas da miña vila. Inciden cores nas ventás das casas. A xente sae dos seus fogares para observar a escena. Algúns outros animais curiosos fitan o espectáculo: cans, gatos, caracois azuis. Seguen o seu paso firme os camións polo asfalto. A calor dun verán adiantado semella fundir o chan baixo os pés. Afogamos na languidez inflamábel deste día. Pouco a pouco todo se afasta. Pouco a pouco vai chegando unha humidade azul, como os caracois. Xa non hai curiosos. Xa caeu a noite. Xa a luz comprimida percorre outras estradas, outros mundos.

 

(18-V-07)

 

 

ir arriba


 

 


ir arriba Dificultades

 

Cando escribir costa e espertar é unha nova loita. Cando pensas que xa non tes máis folgos, máis recursos. Entón, apertas os dentes unha vez máis. Podes? Veña, podes! Inténtao! E sacas esa ínfima luz de futuro e cambio. De pequeno triunfo. E sacas esa nube gris sobre a cabeza para ver un cachiño de amarelo sol. E chegan os raíños á medula do temor e o noxo. E tes uns días máis de vida para tentar vencer ao medo negro, escuro, á ansiedade tensa e malparida. Chegou a época do triste e duro combate. Pido sorte e honor para vencedores e vencidos. E, por favor, que gañe a paciencia e o sorriso. Vamos!

 

(21-V-07)

 

ir arriba


 

 

ir arriba Salvación (Buscando)

 

Meu amor, miña vida. Temos que salvarnos desta queima emocional. Desta escordadura nerviosa que nos deixa no medio do sufrimento inútil. Temos que conseguir saír xuntos ao vento do sosego. Comezar de novo. Dúas debilidades por camiños distintos. O pasado. O pasado non debe deixarnos sen presente nin futuro. Por favor, por favor. Quen queira que sexa que nos traia a forza e a sorte! Forza, sae de nós mesmos! Sorte, bótanos unha man!

 

(29-V-07)

 

ir arriba


 


ir arriba Amarelo, por dicir algo

 

Amarelo é unha cor. Amarela é a carpeta na que repousan miles de palabras. Na que me gustaría tanto que repousara a interferencia completa e revivida. Hai ocas que pola noite, cando volvo a casa, comezan a perseguirme como tolas. Agardarán as migallas de pan? Non teño, non a estas horas. Cando suamos xuntos os amigos e mais eu, ás veces somos felices. Collo un lapis amarelo e debullo a inocencia perseguida. Farto de ser culpábel eterno. A dose de cordura vai retornando dun xeito máis ou menos cíclico. Agárrome a ela e suspiro. Amarelo é unha cor. Se non é moi clara, amarelo é a miña cor favorita.

 

(30-V-07)

 

ir arriba


 

 

ir arriba Poder escribir

 

 

No inferno da loucura e o desasosego non hai palabras. Hai anguria, un medo feroz que devora as entrañas, unha ilóxica maneira de razoar, de pensar, de sentir, unha falta de cordura, unha falta de control nos pensamentos. Non, así non se pode escribir, nin vivir, nin amar, nin nada que se asemelle.
Hoxe estou aquí diante da vida, diante de vós. Nunca saberei, nunca se sabe, por canto tempo, pero hoxe estou aquí escribindo coa ilusión básica da vida con certo sentido, do autocontrol dos nervos e o pensamento. Estudo a miña situación e sei que estou escribindo, sei que estou existindo nun sentido máis global. Grazas, grazas, grazas. As palabras flúen como amigas reencontradas, as palabras veñen a min, están xunto a min, eu estou comigo, ti estás comigo, o mundo comeza a ser razoablemente redondo. Estou de volta. Tentarei non marchar. Tentarei non perderme no inferno, máis alá da dura fronteira.

 

(15-VI-07)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba 33

 

O vermello do sangue é só un síntoma satisfactorio. As ocas no parque non son conscientes da morte que trae o vermello. Hai gaivotas que berran polo aire dando voltas. Avisan da choiva, da choiva vermella.
O detective inspecciona as probas, unha e outra vez, mais non dá coa clave. Está perdido no medio do vermello. Os corpos espidos e ensanguentados semellan pedir explicacións. El non as ten.
Pasan os anos, morren ocas e nacen outras, o detective envellecido, cunha tose de fumador impenitente está a piques da morte nunha cama dun hospital branco e absurdo. Na súa cabeza aqueles corpos espidos, o seu único caso non resolto. De súpeto o vermello enche os seus ollos, un derrame ocular, de súpeto atopa a clave do crime, mais xa é tarde, detective.
Cando a enfermeira entrou na súa habitación atopou nas sabas brancas manchas de vermello sangue. Ao principio, non lle deu importancia: outro morto, papeis, certificación do médico, aviso familiares e tal. Só o doutor Alonso quedou estrañado por aqueles números vermellos que se distinguían agora claramente na parte dereita da almofada. 33. Semellaba que iso era, si, de seguro: 33. Unha tolería, unha última cifra antes da morte neuronal. Seguro. As da limpeza cambiarían as sabas, procurarían eliminar todo rastro de vida humana para que outro corpo sufrira nunha cama limpa. As da limpeza eliminarían a clave dos corpos espidos, da ensanguentada explicación.
As gaivotas semellan berrar máis que nunca, porque están en todo.

 

 

(15-VI-07)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba As luces do día

 

As luces do día tiñan unha irregularidade dificilmente descritíbel. Semellaba que un aura de cinzas suaves rodearan corpos, edificios, árbores, todo...
Xaquín comezou a camiñar con pasos inseguros no medio daquel ambiente enrarecido. Andou e andou ata chegar á oficina de correos. Cando entrou toda a xente comezou a miralo con cara de asombro. Non entendía nada. Nada.
Foi poñer o selo á súa carta. Unha carta de amor e cariño. Quero verte pronto, meu amor. Sempre teu, Xaquín. Moi bonita e emocionante.
A xente seguía mirándoo cada vez cunha cara que amosaba máis sorpresa, case medo. Non entendía nada. Nada.
Deu a volta. Camiño cara a porta da saída e entón reparou na imaxe que se reflectía nunha das ventás. Un espello natural no que se vía unha sombra, unha tenue silueta de home formada por suaves cinzas. Xaquín tocou o seu brazo, incrédulo, e desfíxose como area dunha cala marabillosa. Comezou a correr, tropezou coa porta e os seus restos cinzas esparexéronse polo chan da oficina de correos.
A xente abriu a boca, absorta. Uns mirábanse a outros. Alguén abriu a porta e entrou de súpeto un vento salvaxe. Todo foron cinzas. Todo.
O día seguiu pero xa non había ninguén para poder describir a súa irregular luz.

 

(17-VI-07)

 

 

ir arriba



 

ir arriba Procesos (Desexo)

 

Fundir os procesos. Gardar a tose nunha cunca de azucre. Ollar os alimentos. Fartura desmedida. Ir colocando pezas pouco a pouco. Buscando formar un círculo quente de seguridade e confianza. Avanzar a favor e contra corrente. Respirar fondo o cheiro da chuvia deste mediado Xuño. Fundir os procesos. Aplicar a pomada da ilusión e o repouso activo. Lamber as feridas. Recompoñerse. E camiñar pola area da praia ou recostarse no mol sofá. Tranquilamente. Desexo.

 

(19-VI-07)

 

 

ir arriba



 

ir arriba Trazos

Buscarei unha paleta de cores interminábel. Non, non é necesario tanto. Para facer os trazos dunha vida digna preciso só unhas cantas cores. Branco de falta de culpa, amarelo de brillo do sol nos ollos, verde e azul dunha mar agarimosa, negro dunha noite pracenteira, vermello quente de saber que estou vivo, laranxa dun sorriso en paz, violeta para regalarche.
Os trazos vanse facendo, aparecen cores que un ás veces non quere ou que se transforman no que un non agarda, mais os trazos vanse facendo e a vida vaise construíndo día a día, cor a cor.

 

 

(29-VI-07)

 


ir arriba


 

 

ir arriba A ventá aberta

 

A ventá deixaba entrar o aire e a vida. Non resulta verosímil fuxir agora cando as cousas comezan a ser, estar e parecer. Os nenos tristes seguen dando voltas solitarios no parque, os nenos ledos dan voltas nunha nora sen fin. Berros agudos salpicados de felicidade. Hai patacas medorentas e outras moi hábiles e confiadas. Hai trens que nunca chegan, outros que non dan chegado, e mira este, xusto a tempo. Non penso pechar a ventá polo momento. Logo, cando o recollemento sexa a natureza mesma.

 

 

(1-VII-07)

 

 

ir arriba



 

ir arriba Xullo incontrolábel

 

Hai días que son como noras vertixinosas, nos que o ánimo sube e baixa con velocidade imperfecta pero fugaz. Os amigos, a mar, a mar, o tesón e a desconfianza. Pintaría beizos calados e bocas de sorriso de non pasa nada, tranquilo. Pintaría un oasis de paciencia con trazos de sabedoría simple. Os peixes na auga, as bolboretas no aire, vós en ausencia, eu en presenza inestábel. O gato tenta non sentir a falta, eu procuro facer o mesmo. Mercarei o pan e comerei. A rutina é importante.

 

 

(20-VII-07)

 

 

ir arriba



 

ir arriba O orador

 

E unha trompeta sen anxos anunciou a chegada do orador. Fitou os ollos daquelas persoas que ateigaban o auditorio. Todos agardaban as súas verbas máxicas, o seu fluído discurso, a súa nova hipótese ou tal vez xa teoría consagrada para o futuro da humanidade. "Quero ser feliz", dixo con voz suave. "Quero non sufrir". Os ollos e as bocas da xente estaban nunha clara perplexidade. O orador alzou a voz: "Maldito sexa o sufrimento!!" E marchou da escena. As bocas murmuran, os ollos abren e pechan. A mensaxe foi clara. Que máis podía dicir?, pensaba o orador mentres metía unha nova marcha no seu gran coche.
A trompeta comenta que pouco máis, poida que nada máis.

 

 

(27-VII-07)

 

 

ir arriba



 

ir arriba Deserto

Unha sinfonía de cores acres percorre un ambiente seco. Polas areas interminábeis camiñan sombras que non se distinguen. Son humanos? Poida que a última esperanza desta humanidade deserta. Deserto. Todo é deserto e calor. Acabaron con todo. Acabaron con nós. Houbo auga, houbo lume, houbo catro xinetes da apocalipse, catro monstros con caretas de humanos que devoraron as vísceras dos inocentes, dos culpábeis. Agora, só me queda fitar con toda a miña atención, fitar esas sombras e agardar que non sexan fodidos humanos.

 

 

(30-VII-07)

 

 

ir arriba


 


ir arriba Empaparse en auga fresca...

Empaparse en auga fresca e saír ao sol que quece a atmosfera. Son un pequeno con que florece cando baixa a marea. No meu ventre teño vidas minúsculas e algunhas outras non tanto. No meu ventre. Fálame da erosión, ha, ha! Creo que o sei case todo dela. Os días meses anos séculos que vas variando de xeito case imperceptíbel para vós. Vós que vos erosionades tanto por dentro, nesa cosa que se supón que eu non teño e que vos volve tolos ou sufridores na fronteira da loucura. Desexas ser pedra. Non é mal destino. Calquera cousa menos ser humano coa cabeza feita anacos. Aí ven o vento zoando, erosión, precipito catro das miñas areas á gran praia. Que sexades felices bañándovos nas fermosas augas que me lamben.

 

 

(30-VII-07)

 

ir arriba


 


ir arriba O muro

 

Se tivese un martelo non rompería os muros. Pegaríame un lixeiro golpe na cabeza, alá onde os fantasmas corren a gusto e logo durmiría. Poida que ao erguer mirara con calma o muro e o martelo e entón, cheo de furiosa gloria, arrincaría cada cacho de cárcere mental e extramental. Que culpiña ten ela? Que culpiña teñen as dúas fermosas que quero? Miñas nenas, algún día derrubarei muros e fronteiras. Algún día soño coa felicidade plácida dos simplemente normais dentro do posíbel. Agora só queda agardar que non tarde moito o día e que dentro do posíbel estean os meus límites.

 

 

(5-VIII-07)

 

ir arriba


 


ir arriba A guitarra

 

Ela permanece calada nun curruncho. Ao seu carón hai ás veces algunhas máis altivas e de máis suposto señorío. Pero ela permanece alí, calada, ata que as súas cordas son entrelazadas polas miñas mans, os seus trastes son a cama dos meus dedos. E, de cando en vez, ela, a humilde guitarra fai que saian soños convertidos en melodías. Melodías, música. Contigo, guitarra, todo comezou un día en que desprazaba a miña man polas túas cordas ao aire e xa aquilo me parecía o son máis alucinante que nunca puidera facer. Grazas por estar aí tantos anos, e a vós, as máis caras e complexas, tamén grazas polos momentos de única gloria bendita.

 

 

(5-VIII-07)

 

ir arriba


 


ir arriba Afianzar un tesouro...

Afianzar un tesouro nas mans inexistentes. Ser como unha dourada arpa que ninguén toca, que ninguén escoita. Afundirse no extremo norte dun polo xélido e violeta. Acaparar todos os pequenos intres preciosos dunha vida e facer con eles unha bóla de neve e tirarcha á cara e sorrir os dous, escachar de risa os dous, xuntos, por sempre. Unha antiga lenda que fala dun eterno retorno inhóspito. Esquecela. Tirala pola ventá e velaí a vai, voando, voando sobre o sufrimento e as pingas incríbeis de felicidade.

 

 

(11-VIII-07)

 

 

ir arriba



ir arriba Escoitando "Happy with what you have to be happy with" (King Crimson)

 

Rotura descontrolada. Impacto inminente sobre todas as nosas cabezas. Volve a vista e mira aos músicos atronadores berrando oracións infernais. As guitarras desgarradas. Impacto inminente. O cerebro tenta codificar a música. Mala hostia. Pero está moi ben. Aínda agora, xa vello, teño os collóns de escoitar isto. Graciñas.

 

(13-VIII-07)

 

ir arriba



ir arriba Arrincando sombras

Arrinco sombras nun mar axitado e nervoso. Hai tempos fráxiles que semellan ondas de percepción liviá. Non sei o que me ha de agardar. Non sei moi ben cómo se sae desta e desta. Sei que houbo océanos case imposíbeis e aquí estou, aquí estamos. Puidemos, así que por que non agora? Unha vez máis.

 


(22-VIII-07)

 

ir arriba


 


ir arriba Irreverencia nos pequenos movementos involuntarios

Irreverencia nos pequenos movementos involuntarios. Agudeza visual que se vai coando polos buracos da erosión. Un inferno, din que hai. Queredes máis infernos imaxinarios tendo un tan real? A tolemia do ser humano. A imprudencia de non ser responsábel, atento, preparado para o que sexa. A lenta tranquilidade dos días que van pasando como unha crema de xeado fresca e saborosa, lenta, lenta, atravesa como os días a gorxa as horas. O máis ínfimo detalle pode provocar a náusea. O máis ínfimo detalle pode provocar o sorriso aberto. Mans que se apertan e ollos que se miran. Unha parella milagrosa, un azar e un traballo constante. A vida como cuestión, como confrontación, ansia e bico. Os ollos pechan a escena. As nubes son cada vez máis escuras, a noite chegará e logo o día. Impulso.

 

 

(29-VIII-07)

 

 

ir arriba



 

ir arriba Carraxe, iso é o que queda

Carraxe na paisaxe diaria dunha vida no límite do sufrimento insoportábel. O home loita contra a náusea infernal e en escasas pero marabillosas ocasións, vence. A muller loita por ser quen de aturar unha vida sempre no límite do sufrimento insoportábel, por ser quen de ter sempre a súa bendita e preciosa man aberta á esperanza. Unha nena, un proxecto común que aínda hai que traballar e traballar a pesar da súa presencia magnífica. Un gato adurmiñado que ás veces olla a túa angustia despreocupado, alleo.
Sentir a necesidade de volver, de renovar proxectos e ledicias. Machucar o monstro, esnaquizalo, reconstruír unha vida aberta, ventás abertas, camiños abertos e normais.
Carraxe, carraxe, carraxe, aperta os dentes no medio do suor que vén das entrañas do medo e pensa que tes que vencer, vencer, vencer á fin. E o verán marcha lentamente como un breve recordo xa do pasado máis presente.

 

 

(16-IX-07)

 

 

ir arriba



 

ir arriba Unha entidade impensábel

 

Unha entidade impensábel, un eco fondo que sae dunha gorxa negra. Apertar os dentes e corres tras a inquietude. Ser un mutante no medio de seres con sorrisos e dentes tan brancos. Tan branco como a noite é unha mala metáfora, así que benvida. Branco de hospital, de bata médica, de impoluto, de inane, de non vida. Será mellor correr. Correr e correr tras das cores que semellen vida en pequenas doses. Risos e trasgos que se mesturan nun líquido cheo de fume vexetal. Non importa o sentido, o significado fondo, ou si? Non sei, o que sei é que importa amar e soñar e crear e compartir e querer e ser querido e vivir en paz, en harmonía. Case me quedou budista todo isto. Palabras grandes. Mundo pequerrecho, só quero este pequeno respiro, esta pequecha esperanza.
Unha entidade impensábel, un fluír continuo, unha perpetua preocupación odiosa e noxenta. Non, non máis medos. Fóra, fóra, medo malo, malo, malo. Non vales para nada, medo. Para nada.
O neurótico cobre as follas cunha incríbel hixiene mental. É todo cuestión de tempo e paciencia. Ata ti acabarás aprendendo -iso espero-, ata ti, "neurótico, psicótico que pasas os teus días entre noites de tic- tac", ata ti poderás ser feliz, vivir, vivir en paz, paz, paz, paz.

 

 

(20-IX-07)

 

 

ir arriba



 

ir arriba Charcos

 

Saltar un charco coa mesma precisión que un ourive traslada á súa xoia máis preciosa, precisa. Precisión. O charco, inmutábel, non ve máis que unha sombra pasando polo seu ceo escuro, escuro hoxe, con nubes de treboada e perdición.
Escoitar as desculpas do amigo da alma coa frenética certeza de que o charco secará algún día, para converterse en practicamente nada. Outra sombra, outra sombra do que foi e non é. O fodido fluír que compensa e desgasta, a maldita nora que non cesa de dar voltas.
Sorrir coa convicción estúpida de que a paz e a felicidade son perennes. Ah, que pouco dura o bo! Pero, amigo, non te desculpes, polo menos hai, houbo, haberá bo, e tamén charcos por saltar unha e mil veces.

 

(25-IX-07)

 

 

ir arriba



 

ir arriba Simples sensacións

 

Escoitar cómo o animal limpa coa súa lingua o seu corpo breve. Tentar subir outra escarpada costa, unha máis. Notar as náuseas nunha mañá gris. Abrir o sol e sentir a calor nos brazos temperados. Facer soar unha ilusión e convertela en música viva entre amigos. Berrar como se fose o día do xuízo final. Procurar salvar o amor, a compañía, a amizade, o cariño, todo o que somos. Todo o que doe, magoa, desmantela vida e lóxica. Frear o desasosego e ir na busca dunha repetida ave fénix que rexorde unha vez máis. Mirar o lapis e a súa pequena goma, ter ganas de chorar, rir ocasionalmente, sobrevivir.

 

(3-X-07)

 

 

ir arriba



 

ir arriba Sol e música

 

As dunas mantéñense vivas a pesar das pegadas dos humanos. Alí, nun paraíso ateo, alí hai sol e hai música e hai mar. Aquí, neste paraíso tecnolóxico podes atopar tamén sol e música mais non hai mar. Hai un río que percorre a pel co agarimo de augas que flúen lentas e despreocupadas. Hai unha sensación de fogar, doce fogar, coas zapatillas postas e a bata de casa. Hai unha ducha que esparexe as súas pingas temperadas por todo o meu corpo groso. Vexo o meu corpo, non me recoñezo, que cambiado estou, que vello estou!, pero para iso está o sol e, sobre todo, para iso está a música, para escoitar esa eterna melodía e sentirse vivo, xove, de novo, unha vez máis e tira para diante, amigo, vén da man comigo ata onde chegan as fronteiras da traizón e o esquecemento, as fronteiras da non-vida, da perda, as fronteiras que aparecen demasiadas veces e que non, non quero traspasar, a muller canta a vella melodía, os colegas sorrín, a guitarra berra, o sol quenta, e o mar alá o está, sempre o mar, sempre nos meus soños, na miña humidade quente.

 

 

(8-X-07)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Estados de emerxencia

 


Recoñece o estado de emerxencia do cansazo. A áurea estela do vigor renovado. Días que pesan como séculos, meses que flotan como nubes quedas. Recoñece o estado de emerxencia dos latexos rápidos. Non hai máis ardente gorxa, non hai máis que ardente gorxa. Iso é pouco para un ente acostumado á catástrofe xeral. Os automóbiles estoupan na súa tola carreira. As nais procuran non soltar das mans aos seus cativos. A cativa chora no curruncho da estrada co seu xeonllo en carne viva. Vivirá e algún día recoñecerá múltiples estados de emerxencia ou tal vez non.

 

 

(9-X-07)

 

 

ir arriba



ir arriba Fabrico un estado mental

 

Fabrico un estado mental. Constrúo unha esencia na que poida permanecer a salvo. Alguén do mundo exterior manda unha mensaxe e cobra sentido o traballo que paga a pena. Non se trata soamente de salvarnos, pequena mascota, trátase de ir sobrevivindo, aínda que vexas lindos renos ou ananos feos. Hai que seguir, vixiar a neura e a cordura, vixiar as montañas afastadas e o próximo mar. Fabrico un estado mental. Quedei atrapado na longa noite de pedra de si mesmo e agora ando á procura dun acubillo para protexerme, para protexernos. Os renos e os ananos saúdan agarimosos. Son boa xente. Confía.

 

 

(25-X-07)

 

 

ir arriba


 


ir arriba Viaxe en tren

 

A nena sorrí ao fondo do tren. Hai unha luz estraña na súa mirada. A mesma luz fantasmal que enche os vagóns, un por un. As dúas rapazas novas coquetean cos seus libros e os seus móbiles, as súas mans non paran, agora tecleo, agora paso folla. A muller vestida dun xeito tan científico, semella unha executiva enfrascada na súa propia viaxe. O rapaz loiro cos pelos rasta, que ben lle quedan!!, a súa roupa limpa, o seu pelo limpo, e a contradicción de querer aparentar unha certa cultura xamaicana, que non vai reggae pola limpeza exterior, non vai. En fronte de min un home calvo e con pinta de ser exteriormente nervioso. Non para coas pernas, non para cos dedos. E eu, morro e vivo por dentro mentres os meus oídos se decatan de que se esgotou a batería do MP3, ou MP4, aínda non teño móbil pero xa vou entrando na tecnoloxía. Repito unha vez máis a cerimonia de comprobar se teño o billete de ida e volta no peto do pantalón. Téñoo. Son serio. Paguei. O tren vaise achegando a Vigo, alí espérame a terapia emocional, o lento proceso de rehabilitación da alma, se se pode.

 

 

(26-X-07)

 

 

ir arriba



 

ir arriba Cultivar

 

Cultivar papoulas e flores delicadas. Mergullarse na terra, nos elementos da materia. Ser un co cosmos. Todo soa moi ben, pero non me sae. A guitarra languidece nos mil tesouros perdidos. A mente languidece. O froito da misericordia como humano está seco. Pouco a pouco as horas vencen o equilibrio interior. Durmir pouco ou mal, cunha almofada de esperanzas que deben volver, deben volver. Benvidas e benditas seredes. Tentarei cultivar a terra para que estea preparada, se é que sei facelo aínda.

 

 

(29-X-07)

 

 

ir arriba


 


ir arriba O homo sapiens, parvo

 

O homo sapiens é basicamente parvo. Tan parvo como para asasinar, violar, aldraxar, destruír, contaminar. Inxusto, o mundo do homo sapiens é inxusto e parvo. Pero non se pode xeneralizar. Hai homo sapiens dignos e decentes. Mulleres e homes que loitan por un mundo mellor en todos os ámbitos Que aturan o sufrimento inútil, os nervos desequilibrados, a ausencia de obxectivos e ofrecen unha posíbel saída, ou polo menos o seu traballo afervoado. Eu son un homo sapiens desgonzado. Pola especie e como individuo que busca eses obxectivos ausentes, ese equilibrio dos nervos e da acción que trae vida. Se nos paramos a pensar, andamos todos un pouco perdidos neste mundo tolo, parvo e tolo construído pola especie basicamente parva: homo sapiens sapiens. Ha!

 

 

(5-XI-07)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Quero un regalo para min

 


Quero un regalo para min. Unha fresa fresca e salvaxe que traia enerxía e vitalidade. Este vello eu que agora sinto decaer precisa dun sopro máxico de vida e folgos renovados. Vexo a televisión e o tempo pasa dignamente. Pero case todo o resto é dificultade e esforzo. A chuvia non chega a esta terra. A terra protesta baixo os pés, pero ninguén a escoita. O rapaz moreno e baixiño dálle ao balón no parque e a esfera da diversión pasa asubiando preto da miña orella dereita e sinto a súa felicidade, a felicidade do neno, absorto e ledo no seu xogo. O mar está aí, case sempre está aí. Mais agora, con este frío, aí é demasiado lonxe, demasiado efémero. A música faise con enerxía e eu teño a xusta para amarrarme á guitarra e rachar a voz ata o delirio. Ah, delirio! Benditas sensacións que descontrolan en positivo. Pensa positivo. Pensa positivo. Sigo querendo un regalo, un regalo máxico para min.

 

 

(14-XI-07)

 

 

ir arriba


 

 

 

ir arriba Armisticio

 

Batalla continua baixo os meus pés, ante os meus ollos. Os cidadán percorren as rúas, correndo, berrando, fuxindo sen saber a onde, sen saber por que. Suponse que todo isto comezou hai tanto tempo xa, que ninguén sabe recoñecer a orixe do enfrontamento. Hai soldados de plastilina dura que chiscan os ollos cando pasan. Bombas nucleares que dan risa mentres matan a millares. Canóns de ferro fundido e tanques que se moven como serpes velenosas.
Hoxe asinouse o armisticio. Non se sabe ben quen se sentou de cada lado, nin que bando foi o vencedor e o vencido. Só se sabe que unha bolboreta branca percorreu o ceo cheo de cinzas, que a xente estaba moi leda e que din que a paz é agora unha posibilidade real. Unha certeza para a bolboreta dos soños soñados.

 

 

(17-XI-07)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba A fluctuación da vida

 

A fluctuación da vida colle de novo o mando. Nas súas garras o equilibrio convértese en cristal fino que racha en mil cachiños. Non hai un norte, nin un sur, non hai compás que oriente na caída. Sen recursos. Asumir o malestar mentres se poida. Tirarse enriba das cadeiras e tentar descansar. Descansar, durmir, non facer nada. Obxectivos demasiado perigosos para un alma que non quere perder a ilusión da vida, do "oficio de ser home", de ser humano. A fluctuación da vida colle de novo o mando e eu agardo para roubalo e cambiar a frecuencia do meu estar.

 

 

(22-XI-07)

 

 

ir arriba


 


 

ir arriba O libro como excusa

 


O libro laranxa, verde e azul posado sobre a mesa da aula do instituto. As horas van pasando, preguizosas, lentas. Xa é venres. Pero pouco implica isto. Sometido a un facer e desfacer o propio espírito. Sobrevivo entre os beizos agarimosos da muller da miña vida e o frío apático do meu propio esgotamento. Vexo caras alumeadas pola actividade. Piden por min, algúns. Boa xente. Vexo un paraíso violeta quente no que pousar a alma, o pensamento, e fluír co tempo nunha constante renovación tranquila. Non perdas a ilusión, a pequena vida é máis grande e forte do que nunca imaxinarías.

 


(30-XI-07)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Traballo nunha fundición de metal

 


Traballo nunha fundición de metal. Vai calor aquí dentro. Olla como se derreten os que se crían fortes. Hai cores moi vermellas, o ambiente é vermello e pesado. Aceiro líquido. Debes ter coidado, un fallo e es home morto. O peor é queimar vivos, chamuscar a outros compañeiros. Compañeiros, calados, fervendo por dentro coas súas máscaras e os seus traxes específicos, como os meu elementos obrigatorios, o casco, o casco amarelo. A Antón abríuselle a cabeza no incidente do martes. Pobre Antón, parecía un bo tipo, acababa de casar e xa ves. A vida é dura e máis aquí, aquí, nunha fundición de metal alma.

 


(7-XII-07)

 

 

ir arriba


 

 

 

 

 

 

ir arriba Reacción en cadea

 

 

Imaxino unha reacción en cadea. Un motor que move sen ser movido e todo comeza, diría Tomé. Farto de demostracións “a priori” ou “a posteriori” da existencia dun deus que non concibe a miña mente. Mais tes que provocar a reacción en cadea. Que os libros, textos, comentarios se convertan en teoría máis ou menos comprendida nas súas cabezas. Están cansos, eu tamén. Pero debemos seguir cara adiante. Pese ao cansazo, a incomprensión, a acumulación de exames que sempre producen terríbeis reaccións en cadea de ansiedade. Debemos ser fortes e apuntalar o pouco que imos dixerindo. E tragalo e vomitalo feito palabras comprensíbeis, razoamentos coherentes, interpretacións válidas. Que difícil é o traballo de ensinar e ser ensinado!

 

 

(12-XII-07)


 

ir arriba