E QUE VÉN SENDO ISTO DO "KARAOKE"?
"O ESTRAÑO KARAOKE DO HOME BATA"
PARA TOD@S E PARA NINGUÉN (2022)
BASICAMENTE PRETENDE SER DÚAS COUSAS:
1) UN DISCO QUE REMATEI NO 2018, COS "KARAOKES VIRTUAIS" GRAVADOS E MESTURADOS NOS HOME BATA HOME ESTUDOS E COS "ELEMENTOS REAIS" GRAVADOS E MESTURADOS NO KSF DA ILLA DE AROUSA COA AXUDA INESTIMÁBEL DE VÍCTOR KARALLADA. MESTURA E MASTER FINAIS: MANUEL SEIXAS-VÍCTOR KARALLADA NOS KSF ESTUDOS.
2) O MEU "PENÚLTIMO PROXECTO" PARA "TOCAR EN VIVO" XUNTO A XURXO ROMERO.
DESPOIS DE TER REMATADO O ÚLTIMO DISCO DA NEUROBAND ("VERDE" - 2015), E TRAS LEVAR FACENDO ANOS O QUE DENOMINO "MÚSICA VIRTUAL" (2005 - 2022), PENSEI QUE ERA O MOMENTO DE TENTAR COMEZAR OUTRA AVENTURA ESTRAÑA EN CARNE VIVA, COA PRETENSIÓN ÚNICA DE COMUNICAR E COMUNICARME. DE COMPARTIR UN POUCO MÁIS DE VIDA VIVA CON VÓS E COMIGO MESMO. ASÍ NACEU OU RENACEU O MUTANTE HOME BATA.
O HOME BATA É UN RARO BECHO QUE DE ESCURO VERME ESTÁ A TROCAR EN RARA BOLBORETA E QUERE SALDAR CONTAS CO QUE FOI, CO QUE É E CO QUE AO MELLOR SERÁ. E SEGUIR CAMIÑANDO, CAMIÑANDO.
ESTE SER HOME BATA OFRECE A UN PÚBLICO SELECTO, SENSÍBEL E SABIO (SENÓN NON VALE) UN KARAOKE VITAL COMPOSTO DE DOUS MISTERIOS (CAL PEQUENO ROSARIO).
UN ROSARIO LAICO MESTURA DE POESÍA E MÚSICA.
DOZURA, RABIA, LAMENTO, NOXO SON ALGÚNS INGREDIENTES COMÚNS COS QUE FALA, BERRA E TOCA O HOME BATA.
"O ESTRAÑO KARAOKE DO HOME BATA" DIVÍDESE EN:
1º MISTERIO.- HOME (BATA) IN HOME
SEIS ACTOS, SEIS VIAXES SONORAS FEITAS IN HOME QUE SERVEN DE BASE-KARAOKE SOBRE O QUE TOCAREMOS-AMAREMOS E RECITAREI, CANTAREI, BERRAREI PALABRAS DAS ENTRAÑAS. POESÍA MUSICADA?, MÚSICA POETIZADA?, NON SEI. PALABRAS QUE SE MESTURAN COA MÚSICA OU AO REVÉS. O "RECITAL POÉTICO-MUSICAL" DO HOME BATA.
2º MISTERIO.- HOME (BATA) IN MEMORIAM ROBERTO CAMBA
PARA REMATAR, UN PEQUENO REPERTORIO EN COMPAÑÍA DO ESPÍRITO DE ROBERTO, O NOSO ETERNO AMIGO, BATERÍA DA ALMA DE KOROSI DANSAS E DA PRIMITIVA MSNEUROBAND. VERSIÓNS (ALGUNHAS QUE TOCABA A NEUROBAND): TE RECUERDO AMANDA, WISH YOU WERE HERE, UNHA BÁGOA DA VIDA QUE É VIVIR, OS HIMNOS DAS PATRIAS (AS QUERIDAS E AS NON TANTO) SOBRE MIL TAMBORES E UNHA GUITARRA CHORANDO POR HENDRIX, UNHA VERSIÓN MOITO MÁIS QUE LIBRE (PERDÓN AOS ORTODOXOS) DA "NEGRA SOMBRA" QUE SEMPRE ME ACOMPAÑABA E , DE FIN DE VIAXE "ROSARIAL" UNHA CODA DO "AMÉN, AMÉN", (A "PEQUENA BIBLIA" DOS KOROSI DANSAS).
NON SEI SE TAL COUSA PASARÁ ALGÚN DÍA, NALGÚN CURRUNCHO, CON OÍDOS XENEROSOS...
IDEA ESENCIAL: TOCAR EN SITIÑOS NOS QUE SE POIDA PRODUCIR UN AMBIENTE CERCANO E GLORIOSO. POUCOS CONCERTOS. (XA VOU VELLO. NON, MAIOR). ASÍ QUE SE VOS INTERESA, ESTADE ALERTA, O HOME BATA PODE APARECER EN CALQUERA INTRE PRETO DA TÚA HOME. COMO BO HOME BATA.
Xuño 2022 .
Logo “Manuel Seixas”: ROBERTO CAMBA
Fotos "Manuel Seixas": aMEBAVisióN
Guitarra - voces + Portada e deseño gráfico: XURXO ROMERO
Saxo - Teclado - voces - son: SANTI FRUTOS