Creación Persoal- POESíA 2024ir arribair a portada inicio

 

 

XANEIRO

XUÑO

XULLO

AGOSTO

SETEMBRO

OUTUBRO

NOVEMBRO

 

 


 

ir arriba

A CHUVIA CAE...

Pingas leves rachan costas
nun oasis de frío e inquedanza.
A muller e o home solitarios
cruzan a mirada ausente,
e non ven nada.

Cegos de nacemento impuro,
condenados indómitos ante o fervor,
intolerantes ególatras do suicidio,
vectores firmes nunha traxedia angular.

Quen es?

Son a morte

Quen es?

Son a preciosa noite

Quen es?
 
Son ti, xa o sabes.

 

Doce esquizofrenia nun espertar cruel,
non mereces tanto castigo,
ninguén merece tanto.
Inmundo castigo,
inmundo existir,
inmundo camiñar.

 

O paseante cruza o paso de peóns
e acaba converténdose nunha bóla de chumbo
arremuiñada
contra a súa propia esencia.

 

(10-I-24)

 

ir arriba

 


 

ir arriba

FONDO        

Mergullei un ollo cáustico
No sombrío mar de ondas cónicas.
Un pequeno morrer. Un alivio
E unha cruel derrota.
Apalpei os fíos aniquilados
Polo tempo implacable
Que fere. Incisión punzante.
Din que vin un día lindo
Agarimado por cen nais babilónicas
No confín da terra nomeada
No confín do esplendor roubado.
Amei mal e fun ben amado.
Triste colofón da ingratitude.
Ouveos que a ninguén lle importan
Xeados, incómodos, impotentes
Fronte á loucura sónica.

Abanear a árbore preñada
De doces exóticas froitas
Recoller as caídas en simple combate
E devoralas co frenesí
Da infancia na que a froita era premio
Fresco regalo de aventuras que
Entre risos despreocupados
Saboreas gustoso e pleno. Feliz.
Feliz. Tranquilo.

 

(19-I-24)

ir arriba

 


 

ir arriba

     

RÍO DA ESPERA    

A auga limpa as feridas,
A auga do río no que me mergullo
Entre sereas, camaleóns e peixes raros
A auga que alivia os beizos secos
Secos polo medo, pola ansiedade, polo pánico.
Erguer e loitar por vivir, amante
Sen amor, choro e admito a esencia.

Percorrería todo o pasado
Con tal de non ser eterno sufridor
Que indignamente fixo sufrir tanto.

Bolboretas entre o vómito do inaudito,
Especies sen catalogar nuns ollos mortos,
Cinzas que enchen o aire de vida morta, ausente,
Adeus.

Non sei se gañarei ou perderei,
Non sei se poderei xogar.
Quérote, a pesar de que hai amizade
Pero non fermoso amor que cicatriza feridas.

Así que, aquí estou fronte a vós,
Desangrándome lentamente nun existir incerto,
Cruel ás veces, ás veces lindo.

Cruzo todos os dedos.
Toco todas as madeiras.
E sigo o camiño.

O camiño cara a onde?
Xa veremos, sorte.

 

(23-VI-24)

 

ir arriba

 


 

ir arriba

ANGUSTIA  

 

Podería escribir versos lindos
Que falasen de flores, amores e festas.
Podería finxir que estou ben, de marabilla,
Para que o teu inexacto cansazo non
Berrara pedindo unha recompensa.

Podería pero non podo.
Porque vivo na habitación dos intermitentes,
Co meu intermitente penar, os meus impertinentes nervios,
Choro de impotencia, tentando aplacar isto,
Isto que é ansiedade, angustia, noxo, medo.

Xa saín de aquí, xa teño experimentado
Esta vertixe que aniquila espíritos
E á fin, ás veces saín, ás veces caín.

Pediría, suplicaría unha última esperanza,
Un último sosego que traia os días felices, ledos.

Todo flúe, nada permanece.
Heráclito isto é unha nora de emocións
Ateigada de vermes da escuridade e o pavor.

Son vello, merezo despois de tanto tempo a paz.
Pero o cerebro maltreito non sabe de merecementos ou
Vontades, tan só sofre ignoto.

Quixera escribir versos obre a lúa e o mar,
Sobre a gloria e o horizonte,
As apertas quentes nos ríos fríos.

Véxote a través da ventá.
Miña compañeira,
A luz do sol reflíctese nas plantas
Que con agarimo regas.
Véxote e non mereces compartir
Máis tremor comigo.

Fun malo, por acción e omisión,
E agora a soidade chama ás inestables portas.

Un adeus
e unha pedra no interior do hipotálamo.

Calo.

 

(16-VII-24)

 

ir arriba

 


 

ir arriba

OCASIONALMENTE

Ocasionalmente devoro a luz gloriosa
Dun sol atrevido e eficaz.
Camiño por estraños sendeiros
Cheos de azucre e lambetadas.
Os caramelos falan cunha suave voz
Que se asemella ao canto lindo dun paxaro.
Hansel e Gretel non están.
Nunca está ninguén.

Ocasionalmente fito a soidade indesexada
E o desexado estar sen máis,
Sen condicións nin contratos,
Sen letras grandes ou pequenas,
Eu só quero fuxir veloz
Coller o tren que nunca pasa
E caer na desesperación da orixe.

Ocasionalmente choro bágoas negras
Dun profundo pozo cheo de inerte lodo.
Confía en ti,
Confío na salvación en vida,
Sabendo que talvez nunha a apreixe
Entre algodóns de ledicia.
Mandareiche unha carta preciosa,
Chea de amor e inocencia.
De perdón que xa non se pode dar.

Ocasionalmente lembro quen fun,
O delincuente implacable,
Martirizando ao ser de luz,
Martirizándote a ti mesmo,
Negra rocha de Edipo.
Teño que refacer o crebacabezas escordado
Da miña vida neste mundo.
Pensar e facer. Facer sen máis.
E non pensar tanto.
Sono. Crueldade.

Ocasionalmente quixera ser asasino
Das vítimas que aínda me quedan por aniquilar.
Asasino a tempo completo
Sen contrato nin aperta de mans,
Simplemente asasino.

Ocasionalmente penso que a xente que sofre
É superior no fondo, na mesma esencia do ser.
Son quen merecen vivir con toda a miña compaixón.
Pero eses seres inaturables
Que se rebozan na súa propia odiosa felicidade
E aquí estamos, mira que guapos,
Mellor así, que non che dea o sol na cara,
Agora unha os dous bicándonos,
Muac, que precioso,
Vouno subir a instagram.
Ai!
E entón entra en escena o asasino que planifica
E cumpre co seu traballo de eliminar fatalmente
Aos felices repetitivos repugnantes.

Ocasionalmente non sei ben que dicir,
Nin cal é o quefacer para encher estas lentas horas,
Nunha vida de vertixe interno alleo a festas e comidas ceas,
O ermitán home bata está perdido
Porque vai moita calor
E a bata non existe,
Existen camisetas de distintas cores e estampados
Que poño servil á maior gloria dos humanos
Que miran.

Ocasionalmente o aleatorio é a norma,
A regra diverxente na que o espírito cala
Ou berra desesperado.
Aleatorio.
E o home tirou a primeira pedra
Sen estar libre de culpa.

Ocasionalmente calar e calar
Entre bombas de festas na illa linda
Que case non me deixan pensar,
Si, penso nunha guerra,
A batalla definitiva,
O mundo exterior contra a fonda mente.
Crebacabezas. Confuso.

Ocasionalmente estou perdido
E teño moito, moito medo.

Chegará a luz cabalgando veloz
E os cabalos repartirán bicos,
Cubrirán profundos ocos,
E traerán o magma biolóxico da temperanza.
Así sexa.

 

(19-VII-24)

 

ir arriba

 


 

 

ir arriba

PEL

 

Unha capa de amargura pétrea
Un camiño estraño por percorrer ávido
Un sopro
Un alivio
Sentir a túa pel
A nosa pel, calada escrutadora
Da nosa vida.
Coa salitre do mar de verán
Botas auga clara para limpa pel
Pese a todo, sempre salgada.

Ela cala, non di nada,
Olla como se deslizan os días
Os meses e os anos, silenciosa.
A pel queimada polo sol interno,
A pel abraiada ante a emoción do tacto alleo.
Perderte. Perder a túa pel
Que era linguaxe, linguaxe pel contra pel,
Sentir a suavidade dos teus brazos, dos teus beizos,
Non, xa nunca máis.
Perdín.
Perdinte.
E agora a miña pel desaparece pouco a pouco
Creo que para se converter en mudo gorrión
Que voa libre, estúpido, sen saber a onde ir,
Sen ter a onde chegar.
Só. Sen horizonte ou propósito.
Tal vez aturar a existencia.
O paxaro chora, eu tamén.

E agora,
Reconstruír esta vida distorsionada,
Unha ver máis.
Que ardua tarefa!

 

(2-VIII-24)

 

ir arriba


 

ir arriba

 

O SOL DA MAÑÁ

Circuítos queimados,
unha vaga sensación de morrer,
incipiente obsesión reiterada,
enfermo sen unción nin pregarias,
enfermo recibe o corpo feble
o sol lixeiro da mañá.

Nubrado.
Coma ti.
O tempo está nubrado.
Coma ti.

Aspira o aire con frenesí,
o quente solpor dun agosto raro,
a indecente escusa que xa non tes,
o esquecemento,
a urxencia,
a temperanza.

O home saíu á rúa ateigada,
os coches non paraban.
El, petrificado,
pechou os ollos cansos
e cruzou ledo
agardando o son
que o levara á nada.

Nada pasou.
Non sendo que o sol da mañá
xa non pode quentar
o que está máis alá da física,
da conciencia, do biolóxico quefacer
de cada día.

Encher as horas lentas,
encher o contido dunha vida.
Distorsionar causas e efectos
irracionalmente perdido
busco a calor do sol da mañá.

Hoxe está nubrado.
Nubrado como a miña vida vella.

 

(6-VIII-24)

 

 

ir arriba


 

ir arriba

QUE TEÑO?

Cando a noite cae fría e sísmica
No meu ventre agroma unha bolboreta
Fea, gris, escura, noxo
E comezo a tremer pequeno neno
O medo vence os cables da cordura
E caio no abatemento.

Que teño agora que estou morto?
Que teño cando perdín case todo e máis?
Que teño agora que non te teño?
Soidade. Soidade.

Se soubera amar ben
Coma eses amantes tranquilos e riquiños
Se soubera darche as grazas en vida
Por tanto dano acumulado.

De que valen xa as palabras se non hai bico quente?
De que vale a loita continua cando sabes que perdestes a batalla?

Cala. Cala.

Aguanta. Aguanta.

Nunca choveu que non escampara
E creo ver unha minúscula luz solar
Atravesando os meus case cegos ollos
E un sorriso de esperanza amada
Rega a miña alma seca,
A miña cara asombrada e cansa.

Temos futuro?
Temos?

Pero, que futuro?

(13-IX-24)

 

ir arriba


ir arriba

A ILUSIÓN

Entrou un espírito afable
A través da ventá antiga
Desta habitación obscena.

Podo sentir mil doces agullas
Penetrando o meu fráxil corpo
Devorando carne ósos intactos
Alimentándose da carraña do meu ser inane.

Crebou a ilusión – funesta escordadura –
E con ela marcharon as apócemas vitais
O amor a esperanza o soño o riso franco e sincero.

Crebou a miña alma enteira
Agora derruída en anacos
De pastel de crema e formigón armado.

Tento respirar, tento respirar,
Mais o aire está tan viciado.

Díxenche xa que te quero?

E o vento recolle as palabras
Queda un eco de aneis revirados
E sinais prohibidos.

 

(19-IX-24)

ir arriba


 

ir arriba

CALCULAR O TEMPO

Calcular o tempo dun caótico azar.
Apréixoa a esencia do que está esquecido.
Apertar con forza sublime o cero absoluto.
Recalcular medidas e tempos intanxibles.

Son un anano nun  país de xigantes raros.
Como cando non me ven
Como, de xeito incómodo e transitorio.
Como e morro de fame.

Abandonar a pretensión da desmesura
Enlearse coa mazás podres e limóns verdes.
Houston, teos un problema,
Houston, temos que calcular o tempo.

E ninguén contesta, nunca.
Aplauso desmedido para un aforo tan limitado e cruel.
Venciches á noite escura? Gozaches da linda flor?
Entón podes dicir que viviches.

E eu non podo. Polo menos sen bechos.

 

(27-IX-24)

 

ir arriba

 


 

ir arriba

CAER

Caer no abismo da bágoa repetida,
No ser de realidades finxidas,
Nun apertarche ata morrer amarrados,
Nun solitario ser e estar no mundo.

Caer debaixo do soño e a esperanza,
Onde a angustia domina cruel
Todo aceno de vida normal,
E sorrir con certo medo.

Flutúo entre a gloria e o fracaso.
Gloria de facer fracaso de desfacer
Impúdica verdade que malgaste óxido
Entre canóns que disparan satélites menores.

Volverei intentalo unha vez máis.
Procurar a calma e o decoro,
Afastar o medo e a inacción.
Serei o que poida,
Poderei o que sexa.

E o día segue alleo a min.
Como o mundo?

 

(12-X-24)

ir arriba

 


 

ir arriba

CAER, UNHA VEZ MÁIS

Derrotado unha vez máis
Por min mesmo eu afogo
Un aniquilar a calma
Un atafego nas respostas.

Caer, unha vez máis
Cando xa tocabas a cordura linda
Coa punta dos dedos extenuados
Coas horas completadas sen máis
Aínda que sempre coste, sempre coste.

Voar, por riba de pecados
E enfermidades crueis.
Voar entre arbustos queimados e nubes de fresa
Entre xentes que cospen e oídos xordos.

Voar, caer.

Todo é o mesmo
E o mesmo é todo.

É dicir, existir.
É dicir, vivir.

 

(28-X-2024)

ir arriba

 


 

ir arriba

OS OASIS NO DESERTO

Camiño por un deserto interminable,
non hai vida, non hai soños, non hai linda paz.
Tan só este calor abafante
que fire a pel e o espírito
queimados nunha luz implacable.

Mais a misericordia rara
fai ollar oasis
paraísos de vida e auga
na que mergullar a cabeza ardente.

Lindos oasis que posibilitan a viaxe,
o camiño penoso do existir,
a pedra irredenta de Sísifo,
o malestar constante,
a desesperación que ouvea
e si, grazas, si, grazas,
un pequeno lindo oasis
onde repousar o corpo queimado
na frescura límpida, na humidade benquerida.

Así que este é o conto,
este é o axioma impenetrable.
A vida é un camiño polo deserto
salpicado por escasos e incribles oasis
de paz
de amor.
De bico por ser compasiva
por uns intres,
de bágoa,
de grazas vida
por ter un detalle.

 

(30-X-24)

ir arriba

 


ir arriba

FATIGA        

Recollo os anacos tristes
do pallaso malferido.
Hai ocos negros e estrelas claras,
hai un malestar impertinente,
hai un marchar no silencio da noite
para xa non volver espertar cordo.
Afouteza. Ánimo.
Atafego. Afogo.
As rosas do xardín seguen falando silencio
mentres un pequeno paxaro verde
alumea o mundo tolo e insensato.

Grazas a quen me fixo e me esnaquizou,
grazas por lanzar os cachos
escuros de min
a un mundo alleo, distante,
cansazo, fatiga.

Sigo loitando porque aínda me queda
medio nervio por compartir.
Escóitame no amencer
antes de que os galos canten,
antes de que a batalla
comece a bulir.

Estou fatigado,
pero teño que tirar deste min canso
para revivir facendo acenos
talvez de arte talvez de desesperación.

 

 

(7-XI-24)

ir arriba