Creación Persoal- POESíA 2006 ir arribair a portada cp 2006

 


 

ir arriba

Comeza un novo ano


Comeza un novo ano

Proceso continuo

Ata que remate

Soño con praias e calor

Soño con estar en paz comigo

Co mundo

Soño con saír de min

Con facerte feliz

Con facervos felices

Soño e agardo

Primeiro día do ano

E xa foi un crisol de sentimentos

Unha balanza que pendura

Do bo ao malo

Sigo sendo eu

Inestable equilibrio

Desequilibrado centro.

ir arriba 


ir arriba

Cada hora era un minuto

Cada hora era un minuto

Un manto espeso cobre os ósos

Unha luz de gris ocre

Que dá paso a chuvia lenta

Cada hora era un minuto

E os segundos eternos

Longos

E preciosos

E duros.


ir arriba 


ir arriba

Lamento non lamento


Unha bágoa inmensa

Lamento

Este blues que me atravesa

Lamento

Imaxinación empapada en

Lamento

Lamento non ter pedido perdón

Lamento non ter chorado a tempo

Lamento non ter sido forte

Lamento non ter sido o que puiden ser

Lamento o pesadelo da desesperanza

Lamento o sufrimento causado

A ti, a min, a quen fose

Lamento o que queirades e máis

Pero

Pero

Non lamento ter vivido.

ir arriba 


ir arriba

Unha fútil sensación


Unha fútil sensación de aburrimento

Percorre como espiñas as costas do traballo

Agás o infinito tedio nada existe.

Mais o ente andante camiña

E vai recollendo pouquiño a pouco

Moi pouquiño a pouco

Preciosas recompensas polo seu labor

E, deste xeito, recobra a intensidade.

E sálvase unha vez máis do pozo negro negro.

 

ir arriba 


ir arriba

Pasado


A infancia que ás veces

Pode con un

E todo o seu castelo de naipes

Tan ben traballadiño

Tantos anos e anos

E pai nai saen á superficie

E un neno escuro volve

Con familias entre corvos

Pasado infancia xenética

Ás veces pode con calquera.

 

ir arriba 


ir arriba

Ven!

Tráeme unha borracheira inmensa unha felicidade parva un agarimo no ventre pompas de xabón e un riso de chocolate tráeme a túa dozura quente tráete miña amada.

ir arriba 


Metidos nunha biblioteca

Metidos nunha biblioteca estamos

Entre mapas de colonización

Nada cambiou en tampo tempo

Mundo colonia mundo tolo

Mundo feito anacos.

ir arriba 




ir arriba

Os pés

Os pés corroídos pola maldade enferma

Cada paso camiñar é un inferno

Procura non moverte moito

Agochado tras de ti

Agochado agardando

O momento da curación.

ir arriba 


ir arriba

Case

Case todo vai ben nesta gamela

Fluctuando entre ondas altas e baixas

Fluctuando risos e choros

Dores e paz

Case todo vai ben

Case

Ánimo

ir arriba 


ir arriba

Semana dura


Se unha semana é eterna e cruel

Esta tería os seus números

Para gañar un trofeo

Non o máis grande

Ese debe ser a hostia

Un pequecho pero distinguido

Que colocarías con tacto

No lugar apropiado

Para lembrar nos malos e bos momentos

Malas e boas semanas.

(No fondo non foi para tanto, non?)

ir arriba 


 

ir arriba

Bulir por túneles...

Bulir por túneles

Fuxir a toda présa

Correr coma tolos

Para non atopar a inquedanza.

ir arriba 


ir arriba

Cae

Cae a choiva penetrante

Cae o frío implacábel

Dou grazas por sentilos

Dou grazas por non os sentir

Dou a miña palabra

De que o feito empírico

Que significa ir todo a mellor

É algo no que creo ás veces.

ir arriba 


ir arriba

A segunda hora

Tremor lento inquedanza amarga

O alumnado pregunta e fala

Tranquilidade lenta traballo saboroso

Ciencias políticas a segunda hora.

ir arriba 


ir arriba

Inseguridade na volta

Inseguridade na volta

Mais volta ao fin e ao cabo

Non se sabe cánto tempo

Non se sabe nada con certeza nesta vida

Renovo as caras que xa mirara

E agardo un fluír

Tranquilo, tranquilo, por favor

ir arriba 


ir arriba

Un cansanzo con sabor doce...

Un cansanzo con sabor doce

Empaparse nun novelo

Absorber o frío e a lentitude

Sono nunha indolencia agarimosa

Sono. Ter sono

Agardar que pase o tempo

E a distancia.

ir arriba 



ir arriba

Acantilado

Acantilado cheo de penedos

Abrupto, escarpado, arriba, arriba

Ás veces así é a paisaxe da vida

Loitando contra corrente contra muíños

Son xigantes

Son xigantes.

Ás veces.

ir arriba 


ir arriba

O tronco retorcido dunha árbore...

O tronco retorcido dunha árbore

O noxento verme do medo

A mazá podre e perdida

Axito a cabeza

Para que marchen

ir arriba 


ir arriba

Opcións

Podería afundirme no desencanto

Na derrota, no fracaso

En acedas mañás e tristes tardes

Afundirme no eléctrico nervio.

Podería salvarme con paciencia

Xunto a vós.

Elixo a última opción.

ir arriba 


ir arriba

É tan fluctuante a vida!

É tan fluctuante a vida!

Tersa como a neve feliz que chimpa un neno

Áspera como a negra pedra que bate nunha cabeza

Arriba abaixo abaixo arriba

A vida

Que estraña!

Que sinxela!

E, á fin, ben e mal, tersa ou áspera

Feliz ou desgraciada

Vaise vivindo a cada intre.

ir arriba 


ir arriba

Concerto no Moucho

Revivir. Frescura no rostro

Aire renovado de confianza

Tocar rodeado de xente que queres

Felicidade quente

Amigas amigos

Foi unha noite inesquecíbel

Máxica

Agardada

Graciñas.

ir arriba 


ir arriba

Para Diego

Alguén moi querido ofréceme a fuxida

Entre seriedade oficial

Entre bla bla bla pagado

Agradezo a oferta

Ofrenda doutro mundo

Máis quente.


Mais quedo neste polo de agora


Coas miñas frías neuras

 

Coa miña rota gorxa.

ir arriba 


 

ir arriba

Subín ao monte da ledicia...

Subín ao monte da ledicia

E estiven alí unha tempada

Sempre resulta tan curta!!

Pero cando vou caendo aos poucos

Tento lembrar aquelas fermosas vistas

Aquel livián voar de paxaro

E até caendo caendo sorrío.

ir arriba 


ir arriba

Viaxe interior

O avión voa lento na noite

Unha estela a penas perceptíbel

Unha suave pegada branca no ceo escuro

Un breve chiscar de ollos vermellos entreabertos

O avión leva xente

Avión, lévame lonxe!

De todos de todo

De todos de todo

De todos de todo

Por un intre voo

E indefectíbelmente

Volvo aos meu ollos.

ir arriba 


ir arriba

Vivir

Camiña camiña camiña

Camiña camiña camiña

Camiña camiña camiña

Levántate e

Camiña camiña camiña

Camiña camiña camiña

Camiña camiña camiña

Levántate e

Camiña camiña camiña

Camiña camiña camiña

Camiña camiña camiña

Estás vivindo.

ir arriba 


ir arriba

Ti

A pedra pesa no interior

Ti sorrís, nosa salvación

Ela, noso amoriño,

Tamén nota a presión

Ti, piar da nosa vida

Tentas espantar pedras pesadas

E malditas

A túa forza allada polo tempo

Aínda así pelexa contra amarguras

Graciñas, meu amor,

Por estar sempre aí

Incluso cando non somos máis

Ca seres medio esmagados.

ir arriba 


ir arriba

Eu, hoxe

Estoupo o coche

Estoupo eu

Refacéndome

Anacos

Colocándoos no seu sitio

Con paciencia

E a posíbel afouteza

Eu

Reconstruíndome

Porque un futuro agarda.

Que veña a paz interior,

Que vaia chegando.

ir arriba 


ir arriba

A volta do becho

O becho monstro volve saír

Volve coller forza

Folgos infernais

Que por acción ou omisión fixen medrar.

Poño a man no meu ventre

Procuro non desmaiar

Seguir, seguir,

Lembra, camiña, érguete

Érguete, ti poderás

Poderei?

Poderei, teño que poder

Por min, por ti, por nós.

ir arriba 


ir arriba

Azul cobalto...

Azul cobalto

Brillo nas árbores

Un paxaro feliz fala

Con formigas atarefadas

O mar bate contra a area

Os cons rin ás gargalladas.

Existe a felicidade

Incluso sendo hoxe

Un mal día.

ir arriba 


ir arriba

Un de Abril

Fluctúo nun mar

De pequenos pasos

Que son historia

Para a miña

Humanidade con

Cordura

Fluctúo entre fumes

Negros ou brillantes

Ou nin lume

O diamante

E a fronteira

Seguen a súa loita

En min

Cando comeza un novo

Abril.

ir arriba 


ir arriba

Unha nova semana

Unha nova semana

Un novo alento

Estou vivo

Queimado e refrescado

O sol hoxe quixo saír

Nesta primavera chuvia

Interminábel

O sol hoxe quixo saír

E o meu corazón latexa

ir arriba 


ir arriba

Semana santa

Semana santa

Incríbel adxectivo

Ata gracioso

Eu vou loitando

Contra o inferno renacido

Forte

E mañá marcharei

Cos meus amigos

E só agardo que sexa

Semana de paz

Do sosego interno

Do non becho

Xuntos

Santificados

Polo repouso.

ir arriba 


ir arriba

Carnota

Meus amigos

Miña amada

Nun forno quente

De felicidade

Suave e lenta

As praias os cons

As conversas a guitarra

Os paseos o baño

Felicidade

Suave e lenta

Graciñas.

ir arriba 


ir arriba

Volta ao facerse

De novo o cotián

O traballo as horas

Vivas e mortas

O stress de fondo

Co que loito

Eternamente

De novo o cotián

Tele follas reloxo

Buscando a quietude

Suspirando.

ir arriba 


ir arriba

Cando...

Cando ves a fronteira

Tan preto tan preto

Cando choras frío

E o riso está

Tan lonxe tan lonxe

Cando todo é así

Ou semella ser así

Non queda máis que

Apertar os puños

Amarrarse á vida

Moi forte moi forte

E agardar que volva a flor

Do amor precioso

Do riso porque si

Da vida

Ai, primavera!

Acabas comigo!

ir arriba 


ir arriba

Os clásicos


O corpo, materia

Que ata e apaixona

A mente, volátil

Que ata e apaixona

Conseguir o punto de referencia

"mens sana in córpore sana"

que sabios eran os clásicos

punto de equilibrio

harmonía

cosmos

que sabios eran os clásicos!

ir arriba 



ir arriba

O paxaro


Un paxaro quedou atrapado

Nunha corda infame

Todos os seus colegas voaban

Ledos

E el a cada intento

Caía sobre o seu propio peso

Pendurando da implacable corda.

Mirabamos pola ventá.

Pobriño, diciamos,

Todas e todos,

Nin profesor nin alumnos

Abrimos a ventá

Agardamos apampados

Vida e morte allea

E á fin liberouse

E voou

Supoñemos ledo.

ir arriba 


ir arriba

ESTIVEN


ESTIVEN NO FONDO

ESTIVEN NO MEDIO

ESTIVEN NO ALTO

ALÁ ABAIXO ALÁ ARRIBA

TODO PODE CAMBIAR A PEOR

PERO TAMÉN A MELLOR

TAMÉN A MELLOR

TAMÉN A MELLOR

ir arriba 


ir arriba

O ignoto home

O ignoto home que aló

Dentro agarda cada día

Levanta a mirada ao seu niño

Interior paxaro esquivo.

O ignoto home que aló

Dentro agarda cada día

Tropeza coas mesmas pedras

Que semellan enormes

Inmensas

Tropeza unha e outra

E outra vez máis.

O ignoto home que aló

Dentro agarda cada día

Vai camiñando

Entre rúas de tremor

E ledicia

As pedras desaparecerán

un día de flores e marabilla

e elas seguirán

ao seu carón, amadas,

como agora.

ir arriba 


ir arriba

Primavera irregular

As follas verdes

Das árbores móvense

Lentas lentas lentas

Os ollos cansos

Nun sono

Perenne perenne perenne

As pernas fráxiles

Nun camiñar

Impreciso impreciso impreciso

A primavera

Segue

Arriba abaixo abaixo arriba

Segue segue segue

ir arriba 



ir arriba

17 DE MAIO DO 2006
DÍA DA APOTEOSE
DO BARÇA

(Dedicado a tod@s @s do Barça, e especialmente á peña de Lalín)

Inquedos agardabamos os culés

O principio dunha historia terminábel

E complexa.

Inquedos removiamos os miolos

Porque a vida semellaba

De novo, ingrata.

Mais cando os folgos

da nosa Alma Blaugrana

comezaban a fuxir aos poucos

chegou Samuel, E´too amado

e tróuxonos outra vez a esperanza,

e ese Larsson que tanto amamos

porque si porque o queremos

dá ese preciso máxico pase

e Belleti, si, Belleti!,

marca o gol da súa

-xa da nosa- historia.

Saímos ás rúas e atopamos ledicia

E complicidade

Campións de Europa

Non viviremos só do gol de Koeman

A poesía do fútbol

Fixo xustiza

A beleza gañou

E nós, felices felices,

Con ela.

Barça, Barça, Baaarrrrça!!!!!!

ir arriba 


ir arriba

Bágoas

Unha bágoa que me irrita

Outra que me trae luz

Entre pegadas solitarias

Ou cos amigos

Que abren o corazón

Unha bágoa para dicir si

Outra para negar o odio

E o abatemento

Entre bágoas camiño

E o paseo é vida.

ir arriba 


ir arriba

O meu primeiro baño

O lapis da ledicia

Escribiu un mar para min

E bañeime pleno

Cos dous brazos

E os seus ombros

E as súas mans

Batendo a auga

E berrei

Feliz

O meu primeiro baño

Eu enteiro

No mar agardado

Dende hai tempo.

ir arriba 


ir arriba

Loitar

Loitar pola vida

Loitar por intres

No fallado agochados

Loitar por un sorriso

Unha acción unha palabra

Agora é tempo

De ser forte.

ir arriba 


ir arriba

S.O.S.

Necesito un pouco

De sorte e paz

Non buratos no ventre

E na cabeza

Elas, eu, merecemos

Unha vida de tres

Preciso alento claro

Preciso días normais

Comida normal

Normal espertar

Necesito e pido

Necesito e pido

S.O.S.

S.O.S.

ir arriba 


ir arriba

Kit Kat

Unhas horas de alivio

Unhas horas de normal vida

Unhas horas de paz sosego

Unhas horas que pasan

Esquivando a tortura

Unhas horas contigo e comigo

Dúas apertas calmas

Unhas horas de amable ser estar

Unhas horas

Graciñas.

ir arriba 


ir arriba

Paraíso

Entre palmeiras cocos

Piñas coladas con ron

E moita auga quente

Quente quente

Conseguimos pasar

Momentos de felicidade

Momentos de paz

Que mereciamos

Xuntos tres corpos

Xuntas tres almas

Empapáronse de sol

E de tranquilidade entre chuvia.

Ao final, conseguímolo,

Amadas.

ir arriba 


ir arriba

De novo, fogar

Volvo ao fogar que amo

Mais a intranquilidade chega

Nos beizos que se queiman

No becho que por aquí anda

Volvo ao fogar que amo

E agardo que

Pouco a pouco

Volva ser un real

E próximo paraíso.

ir arriba 


ir arriba

O caracol

O caracol

O caracol lento

Lento lento vou

Caracol

Nova viaxe

Sol e sombra

Caracol lento

Pachorra camiño

Viaxe rara

Incerta

Necesaria

O caracol

novas pilulas

Lento

Avanza

Para non

Sufrir.

ir arriba 


ir arriba

O actor

Hai unha escena

Un escenario

Mais o actor

Está perdido

Entre rúas azuis

E amarelo opaco

Non chegará

Non chegará

Non haberá obra

Non haberá monólogo

Hai unha escena

Un escenario

O actor chora

Bágoas de voz.

ir arriba 


ir arriba

Dime que todo sairá ben...

Dime que todo sairá ben

Lémbrame que son feliz ás veces

Bérrame que aínda haberá música

Colle a miña man e lévame a auga

Amósame o noso milagre

Grazas por abrir os meus ollos

Nerviosos.

ir arriba 


ir arriba

Viaxar


Visitei países interiores

Incrédulo e superado

Sosegado e ollos

Moi abertos

Pechados

Visito mundos

Camiño sen saber

Inseguro e poderoso

Non paro de viaxar

A cada segundo.

ir arriba 


ir arriba

Limpeza interior

Ela fría dixo: voute limpar

Limpar o meu sangue

De narcóticos honestos

Farmaceuticamente legais

E limpándome estou

Co mono do desasosego

O becho do tremor

Sen saber se gañarei

Estoutra batalla

Sempre interminábeis

Ou, non esaxeres,

Demasiado longas,

Porque o sufrimento

Non sabe de reloxos

E cada segundo

Pode semellar o derradeiro

Limpándome tamén

Na praia de auga quente

Bañando o meu corpo

En auga clara

E ela doce sorrí

Cómplice e esperanzada.

ir arriba 


ir arriba

Un ladrón

Un ladrón nas miradas

Palestinos que morren

Indecente, inhumano

Barras e estrelas

De inmundicia

Un ladrón nas miradas

Que me afaste

O NOXO.

ir arriba 


ir arriba

Aquí seguimos

Aquí sigo

Carrusel

Subeebaixa

Aquí seguimos

Con berros e sorrisos

Intres que estoupan

E sae sae

Verde cristalino

Negro anguriado

Un aceno de dor

Tendóns nervios

Un aceno de riso

Pulmóns boca

Aquí andamos

Vivindo

Sobrevivindo

E o que nos boten

Ata que o corpoalma

Aguante.

Aperta os dentes.

ir arriba 


ir arriba

Galicia cinzas

O lume apampa a lóxica

Destrúe o noso país

O noso futuro

O lume inimigo

Covarde táctico

Enche almas de pesar

E cabezas abatidas

Mais tamén rabia

E loita ata estar fundida

A xente galega

Que aínda é decente

Digna limpa

Nunca perderá a loita

Por moito que nos estean queimando

Por dentro e por fóra.

Xa arranxaremos contas

Xa.

Malditos culpables

Chegará o voso tempo

De inferno.

ir arriba 


ir arriba

Pasan os avións


Pasan os avións

E o aire viciado

Afoga os suspiros

Sentímonos en Líbano

Nunha guerra a peito descuberto

Contra un inimigo desapiadado.

Pasan os avións

As miñas costas rotas de dor

A miña loita interna

Contra o suor de dentro

Mestúranse neste noxo global

E só nalgúns intres

Podemos deixar saír o riso

Só nalgúns intres

Entre esta néboa provocada.

ir arriba 


ir arriba

Por que volves inferno?

Todo pode ir a peor

E ás veces así é

O meu corpo a miña alma

Atrapados unha vez máis

Na ansiedade negra

Mais todo pode ir a mellor

E cada pinga de sufrimento

Pode ser

Pode ser

Quero crer que poida ser

Un paso cara á tranquilidade

E o equilibrio perdidos.

ir arriba 


ir arriba

Ao mellor

 

Ao mellor unha pedra

É máis importante

Ca todo isto

Ao mellor non dar voltas

É a solución

A todo isto

Ao mellor non sufrir

Seguro, non sufrir,

É o principio da solución

E a fin, se tes conciencia.

Creo nos peixes azuis

E nas augas amarelas.

 

ir arriba 



ir arriba

Unha camisa de raias...

 

Unha camisa de raias

Leva unha viaxe loira

A través do tempo

Unha fuga do amor

En compañía ansiada

Un fulgor na mañá

Un ola!, un quérote!


A través do tempo

As noites van pasando.

ir arriba 


 

ir arriba

ÁS VECES ESQUÉZOME...

ÁS VECES ESQUÉZOME DO MELLOR DA VIDA.

 

ir arriba 


 

ir arriba

Non me esquezo...


Non me esquezo das horas que fan vida

Da pílula baixo a lingua

Da cervexa ao carón do mar

Da filla do meu corazón

Da muller que me fai vida.

Teño tanto polo que dar grazas

Tanto que nunca tivera soñado

Só falta a saúde

Que perdo e que me perde

Non me esquezo da esperanza

Dunha vida sen sobresaltos

Aínda que iso é a vida case sempre

Non podo esquecerme de loitar

Aínda que me sinta farto ás veces

Non me esquezo de que quero vivir

Vivir a marabillosa e dura vida

Que en horas vai camiñando.

 

ir arriba 



ir arriba

Entón


Entón sentir o agarimo

Da serpe esvaradía suave

Entón crer no aire

Que lento respiras

Chega a ra señorial

Das grandes únicas

Ocasións gañadas

E berras felicidade mol

Entre os dentes paixón

Ouh! Que marabilla é

En ocasións entón

VIVIR!!!

 

ir arriba 


ir arriba

ENTÓN REPRISE


ENTÓN

TOCO MADEIRA

CRUZO OS DEDOS

E AGARDO O QUE VEÑA.

 

ir arriba 


ir arriba

Pequecha


Unha pequecha con ás

Bolboreta dos sorrisos

Meniña de ollos grandes

Envolta en globos

Cores expresión de ledicia

Pequecha da mirada

Non te perdas

Polo camiñar

De perigos e sorpresas

Cheo.

ir arriba 


 

ir arriba

Outono, outono

 

Como quen non quere a cousa

Caladiño e aos poucos

Vas chegando outono,

Outono.

Co teu caer de follas repetido

Coas néboas, lembranzas de reuma

Coas primeiras choivas frescas

As tardes xa curtas

Xa non hai praia chiringo

Mais eu douche unha aperta

Como a túa choiva, fresca

E agardo o que nos depares

Quen sabe?

Só ti, outono,

Outono.

ir arriba 


 

ir arriba

Volver


Gardel canta coa "frente marchita"

E unha bágoa esvara lenta pola pel

Dunha cara máis morena

Que tornará branca e pechada.

Volver ao traballo cotián

Proba persoal, exames,

Petición de sosego

E calma.

Pídocho a ti,

Meu Gardel bendito.

 

ir arriba 



ir arriba

Agardando a Gordon


As árbores lentas móvense

un asubío de azucre queimado.

Agardas o furacán Gordon

treboada tropical vento

chegará din á noitiña

chegará fenómeno natural.

Ai! Quero aquel rabo de nube, Silvio,

que se levara todo o malo deste mundo

e nos deixara azucre limpo vivo.

Humanidade salvaxes dentes

cravados nos inocentes.

Gordon lévate a maldade

a inxustiza a eterna fame

a humana podremia.

Gordon sopra contra os indecentes

indignos inhumanos imbéciles.

Gordon asubía belas melodías

para decentes dignos doentes.

 

ir arriba 


 


ir arriba

Primeira semana de traballo

Ollando a máis minúscula materia

Perdendo o sentido na fuxidía incerteza

Traballo ás costas e ao corazón

Primeira semana vencida

Victoria axustada vencida

Só un prazo de tantos

Que quedan por pagar

Revivir folgos e cansazos

Revivir ilusións e medos

Traballo nas costas corazón

Perdo o sentido asexando

Por un futuro entreaberto

Quero que non acabes comigo

Que me refagas

Que me revivas

Que, cando menos,

Me deixes gostar

Os máis minúsculos sabores

De vida aberta.

ir arriba 



ir arriba

Jazz


Improvisa o río entre o seu caudal

Lixeiro e misterioso

Unha luz lámpada flash fugaz

A auga baixa glup glup

A sede marcha adeus adeus

Improvisa a trompeta na noite

Os beizos inchados e negros

Música para almas penitentes

Impenitente molestia

Impertinente aviso

Paz na noite no río

Na auga nos beizos inchados

E negros de puro jazz.

ir arriba 



ir arriba

Non quero

Non quero perderme nesta loita

Non quero, simplemente, perder

Falo da gran batalla

Non da perda ocasional

Da dor que logo escampa

Perdín esta batalla

Mais non a grande,

A guerra interna

Esa aínda ten folgos

De esperanza e convicción

Non completa, por suposto,

Pero "here I go", aquí vou

Entre acordes e angurias

Contigo, meu amor,

Non fagas caso do que o meu becho

Poida dicer cando estea no fragor

Dunha perda entre sables picando

Picando os poros as veas da pacienza

Meu amor, xa sabes,

Quero seguir contigo da man

Nesta troula eterna

Que nos consume

E nos enche de maxia.

¡Veña, vamos, podo!

Creo...

ir arriba 



ir arriba

Se puidera

Se puidera aplacar a túa dor

Se puidera queimar o pasado escuro

Se puidera comezar cun sorriso

Se puidera ser rosa para ti

Se puidera ser quen non fun

Se puidera escoitar o que non escoitei

Se puidera facer o que non fixen

Se puidera non facer o dano que fixen

Se puidera ser outro

Se puidera esquecer

Se puidera facer que esqueceras

Se puidera volver de novo

Se puidera ollar con outros ollos

Se puidera cambiar aqueles días

Se puidera mudar tantas palabras

Se puidera limpar o meu inferno

Se puidera facerte moito máis feliz

Se puidera se soubera

Se podo aprender aprenderei

Porque ti es a única cousa

O único que me amarra a esta vida

Porque ti es todo

O que fun o que son o que serei

Perdoa, amor

Perdoa, amor

Perdoa, amor

Perdoa, amor

Perdoa, amor

Síntoo tanto

Tanto tanto tanto!!

Quérote

Quérote

Quérote

Seino pola vertixe

De só pensar na túa perda

Necesítote para respirar

Andar camiñar ser sentir

Meu amor, agardo por ti

Agardarás por min?

 

ir arriba 



ir arriba

Fugaz

Mañá no coche

Cara ao traballo

Loita o papeliño publicidade

Véxoo polo retrovisor

Loita por non desprenderse

O aire golpea

As súas letras

Acelero

Alá o vai

Fugaz voo

Fugaces palabras

Alá o vai

Cara o chan

Eu sigo

Mañá no coche

Cara ao traballo.

ir arriba 



ir arriba

Pingas

Pequenas pingas de felicidade

De paz esvaradía entre os beizos

De paixón e sorriso

Pequenas doses de ledicia

Ela e el el e ela

E a nena fala ao lonxe

Muller xa,

Nosa gran razón,

Pequenas pingas que mollan

Corpos secos pola batalla

Renovados e húmidos

Por un tempo,

Tal vez curto,

Indefinido,

Mais tempo

Glorioso

Sinxelo

Que pasa

E pasa

Tranquilo.

ir arriba 


ir arriba

Os días

 

Entre unha pomba amarela

E un corvo rosa

Deixo caer as miñas ás

Do porvir.

Cada día é un impulso

Unha vexetación que abafa

Afoga alenta anima ou

Atormenta.

Cada día os paxaros voan

E as alas do porvir

Resisten.

ir arriba 


ir arriba

Pequenos pesos

Chegan os pequenos pesos

As resistencias á liberdade clara

Os inconvenientes cotiás

Que van caendo na balanza

Tentando manter a calma

Manter o equilibrio

Pesos que pesan

Pesos que pasarán

O importante será

Que non deixen máis pegada

Da necesaria

Da lóxica

Da imprescindíbel.

ir arriba 


ir arriba

Transformación

A pegada foi máis

Da agardada.

Innecesaria.

Prescindíbel.

E agora as costas

Transfórmanse en pedra

En ferro fundido

Na suor impenitente

Nos dentes apertados

O traballo é máis duro

Como os días e as súas

Noites

Case somnámbulas.

Agora concéntrome en saír

En tirar para diante

Concéntrome en non

Concentrarme tanto.

Responsábel pendente

Atento alerta

Para un pouco, ho!

Para un pouco

Respira fondo

Todo irá pasando

Toca madeira

Respira, respira.

ir arriba 


ir arriba

Por que?

Por que tes que sufrir?

Nosa preciosa

Por que as cousas

Ás veces son tan difíciles?

Tan complexas nunha roda

Que dá e dá voltas

Nosa vida

Ten coidado co becho xenético

Que por sempre me persigue

Ten coidado,

Escoita á nosa esperanza

Escoita nosa nena

Busca a túa paz o teu futuro

Hai días nos que a loita

Semella semella en van

Pero non

Queridiña nosa

Non, loita e loita

Hai fermosas recompensas

Tesouros claros e limpos

Que sempre agardarán por ti

Por nós.

ir arriba 


ir arriba

Unha flor...

Unha flor murmura

Historias épica e cianuro

Dúas pingas de tormenta

E un corazón de marmelada

E SOÑOS.

ir arriba 


 

ir arriba

Mortiños

Meus mortiños,

Aquí estades

Un ano máis

na escasa memoria

que vos debo.

Nosos mortiños,

Nai amigos compañeiros

De viaxe azar e loita

Aquí sigo

Apertando dentes

Humedecendo beizos

Compartindo pasteis brillantes

E negrumes tristes

Cos que amo e

Cos que vivo,

Xogo, traballo,

Ata río.

Cada día,

Mortiños,

Sodes máis

E o camiño

É máis próximo,

Máis curto amigos.

Agardade en paz

As nosas beizóns

Por sempre

Sexa ou non sexa

Por sempre

Bicos.

 

ir arriba 


 

ir arriba

Lixeiro


Vai pasando o outono

Lixeiro, como as follas caendo

Entre un baño salgado e fresco

Na mar reencontrada

Entre brumas de fume

Compartido coa esperanza

Entre traballo necesario

E ata desexado ás veces

Vai pasando o outono

Aínda queda moito

Agradezo a calma o centro

De esguello adiviño vaivéns

Que nos levan entre a vida.

 

ir arriba 


 

ir arriba

Noite


Noite de electricidade

E tendóns retorcidos

De nervios insensatos

E pesadelos de electroshock

Cómo cambia a vida

Nunha noite

Cómo dá voltas todo

Nunha vida

Afouteza e paciencia

Unha vez e

Outra

Vez

Máis.

ir arriba 


 

ir arriba

Teléfono pequerrecho


Teléfono pequerrecho

que baixiño falas

contando mil milagres

de xoguete e nata

murmurando palabras centos milleiros

quedamos? Ola? Óxido luz negro

pomba mar solución agardo

teléfono pequerrecho

marca o meu número

e dime

que todo irá ben

queres, riquiño?

 

ir arriba 


 

ir arriba

O vento e a chuvia


O vento e a chuvia azoutan o chan

Canso de pegadas esquecidas

E froitos sen pan.

 

Escoita cómo soño sen falar

Escoito cómo choras sen bágoas

Que caian ao mar.

 

Que caian ao río

Que caian á noite

Do meu desvarío.

 

Nena preciosa

Nena bendita

Colle o meu medo

E afógao entre ruínas.

 

Entre inmensas selvas

E tóxicas setas

Entre ouveos lentos

E oídos quedos.

 

O vento e a chuvia azoutan o mar

E eu comezo outro espertar.

 

ir arriba 



ir arriba

Unha baralla de números...

 

Unha baralla de números

Inexactos

Un estudo fugaz de brétemas

Imperceptibles

Un acoso infinito

Impenitente

Un afogo voraz

Imparábel

Unha corrupción mental

Irritante

6, 7, 31

Números

Ti, eu, nós, ela

Persoas

Que camiñan

Inestables.

 

ir arriba 



ir arriba

Lamento


Un lamento fuxidío

Unha breve bágoa

Un chorar compasado

Unha instintiva despedida

Un furtivo apertón

Un ollo vermello

Un can triste

Unha pena reencontrada

Un silencio lento

Unha impresión de perda

Unha negra lagoa

Un desafío viscoso

Unha pelexa comigo

Un desenlace ignoto

Unha vella coñecida

Un ola e un adeus

Nunha mesma boca

Nuns mesmos beizos

Queimados.

 

ir arriba 


 

ir arriba

Ánimo

 

Levanta os ollos

E mira a chuvia

Caendo con furia

Sobre os campos

Olla o río

Pleno de nova vida

Olla a túa vida

Plena de novas pingas

Que renovan

Animan

Hilozoísmo vital

Ámbar reflectindo

Renovadas ilusións

Renovados camiños.

Levántate e anda!

Xa sabes que non hai deus

Xa sabes que hai esperanza.

 

 

ir arriba 


 

ir arriba

"En busca do lume"

Niveis xerarquía

Alimento carne peixe

Paisaxe marco cadro

Animais película lista

Festivo ritual noite

Homínidos tribal ancestral

Enerxía liberación lonxe

Piedade alegría risa

Intimidade tristeza pudor

Paleolítico economía misterio

San Xoán fogueira lume

Kenya Escocia Italia

Ornamento recipiente ferramenta

Lume lume lume

"En busca do lume"

esa é a película

que traballamos.

 

ir arriba 


 

ir arriba

O día do Río do Con (18-XI-06)

Enchido o río

Con esta chuvia pertinaz

Implacable

Na súa crecida

Acomete o mundo a riada

Que anega todo

Ata os sentimentos

Nesta vila

Acontecemento non previsto

Somos noticia,

Meu noso Río don Con

Noticia de primeira

En radios, televisións

Que só oíran de nós:

Narcotráfico.

Hoxe é día grande

Festa auga

Inesperada

Os patos nadan polo parque

Os coches nadan polas rúas

As miradas atónitas

Incrédulas

As palabras líquidas.

Pensar unha vez e outra

Na forza da natureza

Que non fai distingos

Pensar que isto foi só

Un dos seus leves avisos.

Pedir que non veña

A súa forza desatada

Tremores, incendios, treboadas

Recorrentes.

Convencemento:

Que pouca cousa somos!

 

ir arriba 


 

ir arriba

Quen son?

 

Sabes quen son

Non teño xa

Máis máscaras

Máis tristes enganos.

 

Sabedes quen son

Non teño xa

Palabras estúpidas

Acenos mentireiros.

 

Saben quen son

Non hai falsas novas

Nin vellas estrataxemas.

 

Sei quen son?

Niso ando

Na última fronteira,

Non, na penúltima,

Do que non sei que agocho.

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

Amarte

 

Amarte é vivir

Miña MONROU

Amebiña que brillas

Entre pedriñas de cores.

 

Amarte é seguir

Este camiño xuntos

De papoulas bolboretas

Ocres horas

Brillantes días.

 

Amarte, compañeira,

É todo

Todo nunha palabra

Que enche a pupila

Desorientada

Dilatada

Polo cansazo e o fulgor

Da vida.


ir arriba 




ir arriba

A vila anegada

 

A vila anegada toda

A terra é río

Os coches flúen pola riada

Ela, eles, fóra do fogar

Que semella inalcanzable

Por mor da auga brava.

 

Piscina diante dos meus ollos

Outra vez patos e contedores

Nadando antinatura

E unha ansiedade vital

Que aquí agardaba

Para devorarme por dentro.

 

Chega a noite

Baixa o malestar

Interior e exterior.

 

Chega a mañanciña

Como podo camiño entre lodo

E un cheiro brutal a petróleo

As botas enzóufanse

Nunha lama noxenta

As xentes limpan

Negocios, baixos, casas

Anegados

Como a vila toda.

 

De novo, a mesma convicción

De hai dez días, dez meses, dez anos...:

Que pouca cousa somos!

 

 

ir arriba 


ir arriba

Déixame...

 

Déixame falar baixiño

Das palabras graves

E fondas

Que masturban a calma.

 

Déixame escoitar

Os berros xordos

Dunha flor anguriada

Nun gris outono.

 

Déixame ir contigo

Ao país da paz

Envolta en azucre

E viño quente.

 

Déixame volver

Ter aquel sorriso

Parvo e inocente

De cando nos mirabamos

Sen pensar.

 

Déixame estar contigo,

Non me deixes.


ir arriba 



ir arriba

Pescozo

 

Tensión que bloquea

Doente

Pescozo.

Enloitado na súa propia sombra

Doente

Pescozo.

Cada movemento un aviso

Doente

Pescozo.

Cada xiro unha punzada

Doente

Pescozo.

 

ir arriba 


ir arriba

Fíos


Fíos que encadean a maxia

Transforman a paz en loita

Atrapado no labirinto

Buscando a saída entre óxido

E un fervente desexo

De camiñar sobre neve branda

E chegar á normalidade

Dun corpo horizontal

Respirando lento e profundo

Descansando entre almofadas

Que agariman a tranquilidade.

Todo chegará

A náusea o riso

O esperado o intuíbel

O sorprendente.

Fíos que apertan

Afrouxan

Afrouxan

Apertan

Apertan

Afrouxan

Nun eterno retorno

En pequerrecho.


ir arriba 



ir arriba

Círculo aberto

 

Bocas que devoran

O sol da inocencia.

Inocencia que descubre

A noite do soño.

Soño que alumea

A habitación dos esquecidos.

Esquecidos que tecen

O loito da esperanza.

Esperanza que imaxina

O mundo das loucuras.

Loucuras que agochan

O frenesí da loita.

Loita que lembra

O hipotético sosego.

Sosego que devora

O festín das bocas.

 

 

ir arriba 


 

ir arriba

Sentidos

 

Transmitir unha doce ilusión

Beizos de mel

Encaixar o estraño mundo

Ollos de luz

Atrapar o segredo máxico

Orellas de silencio

Botar unha fonda calada

Boca de paz

Agarimar o único gato

Mans de pracer

Intuír a suave pel

Dedos de algodón

Saborear o queimado azucre

Lingua de nube

Afundirse na sutil fragrancia

Nariz de soño

E, á fin,

Recoller os sentidos

Nunha caixiña pequena e amarela

E podela abrir

Sempre que queiras.

 

ir arriba 


 

ir arriba

Seguir

 

Seguir na procura

Da saúde relativa

Do amábel benestar.

 

Seguir no proceso

De afastar pantasmas

De enfermidade e nervio retorcido.

 

"Todo pode cambiar",

di a miña linda ameba

deixando caer unha verdade

que sintetiza mil esencias.

 

Así que seguir

Aguantando a treboada interior,

O desconcerto,

A inseguridade pertinaz.

 

Seguir fronte ao inestábel

Desasosego

Aguantando épocas reviradas

Agardando cambio

Que traia,

Ouhhh!!,

A quietude relativa

O nervio controlado

A superficie, o fondo

Limpos e calmados.


ir arriba 



ir arriba

Dime por onde

Dime por onde debo

Seguir a miña vida

Apértame as entrañas

Mentres miro aquí dentro

Hai alguén agardando?

Hai alguén agardando

Por min?

Busco a senda do paraíso

Que atrás quedou

Entre espiñas e malas noites

Busco a senda

Que me leve de novo

Xunto a ti

Atopar o universo

En equilibrio.

Tan só somos

Personiñas

Que cargamos

Co noso peso

Ano tras ano

Tentando atopar

O segredo da paz

Interior.

Loito e festa

Supoño que debo

Seguir a miña vida

Sen preguntarme

Por onde

Cara onde

Tan só

Xunto a ti

Xunto a vós

Camiñantes

Impenitentes.

 

ir arriba 


 

ir arriba

Mira ao home cos solitarios ollos...

 

Mira ao home cos solitarios ollos

Cuspe noxo na súa mirada

É unha peza definitiva do crebacabezas

É un pouco da miña vida

É hora de volver ao fogar

Doce fogar

Here we go!!

Adiante, adiante,

Hop! Hop!

Serei feliz

Mentres viva

Bótalle unha ollada ao home con solitarios ollos

Está sorrindo para ti e para min.

 

ir arriba 



ir arriba

Ocasións


Ocasións para atopar unha renuncia

Para salvar unha mirada entre tebras

Un luminoso crepúsculo sen deuses

Unha fuxidía roda imparábel

Ocasións para non perderte

Para amarte en cada bico

Para ser tan parvo coma sempre

Unha mañá espertará o soño

E colocarei un lazo lila no teu sorriso

E felicitarei ao mundo por ser grande

E á felicidade por ser tan pequena e linda

Coma ti.

 

ir arriba 


 

ir arriba

Supostos sabios


Falan os supostos sabios

Das súas certezas infestadas

Definir a angustia

Vivila en cada intre

Atravesar unha araña de dez patas

Cunha pata afiada como agulla mortal

Murmuro o nome dos esquecidos

Berro os nomes dos que matades

Noxenta política de patacón

Barata

Noxenta occidente oriente Bush diaño renacido

Falan os supostos sabios

Das súas atómicas maxestades

Hai un halo de estupidez nas súas linguas

Que medra ata facerse insoportábel

Marchade coa vosa hipotética sabedoría

Ás covas, acubillos dos febles revirados

Marchade e non voltedes

Quen carallo vos precisa?

Nós non, non, non, non máis.

Non máis.



ir arriba 


 

ir arriba

Batallas

Aprezo a conciencia dos derrotados

Que erguen a cabeza con brillo de futuro

Nos seus ollos

Nin un fulgor de resentimento.

 

Aprezo a conciencia dos vencedores

Que erguen a mirada con luces de ledicia

Nos seus ollos

Nin unha intuición de rancor maldito.

 

Aprezo a conciencia dos observadores

Que baixan a cabeza na carnicería

Nos seus ollos

Nin un sinal de aprobación.

 

Entón sabes - proceso irrefreábel -

Que nin vencedores nin vencidos

Nin brillos nin luces nin fulgor

Tan só os verdadeiramente conscientes

Sosteñen o misterio da mísera esencia humana.


ir arriba 



ir arriba

Teoría

 

Identidade ínfima

Aceptación valiosa

Capacidade de amar.

Egocentrismo

Desprotexido e abandonado.

Seguro e confiado.

Sei quen son.

Supoño.

Non sei o que quero.

Supoño normal.

Etapas da vida

Fases de desenvolvemento

Non máis teorías

Quero unha época digna

Nas nosas vidas

Non preciso épica

Só que perdure a relativa

Estabilidade.

 

ir arriba 


 

ir arriba

Praxe

 

Tocar, sentir, vivir,

Pensar, facer, loitar,

Rir, chorar, durmir,

Espertar, avanzar, camiñar,

Entender, rifar, comer,

Cagar, mexar, mollar,

Sacar, tirar, recoller,

Afundir, subir, baixar,

Amar, soñar, saltar,

Buscar, atopar, perder,

Querer, adorar, odiar,

Contemplar, pechar, abrir,

Cheirar, tocar, saborear,

Correr correr correr

Descansar descansar descansar

E tantas cousas máis

Que fuxindo veñen e van.

 


ir arriba 


 

ir arriba

Perdida chamada

 

Introduce un euro

E chama a algures

Na súa seria cara

O fastío.

 

Escoita os sinais

Ritmo decadente

Agarda a resposta

Mais só

Contestador automático.

 

Colga o teléfono

Introduce máis tristeza

En algures dentro dentro

Os sinais perséguena

Polas rúas baleiras

Acabará o día

Máis soa

Máis triste

Ca onte.

 

ir arriba 



ir arriba

Positivo

 

Representa a situación

Dende unha nova perspectiva

Imaxina unha obvia instantánea

Da túa vida

Reflexiona sobre o traballo

O amor a amizade

A partir dun novo concepto:

O POSITIVO

"Be positivo, my friend"

Todo irá mellor.

 

ir arriba 


 

ir arriba

Outro Nadal

 

Non se escoitan campás aquí

A calor quere vencer o frío

A tranquilidade loita co nervio

Coas ausencias co esgotamento

Cada ano reunidos

En torno á cea saborosa

As miñas elas o meu vello

Velliño, historietas de hai tantos anos

Non se escoitan campás aquí

E entre luces de Nadal nos ollos

Camiñamos na procura

Do bendito sosego

Da bendita risa.



ir arriba 



ir arriba

Oxalá


Oxalá teñas fame de aventura

Oxalá busques sempre a verdade

Máis sabendo que todo é relativo

Oxalá permanezamos xuntos de por vida

Sempre que iso siga significando amor

Oxalá non se perdan os paxaros, as árbores,

As follas, o mar, a luz, a escuridade, a calor,

O frío, a lúa, o sol,

O universo vivo que nos rodea.

Oxalá a fame, a guerra, a inxustiza

Cheguen algún día a ser palabras en desuso

Oxalá nosa nena medres coa felicidade precisa

E a saúde necesaria.

Oxalá este mundo sexa máis humano,

Cando humano signifique nobre, solidario,

Comprometido, coherente, boa xente.

Oxalá desaparezan as malditas relixións

Porque xa o humano o cubra todo

E non sexa precisa droga doutros mundos.

Oxalá viva para ver e sentir iso

Xunto a vós, aos que quero e aos que hei querer

Algún día.

 

 

ir arriba 


 

ir arriba

O Oráculo I


O oráculo revelou o segredo:

Non hai vendas suficientes

Neste mundo

Para tapar os ollos

Dos ofendidos.

 

 

ir arriba 


 

ir arriba

O Oráculo II

 

O oráculo revelou o segredo:

E seguirás loitando día tras día

E esa será a chave, a razón, o sentido

Da túa vida.

 

 

ir arriba 


 

 

ir arriba

O Oráculo III

 

O oráculo revelou o segredo:

Non hai beleza máis grande

Neste mundo

Como a beleza da complicidade fonda

Compartida.

 

 

ir arriba 


 

ir arriba

Reconto

O ano marcha lento

Con el as palabras

Os feitos o sentido

Durante doce meses

Que un tras un foron caendo

E nós con eles

Arriba e abaixo

Abaixo e arriba

Agora miras pola ventá

E outro ano está nacendo

E desexas que non traia

Moito sufrimento moita dor

Só a dose necesaria e soportábel,

Por favor.

E desexas seguir con elas

Amor e cariño

Poder ter soños

Poder ter esperanza

Poder ter fortaleza.

O que sexa será...

E unha vez máis repites

As palabras dela:

"TODO PODE CAMBIAR"


 

ir arriba