D

Creación Semanal - Palabrasplus 2019ir arribair a portada cp 2019

XANEIRO

Coma non, sempre o folio en branco!

 

 

 


 

 

ir arriba Coma non, sempre o folio en branco!

 

Hai frautas que asubían raras melodías. A muller, o home, camaradas no longo camiño. Ela, tan lonxe.

 

Gustaríame xuntar palabras que signifiquen algo. Algo importante, transcendental, inmenso, vivo, sangue, doce, escordadura mental, equilibrio, tráfico, atafego, soidade, amor, tenrura, noxo, inquedanza, nervio roto.

 

Gustaríame voar sobre as penas inxustas desta indigna humanidade. E chorar, chorar moito moito moito durante moito moito moito tempo e anegar cun salgado agarimo toda a desesperanza, a inxustiza, a desesperación, a fame, a guerra, a humillación, a desigualdade, a sede, a alienación que goberna o mundo.

 

Gustaríame contar un conto dunha princesa que non precisa de ningún macho alfa príncipe, un conto para todas esas princesas que implacablemente morren cada día. Impávido observo un novo asasinato, violación. Un conto de princesas sen medo á noite, ao patriarca monstro.

 

Gustaríame chegar a algures.

Cheguei.

Que vexo?

Que sinto?

 

A noite cae sobre os lombos de mil pequenos lentos caracois. Viscosos. Todo o que fago, todo o que fixen, todo o que tal vez farei cuberto por esta escuridade. Queda a luz da historia. O xuízo derradeiro de fama, éxito, mediocridade ou gloria.

 

Hai algas de cores resplandecentes saudando nun océano cuberto de plancto incandescente, o meu corpo mergullado na fondura abisal, o meu corpo na superficie da gran ola, a miña mente no remuíño da escuma branca. Amar, perder. Non ser. Ser. Perder. Gañar.

 

Todo segue ou case todo. Non cantarei vitoria. Berrarei un lamento doce e suave polos nosos espíritos de cicatrices cheos, vivir, loitar, camiñar, perderse na música na eterna compañeira nesa música que agora escoito neste circo serio de sons que alzan este neno interno ilusionado por outra nova repetida canción e outra.

Non sei. Compañeiras, compañeiros, temos moito, demasiado traballo e levamos toda a vida traballando moito, demasiado. Pagará a pena todo isto?

 

Non sexas parvo, as palabras, os sons, os fotogramas, o bico nos beizos, o seu sorriso, a súa limpa mirada, a nena do revés infinito, non sexas parvo, claro que pagou á pena, e tanto e tan inesperado!!!!!

 

Así que aprende a sintetizar!

 

Resume!

 

E cala, por favor, cala un pouco.

 

Vale, o que ti, quen sexas, digas.

 

Ás veces, só ás veces, son moi obediente.

 

Cala, déixao xa.

 

Vale.

 

 

(4-I-19)

 

ir arriba