D

Creación Semanal - Palabrasplus 2009ir arribair a portada cp 2009

AGRADECIDO

Esmeralda

O río

Escoitando "Voodo Chile"

Cansado

Houbo un día...

Escoitar o ruxido (ou acabei a novela á fin)

Volvo?

Caio

 


 

 

ir arriba Agradecido

 

A pesar da noite nos meus ollos, dos mil anos de emocional fracaso. A pesar dos días sen sentido. Estou agradecido. Estou agradecido por ter vivido. A pesar do meigallo interno, da bágoa repetida. A pesar do tempo sen sentido. Estou agradecido. Estou agradecido por ter vivido. Por estar vivo.

 

 

(26-I-09)

 

 

 

ir arriba


 

ir arriba Esmeralda

 

Esmeralda chamou á porta dos seus amores. Esmeralda non podía agardar un segundo máis.

Entrou na casa, el abriu lentamente a porta. Non podía agardar un segundo máis:

-Quéresme?

-Non.

E os seus soños de princesa remataron.

 

ir arriba


 

 

ir arriba O río

 

O río segue fluíndo. Hai peixes malos que atrapan a cabeza e morden as neuronas. Hai peixes lindos que traen un sorriso e unha caixa de esperanzas. O fondo sempre está presente, aí, latexando, alerta, chumbo pesado. A superficie hoxe está axitada, como case sempre nesta época, ás veces, semella que estas sexan todas as épocas. O río ten árbores nas súas beiras. Acompañan o camiño lento. Ves o paxaro ao lonxe? Sobrevoa o río. Relativiza. Paxaro, diso se trata, xa o sei.

 

 

(23-II-09)

 

 

ir arriba


 

 

ir arriba Escoitando "Voodoo Chile"

 

Escoito “Voodoo Chile”. Sempre penso, cómo estará gravada esta versión, en directo?, en directo nunha especie de estudio?, algo así porque soa excesivamente ben. Escoitando “Voodoo Chile” as miñas neuronas escapan por entre lategazos de guitarra e unha voz lenta que vai devalando frases. Teño a sensación de estar aquí diante do teclado como un privilexiado. Eu, que son? Quen son? Eu, proxectos sempre por acabar, días sen gloria de caramelo doce con sabor a fogar. Fogar. Doce fogar, ás veces. Isto xa o escribín antes, nun antes no que tiña unha IMAXE de Manuel Seixas que facer. Fíxena? E agora, cánto coincide do interior coa imaxe? Quen credes que son? Quen creo que son? “Gente positiva, ha, ha, ha”. Xa sabedes: hai alguén aí? “Is there anybody out there?”, os Pink Floyd, o Muro tan cercano, que doe tanto de verdade, Roger, doe moito. Poñendo tiritas, poñendo tiritas, poñendo tiritas estou e “Voodoo Chile” é agora unha que vai virando sobre si mesma e os sons van pasando fugaces e penetrantes, a azul sensación de ter estado alí, todo é son e cores e unha paz de ledicia que mira un campo verde, verde intenso. Reverberación. Guitarra que racha en ondas. Son un “voodoo chile” pequecho e asustado. Non me deixes, por favor.

 

 

(5-III-09)

 

 

 

ir arriba


 

ir arriba Cansado

 

Cansado de días que non dan pasado. Cansado de minutos, horas que caen plúmbeas sobre un inseguro eu. Non quero escribir isto como derrota. Non. Non. Aínda non. Aínda non. Darei un penúltimo paso, suspirarei un penúltimo folgo, tentarei un penúltimo intento, procurarei unha penúltima saída, abrazarei unha penúltima esperanza. Teño que saír. Teño que saír. Ai alguén aí?

 

 

(26-III-09)

 

 

 

ir arriba


 

ir arriba Houbo un día...

 

Houbo un día, aínda que só fora un, no que a normalidade cubriu as ondas da vida. Ondulacións imparábeis que te levan ao remuíño negro. Pero houbo un día, aínda que fóra so un, no que encaixaban as pezas da lentitude do pesar transformado en calma. As sereas nadan nas ondas da vida. Colle un peixe verde e báñate nun mar amarelo, de compaixón, de ser excelso no límite da personalidade. Non es vulgar, podes ser moitas cousas, pero non es estupidamente vulgar, aínda que sexas estúpido. Así que, colle o peixe coas dúas mans e cómeo cru, como se fose o derradeiro alimento que inxeriras na túa vida. Cólleo e sal do remuíño. Sal, por favor. Sal. Sal.

 

 

(22-IV-09)

 

ir arriba


 

 

ir arriba Escoitar o ruxido (ou acabei a novela á fin)

 

Escoitar o ruxido que chega ante os meus ollos. Un latexo dun corazón tolo e valente. Unha pinga da suor de cada día. Unha sublime esperanza. Traio as mans baleiras cheas de proxectos a medias. Conseguín acabar algo. Pagará a pena? Si, só o feito en si é xa máis que suficiente. A calidade e as neuras que contén a orixe son cuestións que non deben entrar no meu debate interno. É o que é. Só sei que ás veces, cando facía a orixe escoitei ruxidos diante dos meus ollos e hai suor, moita suor e esperanza, moita esperanza, e mans baleiras cheas e escoitei trasnos que me falaban e as palabras xorden soas, con vida propia e o tempo implacábel. Todo iso contén a orixe. A ver se vos gusta o ruxido do león medio durmido.

 

 

(21-V-09)

 

 

ir arriba


 

ir arriba Volvo?

 

Volvo dunha viaxe de pesadelo negro. Volvo? Dun camiñar de fatiga e noite eterna. Dunha suor fría como a noite eterna. Volvo? Fun feliz un día. Xa é máis do que nunca soñara. Chegou a época da esperanza? O rexurdir de novo? Non sei. Atento agardo acontecementos, días nos que a náusea mortal non me devore, días nunha paz, mellor dito, nunha tregua? Os caracois seguen lentos pola autoestrada, a calor é brutal e os homes que traballan ao sol pensan morrer un día máis. O mundo do capital e a miseria. Hai máis xente ca min. Xa o sei.

 

(25-IX-09)

 

ir arriba


 

 

ir arriba Caio

 

Un intre triste como unha bolboreta violeta que percorre as túas bágoas, miña nena, miña rapaza lora, qué foi o qué fixen, quen son neste deserto de chuvia interminábel, non podo falar, non podo falar, as palabras saen mortas da miña boca ou non saen, eu quero sentir o teu amor preto de min, que non veña máis a tristura que nos abandone o abandono, amor, amor, dáme a man, dáme a man, amor, aínda que iso poida que non sexa dabondo, poida que sexa tarde, quen sabe, poida que as nosas almas estean demasiado rotas, qué é o que fixen, meu amor, a ónde levei a miña loucura, a ónde?, ata qué punto indefinido da dor?, ata que pesadelo frenético na noite? Hai arañas e bechos que me miran, Kafka sorrí cheo de medo e eu gardo algún que outro recordo do que un día foi, dos amigos que morreron dos que están ao meu carón dos feitos sen facer das ilusións que irei atopando dos soños que irei retomando da vida da vida xa sabes resistir é unha vitoria.

 

(23-XI-09)

 

ir arriba