TAREFA TEXTOS PÁXS. 21-22 DOS APUNTAMENTOS

Despois de ler os seguintes textos de Carl Hempel (páxs. 21-22, apuntamentos Unidade 1) e de Rosa Montero (páx.22 apuntamentos), contesta as oito preguntas propostas:

TEXTOS:

Unha investigación histórica

Ignaz Semmelweiss, físico de orixe húngara, realizou entre 1844 y 1849 certos traballos sobre a febre puerperal. Como médico da Primeira División de Maternidade do Hospital Xeral de Viena sentíase angustiado porque unha alta porcentaxe de mulleres que tiñan dado a luz na súa división contraía a enfermidade febre puerperal ou febre de sobreparto. Neses anos, unha media do 8% de nais morreron na súa división por esa enfermidade, contra un 2% que adoitaban morrer en outras divisións. Para resolver o problema empezou por examinar varias explicacións do fenómeno.

Unha opinión amplamente difundida atribuía as olas de febre puerperal a influencias epidémicas que se describían vagamente como cambios atmosférico-cósmico-telúricos. Pero, como —argüía Semmelweiss— podían eses cambios ter infectado durante anos á súa división respectando ás outras? As epidemias de cólera non eran tan selectivas.

Por outro lado, moitas mulleres sorprendidas polo parto en plena rúa adquirían a febre en menor proporción que as mulleres da súa sala. Segundo outra opinión, o amontoamento podía ser a causa das febres, pero o amontoamento de mulleres era maior noutras divisións do hospital que na súa. Semmelweiss descartou igualmente as posibles diferenzas de dieta alimenticia e de coidados xerais, xa que ambos eran idénticos en todo o hospital.

Acudiuse a varias explicacións psicolóxicas. Unha delas mencionaba que o sacerdote do hospital, cando portaba os últimos auxilios para unha moribunda, sempre atravesaba a división primeira.

En 1847, a casualidade deu a Semmelweiss a crave para a solución. Un colega seu, Kolletschka, recibiu unha ferida penetrante nun dedo, producida por un escalpelo co que un estudante estaba practicando a autopsia dun cadáver, e morreu mostrando na agonía os mesmos síntomas que as mulleres con febre puerperal.

Por aquela época aínda non se descubrira o papel dos microorganismos nas infeccións, pero Semmelweiss comprendeu que a materia cadavérica que o escalpelo do estudante introducira na corrente sanguínea do seu compañeiro fora a fatal causa da enfermidade; chegou á conclusión de que esa tiña sido tamén a causa das mortes das mulleres da súa sala.

Carl Hempel:  Filosofía da ciencia natural  , Madrid, Ed. Alianza, 2006, pp. 16-20.

A tráxica historia de Semmelweiss

A súa incuestionable verdade [...] chocou frontalmente contra o cómodo e egocéntrico prexuízo dos xinecólogos: como ían ser eles, os santóns da ciencia e da saúde, os causantes da enorme mortaldade? As sociedades médicas de Ámsterdam, Berlín, Londres e Edimburgo condenaron as súas teorías. Ignaz foi expulsado do colexio médico e, en 1849, as autoridades ordenáronlle abandonar Viena. A partir de entón foi un paria, un apestado. Atacado por todos e desesperado pola certeza do que sabía, por esa verdade indiscutible e tan sinxela que tería podido aforrar centos de miles de vidas, foi perdendo os nervios pouco a pouco. En 1856, acurralado e horrorizado, publicou unha carta aberta a todos os profesores de obstetricia: «Asasinos!...» Tiña razón, os seus colegas comportábanse como criminais.

Semmelweis tiña razón, si pero non o poder, e os poderosos do seu tempo decretaron que estaba tolo e encerrárono nun psiquiátrico. En 1865, durante unha saída do manicomio, Ignaz afundiu un escalpelo nun cadáver putrefacto e logo feriuse a si mesmo. Tres semanas despois morría cos síntomas das parturientes. Foi un último e desesperado intento para convencer aos xinecólogos, pero o seu sacrificio non serviu de nada: tiveron que pasar cincuenta anos ata que a clase médica, aceptara os seus elementais conceptos de hixiene.

Rosa Montero: « Prejuicios asesinos  »,  El País Semanal  (20-11-2005).

1 .- Que é unha investigación científica? Sinala todas as hipóteses propostas por Semmelweiss para explicar as mortes na División de Maternidade do Hospital Xeral de Viena entre 1844 e 1849.

2 .- Que probas empíricas utiliza Semmelweiss para comprobar as diferentes hipóteses?

3 .- Por que os científicos da súa época rexeitaron o descubrimento de Semmelweiss?

4 .- A actitude acrítica e pouco democrática da comunidade científica cara a Semmelweis, é parecida á que adoptaron os teólogos cos herexes na Idade Media? Por que?

5 .- Cales son as características dun bo médico?

6 .- Por que o coñecemento da medicina transcende a división académica entre ciencias e humanidades?

7 .- Necesitan os científicos coñecer a historia para non caer nos erros do pasado?

8 .- É a curiosidade a mellor ferramenta contra a verdade establecida e a obsesión de estar no certo, cousas rifadas coa liberdade e a crítica necesarias para o coñecemento?