ManuelSeixasNeuroband, hoxe xa NEUROBAND, é un
milagre azaroso.
Despois de ter sacado o
disco “Presentimento” á rúa, pensaba facer unhas cantas (poucas)
actuacións de presentación do disco.
Pola dedicación á
editorial Madame Mir e ao estudio Fábrica de Luz, estaba máis pendente
da promoción e mínimos detalles dos libros de Emma e Daniel, e dos
discos de Dhais e Aínda, que do meu, e ademais esa dedicación produciume
un enorme esgotamento físico e mental.
Así que, decidín
aparcar (ao mellor definitivamente) o tema de sacar á luz viva “Presentimento”.
Tempo despois, nun momento
inexacto do 2002, coa miña cabeza noutras cousas, un ex-alumno e amigo:
Víctor, que forma parte do grupo “Fungo” da Illa de Arousa, díxome
que se algún día pensaba presentar o disco que contara con eles
se quería para facelo.
Aquilo animoume moito. Era
un reto máxico. Falei cos dous membros que tiña fixos dende o comezo
para unha posible banda: Xurxo (guitarra KD) e Santi (saxo KD). Pareceulles unha
gran idea.
Deste xeito, a formación
inicial ía ser: Víctor (guitarra, voz, coros), Xurxo (guitarra,
coros), Santi (saxo, coros), Alex (teclados), Manuel (voz, guitarra, manurotics),
Koko (baixo) e Mon (batería).
Pero Roberto (batería
KD), tamén se interesou moito no tema e ao final el pasaría a formar
parte da banda.
Con posterioridade, púxenme
en contacto coa nosa querida Paula (a técnica de son “oficial” de KD),
e puido estar con nós no primeiro concerto de presentación en Cambados
(Unha gozada!). Tamén contamos para ese día con Pablo, un gran músico
e amigo, que nos axudou cos teclados e coa súa profesionalidade.
Deste xeito xurdiu ManuelSeixasNeuroband, un estraño e compacto grupo interxeneracional (20 a 4...), onde se mestura
o mellor de cada un. Ou eso procuramos.
Ensaiamos venres e sábados
no local dos fantásticos “Fungo”, na Illa. Pasámolo moi, moi ben,
que é o principal. E estamos dispostos (se a miña neurose, gorxa,
costas e demais o permiten) a que disfrutedes con nós en directo do “Presentimento”
renovado e máis vivo que nunca (máis "cañeiro"
se queredes) e de algunha que outra sorpresa en forma de novos temas e versións.
Pretendemos ser “sibaritas”
: os concertos xustos (nada de forzar a máquina polo de agora), e cando
todos poidamos e nos veña ben. A prioridade debe ser a mesma dos ensaios:
gozar nós, para poder compartir esa sensación con vós.
Ou sexa, que se che interesa
todo este asunto “neuroband”, xa sabes, búscanos, que, de seguro, nos atoparás.
NEUROBAND
ROCK NEURÓTICO
POR SEMPRE ROBERTO
O venres 26 de setembro do 2003, Roberto Camba comezou a descansar por sempre.
Deixounos non só o noso batería, de Korosi, de msNeuroband, de tantos días e noites, o
batería máis imaxinativo, máis musicalmente cheo que coñecemos, o mellor de entre os
mellores, senón que nos deixou tamén, e, sobre todo, Roberto, o noso amigo, o que nunca
pasa inadvertido, o que quedará por sempre na nosa memoria, na nosa música, no noso
corazón, no medio de todos nós. No medio desta vida tan rara, máxica e cruel.
Tentaremos manter o teu espíritu coa Neuroband ata que poidamos. Sabemos que ti,
a pesar da dor, non abandonarías. Querémoste, Rober. "Pa qué".
O FUTURO (ATA QUE DURE)
DESPOIS DA MORTE DE ROBERTO, O 26/ IX/03, TIVEMOS VARIAS SESIÓNS DE "TERAPIA DE GRUPO", FALANDO, CALANDO, PENSANDO. SEGUIMOS, ABANDONAMOS? A PESAR DA DOR E DA AUSENCIA IMPLACABLE DE ROBER, DECIDIMOS CONTINUAR. PRIMEIRO TOCAMOS SÓ CON SAMPLERS-LOOPS. DUN XEITO CASE ESPONTÁNEO "APARECEU" NICO, O BATERÍA DE FUNGO, E TODOS COINCIDIMOS EN QUE TOCARA A BATERÍA CON NÓS. EL ACEPTOU. GRAZAS, NICO. ROBERTO É INSUSTITUIBLE, POLO TANTO, NON SE TRATA DE QUE NICO SUBSTITÚIA A ROBER, SENÓN SIMPLEMENTE DE QUE É UN MEMBRO MÁIS DA NEUROBAND. O SUCESOR NATURAL.
POR SORTE, ANTES DE QUE ROBERTO SE FORA A BAÑAR AO MAR DA AROUSA CON TODOS NÓS AQUEL TRISTE DÍA, DEIXÁRAMOS REMATADO O NOSO PRIMEIRO TRABALLO COMO NEUROBAND: MICROSE, QUE É, AO MESMO TEMPO, O NOSO NACEMENTO EN CANTO A GRAVACIÓNS COMO MSNEUROBAND E A DESPEDIDA ETERNA DESAS FANTÁSTICAS BATERAS DE ROBERTO.
QUEREMOS PRESENTAR MICROSE ANTES DE QUE REMATE ESTE ANO, POR ROBERTO E POR NÓS. ASÍ QUE A VER SE NOS XUNTAMOS TODOS NO NOME DA MÚSICA, DA VIDA, DA MORTE, DO TEMPO QUE PASA E O PASAMOS BEN. ESTÁ CLARO QUE TEMOS QUE DISFRUTAR, SEMPRE QUE SEXA POSIBLE, DE CADA PEQUENO E INMENSO SEGUNDO.
Á fin volvemos aos escenarios. O 30 de Abril do 2004, na festa despedida do pub Urbano na Arousa, xa con Nico na batera volveu soar msNeuroband. A partir de aí, Faber converteuse no noso mánager, e empezamos a ter concertos con regularidade. Case todas as fins de semana no mes de xuño! A destacar o concerto no Woodstock de Portonovo (gran cea, e grande Chis), e, sobre todo, o do 25 de Xuño no pub A Pera, foi a nosa confirmación como grupo "maduro e compacto", alí estaban Ana (a muller de Rober), o seu irmán Javier, e moit@s d@s colegas que sempre nos seguen e a quen queremos agradecerlles especialmente o seu apoio: Tante, Mayte, Marta, Pablo, Espe, Ale (gracias por levarnos o son e aturarnos, 555), e tant@s outr@s. Sen vós, qué sería de nós!!! E que vai pasar a partir de agora? Ninguén sabe o que vai deparar o futuro, pero estamos traballando para ser cada día un pouco máis grupo, seguiremos presentando "Microse" xunto con temas do "Presentimento" e agora a idea é comezar a traballar nos novos temas para ver de gravar o noso segundo traballo. Non se sabe ata cando, pero a historia continúa! msNeuroband está viva.
Despois dun 2005 cheo de sobresaltos (0 30 de xuño rompín o ombro e tiven que operarme e aínda hoxe Febreiro de 2006, ando coa rehabilitación a voltas), comezamos o 2006 con novos folgos e novos temas dos que podedes ver xa as letras; agardamos actuar dentro de pouco e coa man do noso mánager Faber e doutr@s amig@s, comezar a "rular" por aí adiante (e co meu ombro, he, he!). Que a NEURO vos/nós acompañe!!!
Tras dous anos de gravación, si, dous anos!! (2007-09), no estudio que Víctor Karallada, o noso guitarra montou na Illa, un luxo de estudio, KSF, fixemos a que foi a nosa toma de contacto antes de sacar o noso real primeiro disco á venda "PROCESO AMNIÓTICO", nun concerto solidario para o S.O.S. KOMAIRA, a causa ben o merecía, aínda que o son non fora o mellor. Agora, xa estamos a toda marcha para que poidades escoitar o noso traballo a finais deste 2009. Que así sexa!!!
XANEIRO 2011: SAE Á LUZ O PRIMEIRO DISCO DA NEUROBAND (DESPOIS DA MAQUETA "MICROSE" (2004): "PROCESO AMNIÓTICO"
Pois, á fin, foron tres anos de duro traballo e de longa espera (2007-2010), nos que nos dedicamos sen parar a "regravar" o "PROCESO AMNIÓTICO". PAI MÚSICA deu o seu OK e xa está editado!!, cun libreto ben que fermoso de 18 páxinas e 10 temas para os vosos oídos. Hai moita rabia e enerxía neste disco, moita vida envolta en todo el. Esperemos que vos guste.
XULLO 2012: PRIMEIROS DIRECTOS DO "PROCESO AMNIÓTICO" + DO NOSO PRÓXIMO DISCO: "VERDE"
Nun formato de Neuroband "compacto" que nos gusta moito: Édgar-Koko (baixo), Nico (batería), Víctor (guitarra), Manuel (guitarra, voz) gravamos no KSF a finais de Xullo do 2012 un concerto en directo para a Radio Galega Música. Foi impresionante!!!!
Unhas semanas antes tocamos a Neuroband "extended" con Xurxo (guitarra, coros) e Santi (saxo, coros) no "Arde Caldas". Non foi "a mellor experiencia da nosa vida", precisamente, pero si a vez que máis tarde tocamos en directo. E ademais, TIÑAMOS QUE TOCAR!!
SÁBADO 20 ABRIL 2013: SUBIREMOS A YOUTUBE
(NEUROBAND AROUSA: http://www.youtube.com/channel/UCmuiRCbGS6MYukvA7ebDE3g?feature=guide )
E A ESTA PÁXINA A PRIMEIRA MOSTRA: "XADREZ" DO QUE SERÁ O NOSO PRÓXIMO TRABALLO:
"VERDE".
(SERÁ UN GRAN DISCO. POLO MENOS, NÓS CREMOS MOITO NEL).
OXALÁ VOS GUSTE!!!
PLAN: IR SUBINDO OS TEMAS UN A UN E AO REMATE FACER O DISCO "FÍSICO" (DESEÑO, LIBRETO, E, DE SEGURO, ALGUNHA SORPRESA SONORA...)
GRAZAS POR ESTAR SEMPRE AÍ!!
PRESENTACIÓN: “PARVO”
SEGUNDA ENTREGA DO DISCO “VERDE”
Ola, compañeir@:
No nome da NEUROBAND (rock neurótico para tempos neuróticos), quería facerche partícipe dun acontecemento para nós moi importante.
Despois do noso primeiro disco (“Proceso Amniótico”, Pai Música, 2011) -como moi ben dixo a crítica: “Unha baixada aos infernos”-, chega agora o noso segundo traballo: “VERDE”.
Segue sendo “NEUROBAND” , (iso non hai quen o “arranxe”, son moitos anos na fronteira!), pero tamén é unha saída deses infernos, unha pequena verde esperanza que floreceu, florecerá e que seguramente é o único que a tod@s nos queda.
Este sábado 2 de Xuño, aparecerá en youtube, como NEUROBAND AROUSA (si, facemos música, risas e bágoas nun paraíso en forma de illa):
https://www.youtube.com/watch?v=e2N_POLx4e0
e na miña páxina web: www.manuelseixas.com (moi velliña e moi cheíña), a nova entrega: “PARVO” , deste noso segundo disco.
Se “Xadrez” pretendía ser algo así como un canto xeneroso, un “comparte con nós a túa soidade”, “Parvo” é o máis importante que aprendín en máis de 50 anos. Sufrir innecesariamente, facer sufrir á xente que máis queres e que te quere, é de “parv@s”. Non sexades parv@s, por favor. Eu caín na autoinmolación, fíxenme e fixen moito dano. Agora, á fin “Sei que non quero non ser feliz”.
A nosa idea, como xa vos dixen, é ir subindo á rede ao longo deste ano, os temas que compoñen “VERDE”, que logo converteremos en “obxecto físico” (para nós o concepto “disco”, como obra unitaria, aínda segue a ser importante) co seu deseño gráfico “ben traballadiño”, as súas letriñas, e, de seguro, algunha sorpresa sonora.
Só pretendemos tentar espallar o traballiño duns cantos “tolos” que cren na música, e en galego (a quen se lle conte!) como salvación persoal e social, íntima soidade compartida.
Manuel Seixas.
Neuroband.
Xuño do 2013.
ABRIL 2015: TRAS DOUS ANOS (2013-15) DE DURO E FERMOSO TRABALLO
"VERDE" ESTÁ REMATADO!!!
AGARDAMOS QUE PRONTO POIDADES VIAXAR POLA ESENCIA E O LEGADO FINAL DA NEUROBAND.ATA SEMPRE. GRAZAS!!!