Ao longo da miña traxectoria coma músico teño tocado cono moita xente e compartido momentos máxicos e tamén penosos con admirados músicos e compañeiros. Por iso unha dedicatoria básica de "Presentimento", é para todos aqueles que "compartiron soños e frustración comigo ao longo de todo este tempo". Da maior parte dos proxectos só hai constancia en maquetas ou K-7 publicadas algunhas xunto a fanzines. Así pasa co material de "La Vieja Táctica", ou do primixenio "Dholmen" (¡por favor, xente da antiga compañía "Ruada" que nos íades gravar un disco nos finais 70, principios 80: ¡buscade unha cinta-maqueta que vos enviamos! Sei que é difícil. Chamei por teléfono a Pedro Gómez de Souza, que amablemente tentou atopala, ¡por favor, Pedro ou quen sexa tentádeo unha vez máis! É moito máis que importante para nós escoitar aqueles vellos temas que somos incapaces de lembrar e repetir. ¡Por favor! Sería todo un "detallazo".
Cousas como un fugaz grupo "Madame Min" xunto a César morais ou "Hipercerdos", xunto a Roberto Camba aparecen nunha K-7 do "I Asalto Rock", un festival feito en Vilagarcía coa vitalidade de fondo dos corsari@s. De "Moluscos Depurados" non hai constancia sonora pasable, nin dun tremendo concerto con Xelís de Toro, Pepe Sendón e demais en Santiago. ¡Fantástico!
Ultimamente colaborei coa miña guitarra para un disco de "Emilio Cao",
todo un honor, e, sobre todo, nos "Coro
de Rozadores de Santa Cristina de Viso", nos que toco a guitarra e fago
coros, e cos que gravei algúns temas para cd´s que acompañaban
á revista "Bravú". Ensaiamos basicamente por teléfono
e todo resulta divertido e fresco. Xente do melloriño, con Johny Rotring
como cantante punky estelar á cabeza.
Nos directos faciamos un pouco de todo, aínda que a miña peza favorita era unha versión de "Knocking on heaven´s door" de Bob Dylan que cantabamos co retrouso "¿Hai alguén aí fóra?". No "Cd" de "Terra Terremota" fixemos unha versión de Antonio Vega, moi irreverente, coa letra cambiada (máis escatolóxica), da súa "La chica de Ayer": "A resposta está no vento", e unha tolería coa música de "Star Treck" como base: "Nave Enterprise Rumbo ás Pías".
O último que gravei con eles foi outra irreverente versión, neste caso de Lou Reed, moi guitarreira ( as miñas guitarras son denominadas nos cd´s como: "guitarras tipo jato", "guitarras ratoeiras") e que sae co título "Non vás ó mar!", no cd "7 Notas 7 Mares", do número 4 da revista "Bravú".
Aquí non se respecta a ninguén. Divertido. Que xa é bastante.