CRÍTICA "Proceso Amniótico "

A NOSA TERRA DIXITAL

Portada  |  CRITICA   RSS |  Música   RSS

Novo traballo, 'Proceso amniótico'

Neuroband, rock neurótico caendo ao inferno

D. Cheda Proceso amniótico Grupo: Neuroband

Reloxo  24.01.2011 | 09:32

Capa do disco 'Proceso amniótico', de NeurobandCapa do disco 'Proceso amniótico', de Neuroband

Neuroband non son a típica banda de rock, pertencen a xeracions, lugares e estilos musicais diferentes, con membros chegados dende o rock de batea de Korosi Dansas (Manuel Seixas, voces e guitarra), (Xurxo Romero, guitarra, coros) e o metal progresivo dos extintos Fungo (Vítor Karallada, guitarra, coros), Edgar Santorum “Koko”(Baixo), Niko Leal (Batería).

Con base nun primeiro embrión bautizado Microse (2003), madurado e mellorado na produción, con cancions traballadas que foron crecendo e adquirindo mais corpo e potencia, e pechando o círculo con novas composicions cheas de matices e calidade.

A sinerxia entre todos os elementos queda plasmada por capas e efectos, voces dobradas e cheo de declaracións de intencions (“Neuro”) , mergullándonos nunha viaxe á loucura máis desgarradora e profunda (“No puto aquí”), creando melodías que non paran de repetirse e rebotar dentro da túa cabeza (“Down”), a velocidade da delirante e precisa (“Hollywood”) ou como desesperadamente se pide a peito aberto unha nova oportunidade (“One more chance”) cun elegantisimo e brumoso saxo aportado por Santi Frutos, e un so de guitarra de inequivoca calidade , son só alguns exemplos do que encerra.

Ao longo de todo o disco tamén chaman a atención a profundidade das letras, que abrazan a loucura e narran cunha especial expresividade o fracaso, os sentimentos de culpabilidade, as últimas oportunidades, as ganas de fuxir da realidade e a resignación, e que, de forma íntima, nos serven para facer de purga dos nosos medos máis agochados.

A verdade, é difícil condensar maior cantidade de sentimientos a flor de pel, de emocións en estado puro, convertelas en son e mesturalas cun estilo neurótico e personalísimo. Xa é hora de escoitar outros ritmos e letras, estamos falando de profundidade.

Oito cancions en galego e dúas en inglés das que seis roldan os cinco minutos, con variedade de sons e influencias do mellor rock progresivo e psicodélico dos 70 (Pink Floyd, King Crimson, Hawkwind), ramalazos punk, e sobre todo un rock neurótico marca da casa e patente en todo o disco, cheo de cortes acedos, delirantes e corrosivos.

Neuroband achéganos na súa baixada aos infernos o seu universo particular coa súa cima creativa, facéndonos crer que a tristura, as obsesións e a loucura non sempre significan negatividade pero forman parte inextirpábel da realidade onde nos atopamos.