HISTORIA

NEUROBAND

ROCK NEURÓTICO

 

ManuelSeixasNeuroband, hoxe xa NEUROBAND, é un milagre azaroso.

         Despois de ter sacado o disco “Presentimento” á rúa, pensaba facer unhas cantas (poucas) actuacións de presentación do disco.

         Pola dedicación á editorial Madame Mir e ao estudio Fábrica de Luz, estaba máis pendente da promoción e mínimos detalles dos libros de Emma e Daniel, e dos discos de Dhais e Aínda, que do meu, e ademais esa dedicación produciume un enorme esgotamento físico e mental.

         Así que, decidín aparcar (ao mellor definitivamente) o tema de sacar á luz viva “Presentimento”.

         Tempo despois, nun momento inexacto do 2002, coa miña cabeza noutras cousas, un ex-alumno e amigo: Víctor, que forma parte do grupo “Fungo” da Illa de Arousa, díxome que se algún día pensaba presentar o disco que contara con eles se quería para facelo.

         Aquilo animoume moito. Era un reto máxico. Falei cos dous membros que tiña fixos dende o comezo para unha posible banda: Xurxo (guitarra KD) e Santi (saxo KD). Pareceulles unha gran idea.

         Deste xeito, a formación inicial ía ser: Víctor (guitarra, voz, coros), Xurxo (guitarra, coros), Santi (saxo, coros), Alex (teclados), Manuel (voz, guitarra, manurotics), Koko (baixo) e Mon (batería).

         Pero Roberto (batería KD), tamén se interesou moito no tema e ao final el pasaría a formar parte da banda. O traballo fixo que Álex tivera que deixar o grupo, así que, dende entón somos Santi e mais eu os que nos poñemos ás teclas se é preciso.

         Con posterioridade, púxenme en contacto coa nosa querida Paula (a técnica de son “oficial” de KD), e puido estarcon nós no primeiro concerto de presentación en Cambados (Unha gozada!). Tamén contamos para ese día con Pablo, un gran músico e amigo, que nos axudou cos teclados e coa súa profesionalidade.

E, por fin, podemos contar con Mon, o técnico de son e moito máis de FUNGO.

(clicade na imaxe se queredes ver a súa páxina. Recomendada!!) Mon, axúdanos sempre que o precisamos: son, furgona, contactos...

        

Deste xeito xurdiu ManuelSeixasNeuroband, un estraño e compacto grupo interxeneracional (20 a 4...), onde se mestura o mellor de cada un. Ou eso procuramos.

         Ensaiamos venres e sábados no local dos fantásticos “Fungo”, na Illa. Pasámolo moi, moi ben, que é o principal. E estamos dispostos (se a miña neurose, gorxa, costas e demais o permiten) a que disfrutedes con nós en directo do “Presentimento” renovado e máis vivo que nunca (máis "cañeiro" se queredes) e de algunha que outra sorpresa en forma de novos temas e versións.

         Pretendemos ser “sibaritas” : os concertos xustos (nada de forzar a máquina polo de agora), e cando todos poidamos e nos veña ben. A prioridade debe ser a mesma dos ensaios: gozar nós, para poder compartir esa sensación con vós.

         Ou sexa, que se che interesa todo este asunto “neuroband”, xa sabes, búscanos, que, de seguro, nos atoparás.

 

NEUROBAND

ROCK NEURÓTICO

 

POR SEMPRE ROBERTO

O venres 26 de setembro do 2003, Roberto Camba comezou a descansar por sempre.

Deixounos non só o noso batería , de Korosi, de msNeuroband, de tantos días e noites, o

batería máis imaxinativo, máis musicalmente cheo que coñecemos, o mellor de entre os

mellores, senón que nos deixou tamén, e, sobre todo, Roberto, o noso amigo, o que nunca

pasa inadvertido, o que quedará por sempre na nosa memoria, na nosa música, no noso

corazón, no medio de todos nós. No medio desta vida tan rara, máxica e cruel.

Tentaremos manter o teu espíritu coa msNeuroband ata que poidamos. Sabemos que ti,

a pesar da dor, non abandonarías. Querémoste, Rober. "Pa qué".

 

O FUTURO (ATA QUE DURE)


Despois dun 2005 cheo de sobresaltos (0 30 de xuño rompín o ombro e tiven que operarme e aínda hoxe Febreiro de 2006, ando coa rehabilitación a voltas), comezamos o 2006 con novos folgos e novos temas dos que podedes ver xa as letras; agardamos actuar dentro de pouco e coa man do noso mánager Faber e doutr@s amig@s, comezar a "rular" por aí adiante ( e co meu ombro, he, he!). Que a NEURO vos/nós acompañe!!!