FALAMOS SOBRE “VERDE”

Ben, comezarei eu.

Vivín (morrín) nunha “longa noite de pedra” na que, non sei moi ben cómo, fun quen de escribir unha novela, de crear cousiñas na miña páxina e, sobre todo, de tocar, ensaiar e sacar o disco “Proceso Amniótico” (2011) con Neuroband. Un disco durísimo, difícil ata para min, fronteirizo na cordura e na loucura, do que non renego en absoluto e que segue a ter o seu aquel. Todo un testemuño do que dixo a crítica: “unha baixada aos infernos”. Todo un vestixio dunha negra sombra, que aínda así ten moitos momentos de dozura.

Grazas ás miñas dúas mulleres que me trouxeron a esta illa, a un inesperado xiro no destino cruel, á Neuroband como grupo de amigos que me aturaron sendo un “zombi” doente, e a tod@s @s que estivéchedes aí cando todo era escuridade e silencio, grazas, grazas. Grazas a tod@s renacín de entre os mortos dun inferno que berraba a morte física como alivio. E grazas a min mesmo, por loitar e loitar e loitar e loitar no medio da angustia.

E así, florecín. E, comigo, sempre a Neuroband. E florecemos, e os temas comezaron a fluír e así foi xurdindo o noso novo disco: “Verde”.

Supoño que está claro o do nome do disco. Por se acaso, “Verde” simboliza a pequena esperanza feita música. Seguirá habendo nel noxo e rabia e ouveo, mais tamén hai moito agarimo e dozura e instinto de supervivencia. Será, de seguro, un disco moito máis "escoitábel". Supoño que nos faremos ricos, ha, ha!

Nun mundo de miseria ser rico é impúdico.

O sentido do disco: “Es parvo, sofres, a vida é dura, xa, semella que o burato non ten fin, pero non, loita, loita, loita, sempre nos quedará a verde esperanza", e, ademais, eu estou aquí, para asegurarvos que existen os milagres nesta vida, e que é fermosa, incríbel, incomprensíbel, máxica, dolorosa, enrabiada e ata sinxela, ás veces).

Estou convencido de que, se todo sae como esperamos, “Verde” será un dos mellores traballos que teña feito en toda a miña traxectoria musical.

Neuroband é agora e máis que nunca, un grupo, compacto, que transita sen problemas entre o salvaxe e o doce, cunha base sólida de amizade, preocupacións e sentimentos comúns que transformamos en música.

Dicirvos que a orde na que se vaian subindo os temas é azarosa, tal cal os fomos (e vamos) gravando. No disco físico todo estará onde e como teña que estar.

Comezamos con Xadrez, para min unha bonita canción, que a pesar dos trazos de amargura ou soidade é moi positiva. Dos estribillos máis “xenerosos” que escribín: “Colle unha nube, baila entre algodóns, cubre todos os soños co meu corazón”. Semella que á fin comezo a deixar o vello eu infeliz e das cinzas poida que estea a saír o home digno que non daba atopado.

A canción só quere dicir: certo, todo vai fodido neste maldito xogo de “xadrez”, pero esquece, brilla e sempre terás o noso corazón para compartir os teus, os nosos soños. Oxalá vos guste.

Despois de “Xadrez” irán vindo “Non teño nome”, “Verde” (canción que dá título ao traballo), “Parvo” (encántame, todo un himno para @s que fomos, somos? parv@s), “Síntomas”, “Dáme a túa man” e unhas cantas máis.

En xeral son cancións longas, que mesturan ambientes diversos. Non atopo mellor etiqueta que “rock neurótico”. Para ben e para mal, é un estilo propio e único. (ou iso penso).

Quixera subliñar o inmenso esforzo e dedicación de Víctor Karallada para que as nosas ideas e acordes se fixeran realidade sonora no estudio KSF, na Illa de Arousa. Amigo, as horas e horas e horas e horas que botaches currando (moitas veces so), ningún de nós as esquecerá. Eternamente agradecido.

Xa vedes, agora falo máis aínda, porque estou máis vivo.

Antes, houbo un tempo en que falaba, escribía, facía música, daba clase, pero non era bo nin comigo nin coa xente que máis me quería, que eu máis mal quería, que máis loitara por min. Non sabía o que era a paz interior, non sabía amar sen sufrir. Parvo!!!

Agora, afastado de necesidade de triunfos ou de aplausos, as miñas prioridades son: A miña Espe (sen ela nada sería eu, sen ela carne de psiquiátrico, perdoa, se podes, se aínda non é tarde e toma o meu mellor sorriso, todo para e por ti), a miña Laura (es unha filla e muller marabillosa), o meu precioso e duro traballo como mestre de Filosofía (o meu alumnado, ai, canto vos quero!), os meus amigos e amigas do pequeno e lindo círculo, e, sempre a música e a palabra como elementos básicos desta existencia que non concibo sen a arte.

Neuroband, de novo, segue a ser un milagre laico e vivo. Incríbel, pero certo.

Compañeiros Nico, Koko, Xurxo, Víctor, Santi, síntome un privilexiado por tervos coñecido.

 

Manuel Seixas, 20 de Abril de 2013


 

Ben, seguirei eu.

Tras dous anos de intenso e extenuante traballo, "Verde" (2013-15) está rematado.

Será o noso disco póstumo. A Neuroband deixou de existir como grupo de amigos que fan música.

A vida é tan estraña como fermosa.

Agardamos que pronto teñades o testemuño do que foi e do que sempre será.

Sigo a pensar que é un disco que merece pasar á Historia.

E, por iso, por sempre será a nosa historia, a historia dunha incríbel e inesperada mestura de corazóns ferventes e rabiosos facendo música, vivindo música, sentindo música.

Xa está. Rematamos. Agardamos estar con vós moito tempo, nalgún lugar, nalgún máxico momento.

Bicos e grazas.

Deber cumprido. Felicidades, amig@s.

Manuel Seixas, 18 de Abril do 2015