FALAMOS SOBRE CD "Microse"
Manuel.-
Microse á fin!!! Xa non sei nin cando o empezamos. Sei que estaba Roberto, coas súas dores que todos, el tamén, pensabamos que eran das costas. E lembro cómo gravou deixando a súa alma en cada tema, escoitando por cascos e eu alí dando botes en silencio marcándolle os cambios e dicindo pra min: meu deus, que bo é! Creo que no fondo, tiña a sensación de que se estaba deixando todo o que lle quedaba. O fodido presentimento.
Microse é o primeiro traballo de msNeuroband. Para min é un renacer como grupo. Si, son Manuel Seixas, pero non é o grupo de Manuel Seixas, é o grupo no que eu, Manuel xunto con Nico, Koko, Xurxo, Santi e Víctor podo expresar os meus sentimentos e os de todos, a música, a voz, a guitarra, disfrutando nos escenarios como hai anos que non o facía. Como nunca antes o fixera. Josito, o de Korosi, cando nos veu tocar alucinou, que riquiño, mirou un grupo con enerxía e ganas, e como el dicía: "Joder, cabróns, agora si que vos movedes no escenario". msNeuroband é un grupo tan compacto neste momento como o foi os Korosi Dansas dos mellores tempos. Diferente e único, pero cheo de vida.
Os últimos concertos de Xuño do 2004 foron unha auténtica pasada. E a presentación de Microse o venres 25 de Xuño de 2004 no pub A Pera de Cambados pasará a formar parte da nosa historia, das nosa vidas. Foi máxico, foi marabilloso.
A gravación fixémola con moitísimas dificultades, pero sempre había alguén que argallaba unha solución ou algo para saír do paso. Foron moitas tardes, tarde-noites limpando ruídos, pasando filtros, e antes gravando e gravando coa putada de que se nos movían as pistas. Ata unha semana antes da presentación do disco estivemos Víctor e mais eu facendo unha última, esta vez si, ecualización. Sabemos que nun estudio da hostia soaría a dios, pero The Fungo Sound Factory, está aí, e tamén forma parte do disco, cos seus defectos e virtudes.
O disco mestura temas supertralla como "Hollywood", con blues "Estrella de las 8:30", con versións destroyers de "Náufrago (de novo)", -podedes escoitar a orixinal en "Presentimento"- ou da amada "Wish you were here" dos Pink Floyd. Outro chiscar de ollo do destino, que quere que cada vez que tocamos ou escoitamos ese tema pensemos en que Roberto está aquí, alí. Hai unha serie de intros coa voz de Javier Marqués, profe de inglés no insti Vilanova, gracias Javier, así sempre se pode escoitar un pouco a letriña antes de que eu a cante coa miña hipervocalización. Atoparedes traducción das letras en inglés na sección de "letras Microse".
Ben. estou moi contento, hai o precioso "One more chance" que saíu de Víctor e compartimos con Fungo aínda que ao xeito Neuroband, ou Némesis na que canta Víctor e a letra é miña e de Koko. Non sei, si sei, son moi afortunado por poder compartir este traballo cos neuróticos estes. E, aínda por riba, Nico, o noso batera, cada día é mellor, e nos concertos o disco mellora claramente. Non nos cortamos un carallo, que estamos pasándoo que nin dios nun bucle final, pois toma bucle!!! E alá sopla Santi o saxo, puntea Xurxo como un poseso, puntea ou que sexa, pobre guitarra, he, he,he, e Koko bom bom bom cos gravotes e Nico bimba bimba bimba suando como un campeón e Víctor alí concentrado no seu son, na súa trallaza e eu sorrindo e berreando coma un neno, e din que coa guitarra alta, bah, he, he, no seu nivel juajua.
Agora dicir que o último tema "Mundo Microse" é un ha declaración de intencións do disco, porque que carallo é "Microse": como di an letra "o aprentemente mínimo e insignificante", pero que todos sabemos, que moitas veces é o máis importante desta vida, ese segundo máxico, esa palabra, ese xesto, ese bico, ese adeus, esa dor calada, como a mosaca da portada en primeiro plano: o pequeno pode ser o máis importante, o que semella pasar desapercibido ás nosas cabezas "enfermas e gloriosas". Somos neuróticos, facemos Rock Neurótico, iso é o que ides atopar neste "Microse". Non pretendemos facer nada fácil nin difícil, só facer o que somos, o que sentimos, se vos gusta ben, estupendo, senón pois nada, en todo caso non somos "outro grupo máis" dos 40 principales, non. Nin facemos o que se leva o deixa de levar, non.
Espero que vos guste. Eu xa cumplín. Estou orgulloso de todo. Fixémolo. Tocamos. Vivimos. Lembramos. Ata cando sexa. Polo de agora, aquí estamos, aquí seguimos. Mañá é outro día.