FALAREI SOBRE  CD "A velocidade do frío”

Este proxecto xorde por unha imposibilidade. Imos ver: En principio, tiña a idea de facer presentación da novela con música feita para ela. Fun traballando e xuntando material sonoro, pero tamén se foi vendo a dificultade de en pouco tempo xuntar músicos, salas axeitadas…

Así que, eu tiña maquetas e maquetas de música para "A velocidade do frío", e con textos que ía seleccionando da propia novela. Entón decateime de que aquilo era un disco, un disco estraño, variado, hipnótico como o fora o novela. Ou eso pensaba e penso. De feito que falei con Xerais, con Manuel Bragado en concreto, e comenteille a posibilidade de sacar á rúa este "experimento", que logo os expertos consideran único no mundo mundial, en canto a ser o propio autor dunha novela o compositor da música e o instrumentista básico da mesma. (Dá igual, non é a miña pretensión entrar no Guiness por iso).

Bragado, e Xerais, tamén estaban xusto nun punto no que lles interesaba introducirse no mundo "multimedia": cd´s, cd-roms, etc. Gustoulle moito a idea e dixo. "tira para diante con iso".

Xunteime entón co meu amigo, músico de cabeceira e compañeiro de aventura en Madame Mir: César Morais, e comezamos a gravar no "primitivo estudio" que era entón "Pecado Récords", a semente do que hoxe é o fermoso "Fábrica de Luz". Alí, coa axuda desinteresada da morea de amigos que podedes ver na ficha técnica, fomos parindo con cesárea e ventosa, o que sería o CD. "A velocidade do frío".

A experiencia foi moi dura, durísima en canto a traballo; moi gratificante en canto á colaboración e aos amigos; moi útil e "ilusionante", que diría Valdano, para min, como "multiinstrumentista" e como contacto serio co mundo do ordenador, sampler, loops e demais.

O resultado non deixou indiferente a case ninguén. Tivo un eco, iso si, relativo, xa que por problemas, Xerais non puido sacalo no momento máis oportuno.

A min, que queredes que voas diga, a verdade, ¿non?, pois paréceme un producto máis que digno, difícil de catalogar (¿e por que tería que catalogarse?), ¿raro?, ¿único?, qué máis ten, que, en ocasións recolle o espírito da novela con precisión e noutras crea un mundo propio a partir da obra orixinal. O que é obvio, é que se a novela estaba chea de referencias musicais, este cd foi algo así como unha libre (en todos os sentidos) banda sonora sentimental, que, ás veces, "Intro", "Podedes ir todos á merda" "Fred e a porta"  "A canción das Cíes" "¡Aparta de aí!", "Garavanzos…", "¡Ha, ha, ha!", e practicamente toda a 2ª parte e a 3ª e a "Coda", por suposto, ás veces, cando as escoito séguenme producindo o que buscaba. Séguenme tocando alá dentro.

Por último, ben certo é que lendo a novela é máis "fácil" captar certos matices doo disco, pero eu creo que sen lela é, en certa maneira, intelixible, aínda que o que se internalice non sexa a obra escrita.

En calquera caso, na sección de crítica haberá tamén algunha que outra entrevista na que se poderá ver o que eu "falei" sobre esta obra.