[Tucho Calvo, gran escritor, e redactor xefe de "La Voz de Galicia" tivo a magnífica idea de que ao longo do verán do 2000 se crera unha dobre páxina de creación literaria no xornal. Nunha páxina ía un relato dun autor/a xa coñecido/ acompañado por unha ilustración e debaixo un apartado "escriben los lectores" para xente anónima. Resultou un fantástico éxito. Aí "descubrín" eu á incrible Emma Pedreira, claro que non asinara con ese nome o relato e foi custoso chegar ata quen realmente era aquela persoa que escribira "Xela".
Na seguinte páxina aparecía "O xabaril Branco", un relato do propio Tucho Calvo con ilustracións de Miguel Anxo Prado. Outro éxito. Podía baixarse da rede e accedeu unha morea de xente. A editorial "Ir Indo" editouno no 2001, e é realmente un fermoso libro. O meu relato foi este Chicago, que me fixo reencontrarme coa escrita nun tempo de baleiro nese sentido. Ía acompañado dunha bonita ilustración de Abraldes. Para máis información sobre o que vos dixen: www.lavozdegalicia.com.]
CHICAGO
Unha brétema doce e fresca cobre a augas das lagoas que rodean Viana. Na taberna do Panocas outra caste de brétema máis aceda e suorenta semella cubrilo todo.
Contra as tres da madrugada. O Panocas bocexa tras a barra recta e alongada cunha curviña ao final. Conversas cada vez máis espesas. Brétema. A curviña da barra é o espacio exclusivo do Suso. Emigrara a Suíza e fixera bos cartos e ata a carreira de Dereito. Fala con tanta fría seguridade que calquera lle pía. Xa na zona recta está o Amancio, capador de porcos. Pouca dialéctica co Suso. Ao carón do Amancio está Chicago, coa súa voz augardentosa falando e falando das marabillas da enorme urbe dos USA. Volveu de alí hai dez anos, di, e dende entón só fala diso. Por iso lle quedou o nome. Só Suso rexeita frío seguro esa tese. "¡Ti non pisaches nunca Chicago, trolas!" A frase que cedo ou tarde chega. Hoxe tardou. Comeza a eterna batalla. "¡Cago en todo!, ¿ti que saberás, reloxo suízo atrasado? ¡O que tes é envexa!". "Eu o que teño son bos argumentos, trolas" "¡Bos argumentos, sabedor, ¿que argumentos?, a ver, a ver!". E sempre así, Chicago con moitos espaventos facendo ver enormes edificios, o Suso soltando frías seguras preguntas. O Amancio invita a unha rolda e ata que a frase saia mañá e pasado e…
Hai un mes, Chicago púxose moi violento, tirou o viño e marchou. Dende entón a brétema é máis espesa. Hoxe, á fin, chegou unha postal: "Sears Towers", Chicago, Illinois. Por detrás, mala letra: "¡Fódete, Suso! ¿E agora que?". A postal pasa de man en man. Brétema. O cuño é de Chi… Chinchón, non hai dúbida. Calamos. Xa o Suso falará. O Suso ten a postal nas mans. Le a mensaxe, fita o cuño. Baixa a cabeza. "Sempre souben que viñera de Chicago. Eu só…". Calamos. Bebemos. Unha bágoa do Suso e unha brétema inmensa fría segura cubríndoo todo.