Poemas
libro Insubmisión “Vis á Vis”
[Libro
que xurdiu tralos acontecementos que levaron ao cárcere aos nosos queridos
Elías e Ramiro, como a outra moita xente polo feito de seren insubmisos fronte
á tolería. A lembranza da miña testemuña ao seu favor diante do Tribunal
Militar de A Coruña, é unha penosa lembranza pola impotencia e rabia que
sentín. Bágoas de noxo. Moitas persoas implicáronse neste proxecto. Debemos
agradecerlle non só o material que nos enviaron senón a súa fonda loita por
esta causa a tod@s os que colaboraron. Persoalmente, agradézollo o presto envío
de material, e a súa cordialidade a aqueles cos que eu contactei directamente:
Ana Romaní, Fran Alonso, Antonio García Teijeiro, Chus Pato e Manolo Rivas. E
unha aperta moi grande para as familias de Ramiro e Elías, e para o Grupo de
Apoio (de Arousa e Santiago).]
NUNCA
Nunca estarei o bastante
inspirado
como para tocar coas palabras
o poder inmenso da crenza
solidaria.
Nunca.
Para afundir o meu corazón
fervente
en agarimos de humanidade e
loita.
Con vós chorei impotencia,
choro ledicia,
con vós.
Nunca é o tempo que pido,
Elías e Ramiro, o tempo que pido
como límite, fin da luz dos vosos
ollos,
así sempre ollarei sinais
que agora recollo, sinais
nomeados con insuficientes
palabras
como principios integridade
carraxe insubmisión sublime
teimosía.
E vexo... mulleres que apertan os
vosos corpos
compañeiras de vida e inxustizas
pais nais compañeiros tamén que
aí os tedes
véxoos... pulso rabeado sorriso
cómplice.
Mais nunca.
Nunca estarei o bastante
inspirado
como para fuxir coas palabras
do estremecemento que atrapa o
meu ventre
cada vez que penso no mundo
armado
muro fusilamento armado,
¡¡pelotón... disparen!!...
presto para acabar con vós
¡¡xa!!
... e coas palabras.
Nunca.