Poemas para A Rama no aire- (Faro de Vigo).
[Ría do Ocio era un suplemento semanal para a zona do Salnés, que levaba adiante de xeito fantástico Carlos Crespo. Tedes noticia do suplemento no apartado Relatos. O suplemento transformouse en "Los Viernes de Arousa", que perdeu algunha sección de interese pero que tenta seguir aportando cousas á cultura desta zona. Xunto a el, persoas queridas e de gran valía: Xosé Luiz Oubiña (fotografía) e o entrañable e gran artista Anxo Pastor (pintura, poesía, galería de arte "Arcana"), que coordina no suplemento unha sección dedicada á creación, onde se mesturan poemas e fermosas ilustracións de diversos tipos. Aquí algo do que fixen, publicado o 3 de Marzo de 2000]
DIAMANTE
Tomaremos fóra, na calada chuvia,
unha
cervexa triste á saúde dos perdidos.
Noite
raíña,
apalpar a túa suor fría, enferma,
e crer así en ollos cristalinos limpos.
Resistiremos a humidade dos cansos pallasos
golpeando o noso peito co fume dos feridos.
Noite no circo,
mirar bestas malabares arlequíns, tristes,
e ser todo un saúdo desaparecido.
O teu amigo é o teu amante,
eu son a loucura no camiño,
non importa, nada doe
porque un día atoparei
un diamante no teu doce embigo.
DÍAS
Marco nunha axenda os días que pasan,
obsesivo rexistro, á fin inútil,
de sensacións esvaradías como o vidro fráxil
escachando en cada páxina absurda,
e tomo chocolate moito chocolate
e teño tanta tanta tanta enerxía
que penso en ascender glorioso a unha lúa tenue
e esquecer o peso que oprime, a gravidade eterna,
e voar ledo lixeiro áxil por outras follas brancas
e nada ten fin e todo é palabra tremente,
e pese a todo, inxenuo parvo, marco os días.