Poemas Dorna "Lois Pereiro"

[Colaboración para a revista de expresión poética galega, "Dorna", nº 23]

DOR

Demasiado tempo para pensar

para sentir a dor. Nas costas.

A dor. Doe demasiado.

Cae a chuvia

ventá e gris fondo

cae a chuvia

demasiado lixeira

non aturar isto máis

doe de máis. Demasiado.

Tanto pensar no infinito

demasiado grande

nun home groso feliz

demasiado sinxelo

nunha borracheira terminal

demasiado traballo

para nada

para nada.

 

Se marcharas dor,

se me deixaras un tempiño,

se nos esqueceras unha tempada,

estaríache agradecido

moi agradecido

ata estaría

demasiado agradecido.

 

¿Por que non vas dar unha volta,

DOR?

 

Aperto ás miñas amadas

aos meus amados

demasiado aliviado

sen dor ningunha

nos meus soños

felicidade

demasiado tempo

agardada.

(Outubro do 96)

 

O ABSURDO DE LOIS PEREIRO (RECOÑECEMENTO VISUAL)

Recoñézome camiñando por Santiago. Recoñezo o meu xesto canso, afundido en Santiago. Recoñezo o lugar, "O Chitón", todo moi fermoso, mais nada cambiaba por dentro. Recoñezo que pasou moito tempo dende entón. Recoñezo que teño máis do que merezo. Recoñezo que estou máis vello, ás veces máis canso e afundido... e sen Santiago. Pero o peor de todo é que recoñezo a súa cara nas fotos da prensa, poeta morto, poeta que doe ¿feliz? como ten que doer a poesía e semella que a vida toda. E recoñezo que crucei miradas con el naquel lugar en tempos fermoso no que nada cambiaba por dentro. E recoñezo o absurdo de ternos mirado aos ollos sen saber nada, nada, ausencia de saber, ausencia de palabras, ausencia de agarimos. Así que, Lois, recoñezo que un día coñecín a un home na capital e resulta que o coñecín como nos coñecemos todas as xentes deste fodido lugar -todo moi fermoso mais nada cambia por dentro que mundo tan grande-: de vista. Agora que te coñezo de dentro, recoñezo que me gustaría brindar contigo e tomar a penúltima e ata rematar caéndonos mal, mal, fatal. Recoñezo que sería unha inmensa bendición para a miña vista cansa de corpos caras bocas sorrisos bágoas que se perden polos ollos do esquecemento. É todo tan absurdo, compañeiro, tan absurdo como estar ou non estar. Enfastiado recoñezo que é tan absurdo como ter que sufrir.

Vilagarcía, novembro do 96

Estimada Dolores Vilavedra:

Envíovos a miña pequena colaboración para o número de "Dorna" no que tedes pensado lembrar a figura de Lois Pereiro. Entendede o poema que remito como sinal dun sentimento que por desgracia moitos compartimos tan de preto con Lois. E "O absurdo..." como unha evidencia triste de varios encontros casuais que remataron en nada, ou iso pensaba eu. Agradezo o detalle de que contarades comigo e agradezo a vosa fermosa iniciativa que seguro fará que moita xente se reencontre cun POETA.

[Esta carta, non para publicar, por suposto, foi a que lle enviei á persoa que contactou comigo, a profesora Dolores Vilavedra, moi amable e que sairá nos apartados de crítica da miña obra (para ben e para non tan ben). Engádoa para que entendades vós tamén o que significaba para min Lois, e a rabia interior de que realmente a súa obra fose recoñecida nos círculos "académicos" agora morto, cando antes nos "premios" eles mesmos o esquecían ou facían que non o vían (e non me refiro a Vilavedra). Ese POETA con maiúsculas do final, érao antes e despois do que a todos nos vai pasar. Reencontrarse con el, era para moitos que xa o sabían, obvio, e, para outros, que non o quixeron saber, case unha obrigación moral, unha expiación en vida. A historia escríbese así. Fea e absurda, moitas, demasiadas veces neste, en ocasións, "noxento e estúpido campo de batalla literario". ¡Puaff!]