Poesía para Centroamérica

 

[Colaboración para un pequeno caderno conxunto en apoio das víctimas do furacán "Mitch": "Poesía contra o furacán", iniciativa solidaria levada a cabo dende a Casa da Cultura de Cambados. ]

UN POEMA DA AUGA

Tales mergúllase nas ondas de Mileto.

Auga pura.

Tales cre na auga, PRINCIPIO DE VIDA.

Vida que se axita.

Tales soña con PINGAS INCOLORAS.

Chove na miña casa

- A casa pequena -

Barro escuro e teito branco.

Chove na miña cabeza

Un furacán de auga vento medo

Líquido impuro CAE CHOVE

Tales teorema de MORTE BRANCO E NEGRO

mergúllase nas ondas de Centroamérica,

multiplicado polas cores

dunha BÁGOA

 

DI         DI  

VI         DA

Cando os nenos recibiron os Poemas da Auga, xuntáronse nun círculo apertado e pequerrecho, preto das chabolas derruídas. Xuntáronse para ler aquelas follas cheas de letras que de lonxe lles mandaban. Mais a chuvia caía teimuda e impertinente, correuse a tinta, perdéronse as palabras, borrón de azulada cor no amasillo de papel. Nenas e nenos espidos baixo a chuvia saen ledos do seu pequerrecho círculo apertado cunha pelota literaria, irregularmente redondeada, e berran "vamos", "dale" e "corre, corre" e "gol" e son felices e nunca a poesía cumpriu tan ben co seu papel.

Pese a todo, os soños do papel tamén son soños, e sempre hai furacáns, corvos, cadáveres, desgracias, sufrimento en todo este anegado mundo do que non podemos fuxir nin coa culpa penitente, nin coa mala conciencia cómplice, nin moito menos fuxir correndo cos nenos empapados entre os nosos brazos, sobre o noso peito.

Novembro 98.