Poemas para
Cadernolixo
[Cadernolixo é un moi riquiño caderno cheo de poemas
e cousas semellantes, con pictogramas, ata eu me atrevín con eles por primeira
vez (daquela maneira. Tan "perralleiros"..., son "naif", é
que non sei debuxar). Todo vai escrito na caligrafía orixinal do autor
e acompañado polo mesmo texto (sen debuxos ou o que sexa que levara) en
papel vexetal. Unha gozada. Todo isto ten que ver co "Colectivo Redondelán
de Axitación Cultural", que xa por medio de Tatán me invitaran
a participar con anterioridade no "Artelixo 97", aínda que non
puiden desgraciadamente estar presente en corpo aquelas datas. Dá gusto
que en Redondela ou onde sexa haxa xente así, con esta iniciativa e estas
ganas de tirar proxectos para diante. Sorte a tod@s.]
Apalpei os camiños húmidos
que o caracol deixaba, lento, calor no aire
calor nas miradas ollos que esvaran pola miña pel, auga agarimosa quente
Son un mar de asubíos, marea baixa soidade de barco encallado, frío
Apalpei as ondas dun triste océano que suplicaba salgada compañía
entón dende lonxe o solitario
barquiño enviou unha bágoa óxido vermella.
Son unha botella esquecida na area no lixo dos teus soños incumpridos
Todo isto significa ? significa, ti xa o sabes,
como non dicircho.
Ou significa estou só cun
buraco
nos nervios.
Manuel Seixas
Xullo 98