Presentación "Xeografías do sal"

[Un dos "descubrimentos", xa non a nivel literario, porque a súa obra é ben extensa e desenvolvida no tempo, senón a nivel persoal, foi o de Moncho Caride. Unha persoa tímida, coa que comparto certas visións sobre o mundo literario galego. Sempre é un pracer quedar con el e falar de todo un pouco mentres pasa o tempo nun café ou onde sexa. Polo tanto, presentar este estupendo poemario en Cambados, era outra forma de conversar con el, outro agradable encontro.

Por certo, parte desta crítica apareceu en "Guía dos libros Novos", nº 14, Xaneiro 2000, co título: "A linguaxe salgada do amor".]

PRESENTACIÓN "XEOGRAFÍAS DO SAL"

Primeiro, destacar o polifacetismo de Moncho Caride dentro do mundo das letras:

                        - novela infantil

                        - novela para adultos

                        - poesía

                        - relatos...,

sempre coa súa pegada persoal, o que resulta especialmente meritorio.

            Respecto a este poemario, "Xeografías do sal", estou de acordo nunha primeira lectura coa impresión de Carlos Crespo, no Faro de Vigo: estamos ante un libro denso. Pero afondando na relectura descubrimos que esta é a densidade de anos de creación e traballo resumidos na obra. Persoalmente prefiro a densidade deste tipo aos productos "light" que se esvaecen entre as mans.

 

            Hai en "Xeografías do sal"  un claro compromiso ético e estético.

            O compromiso estético aparece nas diversas "Eróticas alfabéticas" que como fío conductor ou rupturista en ocasións se espallan ao longo da obra.

            Xoga Caride aquí co son das palabras, coa súa percusividade, e un ás veces quédase nese son e nese ritmo, prescindindo do complexo fondo desa alfabética. Hai que insistir para achar o difícil armazón sentimental destes xogos escordados. Armazón que está alí agardando por nós.

            O compromiso ético xorde baixo as palabras, os versos dos diversos apartados: "Pórtico", "A quentura do sangue", "O frío azul", "Ecotonías" e "Ramo".

            Para min, é arredor destes puntos onde Caride fai confluír ética e estética dun xeito máis harmonioso e gozoso:

                        "só nos restan as maos apertadas e tibias

                        que procuran fundirse e espaventar o frío",

comeza na 1ª parte do poema introductorio "Interior dunha vila do interior", e xa dende estas verbas atopamos unha declaración de intencións: afastar o frío das nosas vidas mediante a linguaxe salgada do amor, da pel arrexuntada, como diría Félix Grande:

                        "tu piel junto a piel, eso es lenguaje,

                        todo cuanto pretenda enmudecerlo, maldito sea".

            e vemos este devir de amor, quentura e afastamento da dor a cada paso que da Moncho Caride:

                        "a paisaxe da pel túa non ten eidos ermos,

                        acéndense aloumiños cal mapoulas en flor".

            e máis adiante:

                        "amamos porque amar é loitar pola vida".

            Podería un deterse eternamente na fondura deste verso. "Amamos porque amar é loitar pola vida". Fermosísima fondura.

            A mensaxe está clara. Mesturada, iso si, en linguaxe ás veces críptica e de lectura reflexiva, outras clara, concisa, contundente, directa.

            A primeira linguaxe, con máis dificultade semántica e estilística, chea de símbolos, palabras da terra e do mar, sentimentos de soños da ribeira, atopámola tanto en "Quentura do sangue" como en "O frío azul".

            Velaquí a densidade da que antes falabamos, densidade proveitosa e próxima:

            "as viñas do Salnés outonizan ausentes

            no crepúsculo absorto dun sol difuminado

            albariño febril

            no abrente dos teus beizos"

e versos despois, prosegue Caride:

            "negarei a substancia do asombro

            a sublime friaxe de sabas e enrugas

            derrotando ronseis con fasquía de gumes

            alboradas fatais que descobren treboadas

            estendendo o seu sal en mestas xeografías"

e estas "Xeografías do sal" estoupan na linguaxe que antes sinalabamos como clara, contundente, precisa, directa, a linguaxe da prosa poética desprexuizada, cinematográfica das "Ecotonías".

E aquí, o que vos fala, goza deixándose levar pola fluidez de emocións e acontecementos que un sente tan próximos, como no "Informe clínico":

            "a tristeza humana condensa nos hospitais

            solidifica en cristais durísimos de dolor e de aceiro

            quirófanos de camillas verdes e luvas e luces

            e ollos e pantallas que firen como agullas

            lenzos albos tinguidos de sangue residuos

salas de espera despachos que enterran esperanzas"

e un, que modestamente trata de sacar adiante unha barbaridade novelística chamada "Sala de espera" atopa aquí camiños paralelos e compartidos.

O fermoso "Inventario epilogal" adicado a Domingo Tabuyo. Que esta é outra característica da obra de Moncho Caride: recibir cos brazos abertos a aportación de citas de xentes que seguro admira, dar cos brazos abertos doses de agarimo e beleza nos versos que adica.

O fantástico final de "Bcn":

"mais nunca dar fuxido

            sempre preso dun mesmo

            ao cabo un sempre viaxa

            co seu pior inemigo"

Aquí temos un home en carne e óso, un home espido fronte á pornografía do azul e o negro, blues de alma inqueda, socioloxía irónica, como aparece en "Saraievo":

            "o mundo é un megahipermercado húmido

            xigantesca cona que acolle todo agoro".

De novo, ironía e mala dixestión non contida nos versos de "k.s.w.", "Ken Sharo-Wiwa":

            "a biografía de k.s.w. dará materia prima

            para un best-seller?

            ou para unha boa película polo menos?

As preguntas quedan no aire, as preguntas teñen quilates de mala hostia humana, de ética burguesa decadente fronte a nós, de cinismo para aturar a afronta, cinismo contundente co que remata o poema.

Hai logo homenaxes a Rory Gallagher -Moncho é dos que cren na cultura do rock, da Fender soando que tanto ensina, bendito sexa por isto-, homenaxes a Lois Pereiro, a Rafael Dieste, amados e admirados por tantos de nós.

E, á fin, amar, sempre amar. Agora a linguaxe, os versos, son puros e límpidos, non hai retórica extra, hai a verdade do que cre, dos que cremos no amor como salvación:

            "soamente o amor pode transfigurar

            a carne ferida, cansa e abatida

            no corpo máis fermoso.

            soamente o amor pode transformar

            a paisaxe da derrota en paradiso.

 

            soamente o amor."

E remata, rematamos retornando ao Salnés no "Ramo", remata e rematamos retornando ás paisaxes que enchen os ollos de Caride, tamén os nosos ollos:

            "solpores vagarosos e lánguidos da Arousa

            nos que todo convida á placidez e o esquezo

            a luz vaise callando nun ceo case vermello

            o mal parece alleo á paz destes crepúsculos".

E un, pecha o libro, denso, irregular no mellor sentido da palabra, é dicir, irregular como toda vida que se preza, como o cubismo en canto fragmentario, desestabilizador pero ante todo cheo de sal e vida, de lume que penetra no noso corpo para aliviar a cotiá esquizofrenia deste mundo.

Para min a poesía é risco sempre útil, aínda que quede en errada tentativa. Aínda por riba a poesía de Moncho Caride non erra, e non erra non por méritos e calidades filolóxicas e literarias, que as ten, e moitas, aínda que para min iso non sexa o máis importante, senón que non erra porque pornográfica amorosa salgada lucidamente de cando en vez, e aquí tamén son moitas as veces, tócanos o "punto e" da emoción e entón xa estamos irremediablemente atrapados por este boísimo libro.