Presentación "Oralmente pola boca”

[Presentación que tiven a honra de facer en Vigo do libro de relatos de Cid Cabido, persoa coa que sempre colaborei a gusto.]

POLA BOCA MORRE O PEIXE

Procurarei ser breve, a falta de ser bo, e así xa comezo cos malditos refráns. Procurarei que se chegades á extenuación, sexa a esta primeira desta cousa con letras, porque só por ela paga a pena roubar o ata mercar isto. Os máis prosaicos e prosaicas din que xa paga a pena polo cu, polo cu da portada. Non lles falta razón, non.

A cuestión, que supera en moito á de Shakespeare, ¡Onde vas ti comparar!, a cuestión hoxe (e hoxe é desgraciadamente sinónimo de novo, actual, moderno, estar ao día, ao día de hoxe, claro), a cuestión é: ¿Falar ou non falar? Esa é a cuestión. É evidente. ¿Será por iso que Cid fai "evidencialismo"?, ¿Porque acaba en "ismo", porque é evidente? Creo que porque fala. E fala pola boca. É dicir, escribe. Porque escribir é algo así como falar pola boca da man das palabras con ollos. ¡Que bonito! Vista, oído, olfato, gusto, tacto en palabras. Pero como son moi listo e explico ata en 3º de BUP e superiores, sei que hai un sentido do equilibrio, unha sensación térmica, un sentido alxésico.

E cando leo as bocas do peixe Cid, perdo indecentemente o equilibrio, éntrame unha quentura nas partes e nas outras partes tamén e dóeme o de dentro da cabeza, porque nada é tan evidente como debería ser, e xa non sei se estou no ismo, no istmo, na illa, no continente ou no Alcampo.


Así que, xa que podemos dar por sentado que Cid fala, agora a cuestión é ¿por que carallo fala?, con perdón, porque logo os críticos din non sei qué de escatolóxico. Dáme a min que é un becho raro, un peixe mutante como algún que sae nos episodios dos Simpsons, un peixe dos que poucos quedan, que pensan que a literatura, o falar escrito, é o que che hai. E punto, que diría o belo dormente Don Manuel. Ao mellor por iso este peixe arrisca a súa vida pola boca das palabras como se tal cousa. Por iso algún dos seus libros queda FÓRA DE XOGO, pasando amplamente dos árbitros que pensan que todo o saben que todo o controlan que todo no seu sitio e danlle frenéticos ao pito metálico, se aínda lle deran ao outro, serían máis felices, penso eu. (Que quede entre nós: todo isto é unha metáfora sutil e delicada referida a coleccións literarias, críticos do copón, éxitos de vendas, traumas sexuais inconfesables, centros de ensino como sustento da fermosa cultura galega, pornografía dura, corrupción de menores, caso Arny, Mario Conde, mesa de HB, vídeo de Pedro J, Gibraltar español, moeda única, filesas a min que son un e covarde, ou sexa, que todo isto é un perralleiro guión de película moderna, de hoxe en día, que é venres, película basicamente mala.

Centrémonos: ¿Por que está alí Cid, tan pancho na súa parcela de verde céspede volvendo tolos a árbitros e xuíces de liña, perdón, auxiliares?

¡Porque está no seu sitio, foder! De novo, escatolóxico. Porque lle peta. E se anulan o gol, pois que o anulen. E tarxeta vermella, pois veña, e á ducha e para a casa e logo a tomar uns grolos. Porque dáme a sensación de que el xa gañou o partido hai tempo. Cando decidiu contar os días, meterse nunha panificadora, falar oralmente pola boca.

Non sei canto cotiza este peixe nas lonxas, nin se cotiza. Non sei qué cláusula de rescisión ten, se é que a ten. O que sei é que é un peixe interesante. unha boa fichaxe para un equipo literario de primeira. Cambia o refraneiro. Pola boca vive o peixe. E Cid, peixe, seguro que mentres isto solto, está a caer na marabillosa extenuación ao tempo que pon cara de: ¿de qué me falas?


 

Presentación "A Compañía clandestina de Contrapublicidade”

[Dende que coñecín a Marilar, -creo que a través da poesía, e dun recital que din gracias á marabillosa xente de "Letras de Cal” no Pub Tarasca-, sempre atopei nela agarimo, intelixencia  e un afecto pouco frecuente por todo o que fai e vive. Para min presentar esta obra era máis que un honor, xa que era dela. Aínda por riba, alí estaba xente como Mª Xosé Queizán, outra desas persoas que só coñezo polo seu enorme compromiso e calidade vital e literaria. Non sei se estiven á altura no enfoque e desenvolvemento da presentación. Se así foi, Marilar será comprensiva.]

 

                        UNHA VIDA , UN LIBRO

            Boas noites;

            Antes de nada, dicir que para min é un honor que Marilar contara comigo para estar hoxe aquí compartindo a presentación do seu último libro. Un honor por dúas razóns fundamentais:

            1ª) Pola súa traxectoria literaria, que admiro, en canto á honradez da súa obra e en canto que para min, calquera persoa que tente comunicar, compartir ideas, sentimentos, a través dun medio artístico é sempre admirable.

            2ª) Pola súa traxectoria como muller comprometida coa cultura galega, con facer cultura galega na súa obra e sobre todo na súa vida como ensinante, cousa que me une solidaria e afectivamente con ela ( + aínda se cabe, cando outra gran muller - a miña (posesivo)-, foi a súa alumna, cousa que Marilar soubo despois de terme convidado a esta presentación, e polo tanto teño información privilexiada dunha Marilar que en tempos máis difíciles (aínda?) para o galego, tiña o valor e a decisión persoal de expresarse na nosa lingua ante un asombro bastante xeral).

            - Unha vez sinalado isto, dicir que "A compañía clandestina da contrapublicidade” paréceme unha novela interesante. A pesar de que os meus gustos literarios lévanme a gozar máis da palabra crúa, da dureza e opacidade dolorosa, da desbordante paixón ou da ledicia irrefreable, moitas veces todo isto difícil de dixerir, debo recoñecer que esta obra de Marilar Aleixandre lese moi ben e lese con facilidade. Cousas que a estas alturas da vida, moitos lectores nos que xa me inclúo, agradecemos.

            Pero como non son crítico literario, nin falta que fai, e como creo, tal e como apuntei ao comezo, que todo aquel/a que se enfronta cun papel en branco coas armas das súa vontade, enxeño e ilusión xa merece todo o respecto e admiración, falarei con brevidade dalgúns aspectos do libro que me interesaron fondamente como lector, como mestre de filosofía, como ser humano.

            Ä Cando Marilar deixa que o seu corazón empape a novela, esta tamén empapa o noso corazón. Agardo que na seguinte estes oasis sexan inundación, porque ten corazón e calidade sobradas para isto.

            Así, o enterro do mareante, (paxs. 110-112), alcanza unha tenrura e unha forza engaiolantes. e acaba este capítulo V afirmando: "pode ser que os sencasa e os propios habitantes da superficie non fosen máis que sombras no fondo dunha cova”.

            E obviamente, por deformación profesional, o vello Platón chamou á porta. Pero un Platón reconvertido e superado. Xa non se formula un problema de elites privilexiadas na política e no coñecemento, senón unha "negra sombra” rosaliana, de muller social, que deixa nos nosos ollos o gran problema da escuridade na que hoxe esvaramos. Arriba-abaixo, luz-sombra, dentro-fóra, conceptos que se mesturan e dificultan cada vez máis o panfleto para levarnos á obriga moral de atopar solucións reais ao desatino desta sombra global.

            - Así, Marilar no último capítulo "O ollo do rabaño” expón entre liñas e tamén con rotundidade, as eternas cuestións dos mestres Kant e Marcuse, entre outros:

            Escrebe: "se non vise por un só ollo o rabaño non podería seguir o camiño marcado. Os individuos non acougarían na mallada, poderían dispersarse en todas direccións como ocorreu en babel, poderían incluso emprender camiños completamente novos”.

            -En efecto, sapere aude!, "¡ousa servirte do teu propio entendemento!”, que diría Manuel Kant, que logo recalcaría: "primeiro aparvan aos seus animais domésticos e impiden, sempre atentos, que se atrevan a dar un só paso fóra do carromato do gando onde os teñen encerrados, e despois amósanlles o perigo que os ameaza de tentar andar de seu, sós”. Así o di o gran ilustrado, así o escoitan por fortuna as nosas alumnas e alumnos, así Marilar nolo lembra no "Ollo do rabaño”. Necesaria lembranza. como ela di "camiño marcado”, como di Marcuse "home unidimensional”. Moi necesaria lembranza: todos imos en ringleiras, uniformados neste gran imperio do rabaño que fomenta o cretinismo, a desigualdade, o gasto inútil.

            Eu, como Marcuse, como Kant, como Marilar, como por sorte moitas e moitos, ás veces, agardo o estoupido co nome da esperanza.

            ÄAsí que, este libro será mellor ou peor a nivel literario, non serei eu quen aí entre, pero ten a boa vontade, a boa intención de quen fai pensar e de quen sabe que no pensamento íntimo e profundo está a esperanza. da muller, do home, da nosa complexa especie.

            E como son un romántico, á fin sempre me quedo co amor e coa verdade cruel e real do DESAMOR; por iso a tristura do personaxe de MELANIA que co fío vai cosendo a súa soidade, soidade producto de noxentos cartos e noxenta covardía, é un deses oasis do libro onde quedaría un tempiño para poder falar e chorar con ela.

 

===============================================