Artigo para "Enormic Banda"
[Enormic Banda é unha publicación de banda deseñada con traballos do alumnado dos institutos do Salnés e promovida e "currada" polos Equipos de Normalización Lingüística do Salnés. Solicitáronme que fixera a presentación do número de marzo do 97.]
PRESENTACIÓN DE OFRENDAS
Como xa sabedes, queridos/as
compañeiros/as, e sen embargo alumnos/as, existe xente no universo coñecido que
pensa que a CULTURA -con maiúsculas e letras de ouro- só existe onde eles
queren. A saber: nas súas grandes e clásicas obras de arte.
Pois ben, outros -nos que me
inclúo-, hai tempo chegamos á conclusión de que a cultura (con maiúsculas, minúsculas, ouro, chumbo ou folla de
lata) existe nesas clásicas obras, por suposto, faltaría máis, pero tamén
existe, ¡vaia se non!, onde existe movemento, inquietude, sentimento,
porcallada, dor, ledicia, dureza, merda, marabilla, sono e soño, rúas e
corredoiras, moito volume e saber estar calado; existe onde hai xente que colle
un lapis, unha guitarra, unha cámara, un cacho de barro, o seu xesto a súa voz,
e fai música, literatura, artesanía, pintura, fotografía, cine, teatro,
cómic... e sente e fai sentir... e vive e fai vivir. Será mellor, será peor.
Pero é noso, voso. É a nosa cultura, e aínda por riba (¡incrible!) na nosa lingua.
E ¡¡entendémonos!! ¿Ou non?
Sería mellor non facer caso aos
predicadores do establecido, do bo moi bo perfecto e do malo moi malo de
morrer. Vida enlatada, cultura enlatada. Cabezas cadradas.
Sería mellor facer cousas, berrar
se é necesario, ser críticos e honestos, utilizar o galego por convicción e non
por imposición, non deixar pasar o mundo diante dos nosos ollos, controlado
polos posuidores da cultura absoluta, da verdade absoluta.
Por iso, sacamos un fermoso
terrorífico "cañeiro" sensible transgresor divertido sentimental
cómic dos nosos miolos ou imos á praia rañar a barriga. As dúas opcións son
iguais de boas, sempre que persoas que pensen e vivan segundo os seus
principios sexan quen as fan, non "loros-robots-jasp" ou mentes autoprivilexiadas.
Sexa como sexa, aquí temos a
segunda entrega de palabras e debuxos mesturados, imaxe e palabra, cómic galego
para compartir. ¿Haberá máis? ¿Ti que pensas, querido Allen?: "Está claro que o futuro ofrece grandes
oportunidades. Pero pode ocultar tamén perigosas trampas. Así que todo o truco
está en esquivar as trampas, aproveitar as oportunidades e estar de volta en
casa ás seis da tarde".
Gracias, Woody. Saúde,
compañeiros/as.