Presentación "A Compañía clandestina de Contrapublicidade"

[Dende que coñecín a Marilar, -creo que a través da poesía, e dun recital que din gracias á marabillosa xente de "Letras de Cal" no Pub Tarasca-, sempre atopei nela agarimo, intelixencia  e un afecto pouco frecuente por todo o que fai e vive. Para min presentar esta obra era máis que un honor, xa que era dela. Aínda por riba, alí estaba xente como Mª Xosé Queizán, outra desas persoas que só coñezo polo seu enorme compromiso e calidade vital e literaria. Non sei se estiven á altura no enfoque e desenvolvemento da presentación. Se así foi, Marilar será comprensiva.]

                        UNHA VIDA , UN LIBRO

            Boas noites;

            Antes de nada, dicir que para min é un honor que Marilar contara comigo para estar hoxe aquí compartindo a presentación do seu último libro. Un honor por dúas razóns fundamentais:

            1ª) Pola súa traxectoria literaria, que admiro, en canto á honradez da súa obra e en canto que para min, calquera persoa que tente comunicar, compartir ideas, sentimentos, a través dun medio artístico é sempre admirable.

            2ª) Pola súa traxectoria como muller comprometida coa cultura galega, con facer cultura galega na súa obra e sobre todo na súa vida como ensinante, cousa que me une solidaria e afectivamente con ela ( + aínda se cabe, cando outra gran muller - a miña (posesivo)-, foi a súa alumna, cousa que Marilar soubo despois de terme convidado a esta presentación, e polo tanto teño información privilexiada dunha Marilar que en tempos máis difíciles (aínda?) para o galego, tiña o valor e a decisión persoal de expresarse na nosa lingua ante un asombro bastante xeral).

            - Unha vez sinalado isto, dicir que "A compañía clandestina da contrapublicidade" paréceme unha novela interesante. A pesar de que os meus gustos literarios lévanme a gozar máis da palabra crúa, da dureza e opacidade dolorosa, da desbordante paixón ou da ledicia irrefreable, moitas veces todo isto difícil de dixerir, debo recoñecer que esta obra de Marilar Aleixandre lese moi ben e lese con facilidade. Cousas que a estas alturas da vida, moitos lectores nos que xa me inclúo, agradecemos.

            Pero como non son crítico literario, nin falta que fai, e como creo, tal e como apuntei ao comezo, que todo aquel/a que se enfronta cun papel en branco coas armas das súa vontade, enxeño e ilusión xa merece todo o respecto e admiración, falarei con brevidade dalgúns aspectos do libro que me interesaron fondamente como lector, como mestre de filosofía, como ser humano.

            Ä Cando Marilar deixa que o seu corazón empape a novela, esta tamén empapa o noso corazón. Agardo que na seguinte estes oasis sexan inundación, porque ten corazón e calidade sobradas para isto.

            Así, o enterro do mareante, (paxs. 110-112), alcanza unha tenrura e unha forza engaiolantes. e acaba este capítulo V afirmando: "pode ser que os sencasa e os propios habitantes da superficie non fosen máis que sombras no fondo dunha cova".

            E obviamente, por deformación profesional, o vello Platón chamou á porta. Pero un Platón reconvertido e superado. Xa non se formula un problema de elites privilexiadas na política e no coñecemento, senón unha "negra sombra" rosaliana, de muller social, que deixa nos nosos ollos o gran problema da escuridade na que hoxe esvaramos. Arriba-abaixo, luz-sombra, dentro-fóra, conceptos que se mesturan e dificultan cada vez máis o panfleto para levarnos á obriga moral de atopar solucións reais ao desatino desta sombra global.

            - Así, Marilar no último capítulo "O ollo do rabaño" expón entre liñas e tamén con rotundidade, as eternas cuestións dos mestres Kant e Marcuse, entre outros:

            Escrebe: "se non vise por un só ollo o rabaño non podería seguir o camiño marcado. Os individuos non acougarían na mallada, poderían dispersarse en todas direccións como ocorreu en babel, poderían incluso emprender camiños completamente novos".

            -En efecto, sapere aude!, "¡ousa servirte do teu propio entendemento!", que diría Manuel Kant, que logo recalcaría: "primeiro aparvan aos seus animais domésticos e impiden, sempre atentos, que se atrevan a dar un só paso fóra do carromato do gando onde os teñen encerrados, e despois amósanlles o perigo que os ameaza de tentar andar de seu, sós". Así o di o gran ilustrado, así o escoitan por fortuna as nosas alumnas e alumnos, así Marilar nolo lembra no "Ollo do rabaño". Necesaria lembranza. como ela di "camiño marcado", como di Marcuse "home unidimensional". Moi necesaria lembranza: todos imos en ringleiras, uniformados neste gran imperio do rabaño que fomenta o cretinismo, a desigualdade, o gasto inútil.

            Eu, como Marcuse, como Kant, como Marilar, como por sorte moitas e moitos, ás veces, agardo o estoupido co nome da esperanza.

            ÄAsí que, este libro será mellor ou peor a nivel literario, non serei eu quen aí entre, pero ten a boa vontade, a boa intención de quen fai pensar e de quen sabe que no pensamento íntimo e profundo está a esperanza. da muller, do home, da nosa complexa especie.

            E como son un romántico, á fin sempre me quedo co amor e coa verdade cruel e real do DESAMOR; por iso a tristura do personaxe de MELANIA que co fío vai cosendo a súa soidade, soidade producto de noxentos cartos e noxenta covardía, é un deses oasis do libro onde quedaría un tempiño para poder falar e chorar con ela.

==============================================