Pregón da "Festa da carne"
[Foi
unha xornada completa. Tocamos os Korosi Dansas de fin de festa, aínda que
Non!, e o noso directo era máis "intenso" que "festeiro", e notouse, e, por
outra banda, soltei este pregón, que máis que pregón era un botar fóra demos
sobre o estado do noso goberno, do noso país. O tempo pasado fai que teña esa
impresión. O que o tempo non dá cambiado é o noso goberno, e, temo eu, o fondo
do noso país. Equivócome moitas veces, ¿unha máis?]
PREGÓN VI
FESTA DA CARNE (A ESTRADA)
Boas noites,
xentes da Estrada e da comarca. Xentes doutras vilas e cidades galegas. Xentes
do norte do Portugal ou de onde queira que veñades. Boas noites a todas e todos
os que estes dous días estades aquí, para gozar co bo xantar e coa boa cultura.
¡Tedes sorte! ¡Temos sorte! ¿Por que?
Porque o noso
país, a nosa Galicia é única. Pero non só polas paisaxes, que tamén.¡Mirade ao
redor, o da paisaxe está claro ollando todo isto!, senón, e sobre todo, polo
noso ser, pola nosa cultura popular e real. DO POBO.
E esta noite
estou aquí para elevar humildemente unha proclama que encha o aire. Que outros
durman o soño da opulencia e falsidade, nesas "cabalgatas circenses"
de cemento e fría tecnoloxía, "señoritos cortijeros" dunha MENTIREIRA
"GALICIA TERRA ÚNICA".
Porque eu
dígovos, galegas e galegos, amantes da nosa terra, do noso, dígovos que aquí si
que está a verdadeira esencia do que somos: ¡Galicia vaca única!, ¡Galicia tenreira única!
Feita diante
dos nosos ollos, sen trampas nin cartón, feita por mans que podemos apertar sen
que sexa porque veñen inaugurar o último encoro que para nada serve.
¡¡Vaca única,
tenreira galega única!!, ¡ti si que tes calidade! ¡Galiza calidade!. Pero
¡ollo!: non esa calidade de plástico e ferro. Non esa calidade barateira: catro
chintófanos para agardar polo autobús e moito cartel de deseño para que cheguen
sen perda ao manto do apóstolo os pobres pelegríns. ¡Non é esta a calidade da
que falo! E se por min fora, ata repartiría os petoucos que ten alí chimpados
no seu lombo o calado apóstolo, (que máis dun pobre famento o agradecería! Isto
que quede entre nós, ¿eh?, non vaia ser
que me chamen sacrílego e ateo... e me colguen no botafumeiro como
"tipical galego" para desfrute turístico.
A Galiza
calidade da que falo é a da calidade de mulleres e homes que viven, loitan,
traballan e logo comen e beben e cantan e bailan, sen precisar de grandes
investimentos.
Chega con:
¡¡pan, viño..., carne!! Tenreira con
coiro. ¡¡Coiro que non é o de moito pagar e pouco abrigar!! Coiro
real.
¡¡Que nós
queremos ver... ¡¡E saber!! ¡¡Que as galegas e galegos non somos parvos, non!!
Mais só os
iñorantes, imbéciles e escuros pensan que a Galicia Terra Única ¡¡é a súa!!,
¡¡a dos seus fastos con telegaitas incluídas!!.
¡Non, gran mamut sagrado adurmiñado, non!
Non nos
entendes, non. Non nos enganas non, xa non.
O que
queremos é : ¡Galicia vaca única, tenreira única!
Os tempos son
chegados.
¡¡Vacas
galegas do mundo, unídevos á festa!!
É tempo de comer e beber as orixes para
saír disparados cara a un futuro de fartura galega. ¡¡Pero coidado, galega con denominación de orixe!!
¡¡¡Caciques:
sodes mal viño picado!!!
¡¡¡Sodes
carne de terceira rexional, que eu non lle daría máis que de pinchos aos
engravatados comisarios europeos que nos queren deixar sen a metade do que
temos!!!
Ían coller
unha boa cagarría, un bo ardor de estómago se catan a vosa mercadoría.
Os vellos e as vellas, as mozas e os mozos,
sabemos da fermosura da vaca; dos seus ollos profundos e cheos de misterio.
Queremos a eses animais porque son parte da
nosa vida e son a vida de moitos.
¡¡Traballamos e comemos!!
¡¡¡Os caníbales son outros!!!
¡¡¡Son os que comen e comen, paparotas de
balde e bandullos cheos a estoupar... e logo traballan cando lles peta para quitarnos o traballo!!!
¡¡Eles son os caníbales, aves de rapina,
que sobrevoan as nosas sas festas, enrabexados porque non levan a mellor parte,
¡¡a mellor tallada!!, porque non reparten, porque non lles gosta que fagamos
cousas sen a súa bendición que todo o queima!! ¡Ata o espírito, se por eles
fora!
Pero ¡somos moitos e moitas!, e ¡¡aquí
estamos!!
Non nos metemos con ninguén mentres non nos
asoballen.
Así que, ¡en paz coa nosa conciencia, en
paz co noso bandullo, en paz co noso sangue galego e acolledor coas boas xentes
sexan de onde sexan!: berremos todas e
todos xuntos:
¡¡¡Viva Galicia!!!
¡¡¡Vivan as nosas vacas!!!
¡¡¡Viva Galiza Vaca Única!!!