Insubmisión,
si, gracias
[Un dos artigos que escribín para ser utilizado polo Grupo de Apoio a Elías e Ramiro, da forma e maneira que mellor lles parecera. Apareceu publicado na prensa e, cando menos, foi outro gran de area na xusta causa.]
INSUBMISIÓN,
SI, GRACIAS
Insubmisión si. Pero sobre todo,
insubmisión: ¡Gracias! Gracias a persoas como Elías Rozas e Ramiro Paz,
insubmisos nos cuarteis, que son quen de demostrarlle a un mundo cada vez
máis insolidario, egoísta e sen sentido que as ideas aínda existen; a ilusión
aínda existe, a esperanza, a utopía seguen vivas gracias a vós.
Moitas gracias. Como pai que son,
quero sinalar a profunda admiración que me producen estes dous rapaces. Os seus
pais poden erguer a cabeza moi alta, teñen dous fillos valentes, valentes de
verdade, non "soldaditos españoles" con valentía presuposta. Fillos que se enfrontan a peito descuberto
contra unha maquinaria tan infernal e demoledora como é o exército. Exército
español, alemán, ruso, americano, que máis ten: exército que enche de armas o
mundo para que se refreguen as mans certas industrias mentres nós nos refregamos
os ollos ateigados de pavor mirando as atrocidades nos telexornais:
nenos-soldados armados ata os dentes, morte inútil en Zaire, Ruanda, Bosnia,
México...
Xa sei que o ser humano non é un
ser inocente, xa sei que semella que Cristo, o mestre antiviolento, debía estar
equivocado posto que os autoproclamados cristiáns son os que tiran a primeira
pedra neste santo país, xa sei que temos o incrible costume de nos matar uns
aos outros pola parvada máis ínfima. Xa. Pero para iso está a conciencia de Elías,
de Ramiro, de todas as xentes que loitan polo que aparenta imposible, para
repetir unha e mil veces: non máis exércitos, non máis gastos militares, non
máis obediencia calada e submisa ante unhas leis inxustas.
Se a constitución é imperfecta
haberá que cambiala ou rachar con ela e buscar un instrumento novo. Se o mundo
é imperfecto haberá que traballar e loitar para cambialo, buscar un mundo novo. ¿Utopía? Si, ¿e que?
Prefiro ver mozos pelexando por causas nobres e xustas aínda que lles chamen de
todo e os metan no cárcere que mozos pelexando por entrar nunha discoteca con
primeira consumición gratis e co sacro permiso dos seus pais e resto de
estamentos sociais que ata lles colocarán unha medalla no peito por ter servido
á patria sendo cabezas cadradas o tempo prudencial establecido. ¡Ar!
Gracias, Ramiro, Elías, gracias
aos que facedes que non esqueza o moito que me queda por facer, gracias por
traerme aire puro e esperanza nun futuro mellor. Que o vexan algún día os ollos
de cativas e cativos cheos de ledicia e alimento, ausentes de bombas e miseria.
Gracias.
Xaneiro 1.997